A Xunta activará un novo visor dixital con máis de medio cento de rutas ciclistas

A Xunta de Galicia activará a mediados deste verán un novo visor dixital con máis de medio cento de rutas ciclistas por toda a Comunidade,
perfectamente cartografadas e en formato descargable para facilitar a súa consulta desde diferentes dispositivos electrónicos.
Así o anunciou esta mañá en Sober a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que coincidindo coa celebración do Día mundial da bicicleta participou na presentación da aplicación e realizou un percorrido en bici pola zona, acompañada polo
delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, polo alcalde, Luis Fernández, e polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador.

O paseo discorreu ao longo dun pequeno tramo polos miradoiros do Boqueiriño e da Cividade, na contorna da igrexa de Santa María de Bolmente, que forma parte, precisamente, dun dos itinerarios ciclistas que se incorporarán nunha primeira fase ao visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta.
En total, serán 52 os itinerarios —cunha extensión de 2.312 km— cos que o IET estreará a nova ferramenta este verán, aínda que a idea é que se vaian incorporando máis. Todas as rutas foron escollidas polo seu valor paisaxístico, pola seguridade e por ser aptas para circular en bicicleta nun grao alto; de feito, un dos criterios de selección foi que menos dun 25% do percorrido sexan estradas.

Estas fichas incluirán unha ampla información do itinerario como fotos, mapas, nivel de dificultade —familiar, media e experto—, perfís do terreo e, de maneira moi singular, a situación dos miradoiros e lugares cun alto valor paisaxístico.
Tamén incorporarán un código QR que redirixirá ao usuario a Wikiloc, unha aplicació gratuíta e moi estendida entre os ciclistas en todo o mundo, e a plataforma estará preparada para que se poida descargar e gardar o percorrido de cada ruta en diferentes dispositivos electrónicos, como GPS, reloxos intelixentes e móbiles.

Ata o momento o IET destinou xa 32.000 euros á recollida de datos, o seu tratamento e a posterior comprobación das rutas de maneira presencial, realizando en bicicleta os percorridos que hoxe se presentan e que formarán parte da base de datos do futuro visor.
Ademais, estímase que o mantemento das rutas para garantir que estean en condicións axeitadas para a circulación suporá un investimento de 150.000 euros ao ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com