Novas

Lugo recupera este ano a celebración das cacharelas por San Xoán

O Concello abriu hoxe o prazo de solicitude para a celebración das cacharelas de San Xoán, unha tradición que se recupera, logo de dous anos de pandemia.

As organizacións ou particulares interesados en organizalas poden acceder ás instancias na sede da Policía Local e solicitalas até o próximo xoves, 23 de xuño, segundo recolle o bando ditado pola Alcaldía esta mesma mañá.

Un documento no que se indican as normas ás que deben axustarse as fogueiras e no que se contempla a prohibición da queima de rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como de materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos. Tampouco estará permitido lanzar foguetes.

Tal e como sinala o texto, os lumes deberán afastarse de localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco poderán realizarse no Centro Histórico nin en emprazamentos que entrañen algún tipo de perigo para a poboación.

Ademais, as persoas responsables das mesmas deberán, á súa finalización, retirar do lugar da celebración todos os restos que queden unha vez rematado o evento coa advertencia de que, en caso de incumprimento dalgún destes termos, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagala de inmediato.

Un home perde a vida nun accidente en Rábade

O condutor dun turismo perde a vida nun accidente este mediodía cando circulaba pola N-VI, á altura de Rábade.

Segundo indicaron as testemuñas do suceso na súa chamada ao 112 Galicia, o vehículo quedou na cuneta, fóra da calzada e a vítima abandonou o coche polos seus propios medios, iso si, visiblemente ferido.

Pouco tempo despois, os axentes da Garda Civil de Tráfico confirmaron as graves lesións do condutor, das que, finalmente, non se puido recuperar.

Ademais dos axentes de seguridade, ao lugar do accidente acudiu un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a bordo dunha UVI móbil, mais nada puideron facer por salvarlle a vida.

Tamén foron informados os efectivo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento co fin de restablecer as condicións de seguridade na calzada.

Media ducia de socorristas velará pola seguridade dos bañistas nas áreas recreativas fluviais da cidade

Este verán as áreas recreativas fluviais da capital contarán con media ducia de socorristas, dous máis do habitual que cubrirán a nova Plataforma de Baño Pública.

Para que os dispositivos de seguridade estean xa dispoñibles no momento no que se abra ao público a Praia Fluvial, esta semana o Executivo local validaba en Xunta de Goberno as bases de selección do persoal, que prestará os seus servizos a xornada completa e por quendas, durante tres meses, co fin de garantir a cobertura durante toda a campaña estival.

A convocatoria amplía as achegas autonómicas concedidas ao abeiro das subvencións para o fomento e mellora da empregabilidade no ámbito da colaboración coas entidades municipais. De maneira que no canto dos 4 traballadores concedidos pola Xunta por un prazo de dous meses, a Administración local incrementará o equipo e estenderá a contratación a 6 socorristas que exercerán o seu labor o trimestre enteiro.

O proceso, que se cursará a través do SPEG (Servizo Público de Emprego de Galicia) co fin de axilizalo o máximo posible, constará de dúas fases nas que se inclúe a realización dunha proba práctica combinada cunha duración de tres minutos na que as persoas concorrentes deberán realizar nado libre con volteo e viraxe, mergullo, recollida dun manequín e o seu remolque e arrastre, así como a valoración dun baremo de méritos nos que primará a formación da que estean en posesión os e as candidatas. Dende Protección Civil convídase ás e aos demandantes de emprego a inscribirse nesta oferta.

Comezan as obras da glorieta entre a N-VI e a rúa Alfoso X O Sabio

Deron o comezo as obras da nova glorieta entre a N-VI e a rúa Alfonso X O Sabio e  que sustituirá a actual intersección en “T”, unha glorieta cunha configuración máis propia da contorna periurbana na que se sitúa.

O Delegado do Goberno en Galicia, José Quiñones, presidiu o acto de inicio das obras, que executa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Quiñones estivo acompañado da Alcaldesa de Lugo, do Presidente da Deputación e da subdelegada do Goberno en Lugo.

Con esta nova glorieta espérase unha mellora da seguridade viaria na zona, ao facilitar os movementos de entrada e saída da cidade, mellorando as conexións da nova ponte sobre o Miño en Lugo coa cidade de Lugo. Esta intersección comunica zonas moi transitadas da cidade pola presencia do Campus Universitario, instalacións deportivas e o Parque do Río Miño.
O proxecto contempla a execución da explanación para a nova glorieta, estendido do firme, drenaxe lonxitudinal, sinalización, balizamento e sistemas de contención. Ademais, prevese a reposición dos camiños afectados e a aplicación das preceptivas medidas de corrección ambiental.

Unha vez rematada, a nova glorieta terá a velocidade restrinxida a 50 quilómetros/hora (vía urbana) e estará conformada por dous carrís de 4 metros de ancho, con beiravía exterior de 1,5 metros. As conexións de acceso coa rúa Afonso X realizaranse con carrís de 3 metros de anchura onde se habilitan espazos para aparcamento e beirarrúas (para manter a situación actual).
Construirase ademais unha nova via peonil e de servizo no parque do Miño, para substituír á actual que se verá afectada polas obras.

O Concello ornamenta as prazas e rúas do centro e dos barrios de Lugo

A Concellería de Medio Ambiente ornamenta estes días as zonas verdes de toda a cidade con máis de 30.000 plantas en flor.

18 variedades, entre as que destacan begonias, petunias, dahlias ou celosías, que tinguirán de cor ademais dos xardíns da capital outros espazos públicos como prazas e mesmo rúas.

Os traballos, que teñen un tempo moi limitado para poder executarse debido aos condicionantes que impón a plantación, comezaron esta semana no Centro Histórico pero tamén nos barrios como pode ser o da Piringalla.

A renovación da decoración vexetal chegará por primeira vez ás prazas de Bretaña, Milagrosa, San Xoan, Agro do Rolo, Manuel María – Túnel do Oural Fonte dos Ranchos; aos xardíns de San Roque, ás avenidas de Madrid e de Adolfo Suárez, á Ponte de Paradai, á Rolda Xosé Castiñeira e ás medianas da rúa Illa de Man.

O TSXG autoriza prorrogar ata o 18 de xuño a esixencia do pasaporte COVID-19 en hospitais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 18 de xuño, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo considera necesario esixir calquera dos tres documentos porque asegura que se continúa nunha “situación de risco medio”, ao que se suma o feito, segundo os maxistrados, de que no territorio nacional se mantén a obrigatoriedade do uso de máscara en determinados ámbitos, como nos que se pide o pasaporte COVID-19, en concreto, naqueles nos que pode haber “unha maior concentración de persoas vulnerables, nas que o risco de enfermidade grave é maior e onde a probabilidade de transmisión é máis alta”.

O tribunal sinala que o pasaporte COVID-19 é necesario, “tanto para evitar a transmisión do virus como para contribuír a que a poboación máis resistente a vacinarse o faga”, á vez que salienta que a medida é “necesaria, idónea e proporcionada en relación cos sacrificios que se esixen para procurar a defensa da saúde”. Contra o auto cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

O PP lamenta o estado no que se atopa a paxareira do parque Rosalía de Castro

O PP lamenta o estado no que se atopa a paxareira do parque Rosalía de Castro e insta ao goberno local a arranxar as deficiencias que presenta.

“O ano pasado o goberno de Lara Méndez realizou un lavado de cara ao parque Rosalía de Castro” unha actuación que dende o Grupo Municipal Popular xa se advertiu que sería algo puntual e que non cubría todas as necesidades desta zona verde, xa que non se realizara ningún tipo de actuación na antiga paxareira do parque”.

Para os populares “un ano despois, o estado deste edificio é peor sen que ao goberno local lle importe o máis mínimo”. Unha situación de abandono ante a que os concelleiros populares sinalan que “é preciso realizar os arranxos necesarios e, para evitar este deterioro, buscar algún uso para este edificio xa que é unha boa instalación que ten unha boa localización”.
Os populares propuxeron o pasado un posible uso, ao que se negou o goberno local. Os concelleiros populares pediron que “o concello asinase un convenio coa asociación galega de animais exóticos, como se solicitaba dende esa asociación, para que na cidade houbera un lugar para cidade que sirva de lugar de recollida para reubicar os animais nun novo fogar ante o aumento do abandono deste tipo de animais”.

Letras nosas

Os de Lugo ollamos o Día Das Letras Galegas, anceiando ser o centro de atención pola cantidade e calidade das nosas xentes de letras, recoñecendo a xustiza que este ano se fai a González Gurriarán, namorado de Galicia na forzada distancia, extensiva aos galegos que fixeron patria en México, Cuba ou na Arxentina.

Pasado o día empezan as especulacións de q uen será o persoeiro de 2023, que en breve se designará. Desde Lugo temos fixo para 2032 a Darío Xohán Cabana; o 2026, Agustín Fernández Paz e 2028, Xabier Puente Docampo, todos da Terra Chá de Lugo. Eses anos cumpriranse dez da morte destes grandes escritores. Ata entón, os vilalbeses seguimos soñamos con Carmiña Prieto Rouco, os de Meira e Riotorto con Avelino Díaz, os de Castro de Rei, con Crecente, nas terras de Paradela, con Manuel Rodríguez, e os do val de Samos con Fiz Vergara Vilariño, que estivo a punto de selo varios anos. Pero non hai días para tantos porque hai que contar co resto de Galicia.

Se sae alguén lucense, entusiasmaranos o Día das Letras de 2023; se non, agardaremos polo ano seguinte. Porque Lugo, só Lugo, ten canteira abonda para facer un Día das Letras galegas ou lucenses.

A estes efectos era perfecto, tendo en conta que a Terra Chá é a máis grande canteira literaria das terras de Lugo, o Día das letras Chairegas, que varios anos honrou a escritores que merecían honra en vida, e tivérona.

Para que a alguén se dedique o Día das Letras, hai que morrer e agardar 10 anos. As “Letras Chairegas” dedicábase aos vivos. Deixou de celebrarse, e é magoa porque poderían convivir… Que hai moito que celebrar nas letras galegas, lucenses e chairegas.

Codex Cinema estrea mañá venres dous filmes que afondan en problemáticas sociais

Os cines Codex estrean mañá venres dúas peliculas que afondan nos problemas do presente.

A primeira estrea é Costa Brava, Líbano, debut na longametraxe de Mounia Akl que conta coa española Clara Roquet en calidade de coguionista. O filme ten no seu reparto á afamada actriz e directora libanesa Nadine Labaki e gozou dunha bo percorrido polo circuíto de festivais, gañou o Premio Especial do Xurado no Festival de Sevilla, o Premio NETPAC no Festival de Toronto e foi seleccionada para concursar no Festival de Venecia e no barcelonés D’A Film Festival.
En Costa Brava, Líbano as súas personaxes optan por irse a vivir ata a montaña para fuxir dunha realidade urbana adversa en varios eidos, o político, o social e o ecolóxico. No entanto a utopía resólvese como algo inviable cando instalan un vertedoiro ao lado da vivenda familiar.
Só restará confrontar a problemática da que se foxe. A directora fala do que é vivir no Líbano, un país sempre ao borde da apocalipse que obriga a vivir só no presente e no que non é posible durmir con tranquilidade. Akl reflexiona sobre as verdades e defectos que xorden nas
persoas nestes momentos de crise, que moitas veces optan por negar a realidade ou mesmo pola impulsividade. Estas circunstancias permitiron aos libaneses apostar pola imaxinación, o sentido do humor e vivir dunha maneira visceral. Mounia considera que hoxe en día
imposibilitouse esa vía de escape e, polo tanto, a distopía invadiu os corazóns da xente.

A segunda estrea é El corazón de Europa, segunda parte da Trilogía Europea iniciada en 2017 polo galego Juan Pinzás con El vientre de Europa. Cun estilo decididamente onírico e poético Pinzás presenta unha galería de personaxes simbólicas encabezada por Julián Pintos, alter ego do propio director, a misteriosa Máscara de Plata ademais de Esther e Diana, musas, respectivamente, da comedia e da traxedia. Atrapados nun enigmático túnel do tempo comezan unha viaxe na procura do corazón dunha Europa nese momento asolada pola
pandemia.
O vigués Juan Pinzás é un dos directores galegos que goza dunha traxectoria máis lonxeva.
Iniciouse no eido da curtametraxe a finais dos anos setenta xunto á súa parella Pilar Sueiro, actriz e produtora habitual do universo fílmico do director. Debuta na longametraxe en 1986 con La gran comedia. Dende entón realizou outras nove películas. Cómpre salientar a súa triloxía Dogma, certificada oficialmente por Lars von Trier, e constituída por Érase otra vez, Días de boda y El desenlace.

Pódese consultar toda a programación na páxina www.caldiae.gal

 

 

A Xunta adxudica 13 parcelas no polígono das Gándaras en réxime de compravenda

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou 13 parcelas no polígono industrial das Gándaras en réxime de compravenda, aplicando unha bonificación do 50% que supón unha minoración total 2,7 millóns de euros sobre o prezo do solo.

As parcelas suman case 44.000 m2 de superficie, na que se asentarán 11 empresas relacionadas coa construción, enxeñería, transporte de mercancías, motor, alimentación, unha inmobiliaria ou un laboratorio de biotecnoloxía, entre outras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou “o potencial que ten esta área industrial para ser un motor fundamental da economía local, dado que continúa medrando e atraendo novos investimentos á cidade”.

Neste sentido, lembrou que “a Consellería ofertou xa, a través de Xestur, as 25 parcelas que se configurarán na terceira fase de ampliación do polígono, actualmente en marcha e na que se invisten 1,5 millóns de euros, co fin de axilizar este proceso de expansión, para que as empresas poidan avanzar nos seus proxectos ao tempo que se van completando as obras de urbanización”.

No concurso de solo deste ano ofrecéronse parcelas das tres fases de urbanización do parque, e dispuxéronse catro modalidades de compra: adxudicación con prezo bonificado, en dereito de superficie, en alugueiro e en compravenda con pago aprazado, esta última por primeira vez. Ao respecto, Arias apuntou que “segue habendo dispoñibilidade de solo nas Gándaras nas mesmas condicións de acceso que as desta convocatoria”.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com