Codex Cinema estrea mañá venres dous filmes que afondan en problemáticas sociais

Os cines Codex estrean mañá venres dúas peliculas que afondan nos problemas do presente.

A primeira estrea é Costa Brava, Líbano, debut na longametraxe de Mounia Akl que conta coa española Clara Roquet en calidade de coguionista. O filme ten no seu reparto á afamada actriz e directora libanesa Nadine Labaki e gozou dunha bo percorrido polo circuíto de festivais, gañou o Premio Especial do Xurado no Festival de Sevilla, o Premio NETPAC no Festival de Toronto e foi seleccionada para concursar no Festival de Venecia e no barcelonés D’A Film Festival.
En Costa Brava, Líbano as súas personaxes optan por irse a vivir ata a montaña para fuxir dunha realidade urbana adversa en varios eidos, o político, o social e o ecolóxico. No entanto a utopía resólvese como algo inviable cando instalan un vertedoiro ao lado da vivenda familiar.
Só restará confrontar a problemática da que se foxe. A directora fala do que é vivir no Líbano, un país sempre ao borde da apocalipse que obriga a vivir só no presente e no que non é posible durmir con tranquilidade. Akl reflexiona sobre as verdades e defectos que xorden nas
persoas nestes momentos de crise, que moitas veces optan por negar a realidade ou mesmo pola impulsividade. Estas circunstancias permitiron aos libaneses apostar pola imaxinación, o sentido do humor e vivir dunha maneira visceral. Mounia considera que hoxe en día
imposibilitouse esa vía de escape e, polo tanto, a distopía invadiu os corazóns da xente.

A segunda estrea é El corazón de Europa, segunda parte da Trilogía Europea iniciada en 2017 polo galego Juan Pinzás con El vientre de Europa. Cun estilo decididamente onírico e poético Pinzás presenta unha galería de personaxes simbólicas encabezada por Julián Pintos, alter ego do propio director, a misteriosa Máscara de Plata ademais de Esther e Diana, musas, respectivamente, da comedia e da traxedia. Atrapados nun enigmático túnel do tempo comezan unha viaxe na procura do corazón dunha Europa nese momento asolada pola
pandemia.
O vigués Juan Pinzás é un dos directores galegos que goza dunha traxectoria máis lonxeva.
Iniciouse no eido da curtametraxe a finais dos anos setenta xunto á súa parella Pilar Sueiro, actriz e produtora habitual do universo fílmico do director. Debuta na longametraxe en 1986 con La gran comedia. Dende entón realizou outras nove películas. Cómpre salientar a súa triloxía Dogma, certificada oficialmente por Lars von Trier, e constituída por Érase otra vez, Días de boda y El desenlace.

Pódese consultar toda a programación na páxina www.caldiae.gal

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com