Novas

Formoso reivindica ao PSdeG como alternativa fronte a unha Xunta “ausente” nun “momento crítico”

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou onte aos socialistas galegos como alternativa de goberno a unha Xunta “ausente, máis preocupada pola sucesión de Feijóo que polos problemas reais do país” precisamente nun “momento crítico para Galicia”. Así o dixo na súa visita á Feira do Queixo San Simón da Costa, en Vilalba.

Formoso sinalou que os socialistas galegos queren “liderar a posibilidade de cambio de goberno” demostrando que hai “outra forma de gobernar”. Salientou que o PSdeG “non é o partido das pancartas, nin o partido do non, nin o da preocupación pola sucesión do seu líder”.

Aludiu aos socialistas galegos como un partido con equipo, proxecto e ampla experiencia de xestión que a cidadanía coñece e valora, unha alternativa que ofrece estabilidade, rigor e seriedade e sentido de país por parte dun partido activo, renovado e preparado para gobernar.

Presentou un “partido afianzado nas institución”, que demostra unha alternativa “de goberno”, como demostra a xestión nos concellos de Santiago, Ferrol, Vigo, Lugo ou A Coruña, así como en Vilalba, un “lugar simbólico” que apostou polo cambio logo de 30 anos de goberno do PP e que demostra o que o PSdeG “pode facer dende as institucións”.

Contrapuxo a ausencia do PP e do goberno galego coa iniciativa socialista para “lanzar un decálogo básico” de medidas para que “a cidadanía galega poida entender cales son as nosas prioridades”. Unha delas, resumiu, “é o apoio ao papel estratéxico do sector agroalimentario, que supón o 2 por cento do PIB de Galicia, e que produce máis da metade do leite de todo o Estado”.

Así o dixo dende Vilalba, conde acompañou á alcaldesa, a socialista Elba Veleiro, e cargos públicos e orgánicos do PSdeG de Lugo, na Feira do Queixo San Simón da Costa para “manifestar o apoio do PSdeG e a lectura que fai do sector leiteiro e de toda a cadea agroalimentaria do país como un sector estratéxico”.

default

Alumnos da Escola de Enxeñería aprenden sobre as posibilidades que ofrece a tecnoloxía na loita contra o lume

Varios técnicos do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais da Consellería do Medio Rural levaron a cabo unha demostración das capacidades da Unidade Técnica de Apoio (UTA) en montes do concello lugués de Begonte. Así, o persoal da Xunta instruíu a alumnos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo das posibilidades que ofrece a tecnoloxía na loita contra os lumes.

Os técnicos do Servizo antiincendios explicaron a utilización desta unidade, que funciona como unha oficina móbil nalgúns incendios, pola superficie que afectan, pola peculiaridade dos propios lumes ou porque existe risco para as persoas ou bens, entre outras cuestións. En concreto, sinalaron que esta unidade contribúe á dirección e coordinación dos traballos de extinción, ademais de apoiar e asesorar ao director técnico de extinción do lume na toma de decisións e operacións.

Así, a UTA está formada por dous vehículos e por persoal técnico que se desprega como apoio loxístico e técnico á extinción dos incendios, a cal inclúe un furgón adaptado equipado con tecnoloxías como antena parabólica, dron, ordenadores, impresoras de varios tamaños e formatos, emisoras de comunicación e equipo meteorolóxico Durante a demostración práctica desta oficina móbil, os técnicos tamén abordaron as funcionalidades dos programas informáticos de xestión de medios incorporados a esta unidade, así como o sistema de información xeográfica e simuladores de meteoroloxía e recepción de imaxes.

Aplicacións informáticas
No tocante á mellora tecnolóxica vinculada aos medios empregados polo Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, cabe destacar a implantación do acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real. Isto significa coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos, as descargas dos medios aéreos etc. Estas melloras tecnolóxicas permiten reforzar aos traballadores deste servizo autonómico e mellorar as condicións laborais, salvagardando a súa integridade ante a aparición dun lume.

Doutra banda, consolidouse a rede de vixilancia nos montes con cámaras de última xeración, dispoñendo de ata 142 cámaras en toda Galicia, localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de Alto Risco de Incendios, cubrindo desta forma preto do 70% do  territorio galego.

O PP esixe a retirada “inmediata” da bandeira nacionalista que ondea no Cuartel de San Fernando

O Grupo Municipal do PP solicita a retirada inmediata da bandeira política con simboloxía nacionalista que apareceu nas últimas horas no mastro que hai nunha xanela da porta principal do cuartel de San Fernando.

Os populares lamentan que “para algúns a liberdade de expresión sexa empolicarse a unha fachada dun edificio público para colgar unha bandeira con simboloxía dun partido político”.

Tamén recriminan que a alcaldesa, que era coñecedora deste suceso desde o mediodía, e que é a responsable de policía local desentendésese deste asunto para ano molestar ao seu socio nacionalista e “pasase de dar a orde de recoller a bandeira que leva ondeando todo o día neste edificio público”.

Os populares lembran que os edificios municipais non son para facer política que para iso cada partido político ten a súa sede e indican que “esta acción premeditada pode ser o resultado de actitudes dalgúns dirixentes do BNG aos que se viron nos últimos días pegando carteis en muros para acudir a manifestacións”.

Desde o Partido Popular temen que a medida que se vaian achegando as eleccións municipais o BNG se vaia radicalizando e que o PSOE sexa permisivo con este tipo de actos para manter unha mínima estabilidade no gobierno.

Os Bombeiros de Chantada sacan a tres persoas atrapadas nunha vivenda afectada por un incendio

Tres persoas tiveron que ser desaloxadas onte debido a un lume orixinado nunha traspaleta eléctrica situada no baixo dunha casa. Ocorreu preto da unha desta madrugada na Rúa Pedroso, no concello lucense de Chantada.

Os bombeiros comarcais da vila deberon sacar a tres persoas polas fiestras do piso superior mediante unha escada de rescate antes de ocuparse de cheo na extinción do incendio, que comezou nunha traspaleta colocada xusto diante da porta dunha habitación da planta baixa da casa. Precisamente, a posición deste aparato eléctrico impedía aos ocupantes do inmoble saír e poñerse a salvo en canto se decataron do que sucedía. Un incendio que danou o baixo da casa e encheu de fume toda a vivenda sen a posibilidade de que os desaloxados puidesen retornar.

Malia que algún dos afectados chegou a inhalar algo de fume, rexeitaron a asistencia médica e pasaron a noite na casa dun familiar.

En canto ao operativo, cómpre indicar que foron os propios ocupantes da casa quen chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. A partir de aí, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención dos medios necesarios, como os Bombeiros de Chantada e os axentes da Policía Local e da Garda Civil. Tamén se informou da situación ás autoridades locais.

O PSdeG remarca que o plan de choque en resposta á Guerra mobilizará 16.000 millóns de euros

Os deputados no Congreso, Ana Prieto e Javier Cerqueiro e o senador César Mogo valoraron onte o Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra de Ucraína, que mobilizará un volume de recursos públicos de 16.000 millóns de euros en toda España.

Sinalaron que o Goberno de Pedro Sánchez, ante esta grave situación “actúa con responsabilidade, empatía e determinación e ofrecendo unha resposta coordinada a nivel europeo baseada na unidade, a determinación e a solidariedade”. O Plan prevé mobilizar 16.000 millóns de euros de recursos públicos, 6.000 millóns deles en axudas directas e reducións fiscais, e 10.000 a través dunha nova liña de garantías xestionada a través do ICO. Son medidas coas que se protexerá aos sectores e cidadáns máis afectados.

Son cinco os eixos nos que traballou o Executivo de Pedro Sánchez, tras dialogar con outras formacións, comunidades autónomas e axentes sociais. O primeiro inclúe medidas de axuda ás familias, traballadores, desprazados e axuda humanitaria. Un segundo paquete de medidas dirixirase ao tecido económico e empresarial. A iso hai que engadir as medidas de transporte acordadas co sector. Finalmente, un cuarto eixe terá como obxectivo incrementar a ciberseguridade no país, mentres que o quinto despregará medidas para rebaixar o prezo final da electricidade para fogares e empresas.

Un goberno progresista que mira de fronte

O Deputado no Congreso, Javier Cerqueiro, explicou que mentres o Goberno de Pedro Sánchez aproba o segundo escudo social na difícil conxuntura económica que nos esta tocando vivir, “a única receita do PP e Vox é a baixada de impostos e un modelo liberalizador e privatizador de servizos que xa esta aplicando nas comunidades onde goberna, tamén en Galicia”, criticou.

Cerqueiro explica que este Plan “si que recolle rebaixas impositivas aos impostos da enerxía creados polos gobernos do PP de Mariano Rajoy. Como por exemplo o 7% do imposto do valor da enerxía eléctrica que se converte nun cero, o imposto especial do 5.11% sitúase agora nun mínimo dun 0.5%, tamén desaparece o imposto do sol, así como o IVE da luz que dun 21% pasa a un 10%”. Ademais aludiu ao acordo entre España e Portugal para acadar un precio de referencia sobre o gas “e que vai a contribuír de xeito decidido a frear a inflación”. “O Goberno de Sánchez traballa con seriedade e rigor a pesar de que a oposición diga o contrario”, replicou.

O senador Cesar Mogo, pola súa banda, remarcou que “nun momento de cambios e incertidumes como o que nos esta tocando vivir un  Goberno ten que ter dúas condicións: a primeira a de traballar pola recuperación pensando en tódolos cidadáns, e a segunda, facer fronte a crise e non mirar cara outro lado”.

Explicou que trala invasión Ucraína por parte de Rusia “tivo consecuencias económicas como a subida das enerxías e combustibles”, así como “unha inflación moi importante”. Por todo iso e diante deste panorama “o goberno de Pedro Sánchez actúa, e un mes máis tarde xa ten en marcha un plan de recuperación para as familias, para os traballadores, para as empresas e tamén facer fronte as ataques en ciberseguridade que poñen en risco as nosas redes. En definitiva, un goberno progresista que mira de fronte e tenta solventar os problemas dos cidadáns”.

Trala aprobación deste Real Decreto no pasado Consello de Ministro, os condutores e condutoras galegos beneficiarse da bonificación dun mínimo de 20 céntimos de litro de combustible ata o 30 de xuño. Ademais, a produción primaria beneficiarase tamén do desconto por litro de carburante. Os  pescadores e agricultores galegos aforrarán 18 millóns de euros de forma estimada mentres estea vixente esta medida.

Outro sector tamén afectado como é do sector do transporte, recibirá unha inxección de 1.000 millóns de euros acordada coas principais asociacións do sector. 450 millóns de euros a outorgar axudas directas a empresas do transporte, tanto de mercadorías como de pasaxeiros.
Amplíase o número de beneficiarios do Bono Social Eléctrico, e seguindo no eido social revalorizase un 15% a contía do Ingreso Mínimo Vital. No ámbito laboral o Goberno impulsa accións para protexer o emprego, evitando o despedimento e favorecendo medidas de flexibilización como os ERTE.

As obras na estrada que une Pedrafita con Seoane obrigan a cortar o tráfico dende mañá

As obras de mellora e ensanche que está acometendo a Deputación de Lugo no tramo que vai do punto quilométrico 10,7 ao 12,5 da estrada  LU-P-1301, de Pedrafita do Cebreiro a Seoane do Courel, obrigan ao corte da estrada entre o vindeiro luns e o mércores. En concreto, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, é necesario cortar a circulación para acometer os traballos de estendido do aglomerado. A vía abrirase antes do mércores no caso de que conclúan as tarefas.

Neste tramo xa se acometeron os traballos de adaptación da rasante de varias curvas e a instalación dun tubo para executar a drenaxe transversal. O proxecto para a mellora deste treito contempla a ampliación da estrada, tarefas de drenaxe, afirmado, pavimentación, sinalización horizontal e vertical, e colocación de balizas de neve, paneis direccionais, fitos quilométricos, carteis e novos tramos de barreira metálica de seguridade.

A Deputación inviste 245.000€ na mellora deste tramo da estrada provincial de Pedrafita a Seoane que vai do quilómetro 10,7 ao 12,5; ten adxudicada outra fase, do quilómetro 8,6 ao 10,7, neste caso por un importe de case 300.000€; e está redactando o proxecto para a terceira fase. Desta forma, ao finalizar este mandato, esta vía quedará completamente renovada.


Imaxe de arquivo: Obras estradas provinciais

Chega ‘(A)mar’ a Chantada grazas ao artista silledense Adrián Penido

Onte tivo lugar no Espazo Xove de Chantada a inauguración da exposición (A)mar, conxunto de obras realizadas polo artista silledense Adrián Penido, onde recolle a beleza e os horrores da mar a través da pintura e da escultura.

O artista emprega o tema mariño como fío conductor para falar sobre subtemas coma a contaminación, a migración e o narcotráfico. Faino explorando a fusión entre a abstracción e a figuración, contraste que se pode observar en cada unha das obras expostas. “Trátase dunha búsqueda estética onde o abstracto contrasta coa figuración”, afirma Penido.

En “Open Arms” pódese observar esta búsqueda. Onde percibimos como a aleatoriedade da mar se enfrenta a figura do barco. Outra  constante na proposta artística é “abrazar o erro” como parte da obra.

Tamén está presente o xogo de texturas. Podemos atopar obras con carga matérica como é o caso da “Erminta da Virxe do Porto”, onde Penido emprega a grava para aportar peso e volume a composición. Así é como o artista nos envolve nunha paisaxe galega convulsa pero fermosa, onde unha águia otea os ceos lembrándonos da ameaza continua, aínda que silenciosa, do narcotráfico nas nosas costas.

A obra “ESP 5176” marca o inicio dunha etapa de experimentación no uso das telas e a súa xustaposición. “A idea era aproveitar telas  pequenas que sobraban doutros cadros e con elas xogar, crear texturas e diferentes efectos”, explica Adrián.

Esta reciclaxe das telas pódese ver noutras obras da exposición, como é o caso de “Contrabando”, onde o artista crea espazos na composición.  Unha pequena xanela que nos permite observar restos de caixas de tabaco da marca Winston, facendo así un guiño aos inicios do contrabando do tabaco en Galicia.  A inauguración contou ca presenza de outros artistas da contorna como Miguel Tierra, os cales amosaron gran intesese pola proposta artística presentada por Adrián Penido.

Ó longo do mes de abril poderase seguir disfrutando da exposición no Espazo Xove de Chantada. Adrián Penido manifestou o seu  agradecemento ó espazo, a Marina e a Libia, que axudaron na organización deste evento.

A Nova Poesía Guitirica e Os Vilares Lareira de Soños convocan o VI Concurso de micropoesías ‘Vilariñas’

A Nova Poesía Guitirica NPG e Os Vilares Lareira de soños convocan o VI Concurso de micropoesías Vilariñas no que poden participar todos os escritores que así o desexen. A participación neste concurso é completamente de balde.

Os micropoemas presentados ao concurso serán inéditos, orixinais e non premiados nin publicados. Os autores son responsables tanto deste punto como da autenticidade dos seus propios datos. O tema será libre. Cada participante poderá enviar un micropoema que debe estar escrito en galego ou portugués en calquera das normativas, e presentarase ao concurso a través do correo electrónico dosvilares@gmail.com ou  npggazeta@gmail.com en formato word co nome do autor, ou pseudónimo e un teléfono ou correo electrónico de contacto.

Os micropoemas terán una extensión mínima de 2 versos e máxima de 3 versos sen incluir o título e cada micropoema debe levar unha imaxe (foto, debuxo, etc.) de autoría propia, autorizada ou libre de dereitos. Cada poeta poderá presentar un máximo de un micropoema a concurso.

A organización non correxirá erros nin admitirá substituicións dos poemas enviados. Admitiranse obras desde o dia 1 até o día 30 de abril de 2018, ás 23:59 horas.

A organización do concurso reservase o dereito a eliminar aqueles micropoemas que podan ir en contra da protección da infancia, do respeto, ou induzan ou promovan actos delictivos, denigratorios ou violentos en cualquera das súas formas.

O xurado terá en conta a orixinalidade, técnicas empregadas, calidade e contenido do poema. O xurado estará  composto por 3 poetas da NPG Nova Poesía Guitirica e un coordinador/a Sen voto. O fallo do xurado será inapelable e farase público a través dos distintos soportes dixitais de Os Vilares, lareira de soños, CulturaliaGZ e da NPG Nova Poesía Guitirica nas duas semanas posteriores ao peche do concurso.

Entre os micropoemas participantes, seleccionaránse os mellores que poderán integrar unha antoloxía, e entre eles escollerase aos gañadores co premio que consistirá no trofeo Vilariña deseño exclusivo da artista Viki Rivadulla.

Farase un acto poético público cos premiados no II Festival de Poesía Guitirica.Polo feito de participar, os premiados autorizan a NPG Nova Poesía Guitirica e á Lareira de soños a editalos nos soportes fisicos que considere oportunos.

Medio Rural inicia unha campaña para loitar contra a velutina en Lugo

O Goberno local, a través da Área de Medio Rural, lanzará unha campaña para loitar contra a proliferación da avespa velutina no municipio a través dunha campaña de trampeo profesional de raíñas durante esta primavera.

O rexedora lucense destacou que “aínda non sendo competencia municipal, calquera cuestión que xere malestar ou incerteza na poboación lucense nos incumbe”. Neste senso, incidiu que é “unha medida pensada para favorecer a erradicación da praga desta especie invasora, que está a prexudicar gravemente á autóctona e xera situacións de alarma entre a poboación pola súa proliferación”.

Pola súa banda, o edil titular da área avanzou que “colocaremos 1.000 trampas en todo o municipio e preto dos núcleos das 54 parroquias que configuran a zona rural de Lugo e nos lugares que sexan mais propensos á realización de niños”. Os traballos, que xa comezaron, seguirán durante esta primavera, e para os mesmos “contamos coa colaboración do Servizo Municipal de Protección Civil”.

Os expertos inciden na importancia de controlar o número de raíñas, pois se estima que aparecen uns 6.000 exemplares por niño, cifra que crece de forma exponencial a medida que avanza a época de construción do niño primaria, que adoita coincidir cos meses de febreiro e maio.

Dende a Área de Medio Rural, lembran que non debe render o pánico cando se detecta a aparición dun niño, pois está comprobado que, de non padecer unha alerxia especial, as avespas velutinas non teñen por que ser máis perigosas que unha avespa normal, pero si máis agresivas, polo que sempre se recomenda gardar as distancias e chamar ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 da Xunta de Galicia.

As trampas serán reutilizables e de cor amarelo, con tapa de dous orificios de entrada cubertas cun túnel de concentración de cheiros que evita o escape dos insectos atrapados. Dispón dun sistema para o baleirado e outro do anclaxe para colocalas en altura (ganchos, asas…). O líquido atraínte para a avespa velutina contén estratos de plantas e sen insecticida formulado para non atraer ás abellas.

As avespas capturadas morren nas trampas e serán recollidas e almacenadas en recipientes herméticos e transportados polo Servizo Municipal de Protección Civil para súa xestión con medios dispoñibles do Concello de Lugo. O líquido atraínte renovarase cada quince días

A concurso a adxudicación dos espazos de comidas e bebidas do FIV

O Concello de Vilalba publicou onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladoras do concurso aberto para a explotación das barras de venda de bebidas e os espazos de comida do Festival Independente de Vilalba (FIV), que se celebra os días 22 e 23 de abril.

En concreto, o procedemento é para a adxudicación da concesión en réxime de concorrencia das autorizacións para uso e explotación de dúas barras de bebidas, unha no Campo da Feira e outra na praza da Constitución, e nove espazos de venda de comida, un na praza da Constitución e oito no Campo da Feira.

O prazo de presentación das propostas remata o próximo venres, 8 de abril. As proposicións hai que presentalas no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba, por sede electrónica ou por correo postal.

É a segunda vez que o Concello de Vilalba saca a concurso as barras do FIV, despois da experiencia do ano pasado, co obxectivo de establecer un proceso aberto e transparente para todos os interesados. As persoas interesadas poden obter máis información no taboleiro de anuncios do Concello de Vilalba, no BOP de Lugo de hoxe e na sede  electrónica do Concello de Vilalba (https://vilalba.sedelectronica.es).


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com