Os Bombeiros de Chantada sacan a tres persoas atrapadas nunha vivenda afectada por un incendio

Tres persoas tiveron que ser desaloxadas onte debido a un lume orixinado nunha traspaleta eléctrica situada no baixo dunha casa. Ocorreu preto da unha desta madrugada na Rúa Pedroso, no concello lucense de Chantada.

Os bombeiros comarcais da vila deberon sacar a tres persoas polas fiestras do piso superior mediante unha escada de rescate antes de ocuparse de cheo na extinción do incendio, que comezou nunha traspaleta colocada xusto diante da porta dunha habitación da planta baixa da casa. Precisamente, a posición deste aparato eléctrico impedía aos ocupantes do inmoble saír e poñerse a salvo en canto se decataron do que sucedía. Un incendio que danou o baixo da casa e encheu de fume toda a vivenda sen a posibilidade de que os desaloxados puidesen retornar.

Malia que algún dos afectados chegou a inhalar algo de fume, rexeitaron a asistencia médica e pasaron a noite na casa dun familiar.

En canto ao operativo, cómpre indicar que foron os propios ocupantes da casa quen chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. A partir de aí, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención dos medios necesarios, como os Bombeiros de Chantada e os axentes da Policía Local e da Garda Civil. Tamén se informou da situación ás autoridades locais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com