Novas

A asociación de veciños da Milagrosa solicitan a renovación do alumeado nas rúas San Vicente e San Lourenzo

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo veñen de facer eco das queixas veciñais con motivo da “deficiente iluminación” das rúas San Vicente e San Lourenzo.

A este respecto, a asociación insta á Concellería de Infraestruturas a que proceda “coa maior brevidade posible” á renovación do alumeado público nestas dúas rúas e que o faga con luminarias “que proceden no ano 2022, de alta potencia pero baixo consumo, respectuosas co Medio Ambiente, pouco contaminantes e modernas”.

“En definitiva: nin máis nin menos que o que merecen os veciños e veciñas deste barrio que, a tenor da deixadez dos titulares desta concellería, síntense abandonados por ela”.

“Dada a alta importancia da nosa petición que repercute no desenvolvemento da vida diaria de multitude de persoas”, e na “perigosidade” que supón, segundo o colectivo, unha iluminación tan deficiente como a que actualmente presentan ambas rúas. “Agardamos, por parte dos titulares da Concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo, a mesma resposta, agora no Goberno, que dende o BNG teñen na oposición”.

Iniciadas as obras de mellora da vía provincial entre Sarria e O Páramo

A Deputación de Lugo comezou esta semana as obras de renovación do firme da estrada LU-P-5705, que conecta os municipios de Sarria e O Páramo. Uns traballos aos que a institución provincial destina 75.700€.

As traballos consisten na limpeza de cunetas, pavimentación e sinalización vertical e desenvólvense nun treito de preto de 5 quilómetros, dende o punto quilométrico 7,7 e o 12,6. O prazo de execución é de 9 meses, pero estímase que se as condicións meteorolóxicas son favorables as obras poderán estar rematadas con anterioridade.

Esta vía une Mazadoiro e San Martiño da Torre por Escarlán, entre Sarria e O Páramo. Conecta uns 15 núcleos da comarca de Sarria nos que viven uns 300 veciños e veciñas, dando acceso directo a diferentes explotacións agrícolas e gandeiras, polo que as obras supoñerán un beneficio importante para a veciñanza e para os negocios da zona.

O Presidente da Deputación de Lugo salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a  achegar os servizos”.

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial.

O PP “preocupado” polo inicio das obras no Parque Central de Galicia antes de ter licenza municipal

O PP considera que a creación do Parque Central de Galicia, na aldea de Nugallás (San Fiz de Amarante) de Antas de Ulla, será importante para este municipio e para o resto da provincia. Por elo, e dado que afecta a unha notable paraxe de A Ulloa, os populares queren que todo se leve a cabo cun “meticuloso respecto ás regras”. O PP, antes do pleno celebrado pola corporación provincial o pasado martes, só puido ver unha parte da documentación sobre este asunto.

No pleno formulou unha pregunta e o portavoz popular, Javier Castiñeira, amosouse moi “preocupado” polas respostas do presidente do Executivo Provincial. E é que diante da pregunta dos populares sobre si o centro do Parque Central de Galicia ten toda a documentación completa, porque o propio presidente aseverou que non ten licencia e que están esperando a licencia do Concello.

No PP non entenden que se iniciara a obra sen licencia.“A nosa pregunta era máis completa: existe algún documento que poña en dúbida a viabilidade do proxecto, que xa foi licitado e adxudicado a Ovisa- Probisa? O PP está a favor deste proxecto, quere saber se todo se está a facer en regra, e por iso pediu toda a documentación e non se lle deu toda. As desculpas do presidente non nos valen”, explica o voceiro.

Os populares aprecian na resposta do presidente “unha absoluta falta de respecto institucional ao Concello de Antas, ao que intentou culpabilizar das propias incompetencias do equipo de goberno provincial”.

“No pleno, á repregunta de si existe algún documento que poña en dúbida a viabilidade do proxecto actual, o presidente acabou dicindo que non. Queremos comprobalo vendo a documentación, e por iso pedimos que canto antes se nos entregue completa e poder examinalo e velar pola boa execución deste parque, que é importante para Antas e para o conxunto da provincia”. Os populares esperan que a súa solicitude sexa atendida canto antes.

Aberto o prazo de presentación das candidaturas aos terceiros premios á hostalerío e ao turismo

A Deputación de Lugo abrirá mañá o prazo de presentación de candidaturas para a terceira edición dos premios provinciais á hostalería e ao turismo. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle este xoves, 31 de marzo, as bases da convocatoria destes galardóns da Deputación, que poñen en valor e dan visibilidade ao traballo e á calidade do sector turístico e gastronómico da provincia. As candidaturas poden presentarse dende mañá ata o vindeiro día 14 de xuño, incluído.

Ademais dos premios Lugo Cambia ao turismo lucense e …E para comer, Lugo á gastronomía lucense, esta edición incorpora como novidade unha categoría enfocada ao Turismo Sostible, aprobada polo Consello Provincial de Turismo, que se enmarca nas accións que a institución provincial levará a cabo como antesala do evento Copa España Creativa – Fórum Lugo 2022, do que será anfitrioa despois de gañar este certame o pasado ano por un proxecto de recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica. As candidaturas poderán ser presentadas a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo subliñou que estes premios, impulsados pola institución provincial, “son unha medida para apoiar aos sectores turístico e hostaleiro da nosa provincia”.

O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.

Os galardóns serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo. Como nas dúas edicións anteriores, os premios, con carácter honorífico, consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia.


Imaxe de arquivo: Premiado no Lugo Cambia 2021

Vilalba anuncia traballos para a instalación da fibra óptica en nove parroquias do municipio

O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas das tarefas para o despregue da fibra óptica nas parroquias de Alba, Goiriz, Carballido, Insua, Torre, Soexo, Boizán, Oleiros e Belesar.

Esta actuación enmárcase dentro do programa de desenvolvemento de internet no ámbito rural do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, ao que está adherido o Concello de Vilalba. A empresa Adamo acometerá nas próximas semanas os traballos de tendido do cable de fibra nas citadas parroquias.

“A instalación de fibra óptica continúa a estenderse por Vilalba, un servizo moi necesario para as familias e as empresas, sobre todo as que teñen a súa actividade no rural”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas.

En concreto, a instalación será nos siguientes núcleos e barrios:

Goiriz: Casilla, Bidueiros, Touzas, Liñares e Torre.
Alba: Vidal, Paiola, Outeiro, Louseira, Lela, Costa, Coea, Casas Novas, Carretera, Carral Maior, Amarigo e Abadín.
Carballido: Cruz.
Insua: Vilargabin, Santalla, Saa, Regueira, Rego, Rebordaos, Ponte de Sa, Pino, Pasaido, Merlan, Marcelle, Lama, Cotorina, Casasnovas e Abeledo.
Torre: O Sixto, Pontepedrouzo, Penedo, Penadrade, Pedrouzos e Merlán.
Soexo: Igrexae.
Boizán: Portovixil e Castro.
Oleiros: Liñares, Gardamil e Carracedo.
Belesar: Len.

O concello e a empresa seguirán traballando para ofertar os seus servizos en máis parroquias con próximas fases de actuación. Ademais, Adamo terá este fin de semana un posto na Feira do Queixo de San Simón da Costa. Desde o comezo do actual mandato municipal, a mellora da cobertura nas parroquias e as comunicacións no conxunto do municipio “foron unha prioridade para o noso grupo de goberno”, añade Fernández.

Un conductor da positivo en alcohol tras chocar con outro vehículo e unha terraza

O equipo de Atestados da Policía Local de Lugo acudiu á primeira hora da tarde de onte á rúa Reiseñor onde se producira un accidente de circulación.

Os axentes comproban que un turismo ao realizar a manobra para estacionar alcanza a outro vehículo que se atopa estacionado ao que despraza cara adiante e causa danos na parte posterior. A continuación realiza unha manobra de marcha atrás chocando contra a estrutura da terraza dun local de hostalería, causando danos na mesma, para continuar a traxectoria atravesando a rúa ata impactar contra uns contedores de residuos situados na marxe oposta.

O condutor do vehículo presenta signos de inxerir bebidas alcohólicas sendo sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado positivo de 0,39 mg/l, polo que se instrúe atestado polos danos e ábrese expediente sancionador contra o condutor con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Filtros de seguridade viaria

Durante a madrugada de hoxe efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron dous dispositivos estáticos de control en Camiño Real e República Arxentina, realizando probas de alcoholemia a 51 condutores, detectando un deles que conducía en estado de embriaguez, lanzando un resultado positivo de 0,56 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución e procedendo á inmobilización do vehículo.

Así mesmo abríronse expedientes a varios condutores por ITV caducadas, o que supón sanción de 200 euros, outro por acharse de baixa temporal e por carecer de Seguro Obrigatorio de Automóbiles.

Cervo renova parte do sistema de sinalización da urbanización de Riocobo para mellorar o acceso

O concello de Cervo ven de renovar parte do sistema de sinalización da urbanización de Riocobo co obxectivo de mellorar o acceso e facilitar a localización para os vehículos de emerxencias.

Este novo sistema, que permitirá diferenciar os catro bloques de vivendas da urbanización, está baseado nun código de cores: Rúa Catro en amarelo, Vía Láctea en vermello, Rúa Dous en verde e a Rúa de Acceso en azul.

Deste xeito, ambulancias, bombeiros e demais vehículos de emerxencia terán máis sinxelo atopar as localizacións existentes en calquera destes catro bloques de vivendas e poderán prestar asistencia a unha maior celeridade.

En declaracións do alcalde, Alfonso Villares,: “esta nova sinalización nace froito da comunicación cos veciños da urbanización de Riocobo, que nos viñan informando da problemática que os diferentes vehículos de emerxencias estaban a ter á hora de atopar as localizacións nesta urbanización”.

Engade o rexedor que “con este novo sistema de sinalización, vaise facilitar a circulación e a localización para toda a veciñanza e visitantes do noso municipio”.

O hip hop feminista chega á Pastoriza e Monforte da man de dúas rapeiras de El Salvador

As mozas e mozos que este ano participan no proxecto de educación para o cambio social Activistas polo Mundo Que Queremos recibirán a visita de dúas activistas salvadoreñas que loitan día a día contra a desigualdade de xénero a través da música hip hop. Son integrantes do colectivo Hip Hop Femenino El Salvador a primeira organización de mulleres rapeiras do Salvador.

Chegan a Galicia nun momento de grande inestabilidade política no seu país tras ser anunciado fai apenas dous días o estado de excepción debido a escalada de violencia que se está a producir.

O obxectivo destes encontros que tiveron lugar hoxe no IES Fonmiñá da Pastoriza de 10:35h – 14:15h e no IES A Pinguela de Monforte de Lemos o vindeiro mércores 6 de abril de 12:35h a 14:15h, é que os mozos e mozas coñezan a loita destas mulleres que pertencen a un colectivo co que traballa a cooperación internacional galega, e que reflexionen sobre a realidade dun pais como O Salvador en primeira persoa. As rapeiras tamén se reunirán mañá, 1 de abril, coa Concelleira de Benestar social do Concello de Lugo.

Hip hop Femenino El Salvador fundouse no 2015 e ao longo destes anos foi forxando fortes lazos co movemento feminista, traballando con diferentes organizacións en actividades dedicadas á muller e á defensa dos dereitos humanos, especialmente Dereitos Sexuais e Reprodutivos. As mozas rapeiras integrantes deste colectivo que visitarán a nos aterra son Yezli Mic e Queen Mc.

Yezli Mic é cantante, compositora, activista e feminista. Leva 8 anos pertencendo á Cultura HIP- HOP como MC ( Rapeira).

QueenMc é compositora, cantante e activista. As súas letras baséanse nas realidades sociais que enfrontan as mozas do seu país, a visibilizacion dos dereitos humanos e o empoderamento da muller.

Como integrantes de HIP HOP FEMININO EL SALVADOR adícanse a dar charlas, obradoiros e concertos para visibilizar os Dereitos Humanos, as loitas sociais, e os diferentes tipos de violencia cara á muller, mostrando o hip hop como unha ferramenta para o activismo e a promoción da cultura de paz.

As ONGD galegas traballan man a man con organizacións salvadoreñas para poder contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento para equilíbrar os niveis de desigualdade estrutural que se dan neste momento.

En obradoiros anteriores o alumnado aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto en Galicia coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionou sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo realizando os seus propios programas de radio de denuncia. Agora coñecerán a dúas activistas que dende a música intentan cambiar a súa realidade.

Esta é a novena edición dun proxecto que en anos anteriores xa chegou a máis de 3.500 mozos e mozas de toda Galicia e que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Reclaman controis do mercado enerxético por parte do Estado para dar unha solución á escalada de prezos

O BNG defendeu no Pleno provincial de onte a intervención no mercado eléctrico para dar unha solución estrutural á escalada de prezos que ven lastrando aos sectores produtivos e ás familias galegas. O voceiro nacionalista fixo fincapé nesta cuestión no debate dunha moción que reclama aos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza medidas urxentes para paliar as consecuencias da crise inflaccionista histórica que afecta á economía galega que, incidiu, se “agravou coa invasión de Ucraína pero que arrastramos desde antes”.

O deputado do BNG argumentou que a “illa enerxética” que recoñeceu a Unión Europea para a Península Ibérica dá a razón á demanda dunha tarifa eléctrica galega, que teña en conta que Galicia é un país produtor e exportador de electricidade.

Ademais da intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, a moción propón a baixada selectiva do IVE de produtos e subministros básicos ou a protección do sector primario evitando a venda a perdas e impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración.

A proposta tamén reclama a necesidade dunha revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.

O deputado nacionalista defendeu esta batería de medidas para que a crise xenerada pola escalada de prezos non a paguen as maiorías sociais. “Evidentemente traemos medidas para que o Estado exerza un control sobre o mercado”, reafirmou fronte ao PPdeG, que votou en contra criticando “o intervencionismo” das medidas, e do PSdeG que se cinguiu “ás medidas que se aprobaron no Consello de Ministros”.

Os guías de Lugo denuncian a oferta do Concello de visitas de balde en periodos clave para o sector

Calquera pensaría que a oferta, por parte do Concello, dunhas visitas guiadas polo Casco Histórico completamente gratuitas podería ser unha boa forma de achegar aos turistas á cidade. E iso non se vai discutir, pero si se debate o feito de que dean de balde unha oferta que xa existe de pago, quitando así o traballo aos guías da cidade.

O sector vén de denunciar ante Xornal de Lugo esta programación da concellería de Cultura e Turismo que lles está a quitar o traballo nas épocas de maior afluencia de turistas: Semana Santa e o verán.

Todos os anos dende hai máis de 10 a Asociación Profesional de Guías de Galicia ofrece en Lugo  (ao igual que noutras localidades), visitas guiadas ao casco histórico nas principais épocas do ano. Así os guías da asociación saen da Praza do Campo ás 12 horas do mediodía e fan un percorrido polos atractivos do centro da cidade. Malia que durante todo o ano ofertan visitas, o certo é que é en Semana Santa e no verán cando se dedican aos turistas que chegan sós, en parellas, familias ou grupos de amigos.

O problema, segundo a asociación, chegou nesta lexislatura, cando a Concellería de Cultura comezou a ofrecer o mesmo servizo de maneira gratuita, saíndo da mesma Praza do Campo tan só con media hora de diferenza. Dende o sector critican que, especialmente trala pandemia, é moi grave que a Administración actúe deste xeito nos únicos días fortes do ano.

Aseguran que a idea de que a administración organice actividades complementarias non lles parece mal, pois tamén programan visitas gratuitas de arte urbano, por exemplo. O que si lles parece mal é que realicen exactamente a mesma actividade sen ter en conta o traballo dos guias da cidade.

Outro punto en contra, é que ambas actividades se ofrecen directamente na Oficina de Turismo, explicando aos turistas que poden acudir a unha visita guiada ás 12h por 15 euros ou a outra igual ás 12.30h de balde.

Critican que dende o concello aseguren que é unha actividade non só para turistas, senón tamén para a veciñanza cando, precisamente nas épocas do ano nas que se pon en marcha os lucenses non tenden a estar na cidade.

Dende a Asociación Profesional de Guías de Galicia piden ao Concello que cesen estas actividades ou ben que as programen diferente, tendo en conta aos guias de Lugo e ao seu traballo.

Visitas da Asociación

Esta Semana Santa, a asociación programa saídas os días 9, 14, 15 e 16 de abril ás 12 horas dende a Praza do Campo fronte ao Centro de Interpretación da Muralla e a Oficina de Turismo. Prezo: Adultos 15 euros, nenos ata os 12 anos 2,50 euros. Ademáis desconto do 10% para quen teña Carné Xove.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com