Reclaman controis do mercado enerxético por parte do Estado para dar unha solución á escalada de prezos

O BNG defendeu no Pleno provincial de onte a intervención no mercado eléctrico para dar unha solución estrutural á escalada de prezos que ven lastrando aos sectores produtivos e ás familias galegas. O voceiro nacionalista fixo fincapé nesta cuestión no debate dunha moción que reclama aos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza medidas urxentes para paliar as consecuencias da crise inflaccionista histórica que afecta á economía galega que, incidiu, se “agravou coa invasión de Ucraína pero que arrastramos desde antes”.

O deputado do BNG argumentou que a “illa enerxética” que recoñeceu a Unión Europea para a Península Ibérica dá a razón á demanda dunha tarifa eléctrica galega, que teña en conta que Galicia é un país produtor e exportador de electricidade.

Ademais da intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, a moción propón a baixada selectiva do IVE de produtos e subministros básicos ou a protección do sector primario evitando a venda a perdas e impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración.

A proposta tamén reclama a necesidade dunha revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.

O deputado nacionalista defendeu esta batería de medidas para que a crise xenerada pola escalada de prezos non a paguen as maiorías sociais. “Evidentemente traemos medidas para que o Estado exerza un control sobre o mercado”, reafirmou fronte ao PPdeG, que votou en contra criticando “o intervencionismo” das medidas, e do PSdeG que se cinguiu “ás medidas que se aprobaron no Consello de Ministros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com