Novas

Os catamaráns volven este sábado á Ribeira Sacra

A Deputación de Lugo pon en marcha esta fin de semana, coincidindo co día de San Xosé, a nova tempada das rutas en catamaráns pola Ribeira Sacra. Este servizo mantén os habituais percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao. A día de hoxe, son xa máis de 200 persoas as que reservaron viaxe para esta primeira fin de semana de funcionamento das rutas.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo recordou que este ano a institución provincial estrea páxina web para a adquisición e reserva das viaxes. “Trátase dunha páxina máis accesible e visual, a través da que se poden coñecer todos os detalles precisos para programar unha experiencia en catamarán dunha maneira áxil para desfrutar ao máximo”, sinalou.

A Deputada animou á veciñanza a realizar unha destas viaxes que “dan a coñecer unha alternativa de ocio coa que poderán descubrir ou redescubrir unha paisaxe única, ademais de recursos patrimoniais vinculados ao románico”. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes da Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva na web reservas.rutasembalses.es. Para máis información está dispoñible o teléfono 982.26.01.96, de luns a domingo, en horario de 09:00 a 20:00 horas.

Queixeiros de Vilalba presentan o programa da Festa do Queixo de San Simón da Costa

O Concello de Vilalba presentou hoxe en rolda de prensa os detalles do programa da XXVI Festa do Queixo San Simón da Costa, que se celebrará os próximos días 2 e 3 de abril de 2022. “Retomamos a celebración desta festa, tras dúas edicións limitadas pola pandemia. Unha cita que nos permite enxalzar un dos nosos produtos máis emblemáticos, como é o queixo San Simón”, sinala a concelleira de Feiras e mercados, Antía Rama.

Na presentación participaron tamén Daniel Pérez, da asociación de queixeiros e presidente da D.O.P. San Simón da Costa; Gelucho Ramil, xerente do consello regulador da D.O.P. San Simón da Costa, e Martín Paz, director da sucursal de Caixa Rural de Vilalba.

A edil tamén recordou que, en relación con esta cita, está aberto o prazo de presentación ao Concurso de Receitas do Queixo San Simón da Costa. A concelleira presentou ademais a revista de receitas con Queixo San Simón, elaborada a partir das preparacións participantes no concurso do ano pasado.

O programa deste ano comezará o sábado 2 de abril ás 9:00, cunha proba de BTT. Ao mediodía, organizarase o showcooking de Xoanqui Ameixeiras na carpa da Praza da Constitución. O cociñeiro elaborará receitas co produto local e ofrecerá unha degustación aos participantes. Nesa mesma xornada, celebrarase na tarde o taller infantil de elaboración de queixos no mesmo lugar. Ambas actividades teñen aforo limitado en función da orde de chegada.

Na tarde do sábado a Banda de Gaitas Mato Vizoso estará a cargo do pasarrúas previo ao pregón. Este ano, o pregoeiro será Francisco Sineiro, profesor de economía agraria na Escola Superior de Enxeñería de Lugo, conselleiro de Agricultura e investigador neste eido. O pregón será ás 19:00 na praza da Constitución.

Esa mesma noite, ás 21:00, celebrarase o concerto de Mercedes Peón no Auditorio Municipal. As entradas estarán dispoñibles na Casa da Cultura ou na páxina web habilitada.

Na mañá do domingo haberá degustación gratuíta de tapas elaboradoras con queixo DOP San Simón da Costa. Ademais, haberá pasarrúas a cargo de Buxos Verdes ás 11:00 e actuación de Festicultores ás 13:00.

“Dende o Concello de Vilalba agradecemos a implicación na organización da Asociación de Queixeiros, así como o apoio do Consello Regulador e de Caixa Rural. Agardamos que a cidadanía goce de novo dunha das datas máis sinaladas do calendario vilalbés”, engadiu a concelleira de Feiras e Mercados.

O Concello recuperará a atención telefónica do 010 nos vindeiros días

O Concello de Lugo vén de anunciar que o Goberno poñerá en marcha de novo o servizo de centraliña do concello a través do 010. A edil de Participación explicou que “estamos xa a ultimar a entrada en funcionamento do servizo o antes posíbel, para facilitar que toda a veciñanza teña un único número de teléfono para contactar cos distintos servizos municipais”.

O Goberno de Lugo poñerá en marcha de novo o 010 “nos vindeiros días” para garantir “que as veciñas e veciños teñan acceso á atención telefónica de calidade ofrecida neste servizo”, afirmou a concelleira de Participación, que engadiu “para solicitar cita previa nos distintos servizos municipais está activo o servizo de cita a través da web municipal”.

O sistema de cita previa está dispoñible para os servizos de Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería. Para solicitar a cita, deberase iniciar o procedemento a través do formulario habilitado na web concellodelugo.gal, seleccionando o servizo ao que se dirixe e o tipo de trámite a realizar, e escoller a data e hora desexada para presentarse no Concello. Despois deberanse cubrir os datos persoais da solicitante, incluíndo un teléfono de contacto e un correo electrónico, medios aos que chegará unha mensaxe confirmando a reserva da cita.

A través do mesmo trámite da web do Concello, pode eliminarse unha cita solicitada previamente, liberando a hora para que outra persoa poida asistir a realizar un trámite nese momento.

O parlamentar Xosé Luis Rivas valora na Pastoriza a situación do sector lácteo

O Bloque Nacionalista Galego celebrou na Pastoriza un acto público no que se conversou e valorou a situación do sector lácteo perante o encarecemento das materias primas e a falta de prezos xustos na produción gandeira.

Contou coa intervención do deputado no Parlamento galego e portavoz das áreas de agricultura e gandaría, Xosé Luís ‘Mini’ Rivas e a tenente de alcalde e portavoz municipal do BNG na Pastoriza, Elva Carrera.

O deputado Mini Rivas destacou a falta terra agraria para a produción agrícola “Galiza é un país enormemente rico o que non está aproveitado para garantir a nosa produción alimentaria; estamos vendo como a dependencia alimentaria está a repercutir na economía, aínda tendo terras rendíbeis para producir e xerar actividade no campo” declarou.

Neste sentido, o deputado do BNG subliñou as eivas polas que está a padecer o sector lácteo “os cereais como outros gastos como o gasóleo xunto coa política de prezos das distribuidoras e industrias están a provocar unha crise máis forte para o noso campo, mentres a Xunta non está a facer nada para garantir a estabilidade e o futuro do noso campo” dixo Mini Rivas.

Sáldase sen feridos un novo accidente contra cabalos en Begonte

Un turismo chocou contra dous cabalos que interceptaron na vía durante esta madrugada, o que provocou a morte dos animais.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos preto das cinco horas a través da chamada dun particular que circulaba pola LU-111. No seu relato, indicaba que atopara un accidente á altura do punto quilométrico 5, ao paso pola parroquia de Damil, en Begonte (Lugo). Ademais, sinalaba que os ocupantes do vehículo estaban en bo estado de saúde, pero que os animais estaban tendidos na calzada.

Minutos antes, a central de emerxencias galega recibiu o aviso doutro particular que informaba da presenza dun grupo de equinos nas proximidades de Begonte.

Así, para realizar a limpeza da vía e restablecer as condicións de seguridade, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao equipo da Axencia Galega de Infraestruturas.

A Deputación lanza unha nova vía para a promoción dos recursos turísticos da provincia

A Deputación de Lugo lanza unha nova vía para a promoción dos recursos turísticos da provincia coa edición de tres documentais temáticos, centrados no turismo científico, na gastronomía e no Camiño de Santiago. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo explicou que a institución decidiu impulsar a producións destes traballos audiovisuais, cunha duración aproximada de 50 minutos cada un, para seguir “contribuíndo a potenciar o sector turístico na provincia e a dinamizar a súa actividade a través do modelo polo que apostamos dende a Deputación, un turismo sostible, de calidade, que pon en valor o noso patrimonio, tanto natural, como cultural ou gastronómico, e que crea emprego, sobre todo no rural”.

Para arrancar a súa difusión, a deputada avanzou que os novos documentais serán enviados a todos os institutos públicos da provincia e tamén aos sete centros de atención a maiores cos que  conta a Deputación para que poidan utilizalo como recurso ao redor do que traballar nas  aulas e nas propias residencias. “Máis alá de futuras accións de difusión, parécenos unha boa fórmula poñer a disposición dos centros educativos e das residencias este material para seguir dando a coñecer a inmensa e variada riqueza patrimonial coa que contamos na nosa provincia entre os propios lucenses, algo que xa estamos a facer con outra iniciativa tan importante como é o programa Coñece a túa Provincia, do cal arrancaremos a segunda tempada a vindeira semana e co que buscamos precisamente a dobre finalidade de fomentar o coñecemento da riqueza patrimonial da provincia entre a propia veciñanza e apoiar a actividade dos sectores hostaleiro, turístico e comercial, dos máis prexudicados pola pandemia”.

O Concello advirte dun corte de trágico na N-VI por obras

Desde a área de Mobilidade do Concello de Lugo infórmase que, debido aos traballos previstos no suministro do alumeado público do paso soterrado da N-VI, será preciso realizar un corte na circulación nun dos carrís desta vía, en dirección A Coruña, osdías 16 e 17 de marzo de 2022, entre as 9:30 e as 18:30.

No caso de rematarse os traballos antes da hora prevista, restablecerase a circulación con normalidade.

A Xunta tramitou en dous anos máis de 8.300 consultas e reclamacións no Instituto Galego de Consumo en Lugo

A Xunta de Galicia tramitou nos dous últimos anos 4.125 consultas e 4.188 reclamacións na oficina do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) en Lugo; en concreto, 5.144 expedientes corresponden ao ano 2020 e 3.169 ao 2021. Así o explicou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, no punto informativo instalado pola Xunta na rúa Bispo Aguirre con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras. Ao longo da mañá, desenvolveuse unha campaña na que se invitaba á cidadanía a testar canto sabe sobre os dereitos que lle asisten como consumidor.

Arias fixo entrega dos premios do concurso “Entender a factura da luz”, realizado entre alumnos de 4º da ESO dos centros educativos de Galicia. En Lugo resultaron gañadores Génesis Dashira Garcias, do IES Xoán Montes; Aroa Presno Fernández, do colexio María Auxiliadora, e as alumnas Alba Vellabona López, Xiana Longarela Yáñez, e Silvia Fernández Torres, do IES Ánxel Fole. Os premios consisten en vales de 100 euros para gastar nas librerías que escollan.

Complementariamente, realizáronse accións formativas no IES Río Cabe de Monforte de Lemos e na Escola de Educación Infantil San Roque de Viveiro.

Igualmente, a Xunta establecerá os Venres de Consumo Responde, unha convocatoria con vocación de permanencia todo o ano mediante a cal todos os venres, ás 12.30 horas, celebraranse a través da aula virtual de Consumo charlas abertas sobre un tema concreto para que a cidadanía poda consultar as súas dúbidas. Este venres 18 de marzo inaugúranse cunha charla virtual sobre a factura da luz, na que se pode participar no enlace https://formacion-consumo.xunta.gal.

O delegado explicou que o obxectivo destas campañas é “convidar á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a Xunta pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos”.

O Concello recuperará da cloaca romana no Carme para que sexa visitable

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe o inicio do proceso de contratación das obras para a recuperación e posta en valor da cloaca romana situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá (a principal da cidade), no barrio do Carme, unha infraestrutura con preto de 1.700 anos de antigüidade. “Na Xunta de Goberno que celebraremos mañá aprobaremos a licitación destes traballos, para os que destinaremos un orzamento de 436.145 euros”, avanzou a rexedora.

Lara Méndez, que estivo acompañada da tenenta de alcaldesa, Paula Alvarellos, e Enrique González, arqueólogo municipal, explicou que “este investimento enmárcase na nosa aposta por seguir protexendo e difundindo o pasado romano da cidade, para defender tanto o seu patrimonio, como para que sexa un recurso dun turismo de calidade e sostible”.

“Unha vez máis, dende o Concello, sen ser a administración coas competencias en patrimonio, xa que estas son propias da Xunta de Galicia, decidimos levar a cabo esta intervención en beneficio do conxunto dos lucenses e da cidade”, engadiu, e amosouse confiada en que “este avance supoña un acicate para que a Xunta cumpra o seu compromiso de construír o museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, que converterá a Lugo no centro cultural referente do pasado romano de Galicia e do noroeste peninsular”.

A intervención componse de dúas partes complementarias entre si:

Por unha banda, a parte de obra civil e arquitectónica, de adecuación do espazo para que poida ser visitable e accesible. Isto conlevará reestruturar o espazo actualmente destinado a servizos e almacén que hai por detrás da Sala de Exposicións, dotándoo dunhas escaleiras, un elevador e uns novos aseos. O soto tamén se adecuará, con impermeabilizacións, revestimentos, solados e todas as instalacións precisas para o futuro uso.

Doutra banda, a parte de escavación, estudo dos achados arqueolóxicos, restauración e consolidación da cloaca romana. Isto irá acompañado da parte museográfica. É dicir, primeiramente recuperarase a cloaca a un bo estado de conservación para ser exposta e, posteriormente, acompañarase á mesma cun equipamento de museografía para explicar ao público a súa función e contexto na época romana.

A veciñanza poderá realizar, explicou a alcaldesa, “unha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana”. Engadiu que “o obxectivo é poder mostrar á cidadanía en xeral e visitantes a cloaca romana orixinal en bo estado, na súa localización real e orixinal, aproveitando o local para realizar exposicións e explicacións sobre esta infraestrutura contextualizando na época”.

“O acondicionamento do espazo que alberga os restos arqueolóxicos da cloaca romana permitiranos seguir ampliando o coñecemento sobre a historia de Lugo, e comprender, ao mesmo tempo, o funcionamento da urbe máis antiga de Galicia durante as súas orixes”, subliñou.

A Deputación organiza obradoiros de cestería coincidindo cos Días Europeos da Artesanía

A Deputación de Lugo anuncia uns obradoiros de cestería a través do Centrad que se celebrarán do 28 de marzo ao 3 de abril no centro de cestería, a carón do Paseo do Río Rato, coincidindo cos Días Europeos da Artesanía.

As actividades xirarán en torno a unha temática común: o mundo das aves. Niños, comedeiros, piteiras e cestas para os ovos serán as pezas que as persoas participantes poderán facer a través das ensinanzas das cesteiras Carmen Fieiras, Idoia Cuesta, Beatriz Valín, María Otero e María Jesús Labrador.

O deputado de Artesanía e Deseño subliñou que “esta iniciativa integra un conxunto de propostas que dan visibilidade ás artesás e artesáns lucenses, poñendo á súa vez en valor a artesanía como sector produtivo, sustentable e ligado á tradición” e remarcou tamén “que a iniciativa complementa as actividades relacionadas coa permacultura e a sostibilidade que vimos organizando en Reque desde o inicio do ano, con diferentes obradoiros relacionados co aproveitamento dos recursos naturais, o consumo responsable e o respecto ao entorno”.

En total, darase cabida a 72 persoas, coa idea inicial de desenvolver os obradoiros no exterior, se o tempo o permite, co obxectivo de compartir cos visitantes o espírito de celebración destes días.

Luns 28 de marzo
Capuchón protector de sementes.
Monitora: Carmen Fieiras
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Martes 29 de marzo
Niño de vimbio
Monitora: Carmen Fieiras
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Mércores 30 de marzo
Comedeiro cónico
Monitora: Idoia Cuesta
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Xoves 31 de marzo
Niño de esparto
Monitora: Beatriz Valín
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Venres 1 de abril
Comedeiro esférico
Monitora: María Otero
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Sábado 2 de abril
Piteira tradicional
Monitora: María Jesús Labrador
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Domingo 3 de abril
Cesta de ovos de láminas de madeira
Monitora: María Jesús Labrador
1ª quenda de 10h a 14h.
2ª quenda de 16h a 20h.

Os obradoiros da semana están enfocados a persoas amantes da natureza que queiran coñecer técnicas de cestería aplicadas a un proxecto sinxelo que non precisa coñecementos previos. Os  obradoiros do sábado e domingo están orientados a cesteiras ou cesteiros profesionais ou afeccionados.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com