Queixeiros de Vilalba presentan o programa da Festa do Queixo de San Simón da Costa

O Concello de Vilalba presentou hoxe en rolda de prensa os detalles do programa da XXVI Festa do Queixo San Simón da Costa, que se celebrará os próximos días 2 e 3 de abril de 2022. “Retomamos a celebración desta festa, tras dúas edicións limitadas pola pandemia. Unha cita que nos permite enxalzar un dos nosos produtos máis emblemáticos, como é o queixo San Simón”, sinala a concelleira de Feiras e mercados, Antía Rama.

Na presentación participaron tamén Daniel Pérez, da asociación de queixeiros e presidente da D.O.P. San Simón da Costa; Gelucho Ramil, xerente do consello regulador da D.O.P. San Simón da Costa, e Martín Paz, director da sucursal de Caixa Rural de Vilalba.

A edil tamén recordou que, en relación con esta cita, está aberto o prazo de presentación ao Concurso de Receitas do Queixo San Simón da Costa. A concelleira presentou ademais a revista de receitas con Queixo San Simón, elaborada a partir das preparacións participantes no concurso do ano pasado.

O programa deste ano comezará o sábado 2 de abril ás 9:00, cunha proba de BTT. Ao mediodía, organizarase o showcooking de Xoanqui Ameixeiras na carpa da Praza da Constitución. O cociñeiro elaborará receitas co produto local e ofrecerá unha degustación aos participantes. Nesa mesma xornada, celebrarase na tarde o taller infantil de elaboración de queixos no mesmo lugar. Ambas actividades teñen aforo limitado en función da orde de chegada.

Na tarde do sábado a Banda de Gaitas Mato Vizoso estará a cargo do pasarrúas previo ao pregón. Este ano, o pregoeiro será Francisco Sineiro, profesor de economía agraria na Escola Superior de Enxeñería de Lugo, conselleiro de Agricultura e investigador neste eido. O pregón será ás 19:00 na praza da Constitución.

Esa mesma noite, ás 21:00, celebrarase o concerto de Mercedes Peón no Auditorio Municipal. As entradas estarán dispoñibles na Casa da Cultura ou na páxina web habilitada.

Na mañá do domingo haberá degustación gratuíta de tapas elaboradoras con queixo DOP San Simón da Costa. Ademais, haberá pasarrúas a cargo de Buxos Verdes ás 11:00 e actuación de Festicultores ás 13:00.

“Dende o Concello de Vilalba agradecemos a implicación na organización da Asociación de Queixeiros, así como o apoio do Consello Regulador e de Caixa Rural. Agardamos que a cidadanía goce de novo dunha das datas máis sinaladas do calendario vilalbés”, engadiu a concelleira de Feiras e Mercados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com