Novas

Entra en funcionamento o novo alumeado público no grupo da Paz

O Goberno local do Concello de Lugo anunciou a entrada en funcionamento do novo alumeado público do grupo da Paz. O tenente de alcalde afirmou que “continuamos a traballar na renovación da rede de alumeado público de Lugo, instalando luminarias LED de baixo consumo que permiten unha boa calidade lumínica con menor consumo enerxético”.

A actuación consitiu na renovación das luminarias das rúas Pardo de Cela, Estralote, Carpaza, Santo Domingo da Calzada (zona peonil), Alecrín, Teixo, Acibro, Camelia, Ligustro, Filgueira, Bataneira, Estrelamar, Roseira e Torques

 A actuación foi adxudicada por 55.953,80€. En total substituíronse 48 luminarias de vapor de sodio de alta presión de 150W por 35 luminarias LED de 38W e 13 de 75W. Redúcese a potencia a utilizar de 7200W a 2305W, o que suporá unha reducción de 7.5 toneladas de CO2 ao ano. Nesta intervención aproveitarase a instalación existente, renovando as luminarias e nas vindeiras semanas realizarase o soterrado dos cruzamentos aéreos do cableado da rede de alumeado. 

Xunta e Concello de Mondoñedo acondicionarán dúas parcelas entre a rúa Rigueira e Camiño do Río de Sixto

A Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo cofinanciarán con máis de 46.000 euros unha actuación urbanística neste municipio co fin de acondicionar dúas parcelas localizadas entre a rúa Rigueira e o camiño do Río de Sixto. Este foi o compromiso asumido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Manuel Otero no marco dun convenio asinado esta semana para fixar os termos da súa colaboración técnica e económica.

Segundo se recolle no proxecto, a intervención consistirá no acondicionamento de dúas fincas cunha superficie de pouco máis de 150 metros cadrados, que actualmente están ocupadas por maleza e arborado. Por esta razón, os traballos comezarán pola limpeza das parcelas e a demolición de parte dos muros que dan fronte ao Camiño de Santiago e dificultan nestes momentos o tránsito rodado pola rúa Rigueira.

Ademais, tamén se prevé acondicionar o terreo para urbanizalo posteriormente, uns traballos que teñen como fin adecentar a imaxe deste ámbito e que incluirán a pavimentación das liñas de trazado dos antigos muros de peche con chapacuña e con formigón desactivado no caso da parte interior da parcela.

Cun investimento comprometido de algo máis de 46.000 euros —o 70% achegado polo departamento autonómico e o 30% restante, polo Goberno local—, o convenio asinado enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Neste sentido, o alcalde agradeceu o respaldo da Consellería para poder executar unha obra “fundamental” para o municipio tanto pola localización estratéxica das parcelas—que forman parte do itinerario do Camiño Norte e polo tanto, están nunha zona moi transitada—, como porque permitirá gañar espazo na rúa e reforzar a seguridade viaria.

Cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos para promover actuacións que, como a proxectada en Mondoñedo, contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

Por esta razón, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén este ano, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

O Foro Feminista fai un chamamento para saír á rúa este 8M

Desde o Foro Feminista de Lugo queremos facer un chamamento para saír á rúa, de novo, este 8 de Marzo.

Seguimos a denunciar e a propoñer accións, para acadar a igualdade real entre homes e mulleres, que remate co desequilibrio estrutural e a violencia que sufrimos por mor de ser mulleres.

– A prostitución é violencia extrema contra as mulleres, escravitude, mercatilización do corpo das mulleres e vulneración dos dereitos humanos. A solución só pode ser a súa abolición e dar axuda integral ás mulleres  prostituídas.

– A pornografía é a prostitución gravada, violación e relacións crueis de sometimento das mulleres. Convértese na educación afectivo-sexual da mocidade. Debe ser abolida, xa que o seu consumo non está nin penado nin regulado.

– O uso de mulleres para a explotación reprodutiva é despreciable. As mulleres non somos un instrumento para xestar mediante un contrato, a maternidade é un feito biolóxico con implicacións físicas e emocionais. Non se permite no noso Estado, porén , hai empresas que fan negocio a costa de mulleres vulnerabeis doutros países. A guerra de Ucraína, deixou visible a situación de tráfico de bebés nados con esta práctica.

– Como feministas loitamos pola abolición do xénero como ferramenta que perpetúa o patriarcado e os roles sexuais. Non cremos “ na identidade de xénero”, e esiximos a retirada de toda a lexislación que establece a autoidentificación rexistral do sexo e o borrado xurídico das mulleres.

– A fin dos feminicios e de toda forma de violencia machista é a premisa dos nosos dereitos. E con estes obxectivos sairemos á rúa xunto con outras organizacións galegas este 8 de marzo, formando o bloque abolicionista.


Texto : Foro Feminista de Lugo – Carmen Díaz Simón
Asociación de Veciños de Lugo

Galicia Baleira reclama unha Administración “ao servizo da cidadanía”

Desde a Plataforma Galicia Baleira, que aglutina as Federacións de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo e “ Limiar” da provincia de Ourense, respectivamente, reivindican a necesaria recuperación, a mes de marzo do ano 2022, da atención presencial ao cidadán por parte da Administración. Neste sentido, desde a entidade recoñecen que a pandemia pola Covid19, na que aínda nos atopamos inmersos na actualidade, condicionou que a recuperación da devandita atención presencial non fose factible ata o momento presente.

Con todo, e facendo prevalecer, en todo caso, a seguridade sanitaria, o colectivo considera que é, xa na primeira metade do ano 2022, insuficiente en todo punto.

A este respecto, cabe engadir, que os teléfonos de atención ao cidadán, que pretenden substituír a presencialidade, están, moi a miúdo, colapsados, e iso converte esta medida en inservible desde o punto de vista práctico, que é o de dar servizo á cidadanía. “Así mesmo, non podemos obviar que o manexo das novas tecnoloxías non é óptimo para todas as idades”.

Doutra banda, desde a Plataforma Galicia Baleira reivindican, tamén, a necesaria desburocratización na relación entre a Administración e o cidadán.

A este respecto, a entidade considera que os trámites concretos que competan a varias Administracións deben centralizarse a efectos de coordinación práctica enuna única das competentes para o devandito trámite en cuestión. Desde a Plataforma Galicia Baleira consideran que “xa é hora, en pleno ano 2022, de apostar de verdade e de forma realista por unha Administración ao servizo da cidadanía, e asíseguiremos reivindicándoo”.

O PP da Fonsagrada pide un convenio do Concello e a Deputación para a creación dunha piscina climatizada

O grupo municipal do PP toma de novo a iniciativa en asuntos que son de gran interese para A Fonsagrada e intenta conseguir resultados para o municipio mediante a presentación de iniciativas no pleno do Concello. Nesta ocasión defenderá varias propostas, unha delas para iniciar o proceso para a construción dunha piscina climatizada. O portavoz popular, José Luís Regueiro, sinala que a construción dunha piscina municipal é unha proposta recollida nos programas dos partidos políticos nas eleccións do 2019; é un asunto do que o alcalde non volveu falar dende que comezou a gobernar.

Os populares queren que o goberno municipal transmita á Deputación a necesidade de dotar ao municipio dunha piscina climatizada, e intentan tamén que se estableza para este fin un convenio de colaboración económica entre o Concello e o organismo provincial. Regueiro lembra que en A Fonsagrada hai unha alta demanda deste equipamento e que, por non existir, son necesarios desprazamentos a Lugo e A Pastoriza para poder usar unha piscina pública.

O portavoz popular destaca tamén que noutras localidades a Deputación asumiu o coste económico de construír unha piscina municipal. Sostén que “unha instalación deste tipo converteríanos en referente para contorna e traería múltiples beneficios, tanto para o comercio como para o ocio local”.

Químicos galegos animan a estudantes lucenses a participar na XXXIX Olimpíada Galega de Química

A Asociación de Químicos de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Químicos de Galicia (Colquiga), anima ao alumnado de bacharelato dos centros educativos da cidade de Lugo e a súa provincia para participar a XXXIX Olimpíada Galega de Química, que se celebrará o próximo 18 de marzo de 2022 nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. O prazo para inscribirse finaliza o vindeiro venres, día 11 de marzo de 2022.

A XXXIX Olimpíada Galega de Química, segundo destaca Juan Sanmartín, vicepresidente da asociación e coordinador da proba, súmase á celebración do centenario do nacemento da Facultade de Ciencias, posterior Química, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), creada en 1922. A proba olímpica deste ano “quere conmemorar o inicio dos estudos universitarios en química na nosa comunidade, onde se formaron referentes do ámbito académico e empresarial; formación que agora comparte con outras facultades existentes en Galicia”, asegura.

Probas de 2022

As probas en 2022 realizaranse simultaneamente en cinco cidades galegas: Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, o venres, 18 de marzo, ás 16.30 horas. A Asociación de Químicos de Galicia mantén aberta a inscrición ata o vindeiro venres 11 de marzo. O alumnado interesado poderá apuntarse vía en liña na seguinte ligazón: https://www.colquiga.org/olimpiada-galega-2022

O presidente da Asociación de Químicos de Galicia e decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, lembra que a Olimpíada Galega de Química “quere estimular entre os máis novos o interese pola química, e máis nos tempos actuais, no que esta profesión revelouse como fundamental para combater a Covid19”. “Os mozos que participan agora nestas probas serán os investigadores que achegarán solucións para afrontar os novos retos do futuro”, indica Manuel Rodríguez Méndez, quen anima a participar ao alumnado galego de bacharelato.

O máximo representante dos profesionais da química en Galicia lembra que este ano a Olimpíada Nacional de Química celebrarase en Santiago de Compostela. As probas terán lugar na sede da Facultade de Química da Universidade de Santiago, no Campus Vida, do 6 ao 8 de maio. “Será unha oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións de galegos”, destaca Manuel Rodríguez Méndez.

Licitado o contrato de servizos básicos das residencias provinciais de Pol e Trabada

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe a licitación do contrato para a prestación dos servizos básicos nos centros de atención a maiores de Pol e da Fonsagrada por un importe conxunto que supera os 1,4M€. Así o explicou a voceira socialista do Goberno que detallou que no caso de Pol o importe ascende a 750.780€, e para A Fonsagrada é de 653.820€.

A Deputada provincial explicou que cada un deste contrato, que inclúa os servizos de cociña, limpeza e asistencia, terá unha duración dun ano, dende xuño deste 2022 a xuño de 2023, coa opción de tres prórrogas anuais.

A Deputación aproba esta nova licitación para a prestación de servizos básicos nos centros de maiores de Pol e da Fonsagrada porque neste 2022 conclúe a vixencia do contrato que está en vigor.

O Centro de Atención a Maiores de Pol leva funcionando dende o ano 2019, e o da Fonsagrada, dende principios do ano 2020. A Xunta de Goberno da semana anterior tamén lle deu o visto e prace á licitación doutro contrato para a prestación destes mesmos servizos nos centros da Deputación en Trabada e Ribadeo por algo máis de 1,5M€.

Por outra banda, á marxe destes contratos para os Centros de Maiores, a Xunta de Goberno desta mañá aprobou a adxudicación do contrato para a prestación dun servizo veterinario clínico para a Granxa Gayoso Castro por importe máximo anual de 38.759€. Trátase dun servizo de urxencias 24 horas para atender aos animais desta granxa que a Deputación ten en Castro de Ribeiras de Lea. O contrato é por un ano, con opción a dúas  prórrogas de un ano cada unha delas.

Tamén quedou aprobada a adxudicación do contrato de subministración de mobiliario para diferentes servizos da Deputación por un importe de 75.400€. A empresa adxudicataria é de Lugo e chámase Instalaciones y Mobiliario Comercial Mendoza S.L. Por outra banda, quedou aprobada a adxudicación do contrato de renovación de licenzas de software antivirus para os equipos dos postos de traballo da Deputación por 21.000€ e unha duración de dous anos.

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a prórroga do encargo á empresa pública TRAGSA, medio propio da Deputación, da prestación do servizo de limpeza dos edificios e dependencias da institución provincial, por un período de tres meses, ou ata que se formalice un novo contrato, por un importe de 230.000€.

A Deputación reforza o asesoramento rural ante os retos da nova PAC

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo apoiará a actividade da Asociación de Asesores Rurais de Galicia cunha achega de 5.000 euros.

A deputada titular da área, que manifestou o apoio á entidade desde a súa creación, concretou que “con esta colaboración queremos contribuír a consolidar a estrutura e a actividade da Asociación de Asesores Rurais que se constituíu o pasado setembro en Lugo e que xerou un gran interese neste ámbito profesional, integrando máis de 40 persoas de toda Galicia, a maioría deles da provincia, nestes primeiros meses”.

“Desde a área de Medio Rural comprobamos día a día, no contacto coas persoas que traballan no sector primario, a importancia que estas e estes profesionais de entidades de aconsellamento agrario, asesorías, cooperativas e oficinas de extensión agraria teñen á hora de facilitar a relación entre as administracións e o sector e na orientación das ganderías e das produción agrarias a modelos sostibles e adaptados ao territorio. Esta colaboración económica coa asociación é, sobre todo, un recoñecemento e un apoio á súa labor”, indicou a responsable provincial.

Mónica Freire subliñou “a importancia que estes perfís profesionais teñen na provincia de Lugo, polo peso territorial e económico do sector primario e porque moitas das profesionais saen das titulacións que temos no Campus Terra” e incidiu na “vital relevancia que a figura do asesor rural acadará no vindeiro período da política agraria común, xa que ocupa un papel central na aplicación das políticas de desenvolvemento rural, a través da metodoloxía AKIS: sistemas de coñecemento e innovación agrícolas”, concluíu.

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia, con sede na Escola Politécnica de Enxeñaría (EPS) do Campus Terra,  ten entre os seus obxectivos  a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos profesionais da asesoría rural, promover a súa formación contínua e permanente en colaboración coas universidades ou participar en consellos, comisións e órganos consultivos das administracións, así como noutros foros nos que se aborden materias relacionadas co desenvolvemento rural.

Negueira de Muñiz supera a semana sen médico, “mentres o PP mira cara outro lado”

O Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda denunciou que o Concello leva máis dunha semana sen medico. “E o máis grave é que a situación non vai mellorar nas vindeiras datas, xa que nos confirmaron que tampouco haberá facultativo para atender aos doentes o vindeiro luns. Polo tanto, todos os pacientes terán que ser atendidos no PAC da Fonsagrada cos conseguintes custos económicos e inconvintes de mobilidade para a veciñanza”, criticou.

Nestes intres, segundo denuncian dende o Concello, a atención no centro de saúde Negueira de Muñiz realizase durante dúas quendas, concretamente hai asistencia médica os luns e xoves de cada semana no ambulatorio, e ademais, o médico fixo que asistía aos pacientes foi trasladado a Lugo e actualmente os cambios son continuos. “Pero novamente a veciñanza do rural e da Montaña Lucense é máis prexudicada polos recortes do PP en atención sanitaria. Levamos máis dunha semana sen médico e sen enfermeiro e aquí non pasa nada e ninguén responde as nosas demandas”, advertiu o rexedor.

“En lugares como o noso, un pequeno concello da Montaña Lucense cunha poboación altamente envellecida, evidenciase de xeito moi latente os drásticos recortes que estamos sufrindo toda a Montaña na atención primaria”.

Nesa liña, o rexerdor argumenta que “o modelo do PP e de Feijóo son os recortes e o conformismo, en lugar de buscar solucións aos problemas de recursos sanitarios na nosa provincia, que fai o PP?”, preguntouse. “Mira cara a outro lado a esperar a que pase a marea, mentres os nosos maiores están desatendidos”, replicou.

Por iso, Braña advertiu que “cada día que falte o médico ou o sanitario correspondente no ambulatorio de Negueira de Muñiz denunciareino publicamente para que todo o mundo coñeza a calidade das políticas que impulsa o PP na Montaña, que non é outra que deixar sen médico aos nosos veciños. Esta é a verdadeira lexislatura de rematar co rural”, sentenciou Braña.

Os grupos municipais acordan unha serie de modificacións no percorrido do bus urbano

Os distintos grupos políticos con representación no Concello de Lugo veñen de acordar, por unanimidade, o cambio dalgún dos percorridos do bus urbano. Foi na xuntanza da Mesa de Transporte Público, cun representante de cada un dos catro grupos que forman a corporación.

Así, segundo anunciou o Goberno local aprobaron unha serie de “pequenos cambios” que “van mellorar a calidade de vida” da veciñanza ao garantir “mellores conexións en bus urbano”.

O Goberno afirmou que “hoxe aprobamos estes cambios dados pola necesidade de que algunhas liñas modificasen o seu percorrido para poder cumplir o horario”. “Reutilizaremos o quilometraxe modificado en zonas con poucos usuarios de bus para redefinir outras liñas e aumentar a eficiencia do sistema de transporte público de Lugo”, declarou Rubén Arroxo.

A zona de Castelo mellorará as conexións para permitir un retorno polo centro da cidade. Un dos dous buses que actualmente pasan por Castelo modificará o percorrido conectando a Ronda da Muralla, Ramón Ferreiro e Fontiñas, cubrindo o HULA. Esta liña cubrirá o Carqueixo cada hora. O percorrido de ida, pasará por Castelo, San Roque e a Ronda, conectando coa Residencia. “Ademais, crearase unha liña especial Castelo que permitirá conectar esta zona periurbana co centro da cidade ás 3 da tarde, permitindo á xente ir e volver ao traballo en bus”, explicou o Tenente Alcalde.

Outra das modificacións aprobadas consiste na modificación de un dos dous buses que cubren a liña 3. “Debido a que a zona entre a rotonda da UNED e a de Nadela teñen moi poucos usuarios cada día, e unha conexión cada media hora, podemos aumentar a eficiencia deixando un bus cada hora nesta zona e aproveitando a quilometraxe para modificar o traxecto e atender a unha serie de peticións veciñais”, explicou o Tenente Alcalde.

O percorrido entre as rotondas da UNED e Nadela ten habitualmente menos de 7 usuarios diarios. Modificando un dos dous percorridos que realiza a liña 3 cada hora, permitirase que esta liña poida pasar por Ramón Ferreiro, atendendo a unha petición da veciñanza do fondo da Avenida de Madrid, continuando ata Sindicatos, e conectando posteriormente a zona de Paradai coa avenida da Coruña, atendendo do mesmo xeito á veciñanza de Paradai. O percorrido de volta, conectará Paradai e Fontiñas co Campus, dando conexión entre Fontiñas e a zona universitaria cada 30 minutos. A zona entre as rotondas da UNED e Nadela continuará a ter un bo servizo de bus urbano, xa que malia reducirse a frecuencia da liña 3 a 60 minutos, a liña 11 continuará a operar nesta zona.

A Mesa de Transporte aprobou actualizar as liñas 1.2, 1.4 e 12 para dar servizo á nova fase do polígono das Gándaras. O equipo de Goberno explicou que “trátase dunha pequena modificación necesaria, xa que no momento de deseñar as novas liñas esta fase do polígono non estaba operativa”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com