Novas

Elena Candia: “Con Feijóo España gaña, Galicia gaña e Lugo gaña”

“Con Feijóo España gaña, Galicia gaña e Lugo gaña”. Con esta mensaxe a presidenta provincial do PP, Elena Candia, ratificou na Xunta Directiva Provincial, na que tamén participou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o apoio da formación luguesa á candidatura que encabeza o líder popular.

Deste xeito, Candia amosouse convencida de que o candidato á presidencia do PP nacional “é a mellor alternativa a un goberno que o único que fixo polos lucenses foi destruír emprego e a industria, e abandonar as infraestruturas”.

A dirixente lucense aproveitou o encontro para poñer en valor “o traballo e a xestión extraordinaria” do candidato. “Sen dúbida, concorre a este proceso cos mellores avais que pode ter un político: compromiso, entrega, dedicación e saber priorizar o gasto útil”, afirmou.

Elena Candia indicou así que “nesta provincia, Feijóo ten un aliado incondicional”. “Nunca lle fallamos e desta volta tampouco o faremos”. A renglón seguido, desexoulle os mellores do éxitos e destacou que decidise dar un paso á fronte “nun momento, dixo, complicado, ao abeiro dos últimos acontecementos, pero no que o PP é máis necesario ca nunca”.

A partir da convocatoria do Congreso, os afiliados teñen 15 días para inscribirse e participar en todo o proceso electoral, que remata ás 14:00 horas do día 16 de marzo. Cada afiliado poderá presentarse como compromisario ata 5 días antes do día da votación.

As asembleas para elixir tanto ao candidato como aos compromisarios celebraranse en toda España o día 21 de marzo. Á provincia de Lugo correspóndenlle 46 electos, máis 1 de Novas Xeracións. A este número hai que sumar os natos, é dicir, a propia presidenta, os deputados no Congreso e o senadores.

A Federación de Veciños manifesta o seu apoio á Fundación Salma cunha xornada sobre saúde mental

A Federación de Asociacións veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo vén de manifestar o seu apoio rotundo aos fins da Fundación SALMA –Fundación para o Coidado da Saúde Mental en Galicia e anunciar a próxima  celebración dunha xornada divulgativa en formato de mesa redonda, o 17 de marzo de 2022 ás 19.30 h. no local social da federación –situado na rúa Luís Ameijide, 10. Entresollado C. 27.003, Lugo-.

O encontro contará coa presenza e participación nunha charla-coloquio, da Presidenta da Fundación SALMA, Ana Lucía González Novás; así como dun profesional vinculado directamente co ámbito da Enfermería na área de Saúde Mental; e doutro profesional da Medicina, con especialidade nesta materia.

A realización desta xornada xorde por mor da reunión da Xunta Directiva da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro – CoGaVe –presidida por Fernando Rois Rois-, celebrada o pasado venres 25 de febreiro na cidade de Lugo, e á que acudiu Dna. Ana Lucía González Novás, Presidenta da Fundación SALMA, para agradecer o manifesto asinado o pasado mes de outubro de 2021 polas sete Federaciónes de Asociacións Veciñais integrantes da COGAVE.

Con esta próxima xornada, a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo  ratifica o seu compromiso con esta causa que afecta directamente á práctica totalidade da poboación na sociedade actual: “a Saúde Mental e a súa repercusión na vida diaria”.

Fingoi contará cunha plataforma única que permitirá crear espazo peonil sen afectar ao estacionamento

O Concello de Lugo anunciou que veñen de comezar os traballos de humanizacion de Fingoi de Abaixo, onde se aplicará o modelo de plataforma única, que permitirá adicar o espazo ao tránsito peonil sen afectar ás prazas de estacionamento da zona. “Trátase dun proxecto importante para a mellora da accesibilidade no barrio, no que apostamos polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, dado que se trata dunha zona na que o tráfico maiormente é residencial”, explicou o Goberno.

Na actualidade, as beirarrúas da zona non chegan a cubrir o ancho mínimo esixido pola lexislación, e o asfalto conta cunha banda de rodadura moi deteriorada, o que afecta tanto á seguridade viaria como á capacidade de evacuación de augas pluviais. O Tenente Alcalde explicou que “o modelo de plataforma única que se vai aplicar nestas zonas demostrou a súa viabilidade en rúas estreitas como as de Fingoi de Abaixo

Xunto coa transformación da zona, renovarase tamén o alumeado público, avanzando na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores á instalación actual, e cunha tonalidade máis agradable. Rubén Arroxo explicou que “o novo alumeado mellorará a seguridade da zona, ao contarse cunha iluminación máis uniforme, ao mesmo tempo que se mellora a estética da zona e se reduce o consumo enerxético”.

A actuación supón un investimento de 111.979€ e terá un prazo de execución de 4 meses. 

Tomé: “Feijóo, por satisfacer o seu ego, vaise para Madrid e faille un favor a Galicia”

O Presidente da Deputación e Secretario Xeral dos socialistas da Provincia de Lugo, José Tomé, lanzou hoxe a súa opinión sobre a decisión tomada polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de presentar a súa candidatura á presidencia do seu partido a nivel estatal.

Tomé reiterou en varias ocasións que o presidente galego “faille un favor a Galicia” ao marchar á capital do Estado. Así, segundo criticou o presidente da Deputación, Feijóo deixa Galicia “peor que cando el chegou” pois, en verbas do dirixente socialistas “máis que triplicou a débeda pública, hai menos sanidade, menos escolas e menos mestres; menos servizos públicos en xeral”.

Así, aclaraba Tomé, que “sen querelo” o presidente da xunta “por satisfacer o seu efo, vaise para Madrid pero a Galicia faille un favor”. Criticou así, a decisión tomada por Núñez Feijóo, que “en canto puido, foise” asegurando que deixa tras de sí un aumento da débeda pública, recortes en sanidade ou educación así como un rural “envellecido, desprotexido, con menos empresas e con menos presenza da Xunta de Galicia”.

José Tomé lanzou ademáis unha cuestión ao aire preguntándose “porque temos que recordar os galeogs ao señor Feijóo?” pois “non se foi antes, porque non puido”.

Na opinión do socialista, o presidente do PPdeG, “nunca quixo ter un Goberno de perfis políticos altos”, porque, segundo critica, os perfís máis baixos “non lle facían sombra”.

Unhas declaracións, as do presidente da Deputación que deron que falar a moitos niveis. Así, o exedil popular no Concello de Lugo, Enrique Rozas, criticaba nunha entrevista radiofónica estas palabras, cualificandoas de “frívolas” e asegurando que o presidente da Deputación debería, canto menos, “ter respecto político”, sobre todo “sendo unha persoa sen tanto bagaxe”.

Laura LaMontange & PicoAmperio abren mañá en Vilalba o ciclo ‘Con Voz de Muller 8M’

A Deputación de Lugo arranca mañá venres o ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M. Farao en Vilalba coa  actuación de Laura LaMontagne & PicoAmperio no auditorio municipal Carmen Estévez ás 20:00 horas.

Esta actuación forma parte desta nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución, que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo.

A Deputada de Muller e Igualdade anima á veciñanza da Terra Chá e do resto de comarcas da provincia a unirse a este concerto que será gratuíto. Incide nas súas palabras que obxectivo deste ciclo é “sensibilizar, romper estereotipos e favorecer a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para o cartel”.

A deputada provincial pon o foco en que “cada vez máis temos máis voces no noso panorama musical mulleres que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores”.

Programa ciclo Con voz de muller 8-M

A Fonsagrada – Concerto de Uxía
Data: Sábado, 5 de marzo, ás 20.00 horas
Lugar: Salón de Actos dos Chaos

Taboada – Concerto de De Vacas
Data: Sábado, 5 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Salón de Actos dos Chaos

Barreiros- Concerto de Habelas Hainas
Data: Domingo, 6 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro

Cs censura o papel de Arroxo na xestión do servizo de guindastre e pide a remunicipalización

A portavoz municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, criticou esta mañá con dureza o papel do BNG na xestión do servizo do guindastre. “É inadmisible que deixasen caducar o contrato do guindastre e que o servizo se atope en precario. Evidénciase unha clara falta de vontade política que supón como consecuencia un funcionamento anómalo dos servizos máis básicos de calquera administración local como son, por exemplo, o guindastre ou o desastre que desde hai anos vivimos co servizo de recollida de lixo. O Goberno local demostra semana tras semana que non está capacitado para xestionar a cidade. Converteron en norma a precariedade dos servizos”, sinalou a portavoz da formación laranxa.

A titular da formación laranxa lembra como o seu grupo leva anos solicitando a remunicipalización deste servizo de guindastre. Unha petición que reiteran hoxe e da que xa presentaran en xuño do pasado ano unha proposta de iniciación. “O que non esperabamos é que fose o BNG quen votase en contra alegando falta de persoal e poñendo de escusa a RPT cando o Goberno do que forma parte acababa de aprobar unha nova”, criticou Louzao quen considerou unha “manobra de auténtico trileiro político” a decisión dos nacionalistas logo de “pedir durante catro anos que o servizo volva a ser municipal”.

Louzao, que denuncia que o servizo se atopa “ao bordo do colapso” critita que o Goberno municipal sexa incapaz “en tres anos de mandato” de “mover un só dedo” e lamenta a perda de credibilidade dos nacionalistas, cos que se amosaron “realmente defraudados”.

“Dende que o guindastre empezou a funcionar coa actual fórmula está a cuestionarse o seu elevado custo para as arcas municipais”, dixo Louzao quen lamentou que o tenente de alcaldesa “prefire poñer escusas para non iniciar o expediente”.

“Neste caso peor aínda, porque deixaron que o contrato caduque. Desde Cs seguimos esixindo que se cumpra o acordo plenario e que Arroxo inicie coa máxima urxencia os trámites para lograr que o servizo de guindastre sexa outra vez de xestión directa municipal e lógrese un importante aforro cun servizo eficaz, eficiente e cun menor custo para esta administración”, concluíu.

Concello e Goberno central colaboran para situar a Lugo na vangarda da eficiencia enerxética

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe que a colaboración entre o Goberno do Estado e o Concello de Lugo está a situar a esta cidade na “vangarda da eficiencia enerxética” coa execución de nove proxectos por importe de 3,7 millóns de euros. O delegado, acompañado pola alcaldesa e a subdelegada do Goberno na provincia desprazouse esta mañá a Lugo para coñecer dous dos proxectos consistentes en instalacións solares fotovoltaicas destinadas á xeración eléctrica para autoconsumo na piscina das Pedreiras e de rehabilitación enerxética do centro social de Fingoi.

José Miñones explicou que “o Goberno é a administración que máis inviste en Lugo, agora mesmo estamos a mobilizar investimentos por importe de 10 millóns de euros en distintas actuacións para a transformación urbana da cidade”.

Entre as accións que se desenvolven en Lugo co apoio do Goberno estase a traballar en nove proxectos para a mellora da eficiencia enerxética de distintos edificios municipais, unha intervención para a que se mobiliza un investimento de 3,7 millóns de euros.

O delegado destacou a estreita colaboración existente entre o Goberno e o Concello de Lugo e comprometeu o apoio aos proxectos innovadores destinados a seguir transformando a cidade e preparala polo futuro. Miñones felicitou á alcaldesa polo seu liderado, que lle facilita “atraer a Lugo importantes investimentos para a modernización da cidade, pero conservando a súa gran calidade de vida e os valiosos atractivos do seu pasado romano”.

As actuacións que contan con financiamento do Ministerio de Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), son a mellora da eficiencia enerxética das instalacións da EDAR e a ETAP, a rehabilitación enerxética dos Centros sociais de Fingoi e da Milagrosa, e as instalacións solares fotovoltaicas destinadas a xeración eléctrica para autoconsumo no Edificio administrativo municipal, na piscina climatizada das Pedreiras, a piscina municipal de Frigsa, o edificio da Policía Local, a Escola taller de Frigsa e a Casa do Deporte.

A subvención do Ministerio é do 80% do investimento e o 20% restante corresponde ao Concello. Estas obras permitirán importantes diminucións no consumo enerxético á administración municipal, que aforrará 300.000 euros ao ano, ademais de reducir as emisións contaminantes á atmosfera.

Investigado por un presunto quebrantamento de condena un viveirense que conducía tras serlle retirado o carné

A Garda Civil imputou en calidade de investigado a un veciño de Viveiro, de 28 anos de idade como suposto autor dun delito de quebrantamento de condena. Os feitos tiveron lugar o pasado día 28 de febreiro, sobre as 21:00 horas, no km. 30,500, da estrada N-642 (Porto – San Ciprián), no marco dun punto de verificación de alcol e drogas.

Alí identifícase o condutor dun turismo comprobando que realiza a condución do devandito vehículo carecendo da preceptiva autorización administrativa, ao serlle retirado o permiso de condución pola autoridade xudicial por un período superior a dous anos e non realizar con posterioridade o correspondente curso de reeducación e sensibilización viaria para a recuperación do permiso de conducir.

Por tal motivo, os axentes  instrúen dilixencias policiais para a súa remisión ao Xulgado de Instrución nº 1 dos de Viveiro, nas que o condutor, un home de 28 anos, é investigado como suposto autor dun delito de quebrantamento de condena.

Paralelamente e sometido á proba de detección e alcohólica e de drogas, ambas lanzan un resultados positivo, sendo indiciario no caso das drogas, ao estar pendente a súa confirmación polo laboratorio de referencia.

Do mesmo xeito, compróbase que circulaba carecendo de seguro obrigatorio e coa ITV caducada desde o pasado ano. Feitos polos que se confeccionaron os correspondentes boletíns de denuncia para a súa remisión á Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo.

A Garda Civil insiste na necesidade de erradicar este tipo de condutas, xa que a comisión de feitos como os descritos carrexa consecuencias administrativas e penais, e poñen nun grave risco tanto ao seu autor, como ao resto de usuarios das vías.

Novo aumento de casos covid nun día con poucas altas médicas

Xornada de retroceso na boa evolución da Covid. E é que nas últimas horas a área sanitaria experimentou un pequeno paso atrás debido a unha nova suba do ritmo de contaxios e un freo nas altas médicas.

Así, fronte aos 2007 casos que se rexistraban na xornada anterior, onte eran 2041 os que o SERGAS informaba como casos activos de covid19. Un baile de cifras que se vén dando nas últimas xornadas. Principalmente, no relativo aos positivos rexistrados que, no día de onte se situaron nos 175, bastante por riba dos 138 da xornada anterior ou mesmo dos 93 do pasado sábado.

Outro baremo que non mellora é a presión asistencial. A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte rexistra nas últimas horas un total de 3 pacientes en UCI, e 45 en unidades convencionais, fronte aos 40 dun día antes.

Así, por hospitais, o HULA conta con 28 pacientes con Covid, o Hospital da Mariña con 7 e o de Monforte con 10.

Asemade, nas últimas horas Lugo rexistrou tan só 138 altas médicas situandose así, en 50031 as persoas que xa poden dicir que superaron a enfermidade na provincia. Da outra banda, o SERGAS notificou un novo falecemento, o que eleva esta cifra ata os 211 falecidos na provincia dende o inicio da pandemia. O falecido, notificado onte, era un home de 85 anos con patoloxías previas.

A Xunta pide a Alcoa avance nos investimentos e ao Goberno que abarate o prezo eléctrico

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Madrid na reunión da comisión de seguimento de Alcoa, na que volveu ofrecer a máxima colaboración por parte da Xunta de Galicia, lembrando ao mesmo tempo que a solución final terá que vir acompañada dun compromiso claro da empresa -avanzando nos investimentos na fábrica da Mariña de Lugo- e do Goberno central -adoptando as medidas necesarias para que a compañía poida contar cunha tarifa eléctrica que lle dea seguridade e lle permita ser competitiva, e máis nas condicións actuais de alza de prezos-.

Desde Galicia laméntase que en España non se poida producir aluminio primario pola falta de implicación do Executivo central. De aí a necesidade de que poña sobre a mesa medidas para conseguir un prezo da enerxía tanto para Alcoa como para o resto da industria hiperelectrointensiva co que poidan -no que atinxe a esta cuestión en concreto- competir en igualdade de condicións co resto de países europeos, como é o caso de Francia ou Alemaña.

Desde o Goberno galego tamén se solicitou a Alcoa que cumpra cos investimentos comprometidos para achegar certeza e estabilidade aos empregados, á industria auxiliar e á Mariña de Lugo.

Paula Uría, que defendeu que a Administración galega seguirá como ata agora ao lado dos traballadores, volveu tender a man da Xunta de Galicia e reiterou o compromiso de ofrecer a máxima cooperación para reactivar as cubas canto antes.

Neste sentido, introducirase un artigo na Lei de áreas empresariais para que teñan prioridade na tramitación administrativa aqueles proxectos eólicos que se desenvolvan na Comunidade e que sempre que cumpran co resto de directrices vixentes na lexislación destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com