Cs censura o papel de Arroxo na xestión do servizo de guindastre e pide a remunicipalización

A portavoz municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, criticou esta mañá con dureza o papel do BNG na xestión do servizo do guindastre. “É inadmisible que deixasen caducar o contrato do guindastre e que o servizo se atope en precario. Evidénciase unha clara falta de vontade política que supón como consecuencia un funcionamento anómalo dos servizos máis básicos de calquera administración local como son, por exemplo, o guindastre ou o desastre que desde hai anos vivimos co servizo de recollida de lixo. O Goberno local demostra semana tras semana que non está capacitado para xestionar a cidade. Converteron en norma a precariedade dos servizos”, sinalou a portavoz da formación laranxa.

A titular da formación laranxa lembra como o seu grupo leva anos solicitando a remunicipalización deste servizo de guindastre. Unha petición que reiteran hoxe e da que xa presentaran en xuño do pasado ano unha proposta de iniciación. “O que non esperabamos é que fose o BNG quen votase en contra alegando falta de persoal e poñendo de escusa a RPT cando o Goberno do que forma parte acababa de aprobar unha nova”, criticou Louzao quen considerou unha “manobra de auténtico trileiro político” a decisión dos nacionalistas logo de “pedir durante catro anos que o servizo volva a ser municipal”.

Louzao, que denuncia que o servizo se atopa “ao bordo do colapso” critita que o Goberno municipal sexa incapaz “en tres anos de mandato” de “mover un só dedo” e lamenta a perda de credibilidade dos nacionalistas, cos que se amosaron “realmente defraudados”.

“Dende que o guindastre empezou a funcionar coa actual fórmula está a cuestionarse o seu elevado custo para as arcas municipais”, dixo Louzao quen lamentou que o tenente de alcaldesa “prefire poñer escusas para non iniciar o expediente”.

“Neste caso peor aínda, porque deixaron que o contrato caduque. Desde Cs seguimos esixindo que se cumpra o acordo plenario e que Arroxo inicie coa máxima urxencia os trámites para lograr que o servizo de guindastre sexa outra vez de xestión directa municipal e lógrese un importante aforro cun servizo eficaz, eficiente e cun menor custo para esta administración”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com