Novas

Cervo presenta a súa programación de Entroido

O alcalde, Alfonso Villares, a Delegada de Cultura, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Turismo, David Rodríguez, presentaron a programación do Concello para este Entroido xunto con Rafa e Azucena, representantes da Asociación Airiños do Xunco.

Os actos comezan o sábado 26 de febreiro cunha actuación infantil na Praza do Souto. Será ás 12:30h baixo a carpa que se instalará para a celebración do entroido.

O Desfile de Entroido de Cervo terá lugar o domingo 27 de Febreiro. As inscricións poderán realizarse a través dos teléfonos 617 313 207 (Rafa) ou no 982 557 613 (Azucena) ata o venres 25 de febreiro. Todos os que o fagan ata esa data recibirán unha cesta con produtos típicos de entroido. Tamén se poderá apuntar o mesmo día do desfile, unha hora antes (17H) no Pavillón de Cervo.

O día estará amenizado por unha charanga. Ao remate, haberá un espectáculo musical e farase a entrega de premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas. Os premios serán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de entroido.

O luns 24 celebrarase, na carpa da Praza dos Campos de San Ciprián, a tradicional Festa Infantil de Entroido organizada polo Concello de Cervo. Será en horario de 17H a 20H e haberá inchables e obradoiros para os nenos e nenas.

O martes, 1 de marzo, será a quenda do Desfile de San Ciprián, con saída ás 18H na Praza dos Campos. Haberá 2.280€ en premios aos mellores disfraces e comparsas. O desfile estará amenizado por unha charanga e ao remate haberá unha actuación musical.

As persoas interesadas en participar no desfile poderán anotarse na Casa da Cultura de San Ciprián ou chamando ao 982 595 157, en horario de mañá, ata o luns 28 de Febreiro incluído. Os premios entregaranse na Praza dos Campos, despois do desfile, ás 21:30 horas; e todos os gañadores terán que recollelo co disfrace posto.

Para o alcalde, Alfonso Villares, “é unha boa nova que podamos celebrar outra vez o entroido polas rúas do noso municipio” e engade que “os desfiles desenvolveranse respectando, sempre, as medidas de distancia social e seguridade establecidas”.

A edil de cultura, Dolores García anima “a todos e todas, veciñanza e visitantes, a que veñan a gozar das actividades  programadas en Cervo para este entroido”.

O Sergas permitirá de novo o acompañamento a pacientes nos hospitais

O Servizo Galego de Saúde vén de  presentar aos xerentes das sete áreas sanitarias de Galicia a actualización do protocolo para o réxime de visitas e acompañamento nos centros sanitarios galegos, adaptándoo á situación epidemiolóxica actual da comunidade galega.
A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria lembra que continúan en vigor medidas e limitacións xerais, como respectar os aforos establecidos nas habitacións e outros espazos dos hospitais; estar en posesión do Certificado covid,  ademais do uso continuo da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal. Así mesmo, os acompañantes e as visitas de pacientes con infección por covid-19, deberán facer uso do equipamento EPI para coronavirus.
O protocolo recolle os criterios a cumprir polos acompañantes/visitas dos pacientes e usuarios en diferentes ámbitos, como son: as unidades de hospitalización convencional;  as UCI; en Urxencias; nas consultas externas, no acceso aos hospitais de día e probas diagnósticas; e nos centros de atención primaria.
No caso das unidades de hospitalización convencionais, permitirase a presencia dunha persoa nas visitas ou acompañamento por cada un dos pacientes ingresados. As visitas serán posible durante os horarios establecidos a tal efecto. Así mesmo, no caso dos acompañantes autorizados (non as visitas), o acompañamento realizarase por unha persoas, que pode alternar con outra, fixándose un número máximo de dúas persoas por paciente, que se alternarán durante a estancia. En calquera caso, soamente poderá permanecer na habitación unha persoa por paciente ingresado.
De tratarse de persoas con infección activa por covid-19, permitirase o acompañamento dunha persoa por paciente, debendo acceder á habitación co equipo de protección individual axeitado para o coronavirus, ademais de prohibirse os desprazamentos a outras unidades hospitalarias ou á cafetería do centro. Neste sentido, non se permitirá o acompañamento por aquelas persoas que teñan síntomas compatibles con covid-19 ou que estiveran en contacto cun caso positivo nos últimos 10 días. Preferiblemente, deberá ser un  acompañante que non pertenza a un grupo de risco (maiores de 70 anos, persoas con patoloxías crónicas ou inmunocomprometidos).
O protocolo subliña que a familia do paciente recibirá información puntual e diaria da súa situación clínica.
Outras das novidades que recolle o protocolo, é que no caso de que un paciente empeore e non estea acompañado nese momento, o Sergas contactará por teléfono cos acompañantes autorizados para informar do cambio producido no seu estado de saúde.
Nas unidades de rehabilitación psiquiátrica e de hospitalización psiquiátrica, permitirase unha visita por paciente ao día, sendo necesario concertar unha cita previa no caso das unidades de hospitalización.
No que atinxe ás Unidades de Coidados Intensivos, desenvolverase o réxime de acompañamentos e visitas ordinario que posuía cada unidade previo inicio da pandemia. No caso de pacientes con infección activa por covid-19, as visitas poderán acceder co equipamento EPI axeitado para o coronavirus.
No referido a Urxencias, aqueles pacientes sen infección por covid-19, poderán estar acompañados por unha persoa en todo momento. Non obstante, no caso de pacientes con infección activa, este acompañamento estará limitado durante un tempo limitado durante o período de observación, debendo o acompañante acceder co equipo de protección individual preciso para o coronavirus; e tendo prohibido os desprazamentos a outras unidades hospitalarias ou á cafetería do centro.
En consultas externas, no acceso aos hospitais de día ou o acceso a probas diagnósticas permitirase un acompañante por paciente, preferentemente convivente, e preferiblemente vacinado (esixirase o certificado covid-19 en hospitais de día oncohematolóxicos e unidades de diálise), ademais de non ter sido contacto nos 10 días previos cun caso positivo, e que non presente síntomas compatibles coa covid-19.
Por último, no caso dos centros de atención primaria, permitirase un acompañante por paciente, sempre que o aforo total das instalacións asegure a distancia mínima interpersoal durante todo o tempo que dure o acto asistencial.
O novo protocolo conxuga o dereito de acompañamento dos pacientes ingresados con medidas que continúan a garantir a seguridade dos usuarios, dos visitantes e do conxunto de profesionais que desempeñan o seu labor no Servizo Galego de Saúde.

Cs esixe ao Goberno local que elimine o termo “minusvalía” das ordenanzas fiscais

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, esixiu esta mañá á Concelleira de Gobernaza, Paula Alvarellos, que elimine o termo “minusvalía” das ordenanzas fiscais e que este sexa substituído por “discapacidade”. Durante a súa intervención Louzao criticou con dureza que o Goberno local modificara recentemente una serie ordenanzas sen actualizar o termo nunha demostración máis do seu falta compromiso social.

“Unha vez máis evidenciaron que a súa ideoloxía queda só en proclamas e nunca pasa ás accións. Non entendemos como un goberno que se enche a boca falando de traballar pola inclusión social é incapaz de ter a sensibilidade necesaria para actualizar un termo coas connotacións asociadas. Cónstanos que a actualización das ordenanzas está a causar malestar en parte do tecido asociativo da cidade pola falta de uso da linguaxe inclusiva. Esiximos unha rectificación inmediata e que volvan ser aprobados os documentos en Xunta de Goberno de novo”, sinalou a edila da formación laranxa.

Louzao criticou que o Goberno local impedira a participación da oposición nesta actualización das ordenanzas fiscais. “Isto sucede por non convocar a mesa de ordenanzas en tempo e forma como en reiteradas ocasións solicitamos desde o noso grupo. Alvarellos, unha vez máis, deixou en evidencia o seu despotismo e a súa forma de entender a política. Nós entendemos as mesas de traballo como un espazo colaborativo onde achegar ideas, o PSOE veo en cambio como un encordio, como un espazo no que quedan expostos e interprétano como unha ameaza. Non queren que participemos porque todas as nosas propostas para baixar a carga fiscal no contexto actual de crise foron rexeitadas desde marzo de 2020 polo PSOE”, asegurou Louzao.

“Pola súa banda o BNG nin se queira lese o que vota en Xunta de Goberno, porque cunha simple ollada á modificación das ordenanzas, o uso do termo minusvalía salta á vista. A competencia entre as dúas formacións do Goberno por amortizar as obras contrasta co seu desinterese polos demais ámbitos da xestión municipal”, sinalou a edila, quen considera que o papel do BNG na nova fiscalidade é máis irrelevante que cando estaba na oposición. “Nin propoñen, nin as súas propostas serían escoitadas, só valen para levantar a man. É incrible que non fosen capaces de alzar a voz ante a negativa do PSOE para baixar os impostos os lucenses ante o actual contexto de crise sociosanitaria”, concluíu.

A Fonsagrada presenta a súa Feira do Butelo que celebrará esta fin de semana

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos a XXV Feira do Butelo da Fonsagrada, que se celebrará esta fin de semana, o 19 e o 20 de febreiro, neste concello da Montaña Lucense.

O presidente do Executivo provincial eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible o butelo, como son os gandeiros e gandeiras, as empresas cárnicas, as distribuidoras e á hostalería do municipio e da comarca da Montaña. “Son empresas que crean emprego e que crean oportunidades no rural, que lle dan vida no presente e que apostan polo seu desenvolvemento no futuro”, subliñou.

O butelo, un estímulo para economía local

O presidente destacou que se trata dunha cita que serve para a “promoción e o estímulo dun produto local que é fundamental para dinamizar a comarca e o rural lucense”, e que nestes tempos de pandemia, dixo, “debemos aproveitar para que o mundo mire máis cara o rural como exemplo de vida saudable e de produción sostible”.

A Feira do Butelo, declarada de Interese Turístico Galego, destaca por ser “unha cita imprescindible para os veciños e veciñas de Lugo, pero tamén para persoas chegadas doutros territorios de Galicia e mesmo de Asturias”, detallou o mandatario provincial. “A gastronomía e o turismo cambian constantemente, por iso é necesario facer o que está facendo o Concello da Fonsagrada: atopar novas formas de poñer en valor aquelo que sempre estivo con nós”, salientou.

Programa

A carpa que acollerá a Feira do Butelo, instalada na Praza do Concello, abrirá este sábado e domingo, de 10:00 a 20:00 horas con 70 postos e 8.000 quilos de butelo. O sábado, ás 12.30 horas, terá lugar a inauguración e unha posterior visita ás instalacións. O domingo, ás 12.30 horas, actuará o grupo de música tradicional Illa Pancha, ás 13:00 horas, será a entrega da distinción Butelo de Ouro, que este ano recae en María del Carmen Asunción Gómez Álvarez e Miguel Ángel Martínez Martínez; e ás 13:30 horas terá lugar actuación da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros.

Sábado, 19 de febreiro
10:00 horas: Apertura da Carpa
12:30 horas: Inauguración oficial
20:00 horas: Peche da carpa

Domingo, 20 de febreiro
10:00 horas: Apertura da Carpa
12:00 horas: Recepción de personalidades
12:30 horas: Actuación do grupo de Música Tradicional Illa Pancha
13:00 horas: Entrega da Distinción “Butelo de Ouro” no Salón de Plenos do Concello
13:30 horas: Actuación da A.C. “Antaruxas e Sorteiros”
20:00 horas: Peche da carpa

O Concello dará visibilidade á reivindicación dunha igualdade salarial proxectando ‘Pago Justo’

O Concello de Lugo, a través da área de Muller e Igualdade, visibilizará a reivindicación dunha igualdade salarial que elimine a fenda entre as retribucións que perciben as mulleres e os homes pola realización de idéntico traballo, unha diferenza dun 20% a nivel mundial. Ademais, son moitas as mulleres que traballan na economía informal ou a tempo parcial, por mor de problemas de conciliación ou por falta de oportunidades laborais.

A edil titular da área de Muller lembrou que a violencia que se exerce contra as mulleres no mundo tamén é económica e un indicador que amosa dita violencia é a fenda salarial, que se viu agravada pola pandemia. Segundo un informe do Foro Económico Mundial terán que pasar 267 anos para que as mulleres conten cos mesmos ingresos, dereitos e oportunidades que os homes, por un mesmo tipo de traballo e nivel formativo.

Por este motivo, a Concellería de Muller e Igualdade programou a proxección do filme Pago Justo, dirixido por Nigel Cole, unha comedia dramática basada na folga que tivo lugar en 1968 na planta de Ford en Dagenham para reivindicar a igualdade de salario entre mulleres e homes e que motivou a aprobación da primeira lei británica a este respecto en 1970. Esta película ten unha duración de 1 hora e 53 minutos e é apta para todos os públicos.

A proxección terá lugar no auditorio do Vello Cárcere, o propio día 22, a partir das 18:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo. Posteriormente haberá un coloquio no que participarán membros do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade.

Tal e como explicou a concelleira, “dende a Concellería pretendemos con esta programación mostrar o noso compromiso con calquera causa que contribúa a eliminar as desigualdades entre mulleres e homes en calquera ámbito da sociedade”.

Investigada unha lucense por un delito de lesións graves por imprudencia profesional

A Garda Civil imputa en calidade de investigada a unha veciña de Lugo, de 51 anos de idade como suposta autora dun delito de lesións graves por imprudencia profesional.

A persoa investigada, no exercicio das súas funcións profesionais, supostamente deixou soa á persoa que coidaba nun centro de maiores, e esta precipitouse por unhas escaleiras de emerxencia causándolle graves lesións.

As dilixencias policiais foron remitidas ao Xulgado de Garda de Lugo.

Protección Civil alerta por forte oleaxe e ventos costeiros en Galicia

A Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior, de acordo coas predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía ( AEMET), alerta por forte ondada e ventos costeiros en Galicia e o litoral cantábrico.

Os fortes ventos costeiros e a ondada afectarán, previsiblemente, a Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco. A maior incidencia espérase nas dúas primeiras comunidades autónomas, onde as ondas poderían alcanzar ata 6 metros.

Recomendacións
Ante ventos costeiros; se se atopa en zonas marítimas, procure afastarse da praia e doutros lugares baixos que poidan ser afectados polas elevadas mareas e ondadas que adoitan xerarse ante a intensidade de ventos fortes. Recoméndase evitar estacionar os vehículos en zonas que poidan verse afectadas pola ondada.

Nestas situacións, o mar adquire condicións extraordinarias e pode arrastrarlle se se atopa nas súas proximidades. Non poña en risco a súa vida diante das imaxes espectaculares da forte ondada.

Lugo pide á Deputación que arranxe a avenida Filarmónica Lucense

O Concello de Lugo vén de solicitar á área de Vías e Obras da Deputación de Lugo que realice certas intervencións á cidade. A través dunha carta, o edil de Infraestruturas solicitou “unha serie de medidas destinadas a mellorar a seguridade peonil, seguindo na liña de traballo posta en marcha polo Goberno de Lugo e apostando por un tráfico máis calmado na cidade”. O edil de Infraestruturas explicou que “trátase de peticións veciñais que chegan ao Concello, e que non podemos solucionar ao tratarse de vías da Deputación”.

Entre as solicitudes que recibiu a Concellería de Infraestruturas, destacan múltiples solicitudes para mellorar a seguridade peonil na Avenida Filarmónica Lucense, onde a veciñanza reclama a renovación dos pasos de peóns existentes, converténdoos en pasos de peóns elevados, a mellora dos accesos ás instalacións deportivas da zona ou a renovación do firme da vía ou da capa de rodadura, moi desgastada polo paso do tempo. Ademais, solicítase a creación dun novo paso de peóns elevado nas proximidades da unión desta rúa coa avenida Alfonso X para crear un itinerario máis seguro e accesible na unión co paso elevado da N-VI.

“Temos constatado a necesidade desta actuación encaixando á perfección co traballo realizado ata agora polo Concello de Lugo”, explicou o titular da área, que engadiu “solicitamos que a área de Vías e Obras da Deputación teña en conta esta solicitude para planificar o traballo futuro”.

O Concello da Pastoriza terá que indemnizar á adxudicataria do SAF por suspender a actividade pola COVID

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo condenou ao Concello da Pastoriza a indemnizar á que en 2020 era a empresa adxudicataria do contrato de axuda no fogar con 21.156 euros polos prexuízos que lle causou a suspensión parcial da actividade entre os meses de marzo e maio dese ano como consecuencia do estado de alarma decretado pola crise da COVID-19.

Na resolución, a maxistrada indica que, durante ese período, a sociedade abonou as nóminas do persoal, a pesar de que “só puido prestar os seus servizos a 13 dos 97 usuarios”. A suspensión, por tanto, “afectou, e de modo extraordinario, á execución ordinaria do contrato, ao alterarse substancialmente o número de usuarios, un dos seus elementos esenciais”.

Polo tanto, neste caso, segundo sinala na sentenza, debe aplicarse o artigo 34.1 do Real Decreto Lei 8/2020, do 17 de marzo, que dispón, entre outras cuestións, que cando a execución dun contrato público quedara en suspenso como consecuencia do estado de alarma, a entidade adxudicadora “deberá abonar ao contratista os danos e prexuízos efectivamente sufridos durante o período de suspensión, previa solicitude e acreditación fidedigna da súa realidade, efectividade e contía polo contratista”.

A xuíza considera “irrefutable” que a propia administración municipal acordou a suspensión parcial da actividade, polo que a adxudicataria carecía da posibilidade de executar o contrato. Ademais, recalca que o prexuízo económico ocasionado á empresa foi “real e efectivo”, á vez que destaca que está “perfectamente acreditado” no informe económico que presentou ante o xulgado.

 

O Concello de Lugo destina 90.000 euros á atención das persoas sen fogar

A área de Benestar Social do Concello de Lugo vén de incrementar en torno a un 15% os fondos destinados á atención das persoas sen fogar que se atopan na cidade. Así, o Executivo local destinará 90.000 euros anuais ao programa municipal Sen Teito posto en marcha pola Administración local e que se desenvolve en colaboración con Cruz Vermella e Alume, con varias liñas de actuación.

A edil titular da área de Benestar explicou que “se ben, un dos obxectivos fundamentais é detectar a persoas que poidan atoparse en situación de rúa, ofrecéndolle os recursos dispoñibles, estes pasan, entre outras prestacións, por unha atención diúrna nas propias instalacións destas entidades, onde poden facer uso – no Caso da Cruz Vermella – de duchas, vestiarios, aseos, cociña e lavandería, e inclúe igualmente a realización de diferentes actividades encamiñadas a adquirir habilidades que favorezan a súa integración”.

A este respecto, a concelleira lembrou que Benestar facilita tamén unha vivenda para o uso transitorio no que persoas en vías de reinserción social e económica reciben apoio e formación para dotarse dos recursos que lles permitan recuperar a súa autonomía.

“A nosa inquietude e dedicación para atallar a vulnerabilidade que sofren estas persoas é máxima e permanente durante todo o ano – non é cuestión de que faga máis ou menos frío – para o que empregamos todos os recursos necesarios de maneira que, agora mesmo, podemos dicir que non hai ningunha situación deste tipo que se atope descoidada a nivel institucional, senón que cada caso é diferente e precisa dunha intervención específica”, asegurou a edil.

Neste senso e, “sendo conscientes da preocupación social que hai entorno ás persoas que viven na rúa, gustaríame primeiro agradecer a sensibilidade da veciñanza lucense pero tamén facer un chamamento cidadá trasladando que se trata dunha problemática moi complexa que cómpre abordar – para que sexa de xeito resolutivo – dende o ámbito profesional, como así o estamos a facer”.

A edil insistiu en que, “actualmente non hai ningún caso desatendido por deficiencias dos servizos sociais ou insuficiencia de recursos públicos, e quero subliñar que resulta de vital importancia permitir o labor que xa desempeñan as entidades sociais, coa aplicación de protocolos e procedementos estritamente técnicos e moi rigorosos, nos que non se debe interferir se o que verdadeiramente queremos é axudar a estas persoas”, sostivo.

De feito, a responsable de Benestar deu conta hoxe de que, durante 2021, o albergue municipal acolleu a un total de 1.201 persoas, 1.011 homes e 190 mulleres, cunha media de ocupación de 100 usuarios/as ao mes.

Dependencias nas que, logo da ampliación realizada, existe capacidade para acoller a máis de 30 persoas ao día e nas que se cumpren escrupulosamente as pautas COVID establecidas, garantindo así a seguridade de todos e todas, incluído a do persoal que atende as instalacións.

Para aquelas situacións nas que sexa preciso ou se considere conveniente, o programa Sen Teito ofrece tamén aloxamento en hostais da cidade.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com