" />

O Concello de Lugo destina 90.000 euros á atención das persoas sen fogar

A área de Benestar Social do Concello de Lugo vén de incrementar en torno a un 15% os fondos destinados á atención das persoas sen fogar que se atopan na cidade. Así, o Executivo local destinará 90.000 euros anuais ao programa municipal Sen Teito posto en marcha pola Administración local e que se desenvolve en colaboración con Cruz Vermella e Alume, con varias liñas de actuación.

A edil titular da área de Benestar explicou que “se ben, un dos obxectivos fundamentais é detectar a persoas que poidan atoparse en situación de rúa, ofrecéndolle os recursos dispoñibles, estes pasan, entre outras prestacións, por unha atención diúrna nas propias instalacións destas entidades, onde poden facer uso – no Caso da Cruz Vermella – de duchas, vestiarios, aseos, cociña e lavandería, e inclúe igualmente a realización de diferentes actividades encamiñadas a adquirir habilidades que favorezan a súa integración”.

A este respecto, a concelleira lembrou que Benestar facilita tamén unha vivenda para o uso transitorio no que persoas en vías de reinserción social e económica reciben apoio e formación para dotarse dos recursos que lles permitan recuperar a súa autonomía.

“A nosa inquietude e dedicación para atallar a vulnerabilidade que sofren estas persoas é máxima e permanente durante todo o ano – non é cuestión de que faga máis ou menos frío – para o que empregamos todos os recursos necesarios de maneira que, agora mesmo, podemos dicir que non hai ningunha situación deste tipo que se atope descoidada a nivel institucional, senón que cada caso é diferente e precisa dunha intervención específica”, asegurou a edil.

Neste senso e, “sendo conscientes da preocupación social que hai entorno ás persoas que viven na rúa, gustaríame primeiro agradecer a sensibilidade da veciñanza lucense pero tamén facer un chamamento cidadá trasladando que se trata dunha problemática moi complexa que cómpre abordar – para que sexa de xeito resolutivo – dende o ámbito profesional, como así o estamos a facer”.

A edil insistiu en que, “actualmente non hai ningún caso desatendido por deficiencias dos servizos sociais ou insuficiencia de recursos públicos, e quero subliñar que resulta de vital importancia permitir o labor que xa desempeñan as entidades sociais, coa aplicación de protocolos e procedementos estritamente técnicos e moi rigorosos, nos que non se debe interferir se o que verdadeiramente queremos é axudar a estas persoas”, sostivo.

De feito, a responsable de Benestar deu conta hoxe de que, durante 2021, o albergue municipal acolleu a un total de 1.201 persoas, 1.011 homes e 190 mulleres, cunha media de ocupación de 100 usuarios/as ao mes.

Dependencias nas que, logo da ampliación realizada, existe capacidade para acoller a máis de 30 persoas ao día e nas que se cumpren escrupulosamente as pautas COVID establecidas, garantindo así a seguridade de todos e todas, incluído a do persoal que atende as instalacións.

Para aquelas situacións nas que sexa preciso ou se considere conveniente, o programa Sen Teito ofrece tamén aloxamento en hostais da cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo