A Deputación de Lugo incluirá nos seus orzamentos de 2027 unha partida para avanzar na integración dos cinco Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) no Consorcio Provincial de Bombeiros, un proceso que deberá abordarse coa Xunta de Galicia, administración coa que comparte a xestión deste organismo.
A proposta provincial contempla a integración de medios materiais e persoais, unha nova estrutura organizativa e a creación dunha mesa técnica para revisar os aspectos administrativos e estatutarios do Consorcio. A Administración autonómica deberá consignar a outra metade do financiamento previsto para a integración.
A iniciativa foi trasladada este xoves aos representantes dos GES nunha reunión na que tamén se abordaron outras medidas para reforzar os servizos de emerxencias na provincia.
Entre elas figura a ampliación do cadro de persoal do GES de Cervo, que pasaría de 12 a 18 traballadores, mediante unha achega económica da Deputación. Ademais, os orzamentos do próximo ano incluirán fondos para redactar o proxecto dun parque comarcal de bombeiros na Montaña, unha zona na que, segundo a institución provincial, existen dificultades para cumprir os tempos de resposta ante incendios e outras emerxencias.
Os representantes dos GES aproveitaron o encontro para formular propostas de mellora do actual modelo de atención ás emerxencias. O presidente da Asociación de Bombeiros de Galicia (Agesga), Julio Rivero, valorou os avances anunciados e expresou o desexo de que a reunión teña continuidade.






