Novas

Localizan, por sexta vez, a unha muller de 41 anos que conducía sen ter sacado o carné

A Policía Local de Lugo intensificou a noite do mércores ao xoves os controis de alcoholemia, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria á condutora dun vehículo que foi detectado circulando pola Avenida das Fontiñas, comprobándose a través das bases de datos policiais, que carece de permiso de conducir por non obtelo nunca, sendo citada para comparecer a Xuízo Rápido.

O vehículo foi inmobilizado e a condutora, de 41 anos de idade, enfróntase a unha pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de doce a vinte e catro meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días.

Dáse a circunstancia que é o sexto delito que se lle investiga a esta condutora por estes mesmos feitos. Axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo interceptárona e aberto dilixencias penais no ano 2009, no 2011, no 2015 e en dúas ocasións no ano 2021, polo que é considerada unha condutora  multirreincidente.

Así mesmo foi detectado un vehículo circulando pola rúa Ramón Piñeiro cuxo condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,46 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a perda de 4 puntos do permiso de condución e inmobilizando o vehículo.

O PP reorganizará o grupo municipal, incluíndo a Mar Carballas como edil

O Partido Popular do Concello de Lugo continúa de loito tralo falecemento do edil da área rural, Manuel López o pasado 24 de decembro. Con todo, a vida segue e o grupo municipal deberá proseguir co seu traballo de oposición durante o vindeiro ano e, polo menos, ata 2023 cando serán as seguintes eleccións.

Así, o partido deberá decidir quen entra no lugar que deixa Manue López. E é que, segundo informan medios locais, Mar Carballas Piñeiro podería ser a elixida para formar parte da corporación municipal. Así, e malia que a integración xa se tiña por feita, onte foi confirmada. O luns, día 3, formalizarase a súa incorporación como edil e tomará posesión en xaneiro.

Con todo, polo momento non se fixo pública a área que ocupará. O voceiro da agrupación, Ramón Carballo reorganizará o organigrama do partido, pois a área rural podería pasar a mans de outro concelleiro e non, necesariamente, de Mar Carballas, malia que entre no lugar de ‘Manolo do Rural’. Así, un edil con máis experiencia ou algún vinculado co mundo rural como Rafael Pérez (veterinario e xefe de industrias agroalimentarias da delegación da Xunta) podería terse en conta para esta área.

Mar Carballas Piñeiro entrou en Nuevas Generaciones e forma parte xa da xunta directiva local e provincial ademáis do comité executivo provincial. É socióloga, conta cun master en Recursos Humanos e, segundo informa un medio local, está terminando estudos de relacións laborais e recursos humanos. Na actualidade traballa nunha asesoría encargada de temas laborais.

Ave, tren!

Gustaríame ter confianza no ferrocarril, pero non me dou convencido de que axiña vaia ser factor importante para o progreso das terras lucenses. Fun viaxeiro de tren antes ca automobilista, cando ir a Madrid era como unha peregrinación laica á Universidade, e a viaxe levaba case medio día. E aínda despois, xa conductor, viaxaba en ferrocarril pola noite para chegar a Madrid e traballar durante o día, volvendo no tren a noite seguinte.

O tren foise anquilosando, e pola mellora de estradas, independencia nas viajes, e aproveitamento do tempo, fomos moitos os que eliximos ser conductores, sen depender de horarios dictados por outros. Pero andando o tempo, os custos dos vehiculos e combustibles, riscos, peaxes de autopistas e os que se anuncian para as autovías, foron facéndonos ver que estabamos a despreciar un medio de transporte que podía ser seguro, barato e rápido. E nesas estamos.

A chegada do Ave a Ourense veu poñer de manifesto o atraso da nosa cidade, xa que de Madrid a Ourense chégase en case o mesmo tempo que leva de Lugo a Ferrol. E a satisfacción de saber que a Galicia sur está perfectamente conectada co resto de España, contrasta coa dúbida de que a alta velocidade veña agora cara a nós cando se supón que vai ter máis forza conectar primeiro con Vigo, dalí a Santiago, Coruña, Ferrol… e Lugo pode quedar a velas vir.

As autoridades lucenses participaron entusiasmadas na chegada do Ave a Ourense, remate dunha obra que levou dexaseis anos. A min, quizais por ignorancia, o feito non me provoca entusiasmo, nin siquiera confianza. Eso si: ardo en desexos de ter que rectificar a miña postura.

Cs cualifica de “perigosa fuxica cara adiante””que o Goberno diga que non se terá que pagar indemnización polo Garañón

A portavoz municipal de CS, Olga Louzao, cualifica de “perigosa fuxida cara adiante” que o Goberno local afirme agora que non se terá que pagar en concepto de indemnización polo asunto Garañón. Louzao mostrouse decepcionada pola actitude sostida por Paula Alvarellos durante o pleno, quen, na súa opinión, mentiu descaradamente a todos os lucenses co único obxectivo de salvar o mandato socialista.

“Sen dúbida o sucedido hoxe no pleno responde á estratexia do PSOE e BNG de dilatar o máximo tempo posible o pago da indemnización co obxectivo de non asumir o custo político desta hipoteca, o que suporá unha factura millonaria a maiores en concepto de intereses. A cidadanía debe ser consciente desta laxa económica para o municipio, se o Goberno local ocúltao é o noso labor como oposición, e a dos medios de comunicación locais, facerse eco dun asunto capital para o futuro de Lugo. A hipoteca do Garañón comprometerá os servizos que se poderán prestar aos veciños nos próximos anos. E non é que o digamos nós, senón que existen documentos e sentenzas que así o testemuñan”, asegurou a portavoz da formación laranxa.

Durante a súa intervención no pleno defendendo a necesidade de coñecer os custos derivados da conversión das  torres de Garañón en zona verde, Louzao destacou a necesidade de que se fagan públicas todas as cifras desta operación polo seu gran impacto sobre as arcas municipais.

“É necesario que, non só os grupos deste Concello, se non todos os lucenses coñezan a canto ascenderá, entre outras cousas, cumprir coas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xa que serán os lucenses os que pague pola neglixente xestión levada a cabo polo partido socialista ao longo da última década”, sinalou a edila.

Se de verdade cren que non se terá que pagar nin un só euro en concepto de indemnización póñao por escrito“, instou Louzao a Méndez e Arroxo como responsables de PSOE e BNG.

“É lamentable que Lara Méndez engane aos veciños con anuncios propagandísticos que o único que pretenden é branquear a xestión do seu goberno e dos seus antecesores”, concluíu.

A veciñanza da Milagrosa síntese “discriminada” pola concellería de Infraestruturas

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo vén de denunciar a situación de “discriminación” na que se atopan por parte da Concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo, no que respecto á remodelación do alumeado público.

Segundo describe a asociación, na actualidade, e dende fai un tempo, a veciñanza está a asistir ao anuncio continuado, por parte da concellería, do procedemento de renovación do alumeado público en diferentes barrio da cidade, pero, lembran “non así, no barrio da Milagrosa”.

Unha situación motiva entre a cidadanía do barrio un sentimento de “discriminación”. Matizan, asemade, que o alumeado público da Milagrosa pódese sentir case tan senlleiro como o barrio en si, pois data de fai entre 40 e 50 anos, polo que na actualidade, denuncian os veciños, “se atopa totalmente obsoleto, ademáis de posuír escasa potencia lumínica, en contrapartida ao seu elevado custe e contaminación”.

Dende esta asociación fan fincapé tamén, no feito de que esta situación xa a teñen denunciado en diversas ocasións “sen obter resposta algunha por parte da Concellería competente”.  Asemade, din dende a asociación que a iluminación en case todas as rúas do barrio, especialmente as máis pequenas, é “escasa” e, en moitos caos, tan só está ubicada nun só lado da rúa.

Neste senso, dende a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa solicitan á Concellería de Infraestruturas a renovación integral de toda a zona antigua do barrio da Milagrosa en materia de iluminación e que o faga por luminarias de maior potencia, menos custe e consumo e máis respectuosas co Medio Ambiente.

Aprobada a licitación das obras de creación do Parque Central de Galicia

O Presidente da Deputación de Lugo anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este xoves a licitación das obras para a creación do Parque Central de Galicia por case 1,4 millóns de euros. O proxecto que sae a contratación inclúe un pórtico de entrada visible dende a LU- P-0301, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e dúas fontes, ademais da   iluminación, sinalización e mobiliario urbano.

Con estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 6 meses, cumprirase o compromiso do Presidente de ter finalizado no vindeiro ano 2022 este gran espazo público de lecer e natureza de 45.000 metros cadrados que impulsa a Deputación para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo determinou oficialmente o Instituto Xeográfico Nacional.

O presidente lembrou que, tras adquirir as parcelas necesarias, “no mes de abril presentamos o proxecto do Parque Central de Galicia a toda a sociedade da provincia nun acto  úblico que celebramos en Antas de Ulla, e só uns días despois comezamos xa cos traballos de acondicionamento dos terreos”. Ademais, no mes de agosto arrancaron as obras para a creación dunha zona de estacionamento e a mellora viaria do acceso ao Parque, que teñen un orzamento de 250.000€ e que continúan a día de hoxe.

O Parque Central de Galicia contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-0301. No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na que se levantará un monolito colocado xusto nas coordenadas que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega segundo o Instituto Xeográfico Nacional. Ao lado dereito do monolito, construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monolito, levantarase un edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais e reunións, entre outras.

Tamén está contemplada a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do Parque Central, a sinalización e a colocación dunha serie de mobiliario, como papeleiras de madeira e bancos para poñer a disposición dos veciños e dos visitantes.

O prazo de presentación das ofertas por parte das empresas rematará na primeira quincena de xaneiro. O Presidente subliñou que o proxecto do Parque Central de Galicia, “que se sitúa no mesmo plano que a Granxa Gayoso Castro ou que o Museo e a Finca de Tor”, é unha iniciativa “que fai provincia e que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do noso territorio dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego pola súa capacidade de atracción turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural”.

O Pleno rexeita a construción dun gran aparcamento en Fontiñas

O Partido Popular lamenta que o PSOE e o BNG rexeitasen impulsar a construcción dun aparcamento aterrazado para 500 prazas en Fontiñas. Os populares, que puxeron sobre a mesa esta iniciativa co ánimo de mellorar a mobilidade deste barrio, aceptaron unha enmenda de Cidadáns para estudar a solución de menor impacto visual na execución desta infraestructura. A “sorpresa” chegoulles aos populares cando os membros do Goberno argumentaron que votaban en contra desta idea porque “chegaba tarde sen aclarar en ningún momento cal era a súa alternativa”.

Antonio Ameijide recriminou a pobreza dos argumentos concluindo que a súa oposición a mellorar o aparcamento de Fontiñas “os retrata como un Goberno que antepón os intereses das súas siglas ao dos veciños e veciñas de Lugo”. O vicevoceiro popular concluía que PSOE e BNG “son os do non; os de non escoitar aos veciños, os de non negociar iniciativas de interese público e os do non aos consensos coa oposición traigamos o que traigamos aos plenos” matizando que “ao final quen perde é a cidadanía”.

Os populares tamén recriminaron á alcaldesa que non esixise ao concelleiro responsable de deportes Mauricio Repetto que se disculpase polos “ataques gratuítos” formulados durante a súa comparecencia dirixidos a un edil do PP. O voceiro popular, Ramón Carballo, lamentou que “se lle fose das mans á rexedora o control do último pleno deste ano 2021” e amosou o seu malestar porque “en vez de propiciar consensos permita desvaríos dos seus edís para xustificar a falta de xestión no departamento de deportes”.

Os populares esperan que “polo ben de Lugo o próximo ano, PSOE e BNG, muden de actitude e que o próximo 2022 , por fin, sexan capaces de ver puntos de acordo e non ataques a súa xestión nas proposicións que presentemos para mellorar servizos e infraestructuras no municipio”.

Neste pleno tamén houbo un recordo para Manuel López destacando o seu sosiego e o traballo realizado na zona rural.

Senadores populares instan ao Goberno a explicar as alternativas para a conexión de Lugo coa alta velocidade

A chegada do AVE a Galicia o pasado día 21 foi, sen dúbida, unha gran noticia. Pero, para os lucenses, foi unha noticia que tivo un “perfil desilusionante”, porque o AVE nin chega “nin, por agora, se lle espera en Lugo”. Así  o denunciaron de novo os senadores do PP por Lugo Rosa Arza, Xosé Manuel Barreiro, Manuel Lorenzo Varela e Juan Serrano que volveron preguntar ao Goberno do Estado que planes ten para a conexión da provincia de Lugo co AVE.

Lembran que “o 21 de decembro de 2021 chegou a Galicia a Alta Velocidade ferroviaria, pero fíxoo discriminando e marxinando á provincia de Lugo: o traxecto entre Lugo e Madrid leva máis do dobre de tempo que o traxecto entre Ourense e a capital de España”. Engaden que “a negativa do Goberno central de construír a variante de Rubián e a ligazón de Os Peares supón que o traxecto entre Lugo e Madrid sexa unha hora e media máis longo do que podería chegar a ser se se construísen estas estruturas crave para mellorar a conexión entre Lugo e Ourense.

Os senadores populares por Lugo destacan que “ademais, a falta de frecuencias e os horarios dalgúns traxectos, que non se adaptan ás necesidades dos cidadáns, provocan que os veciños de Lugo non poidan chegar a Madrid pola mañá, co prexuízo que iso supón”.

Os populares queren saber que opcións vai dar o Goberno central aos lucenses para que poidan beneficiarse da Alta Velocidade ferroviaria e por que se negou a construír a variante de Rubián e a ligazón de O Peares a pesar de que recortaría o tempo do traxecto entre Lugo e Ourense nunha hora e media.

Os mesmos senadores interésanse por coñecer que opcións alternativas á construción da variante de Rubián e a ligazón de Os Peares baralla o Goberno central para recortar a distancia entre Lugo e Ourense. Preguntan se o Executivo central considera “que os veciños de Lugo son cidadáns de segunda e non merecen poder gozar da Alta Velocidade ferroviaria? Tamén preguntan por que, ao igual que ADIF, está empeñado en marxinar a Lugo en materia ferroviaria, tendo en conta de que é a única capital galega que non conta con conexión con Madrid a través da Alta Velocidade.

Detectado un positivo na Residencia de Trabada

A Deputación de Lugo vén de informar da detección este xoves dun caso positivo por COVID-19 dunha persoa usuaria do Centro de Atención a Maiores de Trabada nun dos cribados periódicos con test de antíxenos que a institución provincial realiza cada 48 horas a todos os residentes dos sete centros de maiores que ten en funcionamento na provincia.

A totalidade do resto de usuarios e traballadores da residencia de Trabada deu negativo nas probas, que se repetiron na xornada de hoxe. Tendo en conta isto e que a persoa contaxiada deu positivo tras a saída do centro que fixo polo Nadal, todo apunta a que a orixe do contaxio está fora da residencia. A usuaria, que xa seguía as medidas preventivas establecidas pola Deputación para as saídas de Nadal, non presenta síntomas e atópase illada dende o momento no que deu positivo.

A realización de cribados periódicos cada 48 horas está recollida nos rigorosos protocolos que aplica a Deputación dende o inicio da pandemia, sempre por riba das obrigas establecidas polas autoridades sanitarias, co fin de garantir a máxima rapidez na detección e a contención da COVID-19 nas residencias.

Por outra banda, a Deputación informa de que o HULA comunicou ao Centro de Atención a Maiores de Pol que unha persoa usuaria que foi trasladada ao centro hospitalario por unha patoloxía crónica non vinculada co coronavirus deu positivo en Covid-19 unha vez ingresada no hospital. Esta persoa está na planta Covid do HULA e non presenta síntomas. Para previr calquera risco, a Deputación decidiu realizar entre onte e hoxe dous cribados con test de antíxenos aos usuarios e usuarias e ao persoal da residencia de Pol, resultando ser todos negativos. Aínda así, para extremar as precaucións, realizarase mañá venres un cribado con probas PCR entre toda a comunidade do centro.

A Deputación de Lugo continúa coa súa política de máxima transparencia e de resposta inmediata con cribados ante calquera caso positivo ou sospeitoso de selo para protexer a saúde dos traballadores e traballadoras da institución, así como dos usuarios e usuarias dos servizos públicos que ofrece, e de todas as persoas que acceden ás dependencias provinciais, garantindo, ao mesmo tempo, a continuidade e a normalidade na prestación dos servizos.


Imaxe de arquivo: inauguración residencia Trabada

Cervo homenaxea aos traballadores municipais que se xubilaron nos dous últimos anos

Na mañá de hoxe o Concello de Cervo homenaxeou a dous traballadores xubilados ao longo do 2020 e 2021. O ano pasado a situación derivada da pandemia propiciou o aprazamento de dita celebración.

Os traballadores agasallados pola súa xubilación foron Eulogio Vázquez Méndez e María Divina Trasancos Cabaleiro. Ambos recibiron das mans do alcalde, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, unha figura institucional do Concello. Así mesmo, tamén se lle fará entrega da figura institucional a María Carmen Moscoso Cancio e María Pura Pico López, traballadoras municipais xubiladas nestes últimos anos, que no día de hoxe non puideron acudir.

Durante o acto, o alcalde, Alfonso Villares, tivo palabras de eloxio e recoñecemento para os homenaxeados e encomiou a súa labor e entrega durante os moitos anos nos que formaron parte da plantilla do Concello de Cervo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com