" />

Senadores populares instan ao Goberno a explicar as alternativas para a conexión de Lugo coa alta velocidade

A chegada do AVE a Galicia o pasado día 21 foi, sen dúbida, unha gran noticia. Pero, para os lucenses, foi unha noticia que tivo un “perfil desilusionante”, porque o AVE nin chega “nin, por agora, se lle espera en Lugo”. Así  o denunciaron de novo os senadores do PP por Lugo Rosa Arza, Xosé Manuel Barreiro, Manuel Lorenzo Varela e Juan Serrano que volveron preguntar ao Goberno do Estado que planes ten para a conexión da provincia de Lugo co AVE.

Lembran que “o 21 de decembro de 2021 chegou a Galicia a Alta Velocidade ferroviaria, pero fíxoo discriminando e marxinando á provincia de Lugo: o traxecto entre Lugo e Madrid leva máis do dobre de tempo que o traxecto entre Ourense e a capital de España”. Engaden que “a negativa do Goberno central de construír a variante de Rubián e a ligazón de Os Peares supón que o traxecto entre Lugo e Madrid sexa unha hora e media máis longo do que podería chegar a ser se se construísen estas estruturas crave para mellorar a conexión entre Lugo e Ourense.

Os senadores populares por Lugo destacan que “ademais, a falta de frecuencias e os horarios dalgúns traxectos, que non se adaptan ás necesidades dos cidadáns, provocan que os veciños de Lugo non poidan chegar a Madrid pola mañá, co prexuízo que iso supón”.

Os populares queren saber que opcións vai dar o Goberno central aos lucenses para que poidan beneficiarse da Alta Velocidade ferroviaria e por que se negou a construír a variante de Rubián e a ligazón de O Peares a pesar de que recortaría o tempo do traxecto entre Lugo e Ourense nunha hora e media.

Os mesmos senadores interésanse por coñecer que opcións alternativas á construción da variante de Rubián e a ligazón de Os Peares baralla o Goberno central para recortar a distancia entre Lugo e Ourense. Preguntan se o Executivo central considera “que os veciños de Lugo son cidadáns de segunda e non merecen poder gozar da Alta Velocidade ferroviaria? Tamén preguntan por que, ao igual que ADIF, está empeñado en marxinar a Lugo en materia ferroviaria, tendo en conta de que é a única capital galega que non conta con conexión con Madrid a través da Alta Velocidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo