Novas

O Presidente da Deputación analiza o acordo de Alcoa, con Reyes Maroto e os alcaldes da Mariña

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves en Santiago nunha reunión coa Ministra de Industria, Reyes Maroto, alcaldes e alcaldesas da comarca da Mariña e o titular da institución provincial da Coruña, Valentín González Formoso, un encontro no que se analizou o acordo asinado pola multinacional Alcoa e os traballadores da factoría de San Cibrao co compromiso de que non haxa despidos.

José Tomé valorou a capacidade de mobilización dos traballadores e das administracións. “Conseguiuse sentar a negociar a unha empresa que, nun primeiro momento, non quería facelo”. Para o Presidente da Deputación de Lugo, o feito de ter chegado a un acordo “apoiado por ampla maioría da masa social dos traballadores é positivo. Outra cousa é que sexa o mellor acordo posible. En todo caso, como dixo o alcalde de Foz, é o mellor posible neste momento, nestas circunstancias”.

O acordo contempla o apagado das cubas por un período de dous anos, para reiniciar a produción de aluminio no ano 2024, así como un investimento de 90 millóns de euros na planta de aluminio. “En todo caso, teremos que estar vixiantes, e así se comprometeu facelo o Ministerio de Industria, para que Alcoa cumpra punto por punto o pactado cos traballadores e se recuperen as cubas no momento de facelo”, asegurou José Tomé.

Na súa opinión, a multinacional americana “non xogou de boa fe, non xogou claro neste proceso”, e aludiu ao acordo para subministro de enerxía eléctrica acadado por Alcoa coa empresa Greenalia para o período 2024-2034. “Alcoa sempre dixo que o problema era o prezo da enerxía e vese que non é certo. Que tiña outros plans, outras estratexias”.

O Presidente sinalou que a Deputación de Lugo vai estar sempre “no apoio ao tecido industrial, aos traballadores, ás familias e tamén ás empresas auxiliares, porque empresas como Alcoa ou Vestas son fundamentais para A Mariña e para a provincia”. Neste sentido, abriu a porta algún tipo de colaboración, “que haberá que valorar”, co Ministerio de Industria.

O mandatario provincial insistiu na necesidade de que a Xunta de Galicia presente “un plan de reindustrialización para A Mariña, porque a comarca ten que contar cunha estratexia global para reverter o proceso de perda de actividade empresarial, e é a Xunta a que ten as competencias en industria”.

O TSXG autoriza prohibir as reunións de non conviventes entre as tres e as seis da madrugada

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prohibir as reunións entre non conviventes, en espazos públicos e privados, entre as tres e as seis da madrugada, en toda a comunidade autónoma, desde as 00.00 horas do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do próximo 18 de xaneiro. A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo tamén permitiu á Xunta ampliar a todo o horario de apertura o requisito de presentar o certificado de vacinación ou de proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos establecementos hostaleiros. Os xuíces entenden que a adopción destas medidas está xustificada polo “relevante risco” de transmisión da COVID-19 existente nestes momentos en Galicia.

O tribunal destaca no auto, notificado hoxe, que as medidas implican a restrición, “en grao mínimo”, de dereitos fundamentais, en relación “á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde”. Os maxistrados lembran que continuamos “nunha situación epidemiolóxica que determina un risco de transmisión do virus crecente, acentuada polo avance na prevalencia da variante Ómicron”. Ademais do “dano intrínseco” que está a ocasionar na poboación afectada, o TSXG advirte de que “ocupa progresivamente maiores recursos do sistema público de saúde de Galicia”.

Na resolución, os maxistrados fan referencia a estudos científicos que tiveron en conta á hora de ditar outros autos relacionados con medidas sanitarias que implican limitación ou restrición de dereitos fundamentais, pois aseguran que o informe remitido nesta ocasión pola Xunta de Galicia se atopa “completamente orfo de identificación dos informes e estudos que se empregan como base das afirmacións nel recollidas”. Os xuíces advirten ao Goberno galego que existe “ausencia de motivación na petición das medidas solicitadas”, o que lles obrigou a recorrer ao contido das súas anteriores resolucións, “única forma de verificar se as medidas propostas resultan idóneas, necesarias e proporcionadas”.

Dereito de reunión

En canto á prohibición de reunións entre non conviventes entre as tres e as seis da mañá, o TSXG subliña que se trata dunha restrición ao dereito de reunión que “non é absoluta”, porque “está vixente o dereito para persoas conviventes e acompáñase dun importante número de excepcións que o manteñen, por razóns laborais, sanitarias ou doutra índole”. E, ademais, recalca que se restrinxe durante o tempo “que habitualmente se emprega de forma maioritaria para o descanso nocturno”. Por estas dúas características, considera que “se pode falar dunha limitación tenue do dereito, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo”.

A Sala tamén considera que concorre a proporcionalidade entre o ben para protexer -a saúde pública- e o sacrificio do dereito de reunión debido ao empeoramento da situación epidemiolóxica na comunidade. Así, sinala que da “evidencia científica” dos informes que foron analizados pola Sala e que constan nas súas anteriores resolucións, inférese “a eficacia da medida proposta” para conter a transmisión do virus. Ademais, asegura que “non existe forma non farmacolóxica menos invasiva de conter a expansión do virus que limitando o número de persoas reunidas, circunscritas, no caso de autos, a un período horario que atenúa moito o sacrificio do dereito de reunión”.

Dereito á intimidade e á igualdade

En canto á ampliación da esixencia de presentar o certificado COVID-19 durante todo o horario de apertura dos locais, o TSXG sinala no auto que a medida pode supoñer, como declarou o Tribunal Supremo nunha sentenza do pasado 14 de setembro, “a limitación tenue dos dereitos fundamentais á intimidade e á igualdade, pola concorrencia coa necesidade dunha forte salvagarda dos dereitos á vida, á integridade física e á propia saúde”.

A Sala entende que esta extensión no horario -ata o de agora só se requiría a partir das 21 horas- dotará “de máis eficacia” á medida, pois “a situación de risco que se evidencia á hora de quitar a máscara para comer ou beber non é distinta en función da hora do día en que se produce”. O TSXG considera que a ampliación do control de acceso a todo o horario de apertura “non supón un sacrificio adicional substancial de dereitos que mereza unha ponderación diferente á xa realizada”.

Xolda e Schola Gregoriana Lucensis soaron esta tarde nas rúas do centro de Lugo

A Coral Polifónica Xolda e Schola Gregoriana Lucensis actuaron esta tarde nas rúas céntricas de Lugo, dentro do programa Cantos de Nadal organizado pola Deputación.

Cun repertorio adaptado a estas datas, con panxoliñas e outras pezas populares vinculadas ao Nadal, as dúas agrupacións lucenses atraeron a atención das persoas que paseaban polas  rúas da Raíña,  Progreso ou pola contorna da Praza Maior.

A programación, na que tamén participan a Asociación Músico Vocal Xeada, Conxunto Vocal Lugh, Orfeón Xoan Montes, Orfeón Lucense, Ecos do Miño, o Coro de Amigos do Camiño de Santiago e Cantar Delas, continúa ata o vindeiro 7 de xaneiro.

Reixtro Civil

O Xulgado divide a peza principal da operación Pokemon en 33 causas

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo acorda, tal e como decretou a Audiencia Provincial, que a peza principal da operación Pokemon, relacionada co grupo Vendex, se divida en 33 causas, debido a que entende que carecen de conexión entre elas. O instrutor indica no auto que, tal e como sinalou o alto órgano xudicial provincial, “non pode pivotar a conexión das diversas causas en que en todas elas interveña o mesmo grupo empresarial, cando as operacións que se tachan supostamente de ilícitas teñen destinatarios ou colaboradores diferentes”. A Audiencia tamén advertiu no auto que agora executa o instrutor da “práctica imposibilidade de abarcar nun só procedemento o axuizamento de máis de 250 investigados ou as múltiples tramas, que supoñerían a inoperancia do xuízo”.

Por iso, o Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, nun auto contra o que cabe presentar recurso, decreta que se deduzan testemuños da causa en canto a cada un dos 33 feitos presuntamente delituosos para a súa remisión ao Xulgado Decano de Lugo a fin da súa repartición entre os xulgados de instrución.

Na causa, segundo consta na resolución notificada hoxe, investigáronse “uns feitos dos que, a priori, resultaba que o grupo Vendex, a partir das súas contratacións en Galicia, puidese obter beneficios multimillonarios, presuntamente ilícitos, a través de diversas fraudes na contratación pública en distintas localidades de Galicia”. Os investigados, segundo o auto, levarían a cabo, entre outras, “condutas constitutivas doutros varios delitos contra a administración pública, por medio da corrupción supostamente de funcionarios e cargos públicos, mediante, entre outras actividades, entregas de cartos en efectivo, dádivas ou agasallos, contratando persoal recomendado por tales funcionarios ou cargos públicos ou xestionando retirada de multas, mediante doazóns ilegais a partidos, etc.”. En ocasións, ademais, “levouse a cabo un presunto branqueo dos beneficios obtidos de tales actividades presuntamente delituosas”.

Adxudicada a peonalización de Rafael de Vega

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas anunciou que o Goberno de Lugo vén de aprobar a contratación da peonalización da rúa Rafael de Vega. O proxecto da nova zona peonil foi elaborada pola área de Mobilidade e Infraestruturas “mantendo xuntanzas coas veciñas e veciños da zona, contando co seu apoio e tendo en conta as súas necesidades para transformar esta rúa e gañar unha nova zona para o desfrute de toda a veciñanza”, explicou o Tenente de Alcalde.

O Goberno de Lugo adxudicou os traballos a Construcciones Sanle Lugo, que presentou unha oferta por valor de 221.427€ e un prazo de execución de 6 meses.

“Trátase dunha zona con moita poboación pero que non conta con zonas verdes nin peonís amplas”, explicou o segundo edil, que engadiu “con esta humanización conseguiremos un espazo de lecer necesario para a veciñanza ao mesmo tempo que se continuará a traballar na redución de tráfico rodado en toda a cidade”.

O Concello creará unha Ordenanza para regularizar a homoxeneización das terrazas

A alcaldesa de Lugo anunciou esta mañá a creación dunha nova Ordenanza Municipal (de carácter non fiscal) que regulará a homoxeneización das terrazas de hostalaría. “Un documento no que quedará recollido o marco normativo polo que pasará a rexerse a colocación deste tipo de instalacións tanto no que ten que ver coas zonas autorizadas para ese fin, como o rango de dimensións que poden ter, e mesmo os materiais que se deben empregar co fin de acadar unha harmonización estética en toda a cidade”, explicou a rexedora.

En maio de 2020 Concello de Lugo publicou un bando permitindo aos negocios do sector incrementar o tamaño das súas terrazas, ou habilitalas se non as tiñan. “Unha decisión de carácter temporal que sustentamos na necesidade de apoialos economicamente ao tempo que favoreciamos a recuperación dos encontros sociais, dun xeito máis seguro, ao aire libre. Porén e á vista de que imos convivir coa pandemia de xeito prolongado, quixemos adoptar novos mecanismos que, aínda favorecendo a solvencia destes establecementos, teñan en conta de maneira máis rigorosa a necesidade de compatibilizala co dereito que ten a veciñanza de empregar e gozar dos espazos públicos e de facelo sen obstáculos ou barreiras que lles condicionen o paso”, afirmou a primeira edil da cidade.

A alcaldesa avanzou que o texto comezará a redactarse inmediatamente “co obxectivo de que entre en vigor canto antes e durante o 2022 xa sexa posible apreciar o impacto positivo que esta unificación de criterios terá sobre a imaxe da capital, diminuíndo alén os condicionantes que este permiso provisional supuxo para a mobilidade urbana”, engadiu.

A rexedora trasladou esta mañá a iniciativa aos representantes da Asociación Provincial de Empresarios de  Hostalería e Turismo cos que mantivo un encontro. “Un dos moitos e frecuentes contactos que, de xeito permanente, mantemos co sector para estar ao tanto das súas necesidades e demandas”, sostivo.

Xunto a isto, a alcaldesa avanzoulles tamén que durante o vindeiro exercicio o Concello de Lugo lles manterá a exención da taxa por ocupación de vía pública, para o que será preciso incorporar a correspondente modificación na Ordenanza fiscal.

“Trátase de apostar pola viabilidade destes establecementos, pequenas e medianas empresas que xeran emprego na cidade, das que dependen moitas familias lucenses e para as que continúan as incertezas debido ás oscilacións que sofre a pandemia e que obrigan á imposición e retirada constante de restricións. Ante o contexto actual, de preocupación pola entrada dun novo gromo e o incremento dos contaxios manteremos esta medida, que será revisable e poderá reverterse durante o ano, en función do devir da crise sanitaria”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora puxo en valor o esforzo de empresarios, autónomos e particulares na contención do virus, a súa afouteza para asumir as limitacións que vai impoñendo a COVID e, nese sentido, pediu á veciñanza que manteña o bo comportamento amosado ata agora “nun exercicio de responsabilidade individual e colectiva que, en datas tan sinaladas coma esta, debemos incluso incrementar polo ben de todas e todos. Dende a Administración local somos coñecedores do esgotamento xerado polas dificultades que estamos a atravesar e, por iso, dende o Executivo estamos a habilitar mecanismos que permitan conciliar a supervivencia e o beneficio empresarial co coidado da cidade sempre en prol do interese xeral”, concluíu a rexedora.

O Concello de Cervo fixo entrega as axudas para as ANPAS dos centros escolares

O Concello de Cervo, da man do rexedor Alfonso Villares e da edil de Educación, Dolores García Caramés, entregou no día de hoxe as axudas dirixidas ás ANPAS dos centros escolares do municipio -CEIP de Cervo, CEIP Península da Paz e IES Marqués de Sargadelos-.

Tal e como sinalou o alcalde, Alfonso Villares, “o fin desta liña de axudas é o de contribuír a fomentar as actividades educativas e lúdico-culturais que promoven as asociacións de pais e nais ao longo de todo o ano e que van dirixidas a dinamizar a escolarización, ademais de brindarlles unha axuda económica para que poidan facer fronte aos seus gastos de funcionamento”.

Villares apuntou que “estas axudas forman parte dunha partida orzamentaria de 7.500 euros que dende o Concello diriximos á comunidade educativa tanto para a compra de libros e material escolar como para transporte”.

Monterroso renova totalmente os seus dous parques infantís

As nenas e os nenos de Monterroso xa poden desfrutar de dous espazos totalmente reformados. A actuación consistiu na reforma dos parques infantís da Praza Antonio Rojo Losada e Conselleiro Fernando Salgado.

No parque infantil da Praza Antonio Rojo Losada, retirouse o valado existente en mal estado, os xogos existentes e o pavimento de baldosa de caucho endurecido polo paso do tempo. Ademais retiráronse as travesas de madeira perimetrais rotas e deterioradas para colocar unhas novas na parte Oeste do parque para correxir a pendente de  maneira que as augas non penetren no parque e xeren as humidades que existían ata agora.

Colocáronse novos xogos certificados según a normativa vixente, valado novo metálico e pavimento de caucho continuo novo para obter a certificación pertinente de homologación do parque. Modificouse a entrada e eliminouse a diferencia de cotas que había para facer un espazo inclusivo e sen barreiras arquitéctonicas facilitando así o acceso a tódolos nenos e nenas de Monterroso.

O parque infantil da Praza Conselleiro Fernando Salgado ampliouse para aproveitar mellor o espazo disponible e colocar xogos para tódalas idades e facer tamén un espacio inclusivo e sen barreiras arquitéctonicas. Retiráronse tamén os xogos existentes, o pavimento deteriorado e o valado existente. Esta reforma integral achegou novos xogos, algúns adaptados que abranguen distintas idades e un cambio total do pavimento amortiguador cumplindo o conxunto ca lexislación vixente.

En ambos espazos colocáronse bancos e dispensadores de xel hidroalcólico. Dende o equipo de goberno mostran a súa inquedanza por mellorar constantemente a calidade de vida dos veciños e fomentar a natalidade e por iso están levando a cabo políticas deste calado.

Asemesmo segundo destaca a alcaldesa, Rocío Seijas, xa se está traballando no proxeto dun novo espazo interxeracional cun parque infantil cuberto adaptado a tódalas idades para que os nenos podan desfrutar incluso cando as inclemencias meteorolóxicas non permitan o uso ao aire libre. Sinala que se creará un espazo interxeracional no que nenos e adultos establecerán sinerxias e interaccionar e que se prevén levar a cabo no próximo ano.

O PP levará ao último pleno de 2021 a comparencia de Repetto

Xornada de pleno mañá en Lugo e xornada na que o edil titular da área de Deportes, Mauricio Repetto, deberá comparecer, a petición do PP, para explicar os motivos que “puxeron en risco” a homologación da pista do Palomar. Dende o Partido Popular lamentan “a falta de transparencia e as continuas trabas postas polo responsable desta área para acceder á información que afecta as áreas que coordina”.

Neste caso, en opinión dos populares, semella que a advertencia de que se corría o risco de perder esta homologación surtiu efecto e o Goberno local “puxo remedio ao problema”. Dende o Partido Popular piden ao concelleiro de deportes que “non actúe coa oposición á defensiva” engadindo que “é moito máis positivo para os veciños e veciñas de Lugo que en vez de reaccionar de forma hostil contra o PP dedique este esforzo a solucionar os problemas que detectamos e denunciamos de forma pública”.

Outras mocións

Noutro senso, o Partido Popular leva ao pleno de mañá unha proposta para estudar a construción dun aparcamento en Fontiñas.  Así os populares solicitarán ao Concello de Lugo que, previamente a calquera modificación que afecte á mobilidade e ao estacionamento no barrio de Fontiñas, realice o estudo e obras precisas para a construcción dun gran aparcadoiro na Ronda das Fontiñas. O vicevoceiro dos populares matiza que “dito aparcamento debe localizarse na zona máis poboada e comercial do barrio, e como alternativa podería considerarse aproveitar o desnivel do terreo, a continuación do número 129, ou ben na intersección co Carril San Eufrasio (números 99-105)”. Ameijide explica que pola orografía do terreo a parte superior podería quedar a nivel da beirarrúa, permitindo localizar unha gran zona verde cun miradoiro, unha zona de xogos infantís e un parque biosaudable.

José Miñones celebra o acordo maioritario do persoal de Alcoa para traballar no futuro da pranta de San Cibrao

O delegado do Goberno, José Miñones, celebrou hoxe o acordo maioritario dos traballadores de Alcoa para traballar no futuro da pranta de San Cibrao. José Miñones valorou así, esta mañá, o respaldo dado polo persoal de Alcoa á sinatura do acordo negociado coa empresa.

José Miñones anunciou que a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, viaxará mañá, xoves, a Galicia para reforzar o compromiso do Goberno co futuro de Alcoa e a comarca da Mariña.

“Un compromiso co emprego e a actividade industrial desta comarca lucense que sempre mantivo o Goberno”, destacou o delegado, quen agradeceu expresamente a total implicación da Ministra de Industria, Comercio e Turismo e as súas numerosas xestións para salvar os postos de traballo e a continuidade da empresa en San Cibrao.

Miñones indicou que a ratificación do acordo pola plantilla de Alcoa “é a liña que nos permite seguir traballando polo futuro da Mariña” e adiantou que “desde o Goberno manterémonos atentos ao cumprimento das garantías do acordo”.

Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, expresou o seu firme apoio ás traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao, nas últimas horas. Un apoio que chega nun “momento ben complicado” pero no que os propios traballadores tomaron a decisión. Unha solución que, dixo Cajoto, “votada polos traballadores vai ser sempre a mellor”.

“Creo firmemente que a opción elixida é a mellor no escenario actual: hai que facer un seguimento exhaustivo para que a firma cumpra o pactado e a fábrica continúe a producir aluminio nas vindeiras décadas. A multinacional deixou mostras evidentes de que non tiña intención ningunha de vender a factoría e as administracións autonómica e central deben velar porque Alcoa cumpra os novos compromisos e se non é así que se ateña ás consecuencias”, explicou Cajoto.

O presidente da Mancomunidade valora positivamente a vontade dos traballadores expresada co seu voto. Segundo lembrou o alcalde houbo un apoio maioritario ao si, cun 70% de apoios entre o plantel de traballadores e un 63% de votos favorables contando tamén ás empresas auxiliares. “Hai un hastío xeralizado cunha situación que se prolonga no tempo, as familias non poden vivir nunha incerteza permanente”, resaltou.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com