" />
Reixtro Civil

O Xulgado divide a peza principal da operación Pokemon en 33 causas

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo acorda, tal e como decretou a Audiencia Provincial, que a peza principal da operación Pokemon, relacionada co grupo Vendex, se divida en 33 causas, debido a que entende que carecen de conexión entre elas. O instrutor indica no auto que, tal e como sinalou o alto órgano xudicial provincial, “non pode pivotar a conexión das diversas causas en que en todas elas interveña o mesmo grupo empresarial, cando as operacións que se tachan supostamente de ilícitas teñen destinatarios ou colaboradores diferentes”. A Audiencia tamén advertiu no auto que agora executa o instrutor da “práctica imposibilidade de abarcar nun só procedemento o axuizamento de máis de 250 investigados ou as múltiples tramas, que supoñerían a inoperancia do xuízo”.

Por iso, o Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, nun auto contra o que cabe presentar recurso, decreta que se deduzan testemuños da causa en canto a cada un dos 33 feitos presuntamente delituosos para a súa remisión ao Xulgado Decano de Lugo a fin da súa repartición entre os xulgados de instrución.

Na causa, segundo consta na resolución notificada hoxe, investigáronse “uns feitos dos que, a priori, resultaba que o grupo Vendex, a partir das súas contratacións en Galicia, puidese obter beneficios multimillonarios, presuntamente ilícitos, a través de diversas fraudes na contratación pública en distintas localidades de Galicia”. Os investigados, segundo o auto, levarían a cabo, entre outras, “condutas constitutivas doutros varios delitos contra a administración pública, por medio da corrupción supostamente de funcionarios e cargos públicos, mediante, entre outras actividades, entregas de cartos en efectivo, dádivas ou agasallos, contratando persoal recomendado por tales funcionarios ou cargos públicos ou xestionando retirada de multas, mediante doazóns ilegais a partidos, etc.”. En ocasións, ademais, “levouse a cabo un presunto branqueo dos beneficios obtidos de tales actividades presuntamente delituosas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo