Novas

O Concello aposta pola rehabilitación para fomentar a rexeneración urbana das cidades

A alcaldesa de Lugo lembrou hoxe que o Concello disporá nos vindeiros meses de medio millón de euros (530.061 euros) para sufragar unha trintena de actuacións de rehabilitación no Casco Histórico, logo de que a principios de mes a rexedora asinase a adhesión da Administración local ao programa de Rexeneración e Renovación Urbana, ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2018 – 2021.

Un programa que, nesta convocatoria, a número XVI, disporá de máis do dobre do orzamento con relación á edición anterior e que promoverá, entre financiamento público e privado, un volume de negocio que superará os 1’3 millóns de euros (1.357.142 €) de investimento no ámbito delimitado polo Pepri.

“Dende o Concello de Lugo apostamos pola rehabilitación para fomentar a recuperación urbana das cidades e estamos seguros de que con estas achegas alcanzaremos un triple obxectivo: a dinamización económica da cidade, o incremento da habilitabilidade dos edificios e a mellora, xeral, do parque inmobiliario lucense no que a parámetros de confort e sostibilidade se refire, así como na estética do recinto amurallado o que redundará, á súa vez, na imaxe do conxunto da cidade. Por iso, a nosa intención é ser o máis dilixentes posible e habilitar no prazo de catro meses o procedemento para que as persoas interesasas poidan concorrer a elas”, sinalou a rexedora.

 A alcaldesa de Lugo fixo estas declaracións durante a visita realizada esta mañá, xunto a Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a unha das vivendas que se está a reformar de maneira integral, na rúa Nova, con cargo a estas subvencións (Fase XV) ás que o MITMA destina 386.253 €, a Consellería de Medio Ambiente 99.808 € e a Institución local 44.000 euros.

O delegado do Goberno lembrou a necesaria implicación das comunidades na execución do Plan de Recuperación, “un plan onde falamos de 230 millóns de euros de transferencias directas á Xunta, durante os seguintes 2 anos. O plan de vivenda anterior de 4 anos: 2018-2021 foron 82 millóns de euros o importe que transferimos á Xunta. Hoxe estamos a falar 230 millóns de euros, é dicir triplicamos o importe, na metade de tempo”.

O investimento municipal, segundo recordou a rexedora,  irá dirixido a sufragar xunto ao Goberno Central, parte dos labores de reurbanización que resulte necesario executar de xeito complementario ou para a renovación de servizos – como pode ser o alumeado das rúas, etc  – así como tamén para abordar, en colaboración co executivo autonómico, os custos do equipo técnico de xestión.

José Miñones fixo fincapé que “un plan de recuperación é unha oportunidade, pero tamén é un reto. Temos un reto por diante, con diferentes liñas de actuación sobre estes 230 millóns de euros que transferimos á Xunta e sobre os que non permitiremos que nos aconteza como cos fondos do plan de vivenda 2018-2021, onde descubrimos que a execución non foi como nos gustaría, xa que hai que lembrar que dos 82 millóns de euros que xestionou a Xunta de Galicia, 40 quedaron sen executar e eso non o podemos permitir con este plan de recuperación porque consideramos é unha oportunidade única”.

O procedemento, que será xestionado dende Evislusa, permitirá sufragar intervencións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles, a adopción de sistemas de aforro e eficiencia enerxética ou a mellora da súa accesibilidade.

Ademais disto, o Concello eximirá aos promotores destas actuacións do pago da taxa de servizos urbanísticos e habilitará, para incentivalas, unha bonificación de até o 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras.

O Concello de Antas de Ulla fai entrega da Medalla de Ouro ao Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de Antas de Ulla fixo entrega hoxe da Medalla de Ouro do Municipio ao Servizo de Axuda no Fogar polo traballo levado a cabo durante a pandemia. Trátase dun recoñecemento que foi proposto polo equipo de Goberno e aprobado pola unanimidade da Corporación no mes de setembro do 2020.

O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargado de entregar a distinción, así como coa conselleira de Política Social, Fabiola García, entre outras autoridades.

O Goberno local recoñece así a labor das traballadoras durante a pandemia, unha distinción que estende tamén a todas aquelas persoas que formaron parte do servizo municipal de Axuda no Fogar desde a súa entrada en funcionamento, hai máis de 25 anos.

Ademais de facer entrega da Medalla de Ouro do Municipio, as traballadoras, un total de 48 mulleres que forman ou teñen formado parte do servizo, recibiron un diploma e un obsequio institucional.

Na súa intervención o alcalde, Javier Varela, asegurou que a entrega desta Medalla de Ouro “reivindica o valor do importante, do imprescindible, do día a día e de todos os días. De estar aí con temor, si, pero estar. Sen queixas usando incluso máscaras de sulfatar e outras que arrancaban as orellas”.

Xeriatras e Internistas do Sergas serán o enlace coas residencias de maiores

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta porá en marcha en todas as áreas sanitarias equipos de xeriatras ou internistas para facer de enlace coas residencias. Logo de sinalar que esta nova medida enmárcase na importante reforma na relación entre o sistema sanitario e o social de Galicia, Feijóo anunciou a creación de dúas figuras, un profesional de referencia para cada residente e familia e o xestor de casos  sociosanitarios, que será habitualmente un profesional da enfermaría e que enlazará a atención social e a sanitaria que recibe cada usuario.

Así mesmo, explicou que se está a traballar en cinco avances importantes neste mesmo eido. Por unha banda, a posta en marcha das primeiras unidades de coidados intermedios, para as persoas que necesitan unha atención específica durante un tempo, tras recibir a alta hospitalaria, pero que non deben ingresar nunha residencia. Por outra, o establecemento de vías prioritarias para o acceso ás Urxencias e ao hospital de día para os usuarios, e o establecemento dun “código residencia” para o 061, que identificará as chamadas que proveñen destes centros.

Do mesmo xeito, implantarase a historia clínica electrónica para que o persoal sanitario dos centros de maiores e o da atención primaria e hospitalaria teñan a mesma información. Ademais, estenderase a compra farmacéutica centralizada para que todas as residencia de máis de 90 prazas poidan acceder á medicación sen que o medico de atención primaria deba facerlles a receita. E, por último, será obrigatorio que todas as residencias conten cun plan de continxencia validado pola Xunta.

“Do que se trata é de aprender das leccións que nos trouxo a pandemia e que quede para sempre unha relación directa e fluída entre as residencias de maiores, os centros de atención primaria e os hospitais”, aseverou.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta tamén puxo de manifesto como a esperanza de vida media dos galegos, máis de 83 anos -case 85 no caso das mulleres-, “loa o noso estilo de vida, pero tamén é unha loa ao sistema de atención aos maiores e ao propio sistema de saúde”. Así, e en presencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a importancia de levar os servizos alá onde vive a xente, salientando que o feito de reunir na nosa Comunidade a metade dos núcleos de poboación de toda España supón que calquera proposta de financiamento autonómico deba ter en conta o envellecemento e a dispersión.

Residencia de maiores completa e novo centro de saúde
Todo isto o presidente explicouno durante a súa visita aos apartamentos tutelados de Antas do Ulla, unha  infraestrutura sociosanitaria que vai dar paso a unha residencia completa, pasando de 16 a 58 prazas: “Unha das grandes residencias da provincia de Lugo, con máis persoal e máis emprego”, destacou. Trátase dun investimento do Goberno galego de máis de tres millóns de euros para unhas obras que durarán 18 meses e que comezarán en 2022.

Na mesma liña, Feijóo avanzou outro compromiso adicional da Xunta con Antas do Ulla, en coherencia co que se vén de concretar. Referiuse ao reforzo, reforma e ampliación do centro de saúde do municipio, que triplicará o tamaño do que hai hoxe -de 320 metros cadrados a 850- e para o que xa hai, para a súa licitación, unha reserva de 400.000 euros nos orzamentos de 2022.

Lugo acolle unha nova campaña para a promoción da lingua galega

A campaña Saca o galego que levas dentro, lanzada pola Xunta de Galicia este mes a prol do uso da lingua galega entre toda a sociedade, chega ás cidades de Santiago de Compostela e Lugo. A iniciativa consiste na itinerancia polas catro provincias dunhas estruturas xigantes con espellos nos que os viandantes poden verse reflectidos ao tempo que len a mensaxe Din que a beleza está no interior. E ti gardas unha lingua fermosa! Saca o galego que levas dentro.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou hoxe esta iniciativa que acolle a praza Roxa compostelá ao mesmo tempo que a Praza Maior de Lugo e que, a partir de mañá, se trasladará a Ourense e Pontevedra, onde permanecerá ata o vindeiro día 29. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou unha vez máis “a importancia deste tipo de campañas que promoven e incitan ao uso da lingua propia, especialmente entre os máis novos, para os que resulta unha campaña moi atractiva”.

Na estrutura de espellos figura tamén o cancelo #sacaogalegoquelevasdentro acompañado da mensaxe “E compárteo con orgullo”, que convida a quen o lea a tomar unha foto no espello e compartila en redes sociais, trasladando así a campaña das rúas galegas ao mundo virtual.

Ecoloxistas en Acción denuncia que Augas de Galicia “oculta os impactos da minería nos ríos”

Ecoloxistas en Acción ven de presentar alegacións á proposta de Plan Hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027 (PHGC), que se atopaba en consulta pública desde o pasado 15 de abril. As alegacións sinalan “erros graves” e “omisións” no Plan Hidrolóxico presentada por Augas de Galicia, que ocultan a gravedade dos impactos que a minaría ten sobre os ríos e regatos de Galicia.

Entre as principais eivas do plan, as alegacións evidencian a existencia de valoracións erróneas ou incompletas no relativo ao estado ecolóxico, o nivel de deterioro, a evolución e o cumprimento de obxectivos ambientais para determinadas masas de auga afectadas por explotacións mineiras (Rego do Lourido, o Río Seixo de Landoi, o Rego da Braña Ancha, o Río Brandelos e o Río Pesqueira), incluindo a mina de Landoi, no Vicedo, a mina de Varilongo, en Santa Comba, a mina de Touro ou a mina de San Finx.

En varios casos, Ecoloxistas en Acción deixou en evidencia o xeito en que a localización das Estacións do Programa de Control Operativo non permiten realizar un control axeitado da contaminación procedente de explotacións mineiras, como acontece nos ámbitos de afectación da Mina de Touro, a de Varilongo ou a de San Finx. “A isto súmanse as inconsistencias graves tanto na normativa aplicada como no programa de medidas para mellorar as condicións de explotación e mantemento dos aproveitamentos mineiros”.

En opinión de Ecoloxistas en Acción, na súa actual redacción, o proxecto de Plan Hidrolóxico Galicia-Costa contén erros, omisións e inconsistencias graves, así como obstáculos para a participación e esquecemento de medidas de protección que poderían contribuír á conservación das masas de auga presentes no noso país, o cal supón unha enorme ameaza para ríos, regatos e mesmo a costa que se ve hoxe afectada pola minaría en Galicia.

A organización ecoloxista tamén bota en falta a “inclusión de medidas para democratizar a participación nos órganos de goberno e xestión que deben velar pola adecuada aplicación das medidas do PHGC”, moi en particular do seu Consello Reitor, “no que se ten pechada a porta a unha participación efectiva das organizacións ecoloxistas dun xeito inclusivo”.

Co obxectivo de denunciar “a falta de transparencia” da Xunta de Galicia na autorización de proxectos mineiros altamente contaminantes por todo o país, Ecoloxistas en Acción comezou a campaña “Algo se Esconde”. Só nos últimos anos, a Xunta aprobou proxectos para minas que non foron sometidas a avaliación ambiental, negou a personación no proceso de autorización tanto a organizacións ecoloxistas como a veciños e agochou información fundamental sobre os expedientes, que debería ser pública.

O CiTiUS lanza un videopodcast sobre tecnoloxías intelixentes

O CiTIUS despide o ano 2021 apostando por un novo formato de comunicación, producido na súa totalidade polo centro: o videopodcast Mentes singulares, un novo espazo de opinión, debate e divulgación, nace co obxectivo de impulsar as voces da comunidade científica no ámbito das tecnoloxías intelixentes. O podcast viu a luz recentemente cun primeiro programa sobre supercomputación, que abre a tempada dando a benvida a un invitado de honra: Mateo Valero, fundador e director do Barcelona Supercomputing Center (BSCC- CNS) e un dos investigadores máis reputados a nivel internacional no ámbito da computación de altas prestacións.

Trátase dun formato que ano tras ano vai adquirindo máis e máis relevancia nas canles dixitais», afirman os seus creadores. A innovadora proposta xorde como parte dun proceso de transformación e renovación co que o CiTIUS pretende adaptarse aos novos formatos e medios dixitais: «cremos que era o momento de apostar por unha imaxe máis coherente co contexto actual, dominado polas narrativas transmedia e a linguaxe dixital», explican desde a dirección do centro de investigación da USC.

Información, reflexión e debate
Mentes Singulares non afrontará unicamente o reto de entreter ao público interesado nas diferentes temáticas que se debaterán ao longo da tempada (intelixencia artificial, deseño microelectrónico, realidade aumentada, etc.), senón que aspira a converterse, tamén, nun altofalante de prestixio para a comunidade científica. Para logralo, tomará como punto de partida cuestións de máxima actualidade relacionadas con distintos labores de investigación actualmente activas no CiTIUS.

Cunha duración aproximada de entre 45 e 60 minutos, cada programa reunirá rostros do centro xunto a persoas convidadas do mundo da ciencia, as letras, a cultura ou o mundo da empresa. Os programas organizaranse ao redor de temáticas de interese relacionadas coas capacidades e proxectos que levan a cabo no CiTIUS (aprendizaxe automática, computación avanzada, e-Saúde…) e darán pé ao debate e a reflexión sobre cuestións de actualidade de alto interese social.

Para facilitar o acceso aos contidos e favorecer a versatilidº ad #ante os usuarios, Mentes singulares foi concibido como un produto multicanle, polo que pode seguirse tanto desde a súa plataforma orixinal de vídeo (Youtube) como a través das principais plataformas de consumo de podcasts ( Spotify, TuneIn, iVoox, Google Podcasts e Apple podcasts).

 

O Muvicla organiza unha xornada de divulgación sobre Alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas

O Deputado de Promoción Económica e Social participou hoxe na xornada Alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas organizada polo Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (MUVICLA) nas instalacións de Casa Vázquez, en Trasliste (Láncara), pola colaboración da institución provincial cunha achega de máis de 3.200€.

O deputado destacou a importancia do sector primario para a provincia e sinalou que as actividades agrogandeiras “forman parte da nosa esencia, do que somos, e supoñen unha das máis importantes oportunidades para impulsar o desenvolvemento social e económico, sobre todo do noso rural. E por iso este tipo de iniciativas cobran tanto sentido”.

O Deputado agradeceu e puxo en valor o traballo de MUVICLA pola organización da cita e tamén por “manter un proxecto tan interesante, que pon en valor o noso agro e dá gran visibilidade a Láncara” e sinalou que “nesta senda teredes sempre a man da Deputación tendida, porque ademais das medidas concretas que podamos poñer en marcha e que contan cunha partida moi importante nos nosos orzamentos, cremos que é moi importante traballar preto das entidades; sumando esforzos”.

Nesta xornada participaron expertos de diferentes ámbitos, como Antonio Turiel, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), ou Quico José Ónega, do Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para sensibilizar sobre o futuro da enerxía. A cita contou ademais cunha visita ás instalacións de MUVICLA e diferentes actuacións musicais.

A residencia das Gándaras cumple 40 anos

A conselleira de Política Social, Fabiola García, felicitou hoxe aos traballadores da residencia das Gándaras, que cumpre 40 anos, polo súa atención e coidados durante este tempo aos maiores que alí viven. Achegouse esta tarde ao centro para celebrar con profesionais e usuarios esta data tan sinalada.

Fabiola García puxo en valor a traxectoria do centro e recordou a importancia que ten para a cidade de Lugo, por iso, anunciou que a Xunta de Galicia ten proxectada unha reforma integral para optimizar o equipamento e tamén para adecuala ás bases do novo modelo de residencias.

Así mesmo, a conselleira gabou o esforzo de traballadores e usuarios nos últimos case dous anos facendo fronte á pandemia provocada pola covid-19. Isto permitiu que Galicia fose a comunidade da península que mellor resistiu á chegada do coronavirus.

A Xunta de Goberno aprobará o inicio do procedemento para instalar unha zona pública de baño no Miño

O Executivo municipal aprobará mañá, en Xunta de Goberno, o inicio do procedemento para instalar unha Plataforma de Baño Pública no Parque do Miño.

O anuncio o realizou esta mañá a rexedora, acompañada polo tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente nunha rolda de prensa coa que a alcaldesa quixo iniciar cualificando a xornada de “histórica para Lugo, en tanto este proxecto tamén o é non só como reivindicación cidadá senón como compromiso político”.

“Por fin podemos dicir que estamos a piques de culminar o longo traxecto administrativo ao que obrigaba a creación desta infraestrutura que, mais aló do investimento público que conleva, estamos seguros terá un gran impacto sobre a proxección turística e na dinamización do municipio e, directamente, na calidade da vida da nosa veciñanza ao posibilitar o aproveitamento do río e contribuír a seguir avanzando na segunda gran transformación da cidade na  que os espazos públicos de lecer e socialización ao aire libre adquiren, cada vez, maior protagonismo debido ao contexto sanitario”.

Para a súa comparecencia, a rexedora escolleu o emprazamento no que se ubicará a nova dotación: en pleno cinturón verde da capital, a altura da Tolda de Castela. “Unha localización -segundo explicou – que se considerou idónea, logo das conclusións do estudo de alternativas elaborado e da batimetría realizada”.

A alcaldesa de Lugo avanzou que “o que se pretende é a colocación dunha estrutura flotante, de 64 metros de lonxitude, mediante un sistema modular, que terá carácter temporal xa que estará operativa tres meses ao ano, e que se destinará a zona de baño tanto para adultos como tamén para crianzas”, ao tempo que debullou algunas das súas características técnicas.

“A instalación, inspirada no deseño da exitosa enseada de La Villete de París, estará composta por varias seccións. Por unha banda, unha estrutura superior, que servirá como zona de estancia, repouso e para acceso ás piscinas. Estará construída mediante cubos flotantes debidamente ensamblados e aparafusados, o que lle conferirá unha gran flotabilidad e nulo risco para as persoas usuarias. E, pola outra, contémplase a creación de catro piscinas de distintas características, con superficies útiles de 1’20 m., 0’80 m., e dúas de 0’40 m., cumprindo así coas expectativas en canto a público infantil, xa que cada unha delas estará delimitada para un rango de idade determinado”, afirmou.

As piscinas disporán de fondo, conformado igualmente por cubos flotantes ensamblados e unidos á estrutura superior mediante un sistema de cordas de amarre así como rede de nailon marítimo específica para os laterais das mesmas, permitindo, deste xeito, unha recirculación constante no fluxo de auga e impedindo, ao mesmo tempo, as entradas e saídas polos laterais onde, por outra parte, se adecuarán dúas zonas para que os adultos poidan acceder ao río, xa sen piscina, de maneira segura.

A alcaldesa aclarou tamén que, “ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existentes mentres que se manteñen as debidas condicións de seguridade”.

BNG urxe rexeitar os proxectos eólicos Nordés e Mistral

BNG reclama no Congreso que o Goberno do Estado resolva negativamente o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Mistral, así como a súa infraestrutura de evacuación en Lugo, e do Parque Eólico Nordés, e a propia que afecta á Coruña e Lugo. O deputado do BNG, Néstor Rego, demanda unha planificación coordinada entre executivo estatal e galego, respectando as competencias propias da Xunta de Galicia.

En outubro publicábase a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Mistral de 100 MW- incluída a súa infraestrutura de evacuación- en Lugo, así como do Parque Eólico Nordés de 67,2 MW e a súa evacuación que afectaría a Lugo e A Coruña. Esta solicitude de autorización para a implantación destes novos proxecto vén sumarse aos centos de proxectos que solicitaron implantarse na xeografía galega.

“A caótica e lesiva proliferación de parques eólicos na Galiza evidencia unha falta de planificación enerxética e, de non pórlle freo, suporá a invasión de terreos protexidos e zonas de especial protección, e acabarán situados a escasos metros de vivendas e núcleos de poboación” denuncia o deputado do BNG. De facto, a meirande parte dos proxectos afectan a zonas que non están contempladas no actual plan eólico da Galiza -plan que ficou totalmente obsoleto- e tramítanse, ademais en moitos casos, como proxectos fragmentados de maneira fraudulenta para evitar que se lle apliquen normas de control máis severas. “A Galiza é xa, no momento actual, produtora excedentaria de enerxía procedente de fontes renovábeis, a implantación de máis parques só sirve para incrementar o expolio dos nosos recursos sen recibir beneficio a cambio” destaca Néstor Rego. “Debe apostarse por pequenos proxectos de proximidade, que respecten o medio ambiente, os núcleos de poboación e xeren riqueza no territorio onde se implantan” segue expoñendo, “mais o modelo de macroparques que queren impoñer non é aceptábel”. Ademais a frente segue a defender, para compensar os custos ambientais da produción e exportación, a necesitade dunha Tarifa Eléctrica Galega.

No que ten haber cos proxectos eólicos Nordés e Mistral, cabe destacar que se atopan situados fora das citadas áreas de desenvolvemento eólico (ADEs) contempladas no Plan Sectorial Eólico da Galiza. “A autorización destes parques polo Ministerio incumpriría a normativa autonómica relativa á zonificación do Plan Sectorial Eólico, pois ao  tratarse  dunha normativa de ordenación  do territorio, competencia o executivo galego, o informe da Xunta é vinculante” enfatiza o deputado do BNG. Todo iso fai que o parque eólico proposto sexa inviábel desde o punto de vista legal.

Esta inviabilidade afectaría tamén á “subestación  eléctrica  de Abegondo”. No ano 2016,  foi  publicado  o  proxecto  denominado “Subestación eléctrica de Abegondo 400/220  kV”, porén, aínda que fora sometido a consulta das distintas Administracións Públicas afectadas e das    persoas  interesadas, para a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto  ambiental, o proceso quedou paralizado nese punto,  sen que  chegase a publicarse o estudo de impacto ambiental nin a solicitude  de autorización administrativa. “Chama a atención que se inclúa esta subestación no proxecto cando, debido á paralización do procedemento, descoñécese o seu emprazamento definitivo, a súa viabilidade e excutividade, sendo a promotora a que escolle unha das tres propostas alternativas reflectidas no documento inicial que fora presentado por REE pero cuxos trámites non chegaron nunca a rematarse” resalta o deputado Néstor Rego.

“Así mesmo, estamos novamente ante un estudo incompleto pois non recolle referencia algunha á preexistencia da  LAT de 400  Kv que conecta a central térmica das Pontes de García Rodríguez  coa estación  do  Mesón do Vento no termo municipal de Ordes” subliña o BNG. A infraestrutura de evacuación do parque eólico  Nordés coincide en varios tramos coa citada liña e chega a cruzarse en diversas ocasións coa xa existente cuestión que se ignora no proxecto, o que pon en dúbida a viabilidade do novo trazado.

A implantación destes proxectos terá un gran impacto no medio ambiente, en particular, na flora e a fauna. “Veríanse afectadas de forma severa os hábitats dun total de 194 especies de vertebrados inventariadas, catro peixes continentais, trece anfibios, oito réptiles, vinte e seis mamíferos e ata 143 especies de aves” enumera o deputado, Néstor Rego.

“Debe destacarse a proximidade  tanto dos  parques  eólicos  como das súas liñas de evacuación a distintos núcleos de poboación que se sitúan a menos a menos de 200 metros de distintas vivendas illadas, co que se estaría incumprindo claramente a normativa relativa ás distancias mínimas  a vivendas” afirma Rego. Todos  os  estudos  determinan claramente a incidencia negativa e de intensidade media dos parques eólicos sobre  a  poboación  próxima,  producíndose  contaminación  acústica   e  luminosa. “Representan un grave prexuízo para o benestar e a saúde dos habitantes residentes nas proximidades aos parques e liñas de evacuación, pero tamén para o valor patrimonial dos inmóbeis que habitan e para  as súas actividades  económica” destaca o deputado nacionalista “todo iso terá, en consecuencia, repercusións negativas para a fixación de poboación e o fomento do emprendemento no medio rural”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com