" />

A Xunta de Goberno aprobará o inicio do procedemento para instalar unha zona pública de baño no Miño

O Executivo municipal aprobará mañá, en Xunta de Goberno, o inicio do procedemento para instalar unha Plataforma de Baño Pública no Parque do Miño.

O anuncio o realizou esta mañá a rexedora, acompañada polo tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente nunha rolda de prensa coa que a alcaldesa quixo iniciar cualificando a xornada de “histórica para Lugo, en tanto este proxecto tamén o é non só como reivindicación cidadá senón como compromiso político”.

“Por fin podemos dicir que estamos a piques de culminar o longo traxecto administrativo ao que obrigaba a creación desta infraestrutura que, mais aló do investimento público que conleva, estamos seguros terá un gran impacto sobre a proxección turística e na dinamización do municipio e, directamente, na calidade da vida da nosa veciñanza ao posibilitar o aproveitamento do río e contribuír a seguir avanzando na segunda gran transformación da cidade na  que os espazos públicos de lecer e socialización ao aire libre adquiren, cada vez, maior protagonismo debido ao contexto sanitario”.

Para a súa comparecencia, a rexedora escolleu o emprazamento no que se ubicará a nova dotación: en pleno cinturón verde da capital, a altura da Tolda de Castela. “Unha localización -segundo explicou – que se considerou idónea, logo das conclusións do estudo de alternativas elaborado e da batimetría realizada”.

A alcaldesa de Lugo avanzou que “o que se pretende é a colocación dunha estrutura flotante, de 64 metros de lonxitude, mediante un sistema modular, que terá carácter temporal xa que estará operativa tres meses ao ano, e que se destinará a zona de baño tanto para adultos como tamén para crianzas”, ao tempo que debullou algunas das súas características técnicas.

“A instalación, inspirada no deseño da exitosa enseada de La Villete de París, estará composta por varias seccións. Por unha banda, unha estrutura superior, que servirá como zona de estancia, repouso e para acceso ás piscinas. Estará construída mediante cubos flotantes debidamente ensamblados e aparafusados, o que lle conferirá unha gran flotabilidad e nulo risco para as persoas usuarias. E, pola outra, contémplase a creación de catro piscinas de distintas características, con superficies útiles de 1’20 m., 0’80 m., e dúas de 0’40 m., cumprindo así coas expectativas en canto a público infantil, xa que cada unha delas estará delimitada para un rango de idade determinado”, afirmou.

As piscinas disporán de fondo, conformado igualmente por cubos flotantes ensamblados e unidos á estrutura superior mediante un sistema de cordas de amarre así como rede de nailon marítimo específica para os laterais das mesmas, permitindo, deste xeito, unha recirculación constante no fluxo de auga e impedindo, ao mesmo tempo, as entradas e saídas polos laterais onde, por outra parte, se adecuarán dúas zonas para que os adultos poidan acceder ao río, xa sen piscina, de maneira segura.

A alcaldesa aclarou tamén que, “ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existentes mentres que se manteñen as debidas condicións de seguridade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo