Novas

Actuacións de mellora e conservación de 143 árbores e 38 formacións selleiras incluídas no catálogo de elementos singulares

A Xunta destinará un orzamento de 70.000 euros a actuacións de mellora e conservación, así como de divulgación, das 143 árbores e 38 formacións declaradas como senlleiras e incluídas no catálogo galego destes elementos singulares.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, xunto co delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o castiñeiro de Casa Fragueiro, o último exemplar incluído no catálogo, onde avanzou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as dúas ordes polas que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia.

Recordou que, ao igual que na última convocatoria, existe unha orde destinada ao concellos, dotada con 25.000 euros, e outra polo importe restante, 45.000 euros, dirixida ás persoas físicas ou xurídicas, distintas das entidades locais, ou entidades sen personalidade xurídica, propietarias en ambos casos de elementos incluídos no Catálogo na data de publicación no DOG.

As actividades que poden ser obxecto destas liñas de subvencións son a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno, accións de divulgación e sinalización e a realización de estudos. Estas poderán levarse a cabo desde a certificación de non inicio, emitida polo Servicio Provincial de Patrimonio Natural, ata o 30 de setembro.

Renovado o saneamento da Ponte de Lieiro, en Cervo

O Concello de Cervo está a renovar a rede de saneamento na zona da ponte de Lieiro. O rexedor Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, o concelleiro de Turismo, David Rodríguez e a concelleira de medio ambiente, Mali Méndez, desprazáronse ata a zona de actuación para supervisar as labores de reposición.

A obra pretende substituir a actual rede de saneamento, que é unha infraestrutura onde non se diferencian as augas residuais e pluviais, por unha que diferencie as canalizacións. Deste xeito evitarase que as augas pluviais discorran tamén ata a depuradora, reducindo os custos e favorecendo notablemente o rendemento da mesma. Ademais, renovaranse os tramos de pavimento afectados pola obra.

O orzamento desta actuación ascende a 47.651 euros, financiados na súa totalidade polo remanente das arcas municipais.  Apunta o rexedor Alfonso Villares: “decidimos tomar a decisión de renovar a rede de canalizacións de saneamento da ponte de Lieiro, xunto cos técnicos municipais, porque que nos vai permitir establecer un novo equipamento que logre diferenciar o tipo de augas, conseguindo unha maior eficiencia de recursos e reducindo os custos totais de xeito notable”.

Engade o alcalde que “esta actuación dará un ofrecerá unha mellora substancial na calidade de vida da nosa veciñanza e permitirá renovar unha infraestrutura indispensable no día a día”.

O PP de Vilalba volve solicitar ao goberno local os informes nos que basea a súa decisión unilateral de facer unidireccional a rúa da Pravia

O PP de Vilalba volve pedir ao goberno local os informes técnicos, xurídicos, urbanísticos e de custes das actuacións en relación á unidireccionalidade da rúa da Pravia ao non obter ningún tipo de documentación ren resposta á solicitude realizada no mes de xuño. O Grupo Municipal Popular vén de rexistrar formalmente esta nova solicitude co obxectivo de coñecer polo miúdo as consideracións nas que se basea esta decisión unilateral do goberno local. “Ata o momento non coñecemos ningún informe técnico que avale esa decisión”, advirte a voceira, Sandra Vázquez.

O Grupo Municipal Popular xa pedira “explicacións exhaustivas” e esixira “buscar o máximo consenso posible cos veciños e veciñas de cara á adopción dunha decisión sobre a direccionalidade desta céntrica rúa”. Condenan, polo tanto, “a falta de explicacións por parte do goberno local en todo este tempo, un goberno que vive alleo aos problemas reais dos vilalbeses e vilalbesas”, inciden.

Os populares lembran que “a unidireccionalidade da rúa da Pravia foi implantada de costas aos veciños. De feito, prexudica aos vilalbeses e visitantes e, de forma especial, aos comerciantes da zona; motivo polo que este colectivo -xa prexudicado pola crise derivada da pandemia da covid-19- convocou a concentración deste martes 21 de decembro coa que visibilizar a súa desconformidade con esta situación”.

Culpar a outros para tapar os propios erros
Vázquez considera que “o goberno local non quere ver a realidade da problemática da rúa da Pravia xerada por unha decisión do propio equipo de goberno que prexudica aos veciños e comerciantes”. Así mesmo, lamenta que “pretendan tapar os seus erros e a súa falta de xestión culpando a outros”.

imaxe de stock

Suspéndese o concerto de Marc Seguí tras dar positivo en Covid-19 un compoñente da banda

A área de Xuventude vén de anunciar a suspensión do concerto de Marc Seguí, debido a que un membro da banda deu positivo na proba do coronavirus. Todos os integrantes da mesma están a realizar as probas pertinentes, e atópanse en cuarentena, aínda que ningunha delas presentou síntomas similares ata o momento.

A Covid-19, obrigou a mudar a programación de Nadal 2021 no día de hoxe, estando previsto que esta mesma tarde, ás 20.00 h, Marc Seguí, considerado un dos principais embaixadores do Novo Pop ou do que hoxe en día se considera a Nova Ola dera un concerto no parking do seminario. No seu lugar estarán Las Ninyas del Corro, orixinarias dos barrios de Bon Pastore Sant Adriá de Besós (Barcelona).

Como se esta a informar aos asistentes, aquelas persoas que desexen devolver a entrada, sempre que non haxa sido utilizada, deberán de solicitado o seguinte correo: xuventude@lugo.gal, poñendo o nome e DNI e o número de identificación da entrada

Programación de Nadal 2021 para a Xuventude de Lugo

Las Ninyas del Corro: orixinarias dos barrios de Bon Pastore Sant Adriá de Besós (Barcelona ), Son as netas de aquela emigración andaluza en Cataluña. Amor e loita por bandeira.

Xavibo: caracterízase por ritmos de hip hop, e vén de labrarse un estilo propio moi introspectivo, con letras escritas por persoas para persoas, a través das que plasma o seus sentimentos e emocións.

Babykatze & Marta Toro: veganas ao servizo da pista de baile cunha técnica adquirida nos clubes e macros de electrónica e techno, sorprenden con música urbana, pop e reggaeton, trap ou house, e algún toque de petardeo desvergoñado.

O PP acusa ao Goberno de “ocultar” a paralización dun convenio urbanístico pactado hai 20 anos

O Partido Popular acusa á alcaldesa de Lugo de “intentar ocultar” a paralización dun convenio urbanístico pactado hai 20 anos “polo que foi o seu mentor político” e que ela “tentou executar en septembro de 2020”, día no que se celebrou unha xunta de goberno na que “se acorda a cesión de terreos municipais en Sanfiz a un promotor sen ningún tipo de informe e valoración económina, prescindido total e absolutamente do procedemento legal establecido”.

Segundo explicou o vicevoceiro dos populares Antonio Ameijide “grazas a un informe do interventor municipal, avalado polo Consello Consultivo da Xunta de Galicia, paralizouse o intento da alcaldesa de Lugo de materializar un dos convenios urbanísticos negociados no ano 2001 polo señor Besteiro, cando era concelleiro de urbanismo en Lugo”. Ameijide explica que a rexedora “coa complicidade dos seus socios do BNG” intentaron na Xunta de Goberno celebrada o 16 de setembro de 2020 executar “a permuta duns solares municipais a un promotor lucense, expropietario dos terreos do Garañón, para que edifique neles en contraprestación pola edificabilidade que perdeu cando se decidiu manter o edificio do Sanatorio Portela”.

Os populares rexeitaron e cuestionaron “dende o minuto un a legalidade” desta operación urbanística xa que “carecía de informes técnicos, non había valoración económica nin cálculos do aproveitamento da parcela que se quería entregar”. Ameijide lembrou que socialistas e nacionalistas “adoptaron unha decisión política avalada cos seus votos nun pleno celebrado no ano 2001, e que posteriormente ratificaron en varias xuntas de goberno”. Este convenio co constructor recoñecía a cesión a este promotor unha parcela edificable de 1.200 m2 en Sanfiz”.

Os populares tamén expresaron o seu temor polos perxuizos da paralización deste convenio urbanístico no entorno do Garañón preguntándose “cal vai ser o custe de anular este pacto entre o PSOE e o promotor”.

“É moi preocupante esta nova: primeiro, porque confirma que continuamos coas prácticas do caciquismo moderno e do urbanismo á carta implantado por Besteiro hai vinte anos cando era concelleiro de urbanismo, un modelo que segue implantado hoxe en día pola alcaldesa. En segundo lugar, porque segue subindo a factura que teremos que pagar todos os lucenses como consecuencia dos chanchullos do convenios oscuros negociados por Besteiro e as licenzas ilegais dadas polo PSOE en Lugo”. “Podemos estar diante do segundo capítulo do Garañón, cando todavía non pagamos o primeiro pola licenza ilegal do  PSOE” concluía.

O Concello desminte os feitos

Dende o equipo de Goberno veñen de desmentir estas acusacións cun comunicado aos medios. Segundo explican “é literalmente falso que a Alcaldesa executara, como di o PP, incumplindo a lei, o convenio urbanístico”, xa que foron precisamente os sistemas de control establecidos os que detectaron un expediente administrativo que foi aprobado sen o correspondente informe de Intervención, polo que se subsanou a omisión da función fiscalizadora.

O Goberno explica que esta última aprobación chega tralo ditamen do Consello Consultivo que recolle “que o expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, pola señora alcaldesa de Lugo, tendo entrada o día 29.10.2021”.

Ademáis, di o Concello que no expediente que lle foi remitido ao Consello Consultivo ía, entre outra documentación, un acordo da Xunta de Goberno do 16.9.2020, no que o propio órgano municipal aproba un trámite administrativo para a transmisión da referida parcela en cumprimento dun convenio de execución transaccional do 27.9.2001, tras ser solicitado pola representante da empresa afectada.

Tamén acompaña ao expediente un informe da Intervención Xeral con data 15 de decembro do pasado ano onde deixa constancia “da omisión da función interventora”.

Tras este informe, a Xunta de goberno aproba, en maio deste ano, iniciar o procedemento de revisión de oficio do acordo de transmisión da parcela, unha proba que tamén adxuntan ao expediente igual que fan cos escritos da empresa afectada na que manifesta a súa discrepancia coa revisión de oficio.

Por último, inclúen tamén, os informes posteriores ao trámite de audiencia da empresa afectada do Servizo de Contratación e Patrimonio, de Asesoría Xurídica e do Vicesecretario accidental favorables á declaración de nulidade do acordo de transmisión así como o acordo da XGL do 27.10.21 onde se propón a desestimación das alegacións da empresa afectada e a revisión de oficio.

É dicir, foi a Alcaldesa a impulsora desta subsanación, e de que esta chegase ao Consello Consultivo”, conclúe o Goberno.

Comezan os Cantos de Nadal cunha vintena de concertos de corais nas rúas de Lugo

A Deputación de Lugo deu inicio esta tarde ao programa de Cantos de Nadal cun total de vinte concertos de corais que se realizarán en distintos empramentos ao aire libre ata o vindeiro 7 de xaneiro.  Nesta primeira xornada, foron tres as corais que percorreron as rúas e prazas céntricas de Lugo coas súas voces e con repertorios adaptados a estas datas, que inclúe cantos tradicionais propios ademais de pezas doutras culturas.

As encargadas de comezar o programa foron Cantar Delas, o único grupo coral de voces brancas da provincia de Lugo que agrupa 18 voces femininas dirixidas por Fernando Gómez Jácome. Interpretaron na rúa da Raíña, Quiroga Ballesteros e Praza Maior un conxunto de panxoliñas de distinta procedencia: galega, vasca, francesa, catalana, arxentina ou venezolana.

A continuación, o Coro do Hospital de Lugo, que este ano cumpre 30 anos desde a súa formación, achegou ao público un repertorio con pezas recoñecibles como Adeste fideles, Suite comercial navideña ou Vinde galeguiños.
Para finalizar a primeira xornada de Cantos de Nadal, a Schola Gregoriana Lucensis, dirixida polo musicólogo Nemesio Gutiérrez e formada por 14 coralistas, fixeron gala de pezas como Verbum Caro, Canticorum Jubilo ou Campana sobre Campana, nun percorrido entre a rúa San Pedro e Quiroga Ballesteros.

Ao longo das vindeiras xornadas, sucederanse as actuacións, coa participación doutras agrupacións coralistas. Ademais das citadas, súmanse a esta programación Asociación Músico Vocal Xeada, Conxunto Vocal Lugh, Orfeón Xoan Montes, Orfeón Lucense, Coral Polifónica Xolda,  Ecos do Miño e o Coro de Amigos do Camiño de Santiago.

O Concello aprobará a modificación do PXOM co que descatalogar o edificio de Correos

O Executivo local procederá este mércores á aprobación inicial da modificación puntual 03, non substancial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para proceder á descatalogación do Edificio de Correos, sito ao carón da actual estación do Ferrocarril, logo de que o Goberno autonómico descartase, pese ao acordado inicialmente, levala a cabo a través da aprobación dun informe de interpretación de interese público.

O Servizo de Arquitectura da área de Urbanismo dará traslado, así, á Xunta de Goberno da vindeira semana do proxecto técnico que recolle os cambios a realizar no ámbito territorial da ficha L-m53 do Catálogo de Protección do PXOM no que, de forma errónea, se atopaba incluído o devandito inmoble.

O trámite supón a execución, por parte do Concello, das competencias que este tiña asignadas no convenio de colaboración que mantén coa Xunta de Galicia e o ADIF para posibilitar a construción da Estación Intermodal de Lugo. “Unha infraestrutura tan necesaria como demandada” e que a rexedora, Lara Méndez, recuperou para o debate e a acción política xa durante o pasado mandato.

Trala súa validación polo equipo de Goberno, a Administración local remitirá o documento ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que informe – con carácter vinculante nas materias que sexan da súa titularidade – sobre o mesmo, de xeito previo á súa aprobación inicial, no prazo de dous meses.

A alcaldesa indicou que, acolléndose ás indicacións realizadas dende Patrimonio Cultural, para a redacción do proxecto o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e se estableceron os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.

rala a súa aprobación inicial, o Concello manterá o documento en exposición pública polo prazo dun mes, periodo logo do cal – e da resolución das posibles alegacións que se presenten – o expediente será remitido á Consellería de Urbanismo para que emita informe vinculante. En caso de ser positivo, a Administración local procederá á súa aprobación definitiva coa posterior publicación do acordo no DOG e á remisión dun exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.

binary comment

“A viaxe de Lugo á Coruña en tren dura case tanto como ir de Ourense a Madrid”

O día no que todos os ollos estaban postos na primeira viaxe de Madrid a Ourense no AVE, o portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo acompañado por cargos do seu partido na comarca, realizaron unha viaxe en ferrocarril desde Lugo á Coruña para amosar o tempo que require este traxecto. Á saída, o tenente de alcalde afirmou que “unir Galicia con Madrid está moi ben, pero a verdadeira necesidade das galegas e galegos é unir as cidades e vilas de Galicia, sobre todo as de interior, porque as persoas viaxan maioritariamente, entre Lugo, Santiago e Ourense, cidades que non contan cunha conexión de calidade”.

Os integrantes do BNG subiron ao primeiro tren que une as cidades de Lugo e a Coruña, que saíu ás 8:25 e cuxa duración prevista era de unha hora e 47 minutos. O ferrocarril estivo parado máis de 30 minutos na estación de Curtis, debido a unha incidencia producida por un tren de mercadorías que realizaba o traxecto contrario, o que fixo que o percorrido dende Curtis ata a Coruña se tivese que realizar en autobus. “Este tipo de incidencias son habituais na conexión de Lugo á Coruña”, afirmou o nacionalista, que engadiu “debido a que non contamos con dupla vía, un gran número de frecuencias sofren retrasos, o que unido á falta de frecuencias fai que moitas persoas non opten polo tren como medio de transporte”.

O bus chegou á estación da Coruña ás 11:02, con 50 minutos de retraso sobre a hora prevista, e elevando o tempo total da viaxe a 2:35 horas. “A viaxe de Lugo á Coruña en tren dura practicamente o mesmo que a conexión de Ourense e Madrid”, afirmou o tenente de alcalde á chegada á Coruña, onde afirmou que “en Galicia precisamos dun servizo de cercanías ferroviarias que conecten as cidades e vilas galegas coa mesma calidade que no resto do estado”.

O BNG reclama implantar este servizo en Lugo a través de frecuencias, horarios e prezos adecuados co obxectivo de resolver a mobilidade habitual por medio dun transporte público eficaz e sustentábel como o ferroviario. Ademais, o BNG defende a conexión directa de Lugo e Compostela en ferrocarril, “unha cuestión que se podería resolver con 27Km de vía, conectando Curtis e Ordes e creando un traxecto directo entre Lugo e a capital de Galiza”, explicou Arroxo.

247 atletas de toda Galicia participarán no Campionato Galego Absoluto de Natación de Inverno os días, 28, 29 e 30 de decembro

O Concelleiro de Deportes asistiu no día de hoxe, ao acto de presentación do Campionato Galego Absoluto de Natación de Inverno, que se celebrará os días, 28, 29 e 30 de decembro, na nosa cidade, no que competirán 247 atletas de toda Galicia, pertencentes a 24 equipos. 

Ao acto de presentación do Campionato, no cal colabora o Concello de Lugo dende a área de Deportes, asistiu tamén o Presidente do Club Fluvial, Tito Valledor; o Delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; o Presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño; Moncho Busto, Directivo do Club Fluvial e responsable da sección de Natación así como, Jaime López Rego, director técnico do Club.

 Para o edil de Deportes, “este é un bo broche final para finalizar o ano en materia Deportiva, xunto ca tradicional carreira San Silvestre, que o Club Fluvial organizará o 31 de decembro e que será presentada o vindeiro 27”.

Alibós, mostra de innovación galega en torno á gastronomía

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, gabou hoxe a “constante aposta pola innovación” da empresa Alibós, que vén de implementar un novo proxecto de modernización ao abeiro do programa InnovaPeme, que xestiona a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Arias coñeceu hoxe as instalacións da empresa, situada en Monterroso, da man do xerente, Jesús Quintá García. A compañía, orientada á produción de castaña conxelada e outros produtos alimentarios como puré de castaña ou cogomelos, está a incorporar un plan de innovación para diversificar a gama de produtos, ser máis eficientes dende o punto de vista medioambiental e ampliar a súa presencia en mercados internacionais -aos que xa exporta o 90% da produción de castaña-, entre outros obxectivos.

Así, entre as novidades que introduce este proxecto, que apoia a Xunta con preto de 74.000 euros, figura a creación de novos produtos listos para consumir ou para cociñar. Tamén se busca un mellor aproveitamento dos residuos resultantes de pelar as castañas, como combustible para plantas de biomasa, ingrediente para fertilizantes ou substrato orgánico para compostaxe, ou alternativas tecnolóxicas para que o proceso produtivo resulte máis competitivo e ecolóxico, como a ultraconxelación con CO2.

Igualmente, a empresa traballa en alternativas máis ecoeficientes de embalaxe e estuda o impacto medioambiental do conxunto da súa actividade mediante o cálculo da pegada de carbono. Completan o plan aspectos como a mellora do equipamento con novas técnicas de visión artificial que permiten mellorar a calidade da castaña seleccionada, ou consolidar a estratexia de internacionalización coa vista posta especialmente no mercado xaponés.

Arias subliñou que Alibós “é un claro exemplo de que é posible innovar e ser competitivos a nivel internacional dende o rural lucense e apostando por produtos agroalimentarios locais”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta colaborou coa empresa “ao longo da súa traxectoria, nas súas apostas pola calidade, a innovación e a internacionalización”, apoiando a súa modernización ou iniciativas como a recuperación de soutos de castiñeiros abandonados.

Froito desta colaboración, nos últimos anos Alibós liderou proxectos para o desenvolvemento de produtos alimentarios menos alerxénicos, para potenciar as materias primas galegas ou para poñer en valor os residuos agroalimentarios converténdoos en bioprodutos de alto valor engadido.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com