O Concello aprobará a modificación do PXOM co que descatalogar o edificio de Correos

O Executivo local procederá este mércores á aprobación inicial da modificación puntual 03, non substancial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para proceder á descatalogación do Edificio de Correos, sito ao carón da actual estación do Ferrocarril, logo de que o Goberno autonómico descartase, pese ao acordado inicialmente, levala a cabo a través da aprobación dun informe de interpretación de interese público.

O Servizo de Arquitectura da área de Urbanismo dará traslado, así, á Xunta de Goberno da vindeira semana do proxecto técnico que recolle os cambios a realizar no ámbito territorial da ficha L-m53 do Catálogo de Protección do PXOM no que, de forma errónea, se atopaba incluído o devandito inmoble.

O trámite supón a execución, por parte do Concello, das competencias que este tiña asignadas no convenio de colaboración que mantén coa Xunta de Galicia e o ADIF para posibilitar a construción da Estación Intermodal de Lugo. “Unha infraestrutura tan necesaria como demandada” e que a rexedora, Lara Méndez, recuperou para o debate e a acción política xa durante o pasado mandato.

Trala súa validación polo equipo de Goberno, a Administración local remitirá o documento ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que informe – con carácter vinculante nas materias que sexan da súa titularidade – sobre o mesmo, de xeito previo á súa aprobación inicial, no prazo de dous meses.

A alcaldesa indicou que, acolléndose ás indicacións realizadas dende Patrimonio Cultural, para a redacción do proxecto o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e se estableceron os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.

rala a súa aprobación inicial, o Concello manterá o documento en exposición pública polo prazo dun mes, periodo logo do cal – e da resolución das posibles alegacións que se presenten – o expediente será remitido á Consellería de Urbanismo para que emita informe vinculante. En caso de ser positivo, a Administración local procederá á súa aprobación definitiva coa posterior publicación do acordo no DOG e á remisión dun exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com