Novas

Vilalba concede axudas directas a 182 negocios afectados polos peches derivados da Covid19

O Concello de Vilalba fixo pública a resolución das axudas directas aos establecementos comerciais e de hostalería afectados polos peches obrigatorios derivados da pandemia da Covid-19. Tras os bonos do compra do ano pasado para revitalizar o consumo, o concello optou nesta ocasión polas axudas directas nunha convocatoria de concurrencia competitiva, tras un acordo entre o grupo de goberno e Vilalba Aberta.

O prazo de presentación de solicitudes pechouse con 212 o pasado día 17 de novembro. Tras a súa evaluación, o concello repartirá 236.000 euros en axudas a 182 negocios de diferentes sectores afectados polos peches. “Axilizamos o procedemento para facelo máis rápido e sinxelo, o abono das axudas se fará efectivo antes do 31 de decembro”, explica Marta Rouco, concelleira de Comercio de Vilalba.

O concello porá en marcha nas próximas semanas unha nova liña de axudas, nesta ocasión para autoescuelas, academias de ensino e postos de venta ambulante, entre outros negocios. “Dentro das nosas competencias, temos que facer todo o posible para axudar a todos os sectores afectados pola pandemia do coronavirus, contribuíndo á reactivación da economía”, engade Rouco.

Correos convenia coa Deputación para blindar a prestación de servizos no rural

O Presidente da Deputación de Lugo e o presidente da Sociedad Estatal de Correos y Telégrafos, Juan Manuel Serrano Quintana, asinaron esta mañá na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un protocolo entre a institución provincial e esta entidade para impulsar novos proxectos que favorezan a cohesión territorial da provincia e axuden a loitar contra a despoboación ao facilitarlles que poidan realizar xestións independentemente de onde vivan.

O obxectivo é garantir o acceso aos servizos públicos básicos á poboación rural e de zonas con poucos habitantes nas mesmas condicións que o resto de persoas que viven nas áreas urbanas. A Deputación e Correos traballarán en proxectos que aproveiten a presenza territorial da compañía, que conta con 24 oficinas na provincia, 46 puntos de atención rural e máis de 200 carteiros e carteiras rurais que percorren a diario parroquias e aldeas lucenses.

O presidente do Executivo Provincial explica que “imos ampliar os procedementos administrativos con presenza nas
oficinas de Correos e así achegarnos á veciñanza”. “Estamos ante un acordo importante, que se enmarca na liña de accións impulsadas pola Deputación para garantir o acceso a servizos públicos no rural”, subliña.

Pon o foco, sobre todo, en que “a perda de poboación non pode traducirse nunha perda de servizos porque isto supón incumprir o mandato institucional de igualdade entre toda a cidadanía española, porque se nos escudamos na baixa poboación para xustificar a retirada de servizos, será a falta de servizos a que impedirá recuperar poboación”.

“Con isto facemos accións concretas, que é o que precisa o rural para corrixir as deficiencias que denuncia a veciñanza”, subliña. Nese sentido, inclúe a realización de trámites administrativos como o pago de tributos ou facilitar o cobro de aquelas subvencións ou axudas necesarias. Tamén se poderán pedir tarxetas de transporte, comprar entradas para actividades culturais ou tramitar licenzas, entre outros moitos trámites. A día de hoxe os cidadáns xa poden pagar os tributos da administración provincial en calquera das 2.370 oficinas postais de España.

Este acordo tamén servirá para que naquelas localidades onde as entidades bancarias non teñan oficina, se fixen caixeiros en Correos ou se amplíen os servizos que prestan os carteiros rurais de Lugo a domicilio, como pode ser a entrega de diñeiro en efectivo co servizo Correos Cash.

A CIG advirte de “grave risco” para o futuro da factoría láctea de Outeiro de Rei

A CIG vén de informar que “novamente está a planear a sombra do peche” nas antigas instalacións de Leche Pascual en Outeiro de Rei. A empresa resultante do “experimento fallido” de Alimentos Lácteos e que “naceu amparado polo beneplácito” da familia de Leche Pascual atópase nunha situación límite.

Tegestacín SL, a empresa actual, conta cunha traxectoria dende finais de 2014 ata a actualidade. Veu  compatibilizando diversas actividades de fabricación e transferencia de productos, na actualidade centra a súa actividade no envasado de leite e queixo de untar principalmente, así como na actividade de concentración de leite para outras industrias.

A comenzos deste ano, nunha situación de incertidume, remozouse a Dirección da empresa e con elo deuse maior pulo ó incremento de producto envasado (leite envasado e queixo de untar) o que supuxo que na actualidade a empresa conte cunha plantilla de 75 traballadores.

Malia todo o anterior, a central sindical advirte que a empresa “semella non ser capaz de remontar” a actual situación e a comezos deste mes “precipítase a situación de impago dos salarios pendentes do mes de Novembro á totalidade do persoal”, feito que xa vén de poñerse en coñecemento da Autoridade Laboral. Sen embargo “o feito máis grave e preocupante” acontece durante a mañá de hoxe, cando, segundo denuncia a CIG, se produce o corte do suministro eléctrico á factoría, sen que, ata o intre a representación legal do persoal teña coñecemento ou xustificación algunha por parte da empresa.

Dende a CIG destácase que esta situación precipita a parálise total da producción e pon en grave risco o futuro da empresa e o mantemento dos postos de traballo, do mesmo xeito denúnciase publicamente á empresa pola súa actitude temeraria, de ocultación e obstrucción do seu deber de información e consulta polos representantes legais do persoal, toda vez que esta central sindical é a maioritaria no comité de empresa.

AELU presenta unha nova edición dos premios Son Muller

A  Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) vén de presentar, un ano máis, os premios Son Muller, dirixidos a emprendedoras e empresarias e que teñen como obxectivo fomentar a participación da muller no entorno económico e social lucense. Contribuíndo, asemade, á promoción do traballo destas mulleres a prol da dignificación do rural, como un piar económico da provincia. O Deputado de Promoción Económica e Social participou hoxe na presentación da cuarta edición destes galardóns, que “visibilizan e recoñecen o talento e o traballo que fai medrar á provincia de Lugo, especialmente o rural”.

No acto, celebrado no Salón de Actos do CEI Nodus da capital lucense, tamén estivo presente a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo e Deputada provincial, Ana González Abelleira; a presidenta de AELU, Beatriz Varela Regueira; a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a responsable da zona de Lugo de Abanca, Zaira Dapena Castro.

Rivera Capón sinalou que “a Deputación de Lugo apoia a organización destes premios de AELU, froito da liña de diálogo e colaboración fluída e permanente que mantemos co tecido asociativo e profesional da provincia para impulsar o seu labor”. A Deputación colabora con estes recoñecementos cunha achega económica de 3.500€.

“O traballo das mulleres empresarias e emprendedoras é un piar na dinamización económica da provincia, e resulta fundamental poñelo en valor, máis se cabe na actual situación de crise sanitaria”, explicou o Deputado.

As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar nos Premios Son Muller poden inscribirse ata o 25 de decembro. As bases e a información sobre o certame atópanse en www.empresariaslugo.org ou no 982.22.69.91. Estes premios están destinados a emprendedoras e empresarias lucenses, que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial, e que cumpran coas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

A entrega dos premios ás gañadoras terá lugar nun acto previsto para o vindeiro 29 de decembro.

Colectivos veciñais e sanitarios piden a creación dunha unidade de Ictus no Hula

A Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo e a Plataforma en Defensa da Sanidade e das
Especialidades do Hula, despois de anos demandándoo (desde o 26 de outubro de 2019), queren facer unha nova chamada ao Conselleiro de Sanidade e ao Sergas para a creación dunha unidade de Ictus completa no Hula “nun curto espazo de tempo”.

A través dun comunicado aos medios explican que “como queremos ver vontade para iso”, solicitan de novo que se dote ao Hula dun neuro radiólogo específico para a unidade de Ictus, “como algo básico, que poida axudar na detección do trombo cerebral e que poida atender os casos de trombectomía que de momento son desprazados a hospitais foráneos”.

Lugo non dispón da unidade de Ictus da que, si gozan A Coruña, Santiago (con censo de habitantes inferior a Lugo) Vigo e Pontevedra. “Queremos que se cumpran os requirimentos neste sentido dos profesionais e da OMS”, din.

E é que Galicia sofre ao redor de 10.000 Ictus ao ano dos cales uns 1.200 danse en Lugo e, tendo en conta que Lugo, cunha poboación dispersa e envellecida, pode ser considerada como de alto risco, tanto por mortalidade como por secuelas evidentes da enfermidade, “algo que parece que ao Sergas e á propia Conselleria non lles preocupa do mesmo xeito que aconteceu con outras especialidades tanto en Lugo como en Ourense, pretenden ou buscan a mobilización social para decidir a súa implantación”.

Neste sentido, os Neurólogos de Galicia, piden que o 100 % dos cidadáns galegos, teñan acceso a unha unidade de Ictus e en maior abundancia o Coordinador Hospital Clínico de Santiago, o doutor José Castelo dicía xa hai máis de 10 anos, que todas as provincias galegas debían de contar cunha unidade de Ictus.

A unidade que requiren debe dispoñer dun neurólogo de servizo durante as 24 horas do día (de presenza física hospitalaria) así como un Neuro radiólogo (diagnóstico e tratamento) e un equipo de enfermaría (cunha cociente de 1 enfermeira/ou por cada 4 camas / 24 horas). En canto a recursos materiais esixen unha unidade de camas específicas para Ictus, unha dotación de Monitoraxe neurolóxica e un servizo de rehabilitación especifico.

Ademáis de todo iso, solicitan protocolos de acceso rápido e preferente ao Hospital e acceso a TAC e resonancias de urxencia.

“De non ser atendidas de novo nosas demandas, o noso seguinte paso será solicitar a mediación da Oficina da Valedora do Pobo, que poida requirir un servizo ao que temos dereito”, advirten.

O charco de Ulises, mañá en Lugo

A produción da unidade teatral da Xunta de Galicia O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, está o xoves 9 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, cunha única representación ás 20.30 h.

O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) volve a Galicia tras viaxar a Montevideo, en Uruguai, e a Bos Aires, en Arxentina, e encara as últimas funcións que o están a levar por 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal ata o 12 de decembro.

As entradas para a sesión do xoves poden adquirirse xa a través da web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata tres horas antes da función. Estarán tamén á venda no despacho de billetes unha hora e media antes do inicio.

Tras o seu paso por Lugo, haberá representacións nos concellos coruñeses de Arteixo e Narón, o venres e o sábado. O domingo a montaxe regresa á provincia luguesa para poñerlle o peche en Vilalba á xira, iniciada o 5 de novembro. A derradeira función terá lugar no Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray o día 12, ás 18.00 horas. As entradas están á venda na web entradasvilalba.es e no despacho de billetes da Casa da Cultura.

O clásico de Homero nun contexto galego
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

O Museo de Lugo convida a visitar a sala de cerámica e vidro, máis didáctica e visual

O Museo de Lugo ven de concluír os traballos de reforma e actualización das vitrinas de cerámica e vidro (Sala 20, Primeiro Planta) co obxectivo de facer a visita máis didáctica, accesible, visual e atractiva para todos os públicos.

A intervención consistiu na inclusión de cartelería para identificar as pezas expostas e na colocación de paneis de fondos das vitrinas con debuxos, textos explicativos e fotografías, ademais de substituír algunhas pezas que figuraban na exposición estable por outras da sala.

A actuación, realizada polos departamentos de Belas Artes e Arqueoloxía e Historia coa coordinación de Aurelia Balseiro, mellora a experiencia das persoas visitantes, contribuíndo ao coñecemento e difusión deste patrimonio do Museo de Lugo.

O PP critica que o Concello arrinque árbores para instalar o carril-bici

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, criticou esta mañá a rexedora da cidade por facer “o seu carril bici sen importarlle o prezo nin as consecuencias para a cidade” xa que, segundo denunciou o popular, estes días pode verse como na rúa Germán Alonso hai moitas queixas xa que para a instalación do carril “levaron por diante as árbores da rúa, que se plantaron alí hai máis de 22 anos”.

Unha situación ante a que Antonio Ameijide sinala que semella que “agora é máis importante o carril bici que o Green Vancouver que a alcaldesa sempre tenta vender, pero a realidade é que quitan zonas verdes para poñer formigón na cidade”. “Se este é o Lugo verde do que presumen, mal imos, xa que logo se lles encherá de novo a boca para falar de que fan un edificio sostible, que custou máis dun millón de euros, e un xardín botánico polo que pagan case outro millón máis, pero á hora da verdade arrincan árbores para poñer formigón”, apuntou.

Unha situación que non gustou nada aos veciños da zona, aos que xa non lles convencía moito o trazado do carril bici, xa que provoca a desaparición de preto de 20 prazas de aparcamento nunha zona na que é moi complicado estacionar, pero “a gota que colmou o vaso” foi a retirada das árbores que no seu día se colocaron para humanizar a rúa. Situación semellante se produciu en Río Ulla e Pintor López Guntín.

Na primeira das rúas retiraron os magnolios que levaban anos na rúa para colocar o carril bici, situación que aínda é máis grave en López Guntín, onde ademais de retirar as árbores tiveron que rachar co pavimento e plaquetas que puxeron hai poucas semanas para arranxar os desperfectos que tiña a rúa. Ante esta situación, dende o Grupo  Municipal Popular presentarán preguntas para coñecer o paradoiro destas árbores, xa que “agardamos que se recolocaran noutras zonas da cidade”. A cada paso que avanzan no carril bici queda máis claro que o único que lles importa é construír esta infraestrutura sen importarlles a opinión dos veciños, “cada día máis críticos cun carril bici que non dará servizo e que o único que está a conseguir é a unión veciñal contra este proxecto”.

Ante esta situación, Antonio Ameijide insiste en ofrecer de novo a Méndez a colaboración do PP para estudar a mobilidade sostible da cidade e apostar polo uso da bici, pero sen danar aos barrios, sen quitar prazas de aparcamento e comunicando toda a cidade, en lugar de conectar unicamente 14 rúas do mesmo barrio.

Preparado o dispositivo invernal da Deputación ante a previsión de nevaradas na montaña

A Deputación de Lugo ten preparado o seu dispositivo invernal para garantir a circulación e a seguridade nas estradas provinciais ante a previsión de nevaradas que a borrasca Barra deixará a partir deste martes e durante o mércores sobre todo nas zonas de montaña. O operativo da institución provincial mobiliza 112 operarios e un total de 50 máquinas e dispón ademais de 420 toneladas de sal de mina nos 12 silos que ten distribuídos por toda a provincia.

Nas zonas montañosas da provincia, onde segundo as previsións meteorolóxicas a situación será máis complicada pola neve, a Deputación reforza o seu operativo con dúas quitaneves. En concreto, as máquinas de reforzo servirán para asistir aos concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil.

Hoxe hai aviso laranxa por fortes rachas de vento na comarca da Mariña, en zonas altas e no interior da provincia. Cara ao final da xornada, agárdanse as primeiras neves a partir dos 900 metros. O mércores, as precipitacións en forma de neve continuarán na montaña ao longo de todo o día, aínda que a cota irá subindo desde os 800 metros ata os 1.200 previstos para a noite.

Dos 4.200 quilómetros de estradas, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas.


Imaxe de arquivo

O Goberno local colabora coas asociacións veciñais achegando libros do fondo bibliográfico municipal

O Concello de Lugo vén de abrir unha nova liña de colaboración coas asociacións veciñais, a través da cal Cultura achegará libros procedentes do fondo bibliográfico municipal, e “garantir que toda a veciñanza teña acceso a libros en galego”, segundo explicou a titular da área.

A área de cultura entregará lotes de libros a todas as asociacións veciñais que o soliciten “para ampliar os libros existentes nas coleccións que moitas asociacións gardan nas súas instalacións, e facilitar que as persoas que forman parte delas poidan acceder aos libros editados polo Concello”.

A concelleira de Cultura destacou o gran éxito que tiveron as distintas iniciativas postas en marcha durante este ano para achegar á veciñanza os libros procedentes deste fondo. “Centos de persoas recolleron libros en galego editados polo Concello en datas importantes como o día do Libro, o día das Letras Galegas ou o día dos Museos”, lembrou.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com