" />

O charco de Ulises, mañá en Lugo

A produción da unidade teatral da Xunta de Galicia O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, está o xoves 9 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, cunha única representación ás 20.30 h.

O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) volve a Galicia tras viaxar a Montevideo, en Uruguai, e a Bos Aires, en Arxentina, e encara as últimas funcións que o están a levar por 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal ata o 12 de decembro.

As entradas para a sesión do xoves poden adquirirse xa a través da web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata tres horas antes da función. Estarán tamén á venda no despacho de billetes unha hora e media antes do inicio.

Tras o seu paso por Lugo, haberá representacións nos concellos coruñeses de Arteixo e Narón, o venres e o sábado. O domingo a montaxe regresa á provincia luguesa para poñerlle o peche en Vilalba á xira, iniciada o 5 de novembro. A derradeira función terá lugar no Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray o día 12, ás 18.00 horas. As entradas están á venda na web entradasvilalba.es e no despacho de billetes da Casa da Cultura.

O clásico de Homero nun contexto galego
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo