Tres mestres

Moitas veces teño pensado na vida que terei perdido por non ser mestre, como era a miña intención cando en Vilalba estudiaba a única carreira posible, como non fose acudir ao Seminario. Levoume o vento cara á cultura e a información, e non me pesa, aínda que teño frescas tres recentes experiencias de mestres que me descubriron mundos apaixoantes no ensino.

Un, José Carlos Ulloa, que nos Franciscanos deu unha maxistral conferencia sobre o ensino nos últimos corenta anos, deixándonos abraiados aos presentes coa experiencia cos seus primeiros alumnos, aos que tiña que razoarlles por que había que estudar cando eles, sen estudos, nunha noite de tabaco gañaban máis ca el en todo o curso.

Outro, Javier Vázquez, agora concelleiro de Cultura en Lugo, que cando atende aos nenos que visitan a institución, se transforma no mestre que todos quixeramos ter tido, e conquista aos nenos coa palabra, o humor e o oficio de ensinar.

E outra moi nova, Alba, miña bisobriña, que escolleu Pedrafita como colexio para ensinar e vivir, e recibe a cotío leccións de ruralidade dos seus alumnos que xogan nos recreos a ser gandeiros, coma seus pais, sendo os establos unhas vellas colchonetas que ela coidou que había que tirar porque parecían non valer para nada.

Ulloa díxome que o meu mundo era fermosisimo, e que nel atopaba todo para ser feliz. E é verdade. Pero eu sigo matinando que algo importante me teño perdido cando sei que ao preguntarlle Alba aos seus alumnos que querían ser de maiores, unha nena díxolle con entusiasmo que quería ser vaca.

Ese mundo tan especial, inocente, ledo… de fantasía e ensoños, tiña que ter sido o meu. Magoa!.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com