Novas

O Concello de Foz comezará o 6 de decembro unha campaña de seguridade viaria con control de alcoholemia e estupefacientes

A policía local de Foz realizará unha campaña de seguridade viaria de control de alcoholemia e estupefacientes entre o 6 e o 12 de decembro. A campaña realizarase en distintos emprazamentos e horarios co fin de comprobar que se respecta a normativa en canto a índices de alcoholemia. O alcalde Fran Cajoto informa que esta campaña é posible grazas á cesión da Dirección Xeral de Tráfico dun etilómetro dixital e outro evidencial, dentro do marco de colaboración que ten o Concello co organismo dependente do Ministerio do Interior.

“Cumprindo as directrices da DXT e pensando no risco de atropelos, o Concello vén de rematar esta semana a colocación de novas sinais de limitación de velocidade en todo o casco urbano, quedando fixada en 30 km/h para todas as rúas agás nas que comparten plataforma vehículos e viandantes, como Paco Maañón, nas que a limitación se reduce a 20 km/h. O fin último do Concello é a seguridade de todas e todos, por iso informaremos publicamente desta e outras futuras campañas”-destaca o alcalde Fran Cajoto.

Convocados os certames de arte, poesía, xornalismo e debuxo infantil do Nadal de Begonte

A organización do Belén de Begonte vén de facer públicas as bases para poder presentarse aos certames de arte, poesía, xornalismo e debuxo infantil que acompañan cada ano ao programa que levan a cabo en torno ao Nadal begontino.

Para o certame de Arte ‘José Domínguez Guizán’, a organización conta cun premio de 1.500 euros así como unha estatuíña de Sargadelos. Así, o galardón adxudicarase á obra pictórica que resulte seleccionada polo Xurado calificador, que estará formado por especialistas na materia, xunto con representantes do Centro convocante.

Poderán optar a este premio obras de pintores galegos (nados en Galicia ou residentes habituais), con tamaño máximo de 1,5 m por 1 m, con ou sen marco. Cada autor poderá presentar un máximo de dúas obras, acompañadas dos datos identificativos de obra e autor. As obras, debidamente protexidas para evitar calquera deterioro, serán remitidas –libres de gastos– ao Centro Cultural de Begonte. As non premiadas serán devoltas libres de gastos ao enderezo que indiquen.

O prazo de presentación rematará ás 12,00 h. do día 25 de decembro de 2021. O Xurado seleccionará de entre as obras presentadas a gañadora do Certame, que quedará en propiedade da entidade convocante.

As obras presentadas, ou unha selección destas, serán expostas durante a segunda quincena de xaneiro de 2022 na sala da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo.

No Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal poderán participar todos os poetas que o desexen, con textos en galego ou en castelán. O tema dos traballos ha ser o de O NADAL, desde calquera punto de vista. Valoraranse os textos que fagan referencia a Begonte e o seu Belén. É libre a construción dos poemas e a medida dos versos.

Este certame contará con dous premios. O primeiro ‘Premio Begonte de Poesía’ estará dotado con 600 euros e o segundo con 300. Ademáis, ambos os dous premiados recibirán candansúa estatuíña de Sargadelos.

A remisión de orixinais farase ao correo electrónico info@belendebegonte.es, en dous arquivos: Un, co traballo poético a concurso, e outro, identificado como “Plica”, co título do traballo, no que figurarán os datos personais do/a autor/a, que só será aberto no caso de resultar premiado o traballo con algún dos premios instituídos ou coas mencións que, no seu caso, acorde conceder o Xurado. Quen desexe entregar persoalmente o seu traballo, ou remi-
tilo por correo certificado, pode facelo ao Centro Cultural convocante, antes das 12,00 h. do 6 de xaneiro de 2022.

No tocante ao Certame Xornalístico ‘Begonte e o Nadal’, serán aceptadas as escritas de calquer persoa que publique en xornais, revista ou internet (galego ou castelán) algún traballo no que faga referencia ao Nadal en Begonte ou, en xeral, ao nadal en Galicia.

Este certame tamén contará con dous premios. O primeiro, dotado de 600 euros e, o segundo, de 300. Ambos galardoados recibirán estatuíña de Sargadelos. A remisión de orixinais que se presenten ao Certame, hase de facer ao correo electrónico info@belendebegonte.es, antes das 12,00 horas do día 6 de xaneiro de 2022, indicando os datos do/a autor/a. A cada envío seralle acusado recibo polo mesmo medio. Quen desexe entregar persoalmente o seu traballo, ou remitilo por correo certificado, pode facelo ao Centro Cultural convocante, no prazo que se indica.

Por último, no certame de debuxo infantil poderán participar todos os nenos, a través dos seus colexios. Con todo, estableceránse dúas categorías: a primeira, ata os 10 anos de idade e a segunda de11a15anos.

Neste senso, haberá tres primeiros premios dotados con 60 euros, e 5 segundos premios, con 30 euros, en cada categoría. Os temas serán libres dentro do tema xenérico “O NADAL”. O tamaño dos orixinais será como mínimo de medio folio e máximo de un folio. Cada Colexio poderá remitir ata 25 traballos para cada categoría.

A presentación dos traballos poderase facer dixitalmente, escaneando o colexio os traballos dos seus alumnos e, debidamente identificados co nome e idade do/a autor/a, remitidos ao correo electrónico info@belendebegonte.es, antes das 12,00 h. do día 6 de xaneiro de 2022. Quen desexe presentar directamente os traballos a concurso no Centro Cultural convocante, ou remitilos por correo certificado, poderá facelo dentro do prazo que se indica.

Nova edición do proxecto ‘Fotografía a cegas’ para persoas con diversidade funcional visual

Coincidindo co Día da Diversidade Funcional, a Rede Museística pon en marcha unha nova edición do proxecto Fotografía a cegas. A ollada sensible, que propón adentrarse na fotografía dende a percepción sensorial abrindo así este campo creativo a persoas con diversos graos de discapacidade visual.

A través de diferentes talleres e exercicios, as persoas participantes adquirirán distintos  mecanismos e coñecementos para crear un álbum persoal. Desta maneira convídase aos  participantes a que tomen as ferramentas e recursos fotográficos dunha forma cotiá e natural, buscando na actividade da fotografía unha opción para desenvolver a súa creatividade, motivar a inquietude artística e afianzar recursos
profesionais, en definitiva unha actividade que se rexe pola máxima de eliminación de barreiras fomentando a igualdade de oportunidades.

Os artistas que participarán nesta quinta edición do proxecto, comisariado por Encarna Lago e Iago Eireos, son  Cris Vilariño da asociación 3 Monos, que impartirá un taller de expresión corporal; Ledicia Bellón, que dirixirá o taller  Movemento son e tempo; Vane Rivas e Andres Haensel, que impartirán o obradoiro A fotografía dende a percepción e música; e Carmen Porteiro, que coordinará  o taller Sentir a fotografía. Ademais, o proxecto quedará rexistrado nunha curta documental dirixida por Henrique Lamas.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros e realizar así o seu proxecto fotográfico poden contactar por teléfono con calquera catro museos da Rede – Museo de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Museo Fortaleza de San Paio de Narla – ou escribir ao enderezo electrónico: comunidadermpl@gmail.com

Mapa sonoro: Coñecelas é recoñecelas

Nunha iniciativa máis para recuperar e recoller os relatos da comunidade vinculada á Rede Museística, desde este venres a plataforma multicanle www.comunidadermpl.es ofrece un mapa sonoro no que mulleres con capacidades diferentes poñen voz as súas historias persoais.

Xornada de Saúde Mental: Os Museos como fortaleza

A Rede Museística anunciou tamén a celebración da xornada sobre saúde mental Os museos como fortaleza coa participación e colaboración dos colectivos FEAFES, ALUME e Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña. No encontro, o vindeiro 17 de decembro en San Paio de Narla, abordarase o papel dos museos, da arte e da cultura como espazo e escenario de benestar e participación, cunha análise e posta en valor da programación e accións da Rede neste ámbito.

Ademais, desenvolverase unha mesa de debate sobre a situación da saúde mental en Galicia, centrada no consumo de psicofármacos, nas estatísticas e tratamento do suicidio ou na saúde mental na infancia e na adolescencia.

Miñones anuncia o investimento de 21 millóns para a renovación das instalacións da Garda Civil e Policía Nacional

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe o investimento de 20.977.152,9 euros que realizará o Executivo central en Galicia e que situará a Policía Nacional e a Garda Civil á vangarda da sostibilidade e a eficiencia enerxética. José Miñones sinalou que o acordo subscrito entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o Ministerio do Interior establece un total de 16 actuacións nas dependencias da Policía Nacional, casas cuartel da Garda Civil e centros penitenciarios ubicados en Galicia co obxectivo de promover o aforro e a eficiencia enerxética.

Esta medida, recollida no Plan de Transición Enerxética na Administración Xeral do Estado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, inclúe obras como o illamento de fachadas e cubertas, cambio de fiestras, substitución de luminarias e colocación de paneis solares.

O delegado do Goberno sinalou que “os proxectos deseñados permitirán conciliar o impulso á sostibilidade e o aforro enerxético no ámbito público en municipios pequenos e áreas rurais, fundamentalmente, o que expresa o compromiso do Goberno de facer da transición enerxética unha oportunidade para as persoas e unha aposta de desenvolvemento xusto para todos os territorios”.

Actuacións nas catro provincias
José Miñones indicou que seis das actuacións se concentran en concellos de menos de 10.000 habitantes. Apuntou que na provincia da Coruña se actuará nas dependencias da Garda Civil nos concellos de Corcubión e Fene e nas da Policía Nacional de A Coruña e Santiago de Compostela.

Na provincia de Lugo, melloraranse as dependencias das Compañías da Garda Civil de Monforte de Lemos e Burela e o posto de Xove. En Ourense, actuarase nas instalacións da Garda Civil de Verín, A Rúa e Celanova, así como nas da Policía Nacional en Ourense. E en Pontevedra as actuacións enerxéticas terán lugar nos acuartelamentos da Garda Civil de O Porriño e Lalín, no Centro Penitenciario de A Lama, e nas dependencias da Policía Nacional de Vigo e Vilagarcía de Arousa.

As actuacións previstas buscan reducir a demanda enerxética e a dependencia de combustibles fósiles das infraestruturas e edificios asignados ao Ministerio do Interior, así como fomentar neles o consumo de renovables e o autoconsumo; e facilitar a transición a unha mobilidade de cero emisións nas frotas de vehículos policiais.

En liña cos mandatos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, todas as actuacións deberán estar rematadas antes do 31 de decembro de 2023 e cumprir co principio de “non causar un prexuízo significativo ao medioambiente”. O acordo asinado entre os dous ministerios forma parte dun paquete global de 1.070 millóns de euros que ten como obxectivo modernizar as administracións públicas no ámbito da transición ecolóxica, en coherencia co Pacto Verde Europeo e a Directiva da Eficiencia Enerxética, incluíndo medidas dirixidas ao aforro e eficiencia enerxética, e o compromiso coas enerxías renovables e a mobilidade sostible.

Montserrat Valcarcel acende as luces do nadal

A vicerreitora da USC no campus de Lugo, Montserrat Valcárcel deu comezo á campaña de Nadal 2021, que tivo lugar na tarde de onte na Praza Maior. O acto contou co xornalista José Luis Ramudo como conductor do acendido.

O Alumeado de Nadal permanecerá en funcionamento ata o 9 de xaneiro de 2022, en horario de 18:00 a 00:30 horas durante a semana, e de 18:00 a 03:00 as fins de semana e vésperas de festivos. 

Este ano un total de 69 rúas e prazas da cidade contan cun total de 186 arcos luminosos e 30 elementos ornamentais. Ademais, decoráronse 100 farolas. Entre os elementos ornamentais, destacan a instalación dunha figura en 3D na praza de Santo Domingo, preto da Praza de Abastos, que e a decoración de 4 rotondas da cidade con árbores de 8 metros de altura e 1.900 puntos de luz. Noutras prazas, instaláronse outros motivos en 3D e árbores de 3 metros de altura. En total, o proxecto de alumeado conta con 844.635 luces LED, repartidos entre 186 arcos e 582 elementos de distintos tipos.

O percorrido do Camiño Primitivo pola cidade recibiu unha decoración especial e as letras Lugo Km 100 colocadas na praza do Camiño Primitivo decoráronse con luces para manter o atractivo turístico desta figura durante o Nadal.

A árbore da praza Maior, fronte ao Concello, ten unha altura de 20 metros., A contorna conta con 3 figuras que poden ser utilizadas pola veciñanza como photocall.

A maiores do proxectado pola área de Cultura, a empresa concesionaria ofreceu unha serie de melloras ao alumeado, que se instalaron na praza de Augas Férreas (9 arcos e 5 farolas), na Estrada Vella de Santiago (3 arcos) e na Rúa Magnolia e Pista Vermella de Fingoi (2 arcos e 2 farolas)  

A ópera folk encherá Lugo mañá coa obra ‘María Solinha’

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu a un dos últimos ensaios da ópera folk galega María Soliña, que se escenifica mañá sábado 4 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. A  produtora galega Nalgures conta para a súa representación co apoio económico da Xunta a través da convocatoria extraordinaria de subvencións para espectáculos musicais como parte da programación do Xacobeo 21-22.

O obxectivo desta liña de axudas é contribuír á recuperación económica das promotoras musicais independentes fronte ao impacto da crise sanitaria. A través dela, distribuíronse 850.000 euros entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos  galegos como do panorama nacional e internacional.

Mestura pioneira
Neste caso, a ópera asinada polo compositor Nacho Mañá mestura a música clásica coa música folk dun xeito pioneiro a partir da peza teatral A defensa da vila, de Xosé Manuel Pazos, e facendo fincapé nos valores de loita e poder feminino que exemplifica a figura da canguesa María Soliña. Esta combinación entre o clásico e o tradicional queda patente na execución instrumental da Orquestra Sinfónica Vigo 430 xunto coas contribucións do gaiteiro Anxo Lorenzo e do mestre da zanfona Anxo Pintos.

Félix Rodríguez Fernández, novo director do Centro Penitenciario de Monterroso

A Secretaría Xeral de Institucións Penais nomeou a Félix Rodríguez Fernández novo director do Centro Penal de Monterroso (Lugo). Toma, así, a substitución de Antonio Rivera, que tras case 11 anos no cargo pasará a ocuparse da dirección de programas no Servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas da provincia de Lugo.

Rodríguez, licenciado en Dereito pola UNED/UNED e en Criminología na Universidade de Santiago de Compostela, ingresou na Administración Penal no Corpo de Axudantes en 1997.

En 2018 accedeu ao Corpo Especial de Institucións Penais e ese mesmo ano asumiu a Subdirección de Seguridade do Centro Penal de Topas (Salamanca).

Formou parte dos grupos de control e seguimento dos centros penais durante case dez anos e impartiu formación nas últimas promocións de funcionarios do Corpo de Axudantes.

EU pide medidas ante un acosador pola zona do Campus

Esquerda Unida faise eco do temor de varias veciñas que denuncian que un acosador “encapuchado” as persegue pola zona do anfiteatro da Universidade, e reclamamos ao Concello e Deputación que adopten as medidas de iluminación e seguridade precisas pola zona.

Desde hai unhas dúas semanas, varias veciñas veñen queixándose do medo que sinten cando atravesan a zona do anfiteatro do campus. Esta zona é frecuentada por persoas que adoitan levar a pasear os seus cans ou saen a correr, e estudantes que van ou veñen da Biblioteca Intercentros da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Segundo indican testemuñas, varias destas mulleres sufriron o acoso dun home que viste unha cazadora ou suadoiro con capucha, que tenta abordalas. Ao parecer, este home aproveita a nula iluminación existente na zona para, agochado dentro da arboreda que hai, aparecer cando lle interesa unha posible vítima e sorprendela seguíndoa. Recentemente, unha moza tivo que escapar correndo deste acosador que a perseguía e refuxiarse na Clínica Universitaria Rof Codina, desde onde chamaron á seguridade da USC, sen que, ao parecer, puideran dar con este home.

Desde Esquerda Unida queremos reclamar que o Concello e a Deputación adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade das persoas que atravesan esta zona do campus, que conta con farolas pero están sempre apagadas ou fundidas (esta situación podecomprobarse nas fotos que engadimos, realizadas ás 20:30 horas). Se queremos humanizar unha cidade con perspectiva de xénero, debemos ter en conta certas premisas fundamentais como a de eliminar os puntos cegos de determinadas zonas da cidade e procurar unha iluminación respectuosa pero axeitada, que permita camiñar con seguridade polos nosos barrios.

CCOO denuncia a falta de cobertura do centro de saúde de Pantón

CCOO denuncia a falta de cobertura no centro de saúde de Pantón, que nos días 13 e 24 de decembro contará cun só médico de familia. CCOO insta á Consellería de Sanidade a cubrir sen máis demora a praza de médico do centro de saúde de Pantón, que non se cubriu no concurso de traslados a pesar de que sí houbese solicitudes de facultativos para cubrir a praza, no que semella a intención de reducir o cadro de persoal de facultativos do centro deixándoo en só dous profesionais.

CCOO denuncia a “nefasta decisión” para o centro de saúde e para os habitantes do concello de Pantón, ao que se engade a previsión de que nos días 13 e 24 de decembro un solo médico se faga cargo da cobertura médica do concello.

CCOO esixe a cobertura do centro de saúde de Pantón coa terceira presencia dun facultativo e non descarta mobilizacións se a situación non se corrixe.

Lugo, sede da Copa da Raíña de Voleibol

A alcaldesa de Lugo e o concelleiro de Deportes recibiron hoxe na casa do Concello a representantes do Club de Voleibol Emevé. O obxectivo, poñer en valor que a cidade sexa a sede acolledora da Copa da Raíña de voleibol entre os días 11 e 13 de febreiro no Pavillón Municipal, co Arenal Emevé como anfitrión do torneo.

Ao acto asistiron a presidenta e a vicepresidenta do Emevé, Concepción Bouza Betriu e Antonia Iglesias, así como as xogagoras Yael Castigione (capitana), Eliana Gonzalez e Mariana Capovilla, xunto con membros do club e os voceiros dos grupos municipais.

A rexedora aproveitou o encontro para destacar “a excelente oportunidade para visualizar o enorme potencial de Lugo á hora de organizar eventos desta magnitude”.

A Copa da Raíña de Voleibol é a segunda competición española en importancia, aínda que é a máis antiga. A competición iníciase na tempada 1975-76. O torneo é sucesor da Copa do Generalísimo, creada na tempada 1970-71 e do Campionato de España, creado na tempada 1959-60.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com