" />

Nova edición do proxecto ‘Fotografía a cegas’ para persoas con diversidade funcional visual

Coincidindo co Día da Diversidade Funcional, a Rede Museística pon en marcha unha nova edición do proxecto Fotografía a cegas. A ollada sensible, que propón adentrarse na fotografía dende a percepción sensorial abrindo así este campo creativo a persoas con diversos graos de discapacidade visual.

A través de diferentes talleres e exercicios, as persoas participantes adquirirán distintos  mecanismos e coñecementos para crear un álbum persoal. Desta maneira convídase aos  participantes a que tomen as ferramentas e recursos fotográficos dunha forma cotiá e natural, buscando na actividade da fotografía unha opción para desenvolver a súa creatividade, motivar a inquietude artística e afianzar recursos
profesionais, en definitiva unha actividade que se rexe pola máxima de eliminación de barreiras fomentando a igualdade de oportunidades.

Os artistas que participarán nesta quinta edición do proxecto, comisariado por Encarna Lago e Iago Eireos, son  Cris Vilariño da asociación 3 Monos, que impartirá un taller de expresión corporal; Ledicia Bellón, que dirixirá o taller  Movemento son e tempo; Vane Rivas e Andres Haensel, que impartirán o obradoiro A fotografía dende a percepción e música; e Carmen Porteiro, que coordinará  o taller Sentir a fotografía. Ademais, o proxecto quedará rexistrado nunha curta documental dirixida por Henrique Lamas.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros e realizar así o seu proxecto fotográfico poden contactar por teléfono con calquera catro museos da Rede – Museo de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Museo Fortaleza de San Paio de Narla – ou escribir ao enderezo electrónico: comunidadermpl@gmail.com

Mapa sonoro: Coñecelas é recoñecelas

Nunha iniciativa máis para recuperar e recoller os relatos da comunidade vinculada á Rede Museística, desde este venres a plataforma multicanle www.comunidadermpl.es ofrece un mapa sonoro no que mulleres con capacidades diferentes poñen voz as súas historias persoais.

Xornada de Saúde Mental: Os Museos como fortaleza

A Rede Museística anunciou tamén a celebración da xornada sobre saúde mental Os museos como fortaleza coa participación e colaboración dos colectivos FEAFES, ALUME e Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña. No encontro, o vindeiro 17 de decembro en San Paio de Narla, abordarase o papel dos museos, da arte e da cultura como espazo e escenario de benestar e participación, cunha análise e posta en valor da programación e accións da Rede neste ámbito.

Ademais, desenvolverase unha mesa de debate sobre a situación da saúde mental en Galicia, centrada no consumo de psicofármacos, nas estatísticas e tratamento do suicidio ou na saúde mental na infancia e na adolescencia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo