Novas

A Deputación urxe á Xunta a reformular con máis profesionais e mellor organización a Atención Primaria

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a reformular a Atención Primaria no Servizo Galego de Saúde (Sergas) co obxectivo de que sexa máis eficiente en canto á atención á veciñanza e á xestión. Unha decisión que foi acordada no Pleno ordinario de novembro, ao aprobarse unha moción defendida polo PSdeG, que contou vos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e en contra do PP.

A voceira socialista do Goberno explicou que dende hai un tempo existen numerosas reivindicacións e queixas por parte de pacientes e traballadores pola deficiencia de recursos materiais e humanos “froito das políticas de recortes executadas polo Partido Popular na Xunta de Galicia e, no seu momento, polo Goberno de España”. Indicou que “Galicia afronta a situación cun problema de persoal grave no sistema sanitario público” e engadiu que “temos sensación de desatención ante a precariedade da nosa sanidade”.

A administración provincial insta a que se reforce o cadro de persoal con máis especialistas e pide a mellora das condicións de eventualidade para os profesionais do Sergas, facendo contratos máis estables. A voceira socialista do Goberno tamén puxo o foco en que se debería implantar unha xerencia de atención primaria en cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), dotándoa de recursos e autonomía de xestión, á vez que se promova a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria.

García Porto expuxo con datos que Galicia “é a terceira peor comunidade autónoma de España en ratio de médicos e médicas por habitante, aproximadamente 450 por cada 100.000 habitantes, cando a medida do país é dos 480”. Tamén subliñou que é a terceira comunidade con peor ratio de enfermeiros e enfermeiras por paciente con 5,4 por cada 100 habitantes, cando a media española está no 5,9 e 8 a europea. “Temos, ademais, a peor ratio de profesionais en saúde mental, e estamos por debaixo da media estatal en matronas por habitante, e en pediatría non chega ao 90% de prazas de atención primaria cubertas por pediatras, mentres comunidades en situacións parecidas, como Asturias, supera o 98%”.

“A poboación non está satisfeita, a sanidade deteriorouse nos últimos anos, e non só o ve a veciñanza, senón tamén as multinacionais que veñen instalarse á nosa provincia para facer negocio ao haber nicho de mercado, non veñen para salvar a sanidade”, manifestou a Deputada. Nese sentido, puxo o foco en que “a xente con poder adquisitivo e recursos acude á privada para poder ter unha atención que na pública non consegue, pero os que non os teñen quedan desatendidos e sen ter o que lles é de xustiza”.

“Vivir na Montaña de Lugo non debe ser unha desvantaxe para contar cun ensino de calidade”

O Bloque Nacionalista Galego participou na concentración por un ensino digno na Montaña de Lugo organizada pola ANPA e estudantado do IES de Becerreá, por mor dos recortes aplicados pola Xunta de Galiza neste centro.

deputada por Lugo no Parlamento galegoCarme Aira, asisitiu a este acto no que destacou a desigualdade que está a padecer a comunidade educativa desta zona de Lugo debido aos recortes do Partido Popular á fronte Xunta “vivir na Montaña de Lugo non debe ser unha desvantaxe para contar cun ensino de calidade e coa mesma oferta educativa que en Lugo ou Compostela, por isto desde o BNG apoiamos as mobilizacións organizadas pola comunidade educativa do IES de Becerreá” sinalou Aira.

Deste xeito, Carme Aira trasladou as iniciativas e propostas do BNG “levamos ao Parlamento galego que se garantira o estudo de materias troncais tendo ou non o criterio de número de alumnado para dar as mesmas oportunidades en todos os centros, o PP dixo non” declarou a deputada.

Neste sentido, a deputada sinalou que a organización frontista continuará defendendo os dereitos educativos do alumanado “desde o BNG continuaremos traballando polo si, si a un ensino digno en calquera lugar onde se viva, apoiando e reforzando naquelas zonas que sexa máis complexa a docencia e garantindo a igualdade de condicións” declarou Carme Aira.

A comisión de coordinación e desenvolvemento rexional do norte de Portugal coñece o polo aeroespacial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañou hoxe a representantes institucionais, empresarios e expertos do sector aeronáutico na visita dunha delegación portuguesa ao aeródromo de Rozas (Castro de Rei), co obxectivo de presentarlles as potencialidades do Polo Aeroespacial de Galicia e as diferentes actuacións que se están levando a cabo.

Na visita participaron, entre outros, Antonio Cunha, presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), e o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida. Tamén asistiron representantes de empresas do sector aeronáutico, profesores de enxeñaría das universidades de Minho e Porto, e responsables de centros tecnolóxicos e de investigación.

A Xunta segue avanzando no seu obxectivo de posicionar Galicia como un actor global e un referente no sector aeroespacial. Desde a posta en marcha do Polo Aeroespacial xa se mobilizou un investimento público-privado de 164 millóns de euros, desenvolvéronse 59 proxectos de I+D coa participación de máis de 50 empresas e centros de coñecemento, contou coa participación de 937 profesionais e creáronse ou aceleráronse 24 novas empresas.

A CIG mobilizarase mañá para que a clase traballadora non pague a saída da crise

A CIG convoca, para mañá, día 1 de decembro, mobilizacións nas sete cidades e varias vilas porque, camiño do final do ano, os orzamentos do Estado e da Xunta confirman, segundo a CIG, o que desde a central sindical se viña advertindo: “que estamos ante unha profunda crise que se multiplicou coa pandemia e que, para afrontala, nin a Xunta nin o Goberno do Estado están a adoptar as medidas necesarias para que non sexan, unha vez máis, a clase traballadora e o pobo galego quen a paguemos”.

En Lugo, a Mobilización será unha Marcha con saída ás 11:00h  do Edificio do INSS (Av. Madrid), e remate no Edificio da Xunta na Ronda da Muralla, facendo parada diante da Subdelegación do Goberno, na Praza de Armanyá.

Polo aumento dos salarios

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que a imparábel escalada da factura eléctrica “está a provocar estragos nas economías familiares, na actividade económica e na industrial, mentres o oligopolio enerxético acumula cada vez máis beneficios”. Unha situación que está provocando o incremento dos prezos de todos os produtos, nomeadamente dos básicos: a bolsa da compra ou a gasolina que son precisamente os que consume a clase traballadora.

Entrementres, os salarios non soben na mesma medida, o que, segundo Carril está a colocar nunha “situación crítica” á xa empobrecida clase traballadora, “facendo máis real que nunca aquilo de que ter un traballo non garante unha viva digna”.

O secretario xeral da CIG advirte que os procesos de dixitalización e descarbonización están aumentando as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais para o conxunto da clase traballadora e para o desenvolvemento soberano dos pobos e das nacións do mundo.

“O emprego é cada vez máis temporal e precario, como constata a EPA do terceiro trimestre, que demostra a escandalosa perda de postos de traballo na Industria e na Construción en Galiza. Un total de 8.800 menos a consecuencia do proceso de desmantelamento que sofren, de Norte a Sur, os nosos sectores produtivos”, afirma o secretario xeral da CIG.

Diante disto, nas concentracións demandarase tamén un verdadeiro Plan Galego de Recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na terra.

A CIG vén demandando a derrogación da reforma laboral desde que se aprobou. Porén, e malia as promesas do goberno de coalición, segue vixente “mentres se monta un paripé mediático para manter despois os seus aspectos máis lesivos, cumprindo así os requisitos impostos pola UE para poder acceder aos famosos fondos NextGeneration, que están pensados ademais para destinar ás empresas e non ás persoas”, denuncia o secretario xeral da CIG.


Imaxe de arquivo

Os traballadores non aceptan a proposta de Alcoa por supoñer a parada das cubas e non incluír o persoal das auxiliares

A CIG valora a unidade e a capacidade de loita manifestada polo comité e pola asemblea de traballadores de San Cibrao co rexeitamento á proposta trasladada no día de onte por Alcoa. “Aceptar a oferta da empresa implicaría asumir a parada das cubas de electrólise contra da que o persoal leva pelexando dende hai máis de ano e medio e deixar no aire a continuidade dos empregos dos compañeiros da industria auxiliar“.

Estas son as “dúas liñas vermellas”, subliñou Xosé Paleo, voceiro da CIG no comité de San Cibrao, que non se poden asumir. Na súa intervención durante a asemblea atribuíu este “cambio de paso” da multinacional tanto á ratificación da sentenza que anula o ERE como á folga e ás continuas mobilizacións na comarca. “Esas foron as dúas patas que nos trouxeron ao punto no que estamos”, afirmou Paleo, instando a manter a folga indefinida para forzar a unha solución real.

Sobre a parada das cubas contemplada na proposta de Alcoa, indicou que “non nos fiamos da vontade da empresa á hora de rearrancalas e consideramos que a mellor garantía de rearranque segue sendo que non paren”. Unha valoración amparada nas actuacións da multinacional, que agora anuncia que quere quedar, pero que durante todo este tempo “boicoteou” calquera posibilidade de venda e defendeu como indispensábel o cese da actividade das cubas.

Pero na asemblea tamén se manifestou a solidariedade de clase, pois Alcoa non garantía o 100% do emprego na fábrica ao non incluír ao persoal das compañías auxiliares. “Como CIG, non pensamos deixalos atrás, porque son tan traballadores de Alcoa como o somos nós. É máis, seguimos pensando que se debe contar con estes compañeiros tanto na negociación, como á hora de realizar consultas, referendos e tomar decisións”.

Ante o novo escenario aberto,  a representación da CIG insiste na necesidade de “termos unha folla de ruta propia sobre a que negociar, pois a de Alcoa está claro que non nos vale”. E neste sentido, Paleo apelou á responsabilidade do goberno español e da Xunta e instou a súa implicación xa que “son parte da solución, tanto dando garantías, como facilitando procesos, como poñendo fondos para os investimentos necesarios”.

O PP pregunta polos protocolos da recollida de folla trala “pillada” ao camión de Urbaser

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pregunta ao goberno local por que unha empresa encargada da recollida do lixo tirou restos de botellón nunha finca de Abella e que medidas vai a tomar o goberno de Lara Méndez ante este tipo de situacións.

Antonio Ameijide pregúntase “que houbera pasado se o veciño deste barrio non pillase a este camión infraganti depositando estes desperdicios” ao que engadía “esperemos que sexa algo illado”. Para os populares esta caso é grave e o achacan á falta de dirección política e a á situación de alegalidade na que se presta o servizo “cun contrato caducado”. Nese senso o Grupo Municipal Popular anuncia que presentará preguntas para coñecer as explicacións dadas pola empresa e as medidas que vai a adoptar o Concello de Lugo.

Recorda o concelleiro popular que esta non é a primeira vez que a empresa da recollida do lixo se ve envolta nalgún tipo de polémica e pon como exemplo cando camións encargados da recollida do lixo e a limpeza da cidade foron vistos prestando servizos noutros municipios da provincia, como foi o caso de Ribadeo, a pesar de que se prohibe expresamente no contrato.

Para o popular, Lara Méndez e Rubén Arroxo son “cómplices” desta situación xa que lles recorda que o contrato de recollida do lixo caducou o 31 de marzo de 2017 e ningún dos dous foi quen de facer nada por regularizar o seu estado, un contrato que nos custa a todos os lucenses preto de 8 millóns de € cada ano. “Cómpre recordar que Lara Méndez non só leva máis de catro anos mirando cara outro lado para regularizar este contrato, xa que máis dun ano antes da súa caducidade os técnicos municipais lle enviaron varios informes urxindo que se iniciasen os trámites necesarios para a licitación do novo contrato da recollida do lixo”, apuntou.

Para os populares a realidade é que a limpeza en Lugo “é un asunto totalmente abandonado” e que “preocupa” aos lucenses xa que nos últimos anos a cidade pasou aos titulares da prensa por ser a cidade máis sucia de Galicia e unha das máis sucias de España.

Detido en Lugo un mozo de 24 anos por agredir á súa parella

Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo era comisionada pola Sala do 092 para que acudira a un edificio da rúa Mariña Española xa que unha muller estaba a ser agredida pola súa parella. A chamada realizouse sobre as 2:30 horas do día 29 de novembro

Os axentes trasládanse de inmediato ao lugar e son recibidos pola presunta vítima, a cal se acha nun estado de nerviosismo, manifestando que mantivo unha discusión coa súa parella, comezando a tirarlle do pelo e zarandeala violentamente. A muller comeza a chorar e rexeita asistencia médica e ante as preguntas dos policías sobre o paradoiro do home, indícalles que non está no domicilio.

Os axentes non cren a versión da vítima xa que evade a mirada e maniféstao cun nerviosismo claro, polo que acceden ao interior da vivenda atopando ao presunto agresor, de 24 anos, no interior dunha habitación, procedendo á súa detención por un presunto delito de violencia de xénero, sendo conducido a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado competente.

Catalunya desde un barrio obreiro en ‘Seis días correntes’

A película de Neus Ballús foi unha das grandes sorpresas do ano tras o seu paso triunfal polo festival de Locarno e San Sebastián.

Un filme pequeno e sorprendente deixou atónito ao público do pasado festival de Locarno. Coñecido por ser un dos festivais máis esixentes e exclusivos do mundo, onde premiaron a Pedro Costa, Hong Sangsoo, Lav Díaz ou Albert Serra, o filme de Neus Ballús encantou aos espectadores coa súa sinxela e efectiva proposta. As vivencias de tres obreiros que traballan nun negocio de fontanería nas aforas de Barcelona. A través deles descubrimos o mundo: as loitas de Moha, un inmigrante que trata de sobrevivir no ambiente hostil dos traballadores precarios, pero tamén aguantando grazas a humanidade e solidariedade que pode aparecer, sorprendentemente, en calquera lugar.

O estilo de Ballús e directo e por momentos case parece un documental. O retrato da vida cotiá é conmovedor. As dificultades da precariedade económica e laboral, as pequenas renuncias que teñen que facer os protagonistas nunha cidade tan abafante como Barcelona. Mais en lugar de ser un drama escuro e negativo, hai espazo para a luminosidade, a xenerosidade e a esperanza no futuro. É nese punto onde a película de Neus Ballús se diferencia doutras crónicas sociais. Celebrada como un dos acontecementos do cine catalán e español deste ano, chega por fin a Codex Cinema este venres.

A segunda estrea desta semana é Black Box, un tenso thriller francés sobre un estraño accidente de avión, sen causa aparente e no que o protagonista debe investigar a caixa negra do vehículo sinistrado para resolver un misterio que terá máis implicacións, tanto persoais como políticas, do que podía chegar a imaxinar. Na mellor tradición do thriller francés, a película foi un éxito nas billeteiras do país galo, con máis de oito millón de euros de recadación e agarda continuar o seu paso triunfal polas carteleiras galegas.

O Concello esixirá responsabilidades a Urbaser trala descarga de lixo nunha finca de Abella

O tenente de alcaldesa, e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, mandou abrir unha investigación do acontecido e esixirá á empresa Urbaser que pida responsabilidades a que corresponda e adopte as medidas necesarias para que non volva a acontecer.

O edil explicaba que “tan pronto como tivemos constancia do acontecido, notificamos a incidencia á empresa, e esiximos en primeiro lugar que acondicionara a zona así como, unha explicación das causas que provocaron unha situación que propiciou malestar nos veciños e veciñas da nosa cidade”.

Nestes intres, a área de Medio Ambiente do Concello de Lugo, informa que a zona está en perfectas condicións, pero que “non hai unha explicación do acontecido, xa que están a investigar pero reclamaremos a Urbaser que esixa responsabilidades a quen corresponda”.

O edil de Medio Ambiente, aproveitou tamén para pedir desculpas aos veciños polas molestias ocasionadas.

De Fonmiñá para Carlos Valcárcel

O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá quere facer constar o seu pesar e o de todos os seus membros, polo pasamento do gran fotógrafo e magnífica persoa Carlos Valcárcel Gay.

A súa técnica e sensibilidade artísticas eran parellas á súa modestia e calidade humana, polo que deixa en todos nós a imaxe dun grande artista que pasou pola vida traballando e dialogando, sempre en harmonía e paz.

Vaia para a toda a súa familia a nosa solidariedade e sintonía coa súa dor, e o recoñecemento pola amizade coa que nos distinguen, como Carlos nos demostrou desde hai case medio século.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com