Novas

13,30 h.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, asinará un convenio de colaboración en materia urbanística. foto xoán crespo 24/11/2021

Quiroga mellorará a vía principal do lugar dos Novais

A Xunta de Galicia e o Concello de Quiroga colaborarán na execución dunha actuación urbanística neste municipio co fin de mellorar a vía principal do lugar dos Novais. Este foi o compromiso asumido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde lucense, Julio Álvarez, no marco dun convenio asinado esta semana para fixar os termos da cooperación técnica e económica entre ambas administracións.

Segundo se recolle no proxecto, a intervención consistirá nunha serie de actuacións de embelecemento e mellora da pavimentación na vía principal dos Novais, que discorre desde o inicio do núcleo rural ata a fin da delimitación e que nestes momentos conta cun pavimento de formigón pouco integrado coa contorna e esteticamente mellorable.

Así, tendo en conta as recomendacións das guías da Colección Paisaxe Galega, optarase por substituír o material actual por un formigón tratado con acabado de árido visto, acorde coas tonalidades e texturas da pedra do lugar e variando a composición e o aspecto dos áridos, para o que se empregarán variedades locais. Deste xeito, búscase conseguir unha boa integración coa contorna e eliminar o impacto existente, asegurando á vez a duración e resistencia do pavimento fronte ao tránsito rodado e cun menor custo.

Trátase dunha intervención tecnicamente sinxela sobre unha superficie de 1.190 metros cadrados e que non requirirá modificar o trazado da vía, manténdose a topografía actual. Como paso previo ao inicio das obras, acometeranse os traballos de limpeza necesarios ademais de preparar a superficie de asento.

Cun custo de case 80.000 euros dos cales o 70% será achegado polo departamento autonómico e o 30% restante polo Goberno municipal, o convenio enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Neste sentido, cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como a proxectada en Quiroga, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

‘O noso Mercado é un agasallo’, a campaña para incentivar as compras no Mercado e na Praza

A concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza anunciou que o Goberno de Lugo retoma a campaña O noso mercado é un agasallo para incentivar o consumo na Praza de Abastos e o Mercado Municipal e destacar a importancia de consumir produtos de proximidade no comercio local, especialmente durante a campaña de Nadal.

A edil afirmou que “todas as persoas que realicen compras por valor de 40 euros ou máis nos distintos postos da praza recibirán un agasallo”, e lembrou que “só na primeira mañá desta campaña o ano pasado, os distintos postos da praza facturaron máis de 16.000€”. Este ano, a promoción terá lugar os días 27 de novembro, 4, 11, 18, 23 e 30 de decembro e 8 de xaneiro de 2022.

A área de Participación habilitará un posto durante os días de promoción no horario de apertura da Praza para que todas as persoas poidan achegarse cos tiques dos distintos postos da Praza e do Mercado e canxealos polos agasallos que se entreguen ese día, entre os que destacan varios deseños de bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida e calendarios do ano 2021 con fotos históricas da Praza e o Mercado.

O TSXG autoriza á Xunta esixir o certificado COVID-19 para acceder ao interior de restaurantes

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou hoxe á Xunta esixir a exhibición do certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para acceder ao interior dos restaurantes, durante todo o día, e, a partir das 21 horas, para o ingreso en cafeterías e bares.

A Sala entende que a medida preventiva de seguridade sanitaria, cuxo permiso para implementala foi solicitado onte pola Administración autonómica, cumpre co requisito de temporalidade esixido polo Tribunal Supremo, pois terá efecto desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do 18 de decembro. Ademais, destaca que non só cumpre a función de “evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos”, pois lembra que é “unha evidencia científica” que a transmisión da COVID-19 entre os vacinados é “moito menor á dos non vacinados”.

Os maxistrados inciden en que a medida permite “uns niveis maiores de ocupación, pero garantindo a seguridade sanitaria” e consideran que está xustificada porque a exhibición da documentación se pide para entrar en espazos pechados “nos que se poden  agrupar factores que aumentan o risco de transmisión da COVID-19”, posto que neles se establecen “contactos próximos e prolongados entre persoas, con escasa renovación de aire no interior, nalgúns casos, e realización de actividades nas que é necesaria a retirada de máscara (ao comer ou beber) e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois (falar, en ocasións, cun ton de voz maior do normal ou cantar)”.

Ademais, os xuíces indican que se trata de “lugares de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención (uso de máscara e mantemento da distancia de seguridade interpersoal), ao que pode contribuír o consumo de alcol”.

O TSXG asegura que a implementación da medida non supón “un sacrificio desproporcionado”, pois a exhibición do certificado requírese “para o desenvolvemento dunhas actividades de lecer onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria”.

O alto tribunal galego tamén advirte no auto que a situación epidemiolóxica de Galicia está “a empeorar”, polo que, segundo a Sala, “as actividades que presentan un risco comparativamente máis alto de transmisión, como é a hostalería, precisan continuar con medidas específicas de control, tendo en conta que o virus segue circulando e causando novos casos, ingresos hospitalarios en unidades de agudos e en unidades de críticos e mortes na nosa comunidade”.

Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso- administrativo sinalan que “tampouco se pode restar importancia ao contexto estacional en que nos atopamos”, pois limita a utilización de terrazas e espazos ao aire libre, “o que reforza a necesidade de arbitrar mecanismos de control de acceso de persoas nos establecementos que pretendan incrementar os niveis de ocupación e capacidade, co fin de evitar riscos de  contaxios”.

Os xuíces tamén subliñan no auto, contra o que cabe presentar recurso de casación, que non constan “outras medidas alternativas menos  gravosas para garantir a seguridade sanitaria neste tipo de establecementos na situación de emerxencia sanitaria na que aínda nos atopamos”.

A área da Muller de Esquerda Unida celebra mañá en Lugo unha charla coloquio sobre a eliminación das violencias machistas

Este sábado 27 de novembro de 2021, ás 12h no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra, celebraráse unha charla coloquio, aberta a todas as persoas interesadas, convocada pola Área da Muller de Esquerda Unida Lugo, co gallo da conmemoración do 25N, data na que reinvidicamos a erradicación das violencias machistas.

Nesta mesa aberta, intervirá Martina Gómez, loitadora feminista, con días de folgas de fame ás súas costas, para reclamar un Pacto de Estado contra a Violencia Xénero, no que a violencia vicaria tivera unha maior relevancia e se recoñecera aos fillos/as das mulleres vítimas de recursos precisos, como o 100% da pensión de orfandade aos que perderan ás súas nais nun asasinato machista. Martina é irmá de Ana Gómez, muller asasinada o 11 de febreiro de 2016 en Becerreá (Lugo), quen deixou a dous fillos orfos.

Tamén participará na mesa, Chus Rodríguez, psicóloga social, especialista en psicoloxía xurídica e forense pola Universidade de Santiago de Compostela, con estudos de Criminoloxía e Diploma de Estudos Avanzados pola mesma Universidade cun traballo relacionado coa psicoloxía do testemuño.

Vén traballando desde o ano 2008, como psicóloga do Servizo de Protección da Infancia e Adolescencia na Xunta de Galicia. Nesta mesa falarase da espiral do maltrato, desde a primeira agresión de maltratador, ata despois, incluso, da morte da vítima, o maltrato institucional e outras formas de revitimización á muller e aos/ás fillos/as. Falaráse de malas prácticas e propóranse modelos alternativos de boas prácticas para erradicar as violencias machistas, así como das secuelas e efectos nas crianzas e adolescentes que conviven ou conviviron sofrindo a violencia de xénero no seu fogar.

12 concellos lucenses corrixirán os seus impactos paisaxísticos

Un total de 12 concellos lucenses beneficiaranse este ano da orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos públicos municipais, un programa pioneiro convocado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) no mes de setembro para avanzar na aposta da Xunta polo fermosismo.

Unha vez resolta a convocatoria e notificadas as concesións, 64 municipios galegos recibirán unha ou dúas subvencións ao abeiro deste programa, dotado dun orzamento total de 800.000 euros. De feito, o IET esgotou o orzamento dispoñible —tal e como se publicou no DOG o pasado 10 de novembro—, un dato que reflicte a boa acollida que tivo esta nova orde de axudas entre o municipalismo galego, así como o seu compromiso coa protección da paisaxe en todas as súas formas.

Cómpre subliñar que estas subvencións van dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes co fin de axudalos a emendar o impacto negativo que causan sobre as súas contornas tanto edificios e dependencias que acollen servizos municipais —liña A, dotada con 400.000 euros—, como determinado tipo de equipamentos públicos da súa titularidade —liña B, cun orzamento tamén de 400.000 euros—.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou onte Guntín para coñecer o proxecto do concello de reformar unha edificación que destina a almacén municipal. Vanse acometer obras tanto na cuberta como nos paramentos ao abeiro destas achegas, mellorando a súa estética e funcionalidade.

Arias explicou que se distribuirán 149.000 euros entre os 12 concellos beneficiados na provincia. En concreto, catro recibirán axudas para executar diferentes proxectos de renovación e remate en edificios e outras dependencias que acollen servizos de carácter municipal. Outros sete municipios da provincia disporán de fondos para financiar obras de acondicionamento sobre outro tipo de equipamentos públicos —maioritariamente fontes— e a Ribas de Sil concedéronselle dúas axudas, unha para cada liña de actuación.

O importe da subvención supón o 70% do custo estimado da actuación a executar, cun límite de 25.000 euros se a intervención se centra nun edificio, e de 10.000 euros en caso de que se trate de fontes, lavadoiros públicos, palcos da música ou hórreos.

Todas as entidades locais beneficiarias no marco desta primeira convocatoria de axudas para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais terán que executar os seus proxectos antes do 31 de decembro deste ano.

Ademais, cómpre lembrar que estas subvencións veñen complementar e reforzar a orde de axudas convocada polo IET co mesmo obxectivo o pasado mes de abril pero dirixida, nese caso, a propietarios individuais e comunidades de veciños con proxectos de intervención sobre edificacións particulares.

O Goberno contrapón as fortalezas da Estratexia Municipal de Recuperación fronte ao ‘Doing Business’ proposto polo PP

O Goberno local rexeitou esta mañá no Pleno a proposta popular para incluír ao Concello de Lugo na rede Doing Business por considerala “cortoplacista e illada”. A tenente de alcaldesa encargada da área económica asegurou que se trata “dunha medida que, de tan simplificada, só atende a criterios oportunistas, a políticas de inmediatez que se poden traducir no vostede pague, que xa invito eu”.

A concelleira de Gobernanza fixo esta reflexión ao respecto da obrigatoriedade que se lle pretende impoñer ás Administracións locais para eximir de determinados tributos municipais, como o IBI, ás empresas que se implanten ao abeiro dos fondos europeos.

“Un requisito que xa se está a cuestionar xudicialmente por entender que atenta contra as competencias que teñen recoñecidas os Concellos e que ademais pon en perigo a súa solvencia por comprometer a capacidade de recadación que temos o que, en termos prácticos, afectaría á calidade dos servizos públicos que se prestan”, indicou.

A edil lembrou que o Imposto de Bens Inmobles é o máis cuantioso dos que percibe a Institución, a través do cal as arcas municipais ingresan cada ano ao redor de 22 millóns de euros.

“Para os Concellos, polo menos para o de Lugo, os tributos son ao redor do 55% dos ingresos que conforman o orzamento municipal. Non podemos prescindir deles para participar da súa campaña propagandística. Nin punto de comparación coa estrutura duns presupostos autonómicos que a penas se nutren do recurso da fiscalidade. Iso sí, a Xunta recada en Lugo máis dun millón de euros ao ano en concepto do canon da auga, e nunca se lles ocorreu reclamar tan sequera, que como imposto finalista que é, fixeran algún investimento no municipio, para canto máis pedirlle, como vostedes nos instan agora a nós, que prescinda del”.

A responsable da área económica aproveitou a súa intervención para contrapoñer, fronte á proposición do Partido Popular a estratexia de dinamización económica do municipio que está a desenvolver o Goberno de Lara Méndez.

“Coa nosa negativa a esta proposta non lle estamos dicindo non aos fondos da recuperación, ao contrario, dicimos así non... porque non só se trata de atraer, senón de reter; non estamos freando o investimento, estamos apostando por unha auténtica transformación, por un modelo de cidade que aproveite as nosas potencialidades, os nosos recursos propios, que cree empresas estables e traballo de calidade. Iso é o Lugo Transforma, mentres que o que vostedes propoñen non é máis que un instrumento que se ampara na imposición de obrigas aos Concellos, que carece dunha visión sosegada e respectuosa coa realidade de cada municipio e que ten un carácter temporal porque só se basea en incentivos fiscais que, por certo nos saen da pel ás Administracións locais”, indicou a edil.

Unidade e reivindicación contra as violencias machistas

A alcaldesa de Lugo presidiu esta tarde ao acto institucional do Concello de Lugo, organizado dende a área de Muller con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no que destacou que “esta xornada debe servir para amosar a unidade e o compromiso persoal e colectivo contra as violencias machistas, pero tamén debe ser a das reivindicacións, as que estamos a realizar durante todo o ano, pero que neste día adquiren un carácter de maior visibilidade”.

Neste senso, lembrou a todas as mulleres asasinadas, e sostivo que a loita contra a lacra machista “é unha guerra que non coñece fronteiras, non discrimina por nacionalidade, por idade, por clase social nin por cultura. As vítimas podemos ser calquera de nós, vós, ou as nosas fillas ou irmás. Por iso, é tan importante falar e actuar contra a violencia machista e dotar de recursos, orzamentos e medios que axuden a reverter esta situación, un camiño que debe ser sen retorno porque así llo debemos aos homes e mulleres que loitan polos dereitos das mulleres en todo o mundo. Prezo que moitas mulleres chegan a pagar coas súas vidas”.

A continuación, a feminista e activista, Rosa Arcos Caamaño, leu o manifesto no que “falo especialmente en nome das mulleres do rural, en nome das que viven nas nosa aldeas. Hoxe estou aquí para denunciar que no rural, a violencia de xénero é tamén un problema socialmente insasumible. Os datos indican que no rural, 6 de cada 10 mulleres que sofren violencia de xénero, nunca denunciarán aos seus maltratadores; e tamén din que aquelas mulleres que chegan a denunciar, levan máis de 20 anos padecendo a violencia machista: toda unha vida de maltrato”.

Arcos, fundadora da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR GALICIA), da que foi presidenta durante máis de 14 anos e en cuxa directiva permanece a nivel estatal, alertou de que “vivimos nunha sociedade onde moitos queren que a violencia machista volva a ser un problema ‘do privado0, onde incluso o negacionismo volve gañar espazos …. Pois non, non queremos vivir nunha sociedade así, as mulleres non imos ceder, nós, non nos resignamos, nós seguiremos loitando incansablemente por mudar esta sociedade e construír un mundo máis xusto máis igualitario e libre de todo tipo de violencia contra a muller”.

No acto institucional tamén estiveron presentes a concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, así como outros membros da Corporación; a Subdelegada do  Goberno, Isabel Rodríguez; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; e o Subdelegado da Xunta, Javier Arias.

A CIG-Servizos denuncia a sobrecarga de traballo do persoal da limpeza dos edificios municipais de Lugo

A CIG-Servizos quere denunciar a situación insostíbel na que se atopa o servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Lugo (casa consistorial, centros sociais, culturais, colexios etc.), que está prestando a empresa Lacera en situación de prórroga dende o ano 2016.

A non actualización do contrato levou a que Lacera non estea a cubrir as baixas do persoal que cae enfermo, amparándose en que ao estar o contrato caducado non houbo ningunha suba económica por parte do Concello e non pode afrontar ese gasto.

Isto supón, denuncia Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, que as traballadoras teñan que asumir unha sobrecarga de traballo para poder prestar o servizo e que este non se poida atender de maneira adecuada. Algo que considera especialmente grave nunha situación de pandemia como a que estamos a vivir, na que cómpre redobrar as tarefas de limpeza e desinfección e cando xa se deron novos gromos nos centros educativos.

A CIG-Servizos considera inaudito este desleixo por parte do Goberno municipal nun servizo considerado esencial como a limpeza, e xa se dirixiu á Concellaría de Medio Ambiente de Lugo para urxir que se proceda a licitar canto antes o novo contrato porque, advirte Castiñeira, “na situación actual non se pode garantir o cumprimento dos protocolos de limpeza nos edificios municipais”.

De igual maneira, reclama que se aproveite a elaboración dos novos pregos para introducir unha mellora nas condicións laborais (sobre todo en materia de xornada) e salariais do persoal que presta o servizo para que dunha vez se dignifique esta actividade.

O lobo non cambia, carrapuchiña

Se eres muller seguramente sabes do que te vou falar. Vas soa pola rúa, de camiño á casa. É inverno. Ou non. É de noite, ou pola mañá. Porque a realidade é que da igual o día, a hora, a estación. A rúa está baleira. Só estás ti. De pronto, ao final da rúa un home xira na esquina. Mírate. Míralo. E sintes iso. Colles o móbil nunha man cun número premarcado. Na outra, tes as chaves, colocadas estratéxicamente para defenderte.

É ese sentimento que a gran maioría de homes nunca vai coñecer. Ese que, por desgraza, únenos a moitas de nós. Porque, se cadra, ese home segue o seu camiño sen achegarse a ti; pero, antes, houbo algún que si o fixo.

Podería aproveitar este espazo que teño para contar algunha das miñas historias relacionadas coa violencia machista. E, malia que é un bo altofalante, o certo é que hoxe, a miña historia, non é protagonista.

Hoxe é 25 de novembro. Un día de concienciación, de berrar nas rúas contra unha violencia que non deixa de sorprender cando pasa esa liña que a fai visible nos medios, pero que se agocha a diario en feitos invisibles. E, por iso, numerosas corporacións amosaron bandeiras negras e violetas. Por iso os crespóns morados nas chaquetas dos membros das diferentes corporacións que se acordan un par de días ao ano desta loita.

Pero, 25 de novembro, tamén é día de loito. Por todas esas que, hoxe, non se puideron vestir de negro ou violeta. É día de reivindicación, contra unha violencia estrutural, que nos crían para aceptar. Unha violencia que culpa á vítima e esíxelle responsabilidades a quen non debe.

E, sobre todo, é día de unidade, porque xa sabemos iso de mal de muchos, consuelo de tontos. É o día do #Metoo, do #eutamén, do #bastaxa. É día de amosarlle ao mundo, aos que Gobernan, aos que viven con nós, ás que pensan que a xeración millenial esaxera, ás que cren que é o que lles tocou, ás que se culpan, aos que as fan; é día de contar a nosa historia. A de todas. Porque, ao final, é a mesma: o lobo non cambia, carrapuchiña.

Inaugurado en Meira o sétimo Centro de Atención a Maiores da Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Meira, Antonio de Dios, inaugurou hoxe o Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira, que pon en marcha a institución provincial en colaboración co Concello, a sétima da rede provincial.

No acto tamén participaron deputados e deputadas provinciais, membros da Corporación municipal, e veciños e veciñas do municipio, ademais de persoas que entrarán a vivir na residencia e familiares. De feito, os usuarios e usuarias coñeceron hoxe as instalacións e mañá comezarán os preingresos.

José Tomé Roca destacou que a apertura deste Centro de Atención a Maiores, co “que cumprimos cun compromiso moi importante que tiñamos co Concello de Meira e cos veciños e veciñas deste municipio”, é “unha verdadeira medida de apoio ao noso rural, unha medida real para que a xente se quede a vivir nas nosas aldeas e concellos, e, en definitiva, para que o noso rural teña futuro”, asegurou.

Neste sentido, incidiu en que esta nova dotación social, que conta con 30 prazas de residencia -ampliables a 38 se fose preciso-, ofrecerá un servizo público de calidade “que consegue tres cuestións fundamentais: garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e as súas familias, favorece o arraigo dos maiores no seu entorno e, ademais, crea emprego e  dinamiza a economía”.

Neste sentido, o Presidente lembrou que a Deputación de Lugo ten implantado un modelo de xestión 100% pública, “que pon no centro ás persoas, non ao negocio”. “O único interese que temos é prestarlle ás persoas maiores os mellores coidados e atención, que sintan que este é o seu fogar e que aquí formen unha nova familia”, subliñou.

José Tomé recalcou así mesmo que o centro ten 30 prazas e contará con 25 traballadores e traballadoras, “polo que a atención será practicamente personalizada porque haberá case un residente por traballador”. En canto ao arraigo dos maiores no seu entorno, o mandatario provincial explicou que o centro de Meira consegue este obxectivo por dous motivos. Por un lado, porque no acceso ás prazas tiveron prioridade os veciños e veciñas do concello, logo os veciños da comarca e seguidamente os do resto da provincia de Lugo. Polo tanto, “as persoas que necesitan coidados e que queren vivir aquí, teñen a oportunidade de facelo, quedándose no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños”, afirmou.

Por outro lado, a residencia meirega favorece o arraigo porque está plenamente integrada na vila, destacou o Presidente: “Sitúase nunha zona preciosa, ao lado do río e do parque, e moi cerca do centro do pobo, polo que os residentes poderán compartir a súa vida diaria cos seus veciños”.

Polo que respecta á creación de emprego e actividade económica, José Tomé avanzou que esta dotación pública “crea 25 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os empregos indirectos, e tamén o efecto multiplicador que terá para a zona o funcionamento do centro, xa que todo o que necesite a residencia e que sexa posible comprar na zona, comprarase na zona”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com