Novas

‘De Lugo Lugo’, o novo lema de Lugo Monumental

Lugo Monumental quere converter un dito popular no lema do comercio local. De Lugo Lugo é unha das peculiares formas dos lucenses de identificar a quen é da cidade e, por extensión, a todo aquilo que é puramente local.

Precisamente con esa intención nace a campaña De Lugo Lugo que quere, dentro da súa sinxeleza, concienciar ao público da importancia de facer as súas compras no comercio local para, así, ter postos de traballo en Lugo, pagar impostos en Lugo e xerar riqueza en Lugo, o que reverte no conxunto da sociedade.

Nunha época tan crítica para o comercio como é a semana do Black Friday, previa á máis importante das campañas do ano, o do Nadal, Lugo Monumental pretende afianzar a concienciación que desde a pandemia, que aínda estamos a vivir, se xerou.

“Os cidadáns vimos o que son as nosas rúas sen locais, sen tendas nin bares, sen comercio nin vida… e non queremos que os retos aos que se enfronta o comercio tradicional, sendo o máis duro de todos o da competencia do comercio dixital, fagan que aquel suceso extraordinario convértase no noso futuro”, din dende a asociación.

90.000 adhesivos

Editáronse 90.000 adhesivos que os establecementos utilizarán en paquetería, correo ou da forma que consideren oportuna para dar a coñecer esta campaña. Tanto hostalería como comercio ou servizos quixeron participar nesta iniciativa, que esperan manter no tempo para convertela nun aceno de identidade da cidade.

O PP acusa ao goberno provincial de “ocultismo e falta de transparencia” na elaboración do orzamento para 2022

“O discurso socialista tropeza cada día coa realidade, cos teimudos feitos da súa maneira de gobernar”. Declaracións realizadas esta mañá polo voceiro popular na Deputación e que acusou ao Goberno Provincial de “ocultismo e falta de transparencia” no que a Orzamentos se refire.

“Falan de transparencia e practican o ocultismo; falan de participación e evitan por todos os medios contar coa oposición. Isto, que é a tónica xeral na Deputación de Lugo, volveuse poñer de manifesto na elaboración do orzamento da Deputación para o próximo exercicio económico”, resaltan os populares logo de denunciar que se enteraron deste proxecto de orzamentos 18 días despois da súa presentación ante o Parlamento Galego.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou que o seu grupo “quere denunciar o ocultismo, a falta de transparencia e de seriedade do goberno provincial, unha vez máis”. E é que, segundo denunciou esta mañá, “o presidente da
Deputación presentou os orzamentos para o 2022 no Pazo do Hórreo (no Parlamento de Galicia) o 4 de novembro e ata 18 días despois o grupo provincial popular non puido ter acceso a esa documentación, xusto dous ou tres días antes da celebración das reunións das comisións”.

Castiñeira pregúntase que quere ocultar o goberno da Deputación, e por que os deputados do PP non poden dispoñer da documentación moito antes para poder facer unha análise rigorosa, dunhas grandes contas “que entendemos son fundamentais, que son os da recuperación”. O portavoz popular di: “Por que todo á presa, por que non se nos chama a pesar de que nos ofrecemos moitas veces; por que non se conta co partido maioritario, que representa a 67 corporacións (32 alcaldes)”.

O portavoz popular tilda de “penoso e lamentable” estes feitos. “Ofrecémonos para colaborar nestes orzamentos, para dar as nosas opinións; de feito, démolas, fixemos propostas. Agora temos que estudar se algunha delas está dentro deste orzamento. Temos dous días, moi pouco tempo para traballar sobre un documento tan importante. Lamentable, señor Tomé; así non”, conclúe.

O Goberno colaborará na rehabilitación do Camiño de Santiago en sete concellos lugueses

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe en Paradela que o Goberno está a rehabilitar o Camiño de Santiago ao paso por sete concellos da provincia de Lugo mediante un investimento de 3 millóns de euros. José Miñones repasou o estado destas inversións, que executa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do Programa de Intervencións de Interese Cultural no Camiño de Santiago en concellos da Coruña e de Lugo. E apuntou que se trata dunha nova mostra do compromiso do Goberno coa celebración do Xacobeo.

Acompañado polo alcalde de Paradela, José Manuel Mato, e pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, José Miñones supervisou a rehabilitación do camiño francés ao paso polo lugar de Pena no que se están a investir preto de 600.000 euros. Este núcleo pertence á parroquia de Ferreiros e forma parte da etapa Sarria-Portomarín do Camiño Francés.

O proxecto de recuperación do núcleo tradicional da Pena céntrase na traza do Camiño de Santiago e na zona interior do núcleo. O delegado destacou que esta actuación combina “a restauración dos elementos tradicionais con outra de rehabilitación urbana de forma que se mellora a calidade de vida dos habitantes deste entorno”. Os traballos desenvólvense nunha superficie aproximada de 1.700 m2 e inclúen a dotación dos servizos de abastecemento, saneamento, rede de pluviais e o soterramento dos tendidos aéreos de baixa tensión e alumeado.

Rehabilitación do Camiño de Santiago O Programa de Intervencións de Interese Cultural no Camiño de Santiago que
desenvolve o Ministerio de Transporte  compónse de 10 proxectos que se desenvolven en 10 concellos das provincias de Lugo e da Coruña por onde pasa o Camiño Francés a Santiago. Na provincia de Lugo, o programa abrangue intervencións en Palas de Rei, Portomarín, Paradela, Sarria, Triacastela, Monterroso e Pedrafita do Cebreiro e na provincia da Coruña teñen lugar en Arzúa, O Pino e Melide. O investimento total entre as dúas provincias ascende a preto de 5 millóns de euros.

Investimentos no rural
Por outro lado, o delegado presentou as primeiras liñas de axuda do Goberno para apoiar a cohesión territorial dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en especial nos municipios de Reto Demográfico: “concellos que estamos a priorizar tanto en investimentos como en reformas normativas para loitar contra o despoboamento do rural. En Lugo, dos 67 concellos desta provincia, 59 pertencen á categoría de reto demográfico, entre eles, Paradela”, indicou.

En concreto, anunciou que Paradela se beneficiará da convocatoria deste ano do Plan ÚNICO-Banda Ancha. A resolución do Ministerio de Asuntos Económicos inclúe a través de 47 conexións que permitirán o acceso a internet de alta velocidade a máis de 200 vivendas e empresas do Concello. Estas conexións súmanse ás que se están efectuando no marco do programa de banda ancha Plan PEBA, tamén do Ministerio de Asuntos Económicos, que permitirá levar este acceso de alta velocidade a 30 entidades de poboación do municipio.

Na súa intervención, José Miñones puxo en valor que Paradela alcanzase unha das subvencións concedidas polo Ministerio de Transportes para a elaboración de plans piloto de axenda urbana. En total o Goberno concedeu 121 axudas en toda España nass que Paradela é o único concello galego de  menos de 5.000 habitantes en conseguir unha delas. O Ministerio concedeu ao goberno local de Paradela 50.000 euros para impulsar a elaboración do seu plan piloto de axenda urbana, un documento que poderán usar como exemplo outros municipios españois de características similares cando elaboren os seus proprios documentos.

Os Orzamentos da Deputación centran os investimentos en políticas sociais

Máis dun terzo dos 100 millóns de euros consignados no proxecto de orzamentos da Deputación para o vindeiro ano van destinados a políticas sociais. Son, en concreto, 34 millóns de euros os que o Executivo Provincial prevé dedicar ás residencias, teleasistencia, fomento do emprego ou educación, entre outras políticas.

A Deputación de Lugo presentou hoxe a proposta de orzamentos para 2022, que ascenden a 100.165.600 euros e que se someterán ao debate do Pleno o vindeiro 30 de novembro.

Na presentación, na que participaron o Presidente do Executivo xunto á Vicepresidenta e á Deputada de Economía, o dirixente destacou que se trata dos orzamentos “máis altos da última década”, un proxecto “claramente inversor e claramente social, porque o aumento prodúcese fundamentalmente nos capítulos de inversións, transferencias de capital, en gastos de bens e servizos e de benestar”.

Outra das partidas que destacaron dende o Goberno provincial foi á dedicada á cooperación cos Concellos. E é que o Executivo provincial volverá a facilitar axudas a todos os municipios de Lugo dedicando 11 millóns de euros ao Plan Único, unha partida que, ao igual que en anos anteriores, verase ampliada cos remanentes puidendo acadar os 21 millóns de euros.

Ademáis, a área de Cultura presentou investimentos por 3,3 millóns de euros para a rede museística, que se suman aos máis de 767.000 que dedicarán á programación cultural ou os 800.000 para o tecido asociativo. Despois de case dous anos coas actividades  moi condicionadas pola pandemia, un dos obxectivos, se a situación sanitaria o permite, será  reforzar a actividade presencial.

En canto ao Centro de Artesanía e Deseño, a Vicepresidenta explicou que  “se investirán máis de 300.000 euros en consolidar os proxectos de apoio e promoción da artesanía que ven desenvolvendo desde o inicio da lexislatura, apostando de forma decidida por visibilizar o traballo artesán e abrir novos camiños para a sostibilidade económica e social”.

Otra das grandes partidas é a dedicada á Mobilidade cun investimento de 17,3 millóns de euros, dedicados á mellora e mantemento da rede de estradas provincial “a máis extensa de Galicia”.

Para as políticas de Medio Ambiente, segundo explicou o Presidente, o proxecto de Orzamentos prevé un investimento de 4 millóns de euros cos que pretenden “facer realidade” o vindeiro ano o Parque Central de Galicia, así como impulsar as reservas da biosfera.

Doutra banda, segundo explicou a Vicepresidenta, Medio Rural contará cunha partida de 1,1 millóns de euros “uns 250.000 euros máis que na pasada anualidade”, para renovar o programa de prevención de incendios O Que Non Arde, apoiar a consolidación e expansión da plataforma de venda en liña Son de Lugo coa entrada de novos produtores locais e financiar programas de formación continúa e asesoramento para avanzar na profesionalización
do agro. Como novidade, avanzou o Executivo, porán en marcha o programa da Escola á Granxa, para que a mocidade poida coñecer de primeira man proxectos de emprendemento exitosos.

Neste senso, destaca tamén a inversión nos distintos sectores produtivos con 3 millóns de euros dos que 1,7 se investirán na Granxa Gayoso Castro. O resto irá de dicado aos diferentes tecidos productivos, cun gran impulso do sector turístico.

Por último, son destacables os 3,2 millóns de euros dedicados á area de Deportes dos que preto de 2,5 irán destinados á axudas e subvencións.

Saúde, urbanismo, mobilidade e vivenda, eixos principais do IV Plan de Igualdade de Lugo

A alcaldesa de Lugo presentou hoxe o IV Plan de Igualdade do Concello, “unha ambiciosa folla de ruta para o período 2021-2024 que nos permitirá seguir traballando para acadar unha unha cidade feminista e máis respectuosa coa igualdade da muller, e máis concienciada contra as violencias machistas”.

“Temos a obriga como Administración de  seguir avanzando para conseguir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, polo que proxectamos accións que permitan eliminar os obstáculos que a impiden e dificultan, así como mellorar a concienciación, a educación, a prevención e a asistencia en relación coa violencia de xénero”, explicou a rexedora, que estivo acompañada da edil de Muller e Igualdade.

O IV Plan Municipal estrutúrase en 9 eixos de actuación, nos que se incorporan os relacionados  “coa saúde, o urbanismo, a mobilidade e a vivenda, nas que xa vimos traballando con perspectiva de xénero”, incidiu a alcaldesa.

Entre as medidas que se contempla nestes eixos destacan a demanda á Xunta de Galicia de recursos especializados no diagnóstico e tratamento de enfermidades que afectan especialmente ás mulleres, como a endometriose, a solicitude dun Xulgado de Violencia de Xénero, o deseño de medidas que aseguren un transporte público seguro e libre de agresións machistas; a realización dun estudo para a detección de necesidades de mobilidade das mulleres, especialmente daquelas con discapacidade; a realización dun mapeo de puntos escuros da cidade, e a elaboración dun estudo da incidencia das violencias machistas e as súas diferenzas nos espazos urbano e rural para poder adoptar medidas específicas en cada caso. Tamén se contempla un novo impulso a inclusión das mulleres en situación de vulnerabilidade entre os grupos prioritarios para o acceso ás axudas para a vivenda.

Estes eixos súmanse aos relacionados coa participación cidadá en prol da promoción da igualdade, a educación, a cultura e o deporte, a formación de emprego, a prevención da violencia de xénero, a sensibilidade e comunicación, calidade de vida e a igualdade na administración local. Todas as accións serán coordinadas e impulsadas pola Concellería de Muller e Igualdade, e nelas participarán todas as áreas municipais de maneira transversal.

O IV Plan apoia tamén a consolidación dun asociacionismo feminista forte, promovendo e potenciando o papel do Foro de Igualdade, mellorando a súa participación nas decisións municipais e establecendo mecanismos de colaboración entre a administración local e o movemento asociativo” explicaba a rexedora.

Ponse así mesmo, moita énfase na visibilización das discriminacións múltiples e en sensibilizar aos diferentes grupos de poboación en materia de igualdade de oportunidades en avanzar na accesibilidade dos servizos de apoio e a atención a vítimas de violencia de xénero, así como en detectar as necesidades en relación con todos os tipos de violencia contra as mulleres. 

Outras actuacións de interese son o fomento do emprego feminino, promocionando a formación desde a perspectiva de xénero, favorecendo a conciliación e a corresponsabilidade mediante a mellora da accesibilidade dos servizos municipais, así como introducir a cultura feminina e o principio de igualdade na rede de Bibliotecas Municipais e fomentar o deporte feminino.

25N

A concelleira de Muller e Igualdade presentou as actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 25N, Día Internacional contra da Violencia de Xénero, que estando tendo lugar dende o día 22 e ata o 28 de novembro.

Entre as accións que axudarán a visibilizar esa xornada, “que segue a ser necesaria tendo sempre claro que a nosa loita é diaria”, segundo destacou a edil, é a instalación da Praza Maior dun teito de paraugas flotantes morados e negros, “para que a sociedade tome conciencia da violencia de xénero”, ou as teas negras e outros simbolismos colocados nas entradas da Praza de Abastos, do Parque de Rosalía de Castro e  do Parque da Milagrosa “como mostra de loito pola dor compartida coas vítimas de violencia de xénero”.

O 25 de novembro terá lugar unha ofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia machista ás 17:30 horas na praza de Santo Domingo, onde se lerá un manifesto, a cargo de Rosa Arcos Caamaño. No acto tamén actuará o coro Cantar Delas.

Ás 18:30 horas, o Auditorio de O Vello Cárcere acollerá a mesa de diálogo Violencia de xénero dixital: as sombras tras a luz da pantalla, moderada por Dolores Varela Salgueiro, do Foro Feminista de Lugo e na que participarán: Encarni Iglesias Pereira, Presidenta da Asociación STOP! Violencia de Género Digital; Santiago Martínez Pardo, membro do grupo de Investigadores Doctorais da Universidade de Vigo, no programa de Xestión e Resolución de Conflictos, Menores, Familia e Xustiza Terapéutica; Rebeca Pilar Díaz Redondo, investigadora da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO, e María Murnao, máis coñecida como Feminista Ilustrada, unha influencer española  que conta con máis dun millón de seguidores en redes sociais.

O Concello de Vilalba e os empresarios impulsan unha campaña de promoción polo ‘Black Friday’

O Concello de Vilalba e a Asociación de Empresarios Sete Pontes presentaron esta tarde unha campaña de apoio ao comercio local, coa que buscan fomentar as compras e o consumo nos establecementos da localidade a propósito do Black Friday, que se celebra este venres 26 de novembro.

Na presentación da iniciativa, baixo o nome de Black Friday Vilalba 2021, participaron a alcaldesa, Elba Veleiro; a concelleira de Comercio, Marta Rouco, e a responsable de Comercio da Asociación de Empresarios Sete Pontes, Antía Naveiras. Con motivo da celebración do Black Friday, o Concello de Vilalba porá en marcha a súa campaña de difusión e promoción do comercio local coa colocación de materiais en distintos espazos públicos do municipio.

En total, 38 establecementos participarán desta campaña, identificados cunha alfombra negra e unha torre de globos na entrada dos propios locais. Os establecementos realizarán diferentes descontos, desde un 5% ata un 50% ao longo da xornada do venres e prolongarán a súa apertura ata as 22 horas. A iso súmase a campaña de promoción impulsada polo goberno local, que habilitará elementos publicitarios en diferentes espazos públicos.

O Concello de Vilalba busca con esta iniciativa fomentar o comercio de proximidade, un dos motores económicos do municipio.

Malasmadres e Paula Fraga, protagonistas na ‘I Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais’

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu hoxe a I Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais que organizou a Deputación de Lugo no marco da programación con motivo do 25N. Maite Egoscozabal, do Club Malasmadres, e Paula Fraga, xurista e declarada feminista en redes sociais, foron as protagonistas deste coloquio que se puido seguir de maneira presencial e tamén en directo a través das canles do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

O Presidente da Deputación de Lugo e a Deputada de Muller e Igualdade foron os encargados de abrir e moderar este espazo de reflexión onde se puxo o foco na violencia machista e na violencia estrutural contra a muller. “Como parte da administración, esta institución quere reforzar o seu papel como axente activo á hora de impulsar os dereitos das mulleres. Temos unha función importante á hora de axudar a trasladar as reivindicacións do feminismo na esfera da administración local, sobre todo nos concellos rurais, de poboación dispersa ou alto grao de envellecemento, nos que as dificultades das mulleres por lograr a plena igualdade son maiores”, indicou o Presidente.

A Deputada de Muller e Igualdade foi firme e manifestou que a sociedade “non pode permitir máis asasinatos, nin que haxa situación de menosprezo e de desigualdade nos fogares, nos lugares de traballo ou nas rúas do noso país”. Lembrou a Deputada provincial que dende o 2003 en España foron asasinadas 1.117 mulleres, “mulleres con nomes e apelidos, coas súas propias historias, que se detiveron para sempre”.

Dende o 2019 en España rexistráronse 1.743.680 denuncias por violencia machista que se traduciron en 450.000 ordes de protección. “Son datos preocupantes, porque aquí en Galicia xa tivemos que volver saír á rúa para condenar un feminicidio cometido na Coruña”. “Non podemos deternos, non podemos permitirnos que morra unha muller máis, e tampouco podemos permitir situacións que vulneren os nosos dereitos”.

A Deputada de Muller recalcou un dos temas abordados no debate: os prexuízos de xénero. “Os estereotipos inventan unha supostas condicións de diferencias, e para os intolerantes, a diferenza sempre é unha invitación á violencia”. Foi firme ao dicir que as mulleres “non podemos aceptar que se nos marque como debemos actuar, non podemos transixir con modelos de igualdade baseados en argumentos tan baleiros como que sempre se fixo así ou que é o que a sociedade espera das mulleres”, explicou.

Outro dos temas nos que se fixo unha reflexión foi a conciliación familiar. “De nós espérase moito máis, nós temos que encargarnos de moitas máis responsabilidades no coidado dos fillos e no coidado do fogar”, manifestou a Deputada. Puxo tamén o foco nas situacións que se deron durante a pandemia en moitas casas do país onde “o coidado de maiores e enfermos, a atención dos nenos sen clase presencial, se entenderon de modo automático como cometidos femininos”.

As poñentes

Unha das poñentes foi Paula Fraga, xurista. É avogada especializada en dereito penal e de familia. A súa práctica xurídica está moi centrada na defensa dos dereitos das mulleres e a infancia. No mesmo sentido, desenvolveu a súa militancia política en diversas organizacións feministas. Forma parte da Alianza Contra el Borrado de las Mujeres e  foi premiada polo seu traballo en favor da abolición da prostitución e a súa colaboración en programas de reinserción de mulleres internas nas institucións penitenciarias.

Tamén participou a través de videoconferencia Maite Egoscozabal, socióloga do Club de Malasmadres e da asociación Yo No Renuncio. Publicou o informe Las Invisibles que reflicte como a maternidade converte en invisibles ás mulleres no ámbito laboral, persoal e social. O Club Malas Madres naceu nas redes sociais co obxectivo de  desmitificar o mito de “nai perfecta” e reivindicar un novo modelo de nai. Agora mesmo, xa son máis dun millón de nais conectadas entre si para visibilizar a necesidade de non perder a identidade propia como mulleres unha vez que se ten un fillo ou unha filla. O Club Malasmadres é ademais o altofalante de toda unha xeración para a loita común en favor da conciliación, pensando en que as mulleres nin queren nin deben renunciar á súa carreira profesional á vez que tampouco queren renunciar a ver como medran as súas crianzas.

A Audiencia Provincial impón dez anos de cárcere ao fratricida de Rábade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condena, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, á pena de dez anos de prisión a un home que matou ao seu irmán en Rábade en novembro de 2019. O sospeitoso foi sentenciado como autor dun delito de homicidio, coa concorrencia da agravante de parentesco e as atenuantes de confesión e arrebato.

Os feitos remontanse a novembro de 2019, hai exactamente hoxe 2 anos, cando o acusado, apertoulle o pescozo e a boca ao seu irmán ata causarlle a morte, a cal, segundo comprobaron os servizos forenses, produciuse por asfiuxia mecánica por compresión.

A vítima, ao momento do falecemento tiña 45 anos de idade e padecía unha minusvalía do 65% pola que estaba incapacitado parcialmente por Sentenza Xudicial de xaneiro dese mesmo ano.

O xa condenado chamou á Garda Civil, unha vez que cometera o asasinato para confesalo e dar a dirección do domicilio familiar. Cando chegaron os axentes deixouse esposar manifestando que o corpo do seu irmán estaba na primeira planta da casa e explicándolles por onde tiñan que acceder.

Segundo revela o auto xudicial o acusado cometeu o asasinato a consecuencia “dalgún estímulo non concretado pero de entidade suficiente”, ocasionado polo falecido previo á agresión e que deu lugar a “un estado pasional que lle influíu na  realización da agresión que deu lugar á morte so seu irmán”.

Así a resolución da Audiencia Provincial aclara que os feitos foron declarados “probados” e constitúen un delito de homicidio. “Isto é así e ningunha dúbida cabe pois, incluso e de feito, foi algo admitido pola defensa pois os datos resultan irrefutables pois, conforme informou o servizo de criminalística da Garda Civil, o falecido tiña un mechón de cabelo o acusado; asemade chamou dende o seu teléfono, que deixou no lugar dos feitos, para advertir de que “había un asasinato”, segundo declarou o garda de portas que recibiu a chamada”, describe o auto.

“Todo este conxunto de datos non deixa lugar a dúbidas ao respecto de que o autor dos feitos que provocaron a morte foi o seu irmán, o acusado”, sentenza.

Silas Barreira, subcampión de España de Hípica con 12 anos

Silas Barreira, deportista de 12 anos de idade, vén de conseguir quedar subcampión de España no Campionato Interautonomías de Hípica co equipo galego, celebrado en Sanlúcar de Barrameda, ao tempo que acadaba o bronce como xinete individual.

O Concello de Lugo recibiu hoxe a este rapaz ao que animaron a “seguir adestrando e estudando coa mesma ilusión e a mesma enerxía para seguir levando o nome de Lugo ao máis alto e acadar novos éxitos deportivos”.

O Campionato Interautonomías de Hípica é unha modalidade hípica que é o deporte rei nos Emiratos Árabes, consiste en carreiras de cabalos de longa distancia, onde se pon a proba de resistencia dos equinos, xunto coa destreza dos xinetes e amazonas á hora de montar e dosificar aos cabalos.

O equipo infantil galego participou na distancia de 60 quilómetros quedando subcampións de España e conquistando a medalla de prata. Un total de 44 binomios tomaron a saída na proba de 60 quilómetros, na que os 63 km totais dividíronse en 3 fases de 20 km, 23 km,  e 20 km cada unha delas.

Neste acto oficial participaron, ademáis do protagonista, a rexedora, o edil de Deportes así como os voceiros das distintas agrupacións que forman a Corporación Municipal.

A Praza de Abastos e o Mercado Municipal acenden hoxe as luces de Nadal

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza anunciou que hoxe se realizará o acendido das luces de Nadal da Praza de Abastos e do Mercado Municipal. A edil afirmou que “co alumeado de Nadal queremos convidar á veciñanza de Lugo a que se achegue á Praza de Abastos e ao Mercado Municipal e que coñeza os produtos de primeira calidade que se venden nestas dúas instalacións históricas”.

A edil de Participación destacou que “na Praza e no Mercado temos a posibilidade de adquirir produtos de primeira calidade, chegados directamente dos produtores, e desfrutar da atención personalizada das responsables de cada posto nun entorno privilexiado do centro da cidade”.

A edil convidou a toda a veciñanza ao acendido das luces, que terá lugar hoxe, martes 23 de novembro a partir das 18:30 horas. O acto contará coa animación musical da Foliada de Bosende. As veciñas e veciños que se acheguen ao acto poderán degustar productos dos distintos postos da Praza.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com