" />

Saúde, urbanismo, mobilidade e vivenda, eixos principais do IV Plan de Igualdade de Lugo

A alcaldesa de Lugo presentou hoxe o IV Plan de Igualdade do Concello, “unha ambiciosa folla de ruta para o período 2021-2024 que nos permitirá seguir traballando para acadar unha unha cidade feminista e máis respectuosa coa igualdade da muller, e máis concienciada contra as violencias machistas”.

“Temos a obriga como Administración de  seguir avanzando para conseguir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, polo que proxectamos accións que permitan eliminar os obstáculos que a impiden e dificultan, así como mellorar a concienciación, a educación, a prevención e a asistencia en relación coa violencia de xénero”, explicou a rexedora, que estivo acompañada da edil de Muller e Igualdade.

O IV Plan Municipal estrutúrase en 9 eixos de actuación, nos que se incorporan os relacionados  “coa saúde, o urbanismo, a mobilidade e a vivenda, nas que xa vimos traballando con perspectiva de xénero”, incidiu a alcaldesa.

Entre as medidas que se contempla nestes eixos destacan a demanda á Xunta de Galicia de recursos especializados no diagnóstico e tratamento de enfermidades que afectan especialmente ás mulleres, como a endometriose, a solicitude dun Xulgado de Violencia de Xénero, o deseño de medidas que aseguren un transporte público seguro e libre de agresións machistas; a realización dun estudo para a detección de necesidades de mobilidade das mulleres, especialmente daquelas con discapacidade; a realización dun mapeo de puntos escuros da cidade, e a elaboración dun estudo da incidencia das violencias machistas e as súas diferenzas nos espazos urbano e rural para poder adoptar medidas específicas en cada caso. Tamén se contempla un novo impulso a inclusión das mulleres en situación de vulnerabilidade entre os grupos prioritarios para o acceso ás axudas para a vivenda.

Estes eixos súmanse aos relacionados coa participación cidadá en prol da promoción da igualdade, a educación, a cultura e o deporte, a formación de emprego, a prevención da violencia de xénero, a sensibilidade e comunicación, calidade de vida e a igualdade na administración local. Todas as accións serán coordinadas e impulsadas pola Concellería de Muller e Igualdade, e nelas participarán todas as áreas municipais de maneira transversal.

O IV Plan apoia tamén a consolidación dun asociacionismo feminista forte, promovendo e potenciando o papel do Foro de Igualdade, mellorando a súa participación nas decisións municipais e establecendo mecanismos de colaboración entre a administración local e o movemento asociativo” explicaba a rexedora.

Ponse así mesmo, moita énfase na visibilización das discriminacións múltiples e en sensibilizar aos diferentes grupos de poboación en materia de igualdade de oportunidades en avanzar na accesibilidade dos servizos de apoio e a atención a vítimas de violencia de xénero, así como en detectar as necesidades en relación con todos os tipos de violencia contra as mulleres. 

Outras actuacións de interese son o fomento do emprego feminino, promocionando a formación desde a perspectiva de xénero, favorecendo a conciliación e a corresponsabilidade mediante a mellora da accesibilidade dos servizos municipais, así como introducir a cultura feminina e o principio de igualdade na rede de Bibliotecas Municipais e fomentar o deporte feminino.

25N

A concelleira de Muller e Igualdade presentou as actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 25N, Día Internacional contra da Violencia de Xénero, que estando tendo lugar dende o día 22 e ata o 28 de novembro.

Entre as accións que axudarán a visibilizar esa xornada, “que segue a ser necesaria tendo sempre claro que a nosa loita é diaria”, segundo destacou a edil, é a instalación da Praza Maior dun teito de paraugas flotantes morados e negros, “para que a sociedade tome conciencia da violencia de xénero”, ou as teas negras e outros simbolismos colocados nas entradas da Praza de Abastos, do Parque de Rosalía de Castro e  do Parque da Milagrosa “como mostra de loito pola dor compartida coas vítimas de violencia de xénero”.

O 25 de novembro terá lugar unha ofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia machista ás 17:30 horas na praza de Santo Domingo, onde se lerá un manifesto, a cargo de Rosa Arcos Caamaño. No acto tamén actuará o coro Cantar Delas.

Ás 18:30 horas, o Auditorio de O Vello Cárcere acollerá a mesa de diálogo Violencia de xénero dixital: as sombras tras a luz da pantalla, moderada por Dolores Varela Salgueiro, do Foro Feminista de Lugo e na que participarán: Encarni Iglesias Pereira, Presidenta da Asociación STOP! Violencia de Género Digital; Santiago Martínez Pardo, membro do grupo de Investigadores Doctorais da Universidade de Vigo, no programa de Xestión e Resolución de Conflictos, Menores, Familia e Xustiza Terapéutica; Rebeca Pilar Díaz Redondo, investigadora da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO, e María Murnao, máis coñecida como Feminista Ilustrada, unha influencer española  que conta con máis dun millón de seguidores en redes sociais.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Nov 24, 2021 - 05:40 PM

    O enunciado e os Paraguas quedan moi bonitos, pero…

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo