Novas

Silas Barreira, subcampión de España de Hípica con 12 anos

Silas Barreira, deportista de 12 anos de idade, vén de conseguir quedar subcampión de España no Campionato Interautonomías de Hípica co equipo galego, celebrado en Sanlúcar de Barrameda, ao tempo que acadaba o bronce como xinete individual.

O Concello de Lugo recibiu hoxe a este rapaz ao que animaron a “seguir adestrando e estudando coa mesma ilusión e a mesma enerxía para seguir levando o nome de Lugo ao máis alto e acadar novos éxitos deportivos”.

O Campionato Interautonomías de Hípica é unha modalidade hípica que é o deporte rei nos Emiratos Árabes, consiste en carreiras de cabalos de longa distancia, onde se pon a proba de resistencia dos equinos, xunto coa destreza dos xinetes e amazonas á hora de montar e dosificar aos cabalos.

O equipo infantil galego participou na distancia de 60 quilómetros quedando subcampións de España e conquistando a medalla de prata. Un total de 44 binomios tomaron a saída na proba de 60 quilómetros, na que os 63 km totais dividíronse en 3 fases de 20 km, 23 km,  e 20 km cada unha delas.

Neste acto oficial participaron, ademáis do protagonista, a rexedora, o edil de Deportes así como os voceiros das distintas agrupacións que forman a Corporación Municipal.

A Praza de Abastos e o Mercado Municipal acenden hoxe as luces de Nadal

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza anunciou que hoxe se realizará o acendido das luces de Nadal da Praza de Abastos e do Mercado Municipal. A edil afirmou que “co alumeado de Nadal queremos convidar á veciñanza de Lugo a que se achegue á Praza de Abastos e ao Mercado Municipal e que coñeza os produtos de primeira calidade que se venden nestas dúas instalacións históricas”.

A edil de Participación destacou que “na Praza e no Mercado temos a posibilidade de adquirir produtos de primeira calidade, chegados directamente dos produtores, e desfrutar da atención personalizada das responsables de cada posto nun entorno privilexiado do centro da cidade”.

A edil convidou a toda a veciñanza ao acendido das luces, que terá lugar hoxe, martes 23 de novembro a partir das 18:30 horas. O acto contará coa animación musical da Foliada de Bosende. As veciñas e veciños que se acheguen ao acto poderán degustar productos dos distintos postos da Praza.

400 desempregados poderán participar nos novos programas de inserción laboral

A Xunta de Galicia vén de resolver unha nova convocatoria dos Programas integrados de emprego que suporán na provincia de Lugo un investimento de 967.000 euros para catro iniciativas que ofrecerán oportunidades de inserción laboral a 400 traballadores desempregados.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que os destinatarios das achegas son os concellos de Palas de Rei, Mondoñedo e Chantada, con 250.000 euros en cada caso; os tres presentaron proxectos asociados con municipios da súa contorna, ata sumar un total de 22 implicados. Tamén recibe 217.250 euros o programa promovido pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (Apehl).

Arias sinalou que estes programas ofrecen formación e asesoramento flexible e adaptado ás necesidades do territorio ou do sector, no caso da Apehl. Todos os beneficiarios da provincia desenvolveron propostas similares en edicións anteriores, que suman un investimento acumulado de case 8 millóns de euros nos últimos anos.

Cada un dos programas está dirixido a 100 traballadores desempregados, aos que se oferta formación e información, orientación e asesoramento en aspectos como as técnicas de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea; habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista; fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, ou obradoiros sobre mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles noutras áreas xeográficas ou mesmo na Unión Europea (rede Eures).

Así mesmo, traballan activamente no emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes e na procura de prácticas profesionais non laborais en empresas, preferentemente en consonancia co contido teórico práctico das accións formativas.

Teatro e música polo Día contra a violencia machista, en Cervo

O Concello de Cervo, a través da delegación de Muller e Igualdade que dirixe Pilar Armada, en colaboración coa asociación Mulleres en Igualdade de Cervo (CERMEI), programa unha xornada baixo o lema “ponlle fin para ter un comezo”, que inclúe unha obra de teatro e un concerto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que ten lugar cada 25 de novembro.

A obra de teatro de Francisco Piñeiro, que se representará o venres 26 de novembro na Casa da Cultura de San Ciprián, ten como título “Alegoría da igualdade”. A compañía encargada da representación será o Grupo Ardora e a hora de comezo será ás 19:00h. Ao remate da obra, a artista local Marta Suárez dará un concerto para todos os
asistentes.

O Concello de Cervo tamén colaborou xunto coa Asociación Bumei – Mujeres en Igualdad da Provincia de Lugo, na gravación dun spot televisivo en contra da violencia de xénero, que se está a emitir desde este luns ata o venres 26 na TVG.

Ademais, durante toda a semana, iluminaremos de morado os diferentes edificios públicos como símbolo de repulsa da violencia de xénero e en apoio a todas as mulleres que sofren ou sufriron nas súas vidas esta lacra. Convócase tamén un minuto de silencio o xoves, 25 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa do Concello, en recordo das vítimas da violencia machista.

A exposición ’50 anos do Belén de Begonte(1972-2022)’ chega a Outeiro de Rei

Presentouse na Casa da Cultura de Outeiro de Rei a mostra 50 ANOS DO BELÉN DE BEGONTE (1972-2022), proxectada polo Colectivo Egeria e o Centro Cultural José Domínguez Guizán (impulsor do Belén de Begonte), apoiada pola Xunta de Galicia e o Concello de Begonte, e que resume a vida e actividade deste Belén electrónico que a Xunta declarou en 2014 “de interese turístico galego”. Participaron no acto o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, o Alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, e o Presidente do Colectivo Egeria e vicepresidente do Centro Cultural, Xulio Xiz.

50 anos do Belén de Begonte (1972-2022)
A exposición está composta por trece paneis que reflicten as datas e os datos máis destacados da historia do Belén, con mención especial ao Nadal de 1972, na que o bispo de Mondoñedo, Monseñor Araujo bendiciu o Belén que nacía, e pronunciou o pregón Víctor Sáenz. Anos despois Monseñor Araujo sería tamén pregoeiro do Belén.

O Nadal en Begonte ten sido pregoado neste case medio século por profesores, escritores, xornalistas, políticos, cregos, bispos… e dous Presidentes da Xunta, un presidente do Parlamento, un Arcebispo e un Xeneral. É costume desde a súa creación que ao nomeamento de cada bispo de Mondoñedo-Ferrol sexa este o que pregoe o Nadal begontino, polo que este ano corresponderalle esa especial función a Monseñor Fernando García Cadiñanos.

Lugo lembra as vítimas dos sinistros de tráfico

A Xefatura Provincial de Tráfico organizou hoxe un minuto de silencio en memoria das vítimas dos sinistros de tráfico. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu este acto en conmemoración do Día Mundial en recordo das Vítimas de Accidentes de Tráfico lembrando ás 10 persoas que faleceron este ano en sinistros nas vías da provincia.

Dende o 1 de xaneiro producíronse 10 accidentes mortais, todos en estrada, con 10 falecidos, o que permite falar dun descenso global na siniestralidade viaria dun 28% na provincia con respecto ás mismas datas do ano anterior.

Isabel Rodríguez apelou á cidadanía lucense a seguir avanzando nesta redución anual, que se extende tamén aos feridos en acidentes de tráfico. Así, nas estradas e vías urbanas da provincia producíronse este ano 330 accidentes de tráfico, que provocaron 48 feridos hospitalizados e 383 leves.A Deputación de Lugo sumouse este luns a un minuto de silencio en memoria das vítimas dos sinistros de tráfico. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou xunto a outras autoridades da provincia neste acto de lembranza organizado pola Dirección Xeral de Tráfico.

A concentración, á que tamén se sumaron ducias de veciños, tivo lugar diante da Xefatura Provincial de Tráfico.

O PSdeG de Becerreá pide un modelo “garantista e profesional” para o GES

O PSdeG de Becerreá defende a busca dun modelo garantista e profesional, tanto a nivel laboral como a nivel xurídico, para a prestación do servizo de emerxencias dende o concello para os veciños da propia localidade e de toda a comarca da Montaña, motivada polo que consideran unha renuncia do Alcalde de continuar como sede do GES no Concello.

Neste sentido, a voceira socialista, Ana Rubinos, reclama que se manteña vivo o compromiso coa veciñanza para o funcionamiento do GES e que se conserven os empregos que xera este servizo nun concello como Becerreá.

Ana Rubinos anunciou que dende o PSdeG “vamos a traballar dende tódalas institucións que sexan necesarias para reverter esta situación e conseguir que o GES poida dar un servizo de calidade e profesional desde Becerreá para a Montaña de Lugo. Merecemos uns servicios públicos dignos, porque iso é o que garante que a xente se quede a vivir no rural, e por iso loitaremos”.

O Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) dos Ancares-Lugo-Sarria ten a sede en Becerreá e atende ese e outros seis municipios de Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela. Segundo os últimos datos no 2020 o GES con sede nesta vila efectuou 219 operativos. Hai que lembrar que a provincia de Lugo conta con sete grupos de emerxencias, que dan cobertura directa a un total de 38 municipios.

O PP pide ao Concello que promocione ‘Láncara para vivir’

O Partido Popular pide ao Concello que promocione Láncara para vivir. Así se explica na moción que veñen de rexistrar os populares, co fin de que se incentiven “políticas” que freen o declive demográfico e favorezan o asentamento de poboación.

Este municipio conta con menos de 2.600 veciños e a tendencia nos últimos anos vén sendo un crecemento vexetativo negativo. Por iso, e “tendo en conta que en Láncara eramos máis de 3000 habitantes, o obxectivo que nos podemos marcar dende o Concello é establecer unha serie de medidas dirixidas a atraer residentes e fixar poboación. Poderiamos chamalo Plan Láncara 3000”, indica o voceiro Santiago Cubillas.

Por este motivo, dende o PP tamén solicitan, en primeiro lugar, que se realice un estudo da situación inmobiliaria no municipio, para saber cantos inmobles hai en venta ou dispoñibles en alugueiro e, en segundo lugar, poñer en marcha distintas bonificacións directas para aquelas familias que se empadronen e residan no concello.

“Láncara situase a medio camiño da capital provincial, Lugo, e da capital da comarca, Sarria. Ten boas comunicación coas dúas localidades. É un concello tranquilo e con boa calidade de vida, de xeito que podemos beneficiarnos das vantaxes da cidade, pola súa proximidade, e da tranquilidade do campo. Polo prezo dun piso en Lugo, en Láncara é posible ter unha casa”, destaca Cubillas, que, ademais, lembra que en todo o municipio hai vivendas á venda: dende a casa natal de Ramón Piñeiro, en Armea, a pisos na Pobra. Cabe resaltar, apunta, o caso da Urbanización de Valdriz, onde hai case 20 inmobles en venta.

O Concello incorporará 67 desfibriladores nas instalacións municipais e vehículos policiais

O Concello de Lugo aprobará en Xunta de Goberno Local a adxudicación que permitirá instalar 67 desfibriladores que axuden a actuar canto antes ante posibles infartos, dos que 47 irán en edificios e instalacións municipais e 10 serán móbiles para os coches da Policía Local e os servizos de emerxencias. Ademais, se incluirán 10 tótems para colocar no exterior.

A empresa adxudicataria para a subministración, instalación e mantemento integral foi Esforem Formación de Emergencias, por un importe de 148.078 €. “Esta iniciativa responde ao noso compromiso pola saúde. Desde o Concello cremos de especial importancia investir en salvar vidas, tendo en conta que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 ao 75%. En cambio, cada minuto que esta acción se atrasa redúcese a probabilidade de supervivencia entre un 10 e un 12%”, segundo lembra a rexedora.

Con esta iniciativa, incluída no programa Lugo con Corazón, Lugo situarase moi riba da ratio recomendada por Europa de 10 desfibriladores por cada 10.000 habitantes, converténdose na cidade máis cardioprotexida das grandes cidades galegas e incluso do Noroeste peninsular.

A área de Benestar Social será a encargada de supervisar a colocación e o seguemento do funcionamento dos desfibriladores. A concelleira avanzou que coa instalación dos desfibriladores poranse en marcha cursos de formación para o seu correcto uso, que recibirán os empregados municipais das distintas dependencias, e que están “baseados nun mecanismo moi sinxelo, pero que, en caso de urxencia, debe aplicarse correctamente e o máis rápido posible xa que o tempo de reacción é clave”, sostivo a edil.

Os desfibriladores son aparellos sanitarios indispensables para a prevención de situacións que demandan unha urxente atención sanitaria con risco para a vida. O modelo que estará operativo nas dependencias públicas de Lugo, pesa aproximadamente 1,8 kg, está dotado dunha pantalla con indicacións de tempos e número de descarga. Entre as melloras presentadas pola adxudicataria, inclúese a ampliación de caducidade da batería de 2 a 4 anos; a substitición, sen custo, da batería unha vez superada a caducidade establecida; o aumento do tempo de mantemento dos equipos de 4 anos a maiores dos 3 anos obrigatorios, a implantación dos 10 tótems externos con desfibrilador, así como un programa de formación RCP básica, a maiores da esixida para o primeiro ano.

Os tres concellos da comarca de Chantada melloran as súas instalacións deportivas

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou no día de hoxe a comarca de Chantada para supervisar a finalización das actuacións sufragadas nos tres concellos chantadinos grazas aos convenios de colaboración asinados pola Secretaría Xeral cos gobernos locais. En total, o investimento nas instalacións deportivas da comarca de Chantada en 2021 acadou máis de 160.000 euros dos que a Xunta de Galicia achegou o 80%.

En primeiro lugar Lete Lasa dirixiuse ao Concello de Carballedo onde, acompañado polo alcalde, Julio Manuel Yebra-Pimentel, visitou a pista polideportiva do complexo deportivo da Barrela, que contou cun orzamento total de preto de 50.000 euros (48.373,46 euros), dos que a Xunta de Galicia achegou o 80% (38.718 euros) e a entidade local o restante 20% (9.655,46 euros). O campo de xogo é un rectángulo formado pola soleira de formigón de 42 por 24 metros para encaixar os terreos de fútbol sala (40 por 20) e de baloncesto (28 por 15). O pavimento elixido é de formigón pulido e o equipamento da pista dúas porterías de fútbol sala e dúas canastras de baloncesto que se poden retirar para a práctica do fútbol sala.

A continuación, o mandatario galego, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, acudiu ao Concello de Taboada para supervisar, da man do alcalde Ramiro Moure, a reforma da bancada do campo de fútbol e a construción dunha pista de pádel no complexo deportivo da Medela. En total, esta actuación tivo un orzamento global de 40.000 euros, sendo achegado o 80% pola Xunta (32.000 euros) e o restante 20% polo municipio (8.000 euros). No caso do campo de fútbol, leváronse a cabo as obras de peche dos laterais dos gradaríos, dado que nas épocas invernais polo efecto do vento e das augas pluviais quedan totalmente inservibles. Ademais realizouse a tabiquería nos peches e divisións interiores dos vestiarios. Respecto á pista de pádel, a estrutura principal é metálica de aceiro laminado e o revestimento do pavimento d e céspede artificial fibrilado de última xeración lastrado con area de sílice. Instaláronse ademais catro focos de 200 watios.

Por último, Lete Lasa visitou o Concello de Chantada para comprobar in situ, xunto ao alcalde, Manuel Lorenzo a instalación do videomarcador no polideportivo municipal, así como a reforma dos vestiarios do mesmo. No caso do videomarcador, trátase dunha pantalla LED deportiva duns 10 m2 con tecnoloxía de última xeración que contou cun orzamento total de 24.200 euros -sendo o 83% (20.000 euros) da Xunta e o 17% (4.200 euros) do concello-. No caso da reforma dos vestiarios, remodeláronse os catro vestiarios existentes no complexo deportivo conservando unicamente a tabiquería perimetral dos catro locais, así como o aseo do árbitro e o pintado do vestiario e colocación dun pavimento igual ao aseo. En total foron 48.000 euros, sendo o 80% achegado pola Xunta (38.400 euros) e o 20% restante polo concello (9.600 euros).

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com