‘Lugo con Corazón’ converte ao municipio na cidade máis cardioprotexida de Galicia

O Concello de Lugo destinará 162.069 euros ao programa Lugo con Corazón, convertendo así, ao municipio, na capital máis cardioprotexida de Galicia. A Xunta de Goberno Local que se celebrará este mércores adxudicará a Esforem Formación de Emergencias, S.L.U a adquisición de 57 desfibriladores semiautomáticos (DESA) fixos, “que serán instalados en todas as dependencias municipais – tanto urbanas como do rural- e móbiles, para os coches da Policía Local e os servizos de emerxencias, coa finalidade de axudar a unha rápida actuación ante posibles infartos”, indicou a edil de Benestar Social, Olga López Racamonde.

A concelleira sinalou tamén que, en total, o Concello destinará 107.444 euros para a compra e instalación dos equipos e 54.624  para o seu mantemento, asinando un contrato inicial por tres anualidades. Entre os criterios de selección tívose en conta que a empresa ofertase, como mellora do recollido nas bases, a implantación de desfibriladores exteriores, o que supuxo que o número final de dispositivos instalados ascenda a 68, 11 máis dos 57 que se prevían no prego de licitación.

Deste xeito, Lugo situarase no cociente recomendado por Europa de 10 unidades por cada 10.000 habitantes, chegando a ser a cidade máis cardioprotexida non só da comunidade senón tamén do Noroeste peninsular”, afirmou.

López Racamonde explicou que tamén se valoraron as características funcionais dos dispositivos, o aumento do tempo de caducidade da batería ou a substitución sen custo da mesma; así como a presentación dun programa de formación en RCP básica durante os anos que dure o servizo.

“Así mesmo, a prestación inclúe un programa de capacitación do persoal municipal, que se impartirá de xeito inmediato trala implantación dos aparatos e que estará composto por clases presenciais de carácter teórico e práctico. A duración mínima dos cursos será de 8 horas, das cales, cando menos, dous terzos se destinarán ao manexo dos mesmos”, referiu a edil de Benestar.

O programa Lugo con Corazón se estende tamén ás e aos empregados das empresas concesionarias e de cidadáns voluntarios en reanimación cardiopulmonar (RCP) e DEA así como accións de coordinación co 061 e campañas de sensibilización e información entre a veciñanza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com