Novas

Comeza a construción dunha depuradora ecolóxica en Xermade

Esta semana comezaron os traballos de construción dunha depuradora ecolóxica en Xermade froito dun convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello, a través do que a institución provincial destina 46.000€ a este fin. Estará no barrio do Empalme, na parroquia de Cabreiros.

Esta nova dotación pública mellorará o día a día da veciñanza dunha ducia de vivendas do rural, onde o pico máximo de poboación que se acada é de 25 persoas. Terá capacidade para filtrar 4.256m 3 ao día. Vaise instalar ao aire libre nunha finca que se denomina Prado Vello, que conta cunha superficie de 272 m 2 , dos que a depuradora ocupará arredor de 100 m 2 . Ata o momento, este barrio aínda non tiña depuración de augas e era moi necesaria, polo que se dá solución a esta demanda veciñal grazas ao acordo do Concello e a Deputación.

A previsión é que a depuradora xa empece a traballar a finais deste 2021, quedando os traballos rematados no prazo dun mes.

Este tipo de depuradoras funcionan ao aire libre e con plantas, e teñen un custe de funcionamento e de mantemento máis barato que as convencionais, sendo a opción máis vantaxosa para núcleos de poboación pequenos coma este do Empalme. Os expertos resaltaron que este tipo de depuración non dá olores e que acada incluso mellores resultados que os sistemas tradicionais.

Vilalba remata a renovación da rúa das Pedreiras

O Concello de Vilalba recepcionou hoxe as obras de renovación da rúa das Pedreiras e a súa rede de servizos básicos, unha actuación integral que servirá para mellorar a vida dos veciños e veciñas, xa que aumentará de forma considerable a superficie e a seguridade peonil. 

A reforma das Pedreiras reflicte un novo concepto de entender o urbanismo, cunha plataforma única e beirarrúas máis anchas, sobre todo na zona máis próximo ao auditorio, dándolle máis protagonismo ás persoas nunha rúa que está a uns minutos andando do centro de Vilalba.

A alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro, e o concelleiro de Infraestruturas, Luis Fernández, estiveron hoxe na rúa cos responsables da empresa encargada das obras.

O concello fixo ademais unha nova rede de abastecemento, un sistema de saneamento separativo (pluviais e fecais) e seccións soterradas para as redes de telecomunicacións e electricidade/gas existentes na rúa.

Como novidade, destacar que dos case 3.000 metros cuadrados da intervención, un 10% son pavimentos permeables, que permitien a infiltración directa das augas de pluviais, reducindo a necesidade de depuración de augas. Estes espazos formalízanse como bandas de estacionamento sobre céspede reforzado (pavicéspede), o que aumenta a zona verde da rúa, xunto a unha ducia de árbores autóctonos.

Apostouse desta maneira por un Sistema Urbano de Drenaxe Sustentable (SUDs), que ten como obxetivo recoller parte da auga de chuvia para infiltrala no terreo de forma controlada, facendo labores de riego e evitando unha sobrecarga na rede de saneamento e na depuradora.

“É un proxecto integral feito baixo criterios de sustentablidade, calidade urbana, accesibilidade, seguranza e mellora ambiental, adoitando os últimos estándares europeos para os novos espazos urbanos”, asegura Luis Fernández. Por último, a rúa das Pedreiras incorpora tecnoloxía LED de baixo consumo e novo mobiliario, habilitando un espazo de lecer e descanso para os veciños e veciñas de Vilalba.

Lugo aumenta os espazos peonís da cidade cunha nova intervención na rúa Río Sil

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo xunto co presidente da Asociación Veciñal do barrio de Paradai visitaron a rúa Río Sil onde vén de comezar a renovación da parte inferior da rúa, na unión coa avenida Infanta Elena. O segundo edil explicou que “nos últimos meses reordenamos o tráfico nesta rúa, poñendo fin a un dos puntos negros máis importantes de Lugo e agora continuamos a mellorar esta zona para dar unha solución definitiva que mellore tamén a estética da zona”.

O Tenente Alcalde lembrou que “realizamos distintas probas para atopar a mellor maneira para garantir a fluidez do tráfico e a seguridade viaria e da veciñanza nos cruces da rúa Río Sil”, e explicou que “despois das probas, o treito de Río Sil que circula entre Río Cabe e a rúa Monforte pasou a ser unidireccional dado que foi a solución máis viable tecnicamente”.

Os traballos que comezaron a executarse hoxe consisten na mellora estética da zona afectada. “Ampliarase a beirarrúa, creando un novo espazo para o desfrute de toda a veciñanza no treito que se pechou á circulación de vehículos”, declarou Rubén Arroxo, que engadiu “tratamos de actuar o máis rápido posible para facer definitiva esta solución e mellorar a imaxe da zona, eliminando os elementos provisionais que se colocaron nun primeiro momento”.

Charla sobre o pasado romano de Sober no Ateneo Casino

Este venres 19 terá lugar no Ateneo Casino unha charla a cargo de Fran Alonso, o director do proxecto arqueolóxico de Proencia, na parroquia de Proendos en Sober.

Fran Alonso falará das dúas campañas de escavación que se levan feitas no xacemento romano, con resultados tan impresionantes como un gran hórreo de ata 15 metros de longo, en excelente estado de conservación.

A charla acompañarase dun viño D.O. Ribeira Sacra da Adega Proencia. Participará no acto o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. O evento comezará ás 20:15. Para asistir, é preciso reservar praza no teléfono 648 435 033, preferiblemente por WhatsApp.

350 familias concilian as súas vidas laborais a través do Aprende Xogando

A área de Muller do Concello de Lugo ofrece soporte, actualmente, á conciliación de 350 familias a través do programa Aprende Xogando. Un servizo ao que cada ano o Goberno local destina 129.800 euros: o 43% do orzamento do que dispón a concellería.

“Con esta iniciativa pretendemos, unha vez máis, axudar ás nais e pais a compatibilizar mellor, durante todo o ano, a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas, facilitándolles unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socialicen e compartan vivencias, sempre nun espazo seguro”, explicou a edil titular da área.

Así, a Administración local pon cada tarde, de luns a venres, entre as 16:00 e até as 20:30 horas, á súa disposición os Centros de Convivencia da Milagrosa, Maruja Mallo e Uxío Novoneyra que durante as vacacións de Nadal, Semana Santa e verán se amplía tamén á Casa da Música e en horario de mañá (de 09:00 a 14:00 horas).

“O programa posibilita, á súa vez, a contratación de 8 monitores, 12 nos períodos vacionais, cos que as e os máis pequenos non só desfrutan de actividades de entretemento como xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades etc, senón que tamén aproveitan parte da súa estancia para realizar as tarefas escolares, converténdose así nun apoio educativo moi importante para eles e elas”, indicou Silvia Alonso.

A responsable de Muller sinalou que a chegada da pandemia e as limitacións de aforo que impuxo obrigou a reducir o número de prazas dispoñibles até as 463.

“Trátase, en definitiva, de habilitar recursos públicos para as familias, favorecendo a súa organización cotiá, especialmente nun momento de dificultade onde o coidado dos fillos e fillas debe conxeniar co cumprimento das garantías sanitarias e coas obrigas laborais das e dos proxenitores”, engadiu a concelleira.

Un labor que se completa tamén dende a área de Benestar con iniciativas como as Aulas Abertas coas que o Executivo quere favorecer a conciliación daquelas unidades de convivencia que teñen como integrantes crianzas de entre 3 e 12 anos de idade. Ámbalas dúas prestacións teñen un custo para as familias en torno aos 20 euros mensuais, no caso do primoxénito/a, con descontos para os segundos fillos/as e exencións para o/a terceiro e posteriores.

A Mariña párase para reclamar un “futuro” para a comarca

Os futuros peches de Alcoa e Vestas están a desolar á Mariña. Porque con eles non só os empregados directos das compañías perden os seus traballos. A estas empresas están ligadas outras moitas que dependen en gran parte delas, e outras que, malia non depender nelas directamente, instalaronse no seu momento na Mariña.

Ademáis da perda de emprego, os servizos vanse restando nunha comarca que xa adoece. Coa retirada, por exemplo, da área sanitaria propia para integrarse na de Lugo, ou a perda a poucos de facultativos nos centros de saúde; a Mariña ve como, co paso dos anos, a vida nas vilas da comarca é cada vez máis complicada.

Estas dúas poderían ser razóns de peso suficiente para saír ás rúas, pero o certo é que non son as únicas. Moitas razóns hai detrás de que hoxe unha comarca enteira decidira pararse. Unha folga xeral secundada pola veciñanza e unha manifestación en Burela na que se contabilizaron unhas 15.000 persoas.

Entre os participantes, non podían faltar os representantes dos distintos partidos políticos da provincia. Así, PSOE, BNG e PP participaron na manifestación, apoiando, din, as reclamacións dos mariñáns.

Así, pola súa banda, onovo secretario xeral electo do PsdeG, Valentín González Formoso encabezou hoxe na Mariña, a representación socialista na folga xeral convocada polos sindicatos UXT, CC.OO e CIG. Dende alí reclamou un futuro industrial para a Comarca.

Formoso estivo acompañado pola Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, ademais dunha ampla representación de Alcaldes, concelleiros e militantes da Mariña Lucense. Formoso dixo “os socialistas estamos aquí en Burela, clamando por unha comarca que demanda unha garantía de traballo, laboral e industrial e que precisa dun impulso claro por parte de tódalas administracións”, remarcou.

Tamén unha ampla representación do PP da Mariña e da provincia de Lugo participou na mobilización convocada baixo o lema ‘Futuro para A Mariña’. A presidenta provincial, Elena Candia, alcaldes e deputados entre outros membros do Partido estiveron acompañados polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e os deputados que
forman parte da Comisión 6ª Industria, Enerxía, Comercio e Turismo no Parlamento galego.

A presidenta do PP provincial asegurou ao inicio da manifestación que “o Partido Popular da Mariña, de Lugo e de Galicia apoiamos coa nosa presenza aos veciños da Mariña e co noso traballo reivindicamos medidas que cambien o rumbo do que o Goberno do Estado está poñendo na axenda e que, indubidablemente, está a supoñer resultados moi negativos para a nosa industria”.

Doutra banda, os sindicatos cualificaron de “éxito” esta folga. Así, o responsable da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, da folga comarcal convocada este mércores na Mariña en demanda de políticas de industrialización, infraestuturas e servizos públicos.

folga “está sendo todo un éxito e a comarca está practicamente paralizada”, explicou para falar dunha situación na que os polígonos estaban parados, o comercio, a hostelaría e o sector servizos pechados e as aulas case baleiras, “malia os abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta de Galicia”.
O seguimento da folga facía prever que a participación na manifestación que saiu ás 12 horas do Hospital de Burela sería masiva, e non se equivocaron, pois 15.000 persoas evidenciaron unha vez máis a disposición e a capacidade de loita dunha comarca que está reclamando o seu dereito a ter futuro.

Correos estrea na Fonsagrada o novo selo dedicado ao Camiño Primitivo

Correos xa ten dispoñible na súa oficina postal da Fonsagrada o novo selo dedicado ao Camiño Primitivo. O cuño empregarase para  matasellar os envíos que saian desta oficina a calquera punto de España ou do mundo.

O novo selo da oficina de Correos da Fonsagrada, situada na avenida de Galicia, número 66, está protagonizado pola imaxe da Fonte Sacra, que dá nome á localidade e que está situada tras a ábsida da igrexa de Santa María.

O cuño ten formato circular e as cunchas de vieira que representan o Roteiro Xacobeo enmarcan o oco para a data dos envíos. Durante a celebración do Xacobeo 2021-2022, Correos está a desenvolver unha serie de iniciativas ligadas ao Ano Santo entre as que se inclúen a edición de produtos filatélicos específicos e a mellora do seu servizos para peregrinos recolleitos na web www.elcaminoconcorreos.com.

Falece aos 69 anos Darío Xohán Cabana

O escritor nado en Cospeito, Darío Xohán Cabana, falecía a pasada noite en Lugo, aos 69 anos de idade, segundo confirmou esta mesma mañá a Real Academia Galega.

O autor de Galvan en Saor finaba na súa casa de Romeán tras unha longa enfermidade. 

A súa, era unha vida adicada á literatura da que cultivou un gran número de xéneros. Como indica a propia academia galega, “malia sentirse ante todo poeta, dende finais dos anos 80 cultivou con éxito a narrativa, eido no que tamén mereceu distintos galardóns”. E é que a sua extensa obra, con máis de 40 títulos, amosa a gran calidade da súa escrita.

Darío Xohán Cabana ingresou na RAG en abril de 2006 ocupando o asento de Manuel María. A Academia defíneo como unha “das grandes voces das letras galegas contemporáneas” e, claramente, o foi logo dos seus traballos tanto para público adulto como xuvenil. 

Conta entre os seus títulos con Galván en Saor, que a propia academia considerao como un dos “grandes éxitos de literatura galega das últimas décadas”. Ademáis destacan os poemarios Patria do mar e Canta de cerca a morte, así como as traducións ao galego das grandes obras de Dante e Petrarca como A Divina Comedia ou Cancionero.

No eido político, que non deixa de estar presente na súa obra en certa maneira, militou dende o 1968 na esquerda nacionalista, tras criarse nunha ideoloxía comunista grazas aos seus pais. Tamén foi activista político vinculado á Unión do Pobo Galego e  á FPG. Darío Xohán Cabana xubilouse como funcionario de Cultura do Concello, despois de ser responsable de comunicación desa mesma área e tras encargarse, durante anos, da xestión do Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Dende o Concello de Lugo, de feito, amosaron tamén o seu pesar xa que, segundo indicaron nun comunicado de prensa, co pasamento de Darío Xohán Cabana, Lugo e Galicia “perden a un excelente e brillante escritor, unha das mellores voces das letras contemporáneas e a un académico loitador pola lingua e a identidade cultural do país”.

A Covid segue imparable e suma 153 casos activos na provincia

153 casos activos na provincia de Lugo. Ese é o resultado do último reconto do SERGAS realizado ata as 6 da tarde de onte. Consolídase así unha nova etapa de suba de infeccións, logo de dous días de aumento leve. E é que no día de onte na provincia detectáronse 26 positivos novos, unha cifra pouco habitual nos últimos meses, nos que se chegou á nova normalidade.

O certo é que, en contra do que ocorría estes últimos días, as altas médicas subiron lixeiramente ata situarse nas 19.755 dende o comezo da pandemia.  Con todo, as altas son moitas menos que os positivos e, de aí, a suba de casos totais.

As boas novas na xornada de hoxe volve ser a presión asistencial que continúa a manterse nas mesmas cifras que en días anteriores con 2 pacientes en unidades convencionais e 1 na UCI, todos eles no HULA.

A Deputación colabora con Láncara na compra dos terreos e edificios ferroviarios da Pobra

O Presidente da Deputación de Lugo asinou onte co Alcalde de Láncara un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 75.000€ para que poida adquirir os terreos e os edificios ferroviarios que o Adif ten en desuso na Pobra de San Xiao.

Este importe supón practicamente o 66% do financiamento total necesario para a compra desta propiedade, que conta cunha extensión de 21.000 m 2 , mentres que o Concello asumirá os 36.600€ restantes. A sinatura do acordo tivo lugar nas propias instalacións, que se atopan sen actividade tralo desenvolvemento de novos trazados  ferroviarios na provincia.

O presidente provincial subliñou que a creación “dun gran espazo público, cunha ampla zona verde de lecer que unirá co río, e a posta en valor dos edificios ferroviarios, como a antiga estación do tren, terá un impacto moi positivo para o concello a nivel urbanístico, social e económico”.

Neste sentido, o Presidente explicou que o proxecto “suporá un avance importante cara un modelo de urbanismo máis sostible, máis humanizado e cun maior protagonismo para os peóns”. Subliñou que a veciñanza contará con máis e mellores dotacións públicas de ocio, “o que sempre mellora a calidade de vida da xente e axuda a facer comunidade”, pero ademais, “a recuperación destes terreos converterase nun novo atractivo para Láncara, nun elemento que atraerá a persoas doutros municipios para desfrutar dunha oferta de ocio de calidade, familiar e en contacto coa natureza, que é o que máis se valora na saída da pandemia”.

O Presidente puxo en valor a decisión do Alcalde e do equipo de goberno de Láncara de adquirir os terreos para poñer en marcha un proxecto ambicioso para a localidade, ademais se subliñar “a gran capacidade de negociación e de convicción” de Darío Piñeiro á hora de involucrar á Deputación nesta iniciativa. “Os representantes políticos temos a obriga de atender as cuestións do día a día dos nosos veciños e veciñas, pero tamén debemos pensar a longo prazo, ter visión de futuro, e iso é precisamente o que está facendo o Alcalde e o equipo de Goberno de Láncara coa compra destes terreos, impulsar un proxecto de futuro que contribuirá ao desenvolvemento social e económico do concello e a fixar poboación no rural”, manifestou.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com