Novas

Un ferido ao saírse da vía un autobús en Antas de Ulla

Un accidente cun autobús tivo lugar ao fío das 13:45 horas de onte na estrada que une Lalín e Monterroso. O ferido, que puido abandonar o vehículo polos seus propios medios, foi evacuado ao centro hospitalario de referencia polos servizos sanitarios de urxencia.

Foron varios os particulares que contactaron co 112 Galicia para informar do suceso. Durante a comunicación cos xestores de emerxencia, as testemuñas do sinistro afirmaban que un autobús estaba envorcado no lugar de Ludeiro, no concello lucense de Antes de Ulla. Segundo a información facilitada ao 112, o condutor –e único ocupante do vehículo- parecía ter dificultades para abandonalo e, seguramente, necesitaba asistencia sanitaria.

Con estes datos, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasouse aviso de inmediato aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Chantada e ao GES de Monterroso.

Unha vez no lugar, os efectivos de intervención descartaron o uso do material de excarceración xa que o ferido atopábase liberado e accesible. Deste xeito, o equipo médico procedeu a trasladalo ao centro médico en ambulancia.

Cómpre sinalar que desde o 112 tamén se puxo a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada.

A Plataforma Sanitaria da Mariña tamén se adhire ao paro de mañá na comarca

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña apoia a folga xeral de mañá na comarca convocada polos
tres sindicatos maioritarios. Desde o colectivo sanitario manifestan que se adhiren a esta chamada á folga motivada pola situación de emerxencia na que se atopa a Mariña, “abocada a converterse nun deserto industrial”, situación que afecta tanto aos sectores estratéxicos como ao comercio, hostelería e servizos.

A comarca, cun enorme potencial industrial e cun sector primario potente, “esmorece aos poucos ante a pasividade dos gobernos”. Do mesmo xeito, segundo explican dende o colectivo sanitario, poden ver como a comarca está a perder servizos sanitarios públicos “a marchas forzadas”, sobre todo despois da perda de área sanitaria, “que nos converteu nun distrito sanitario da macroárea de Lugo”.

Isto supuxo a perda de orzamento propio, a concepción dunha sanidade pública centralizada na capital, alonxando os servizos dos cidadáns, que cada vez mais frecuentemente “vense na obriga de desprazarse a Lugo ou Coruña para procedementos que ben podían facerse aquí”.

Desde esta plataforma animan á veciñanza a sumarse a esta xornada de folga e a acudir á manifestación que ás 12 da mañá parte do Hospital da Mariña e que cren que será multitudinaria.

1,2 millóns de euros nun carril bici que non se usa

É certo, non está rematado nin aberto ao seu uso polo momento. Ou, polo menos, ese é o caso de gran parte do percorrido do carril bici proxectado polo Goberno Local e que xa levou á veciñanza de varios barrios da cidade a protestar pola implantación deste novo sistema de mobilidade.

E malia que poida semellar o contrario, moverse por Lugo nun vehículo de dous rodas podería ser máis áxil e doado que facelo nun de catro, sobre todo, tendo en conta que atopar aparcamento na maioría dos barrios, especialmente, nos máis achegados ao centro da capital, é cada día máis complicado.

Pero a realidade, crúa, pero agardable, é que en Lugo a xente prefire moverse a pé antes que en bicicleta. Ou eso se pode ver saíndo á pasear pola cidade.

Con todo esto enriba da mesa, parece lóxico pensar que o gasto en torno ao 1,2 millóns de euros que o Concello de Lugo investiu nesta nova infraestrutura, foi en van. E é que, ter o carril bici non conleva necesariamente a que máis xente se decida a usar esta vía. É máis, só basta percorrer o paseo do Rato dun lado ao outro para atoparte, nun bon día, 3 ou 4 ciclistas que, tendo un carril bici novo e baleiro, elixen a estrada para andar. Entorpecendo así aos coches que utilizan esa vía a diario.

Con todo, é agardable este rexeitamento ao carril bici por parte dos poucos veciños que usan as bicicletas, e é que non é práctico. Os percorridos non achegan realmente os barrios entre si, unha queixa de parte deste colectivo. Xa que se, por exemplo, vives en Garabolos, chegar ao centro en carril bici é imposible.

Ante esta realidade, hoxe o grupo municipal de Cidadáns instaba ao Goberno Local a promover o uso da bicileta, unha medida aprobada polo pleno en 2019 e que, polo momento, non se fixo efectiva. Así, a voceira da formación, lembraba as medidas propostas polo seu grupo e que pasaban por integrar ás bicicletas nas mesmas vías que utilizan o resto de vehículos con pasos adiantados.

Asemade, os da formación laranxa apostan por crear aparcadoiros protexidos para as bicicletas en zonas estratéxicas da cidade, instaurar un sistema de aluguer de ciclos eléctricos públicos e favorecer o uso combinado do transporte público cos ciclos instalando, nas liñas con máis demanda, portabicicletas. Ademais a formación laranxa incluía outra serie de medidas complementarias  como a adhesión á Rede de Cidades pola bicicleta para captar financiamento, crear un rexistro ou poñer en marcha programas de educación viaria.

A dixitalización do sector agrario centra o novo ciclo de conferencias Luis Asorey

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de inaugurar no día de hoxe un novo ciclo de conferencias Luis Asorey 2021, coa colaboración da Deputación de Lugo. Este ano, as xornadas céntranse na dixitalización do sector agrario e desenvolveranse nun formato mixto: de xeito presencial terá lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e de xeito telemático poderase seguir a través da canle de Youtube da RAGC.

A programación deste ciclo alongarase ata o vindeiro mércores 24 de novembro e contará  con expertos e estudosos que falarán de distintos aspectos do sector agrario. Así, os actos arrancarán mañá, martes, 16 ás 19 horas cunha conferencia a cargo do Doutor Enxeñeiro Agrónomo e profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, Javier Bueno Lema, cunha ponencia sobre a Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario. 

O mércores 17 será o turno do sector leiteiro. E é que o doutor en Veterinaria, Ramiro Antonio Fouz Dopacio presentará unha conferencia baixo o título A dixitalización na produción de leite. Ao día seguinte, o Enxeñeiro de Montes e Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal porá sobre a mesa a Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia.

O Enxeñeiro de Telecomunicacións e responsable de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados, Jorge Seoane Brandariz, falará o luns 22 de novembro, de Drons aplicados á xestión agroforestal. Mentres, o martes 23, terá lugar unha mesa redonda na que se abordarán as Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies.

Por último, a doutora enxeñeira Agrónoma e directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira, impartirá a conferencia final, o mércores 24 de novembro, sobre Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego.

Estabilízanse os positivos nunha nova xornada de suba de casos Covid

A covid non da tregua na provincia e supera xa con creces as 100 infeccións activas, unha cifra que se daba na provincia o pasado 5 de outubro, cando se saía da quinta vaga. E malia que nas últimas horas detectaronse menos positivos que na xornada anterior o certo é que as altas médicas chegan aos seus mínimos co que non axudan a baixar a incidencia do virus.

En cifras, e segundo o último informe do SERGAS con datos recollidos ata as 6 da tarde de onte, son en total 124 os casos activos na provincia, unha cifra que, como diciamos, non se daba en Lugo dende o pasado 5 de outubro (día no que se rexistraban 121 casos activos), cando estaba remitindo esa quinta vaga.

Pola contra descende o ritmo de contaxios. Onte o SERGAS rexistraba un total de 6 positivos detectados, fronte aos 21que se rexistraran o domingo. Pero, contra estes positivos, non loitan as altas médicas das últimas horas. E é que a provincia tan só rexistrou 1 alta.

No tocante á presión asistencial, a área de Lugo, Cervo e Monforte, continúa amosando os mesmos datos. En total rexístranse hoxe 3 ingresados por covid, un deles na UCI do HULA, e os outros dous en planta dese mesmo hospital.

E esta importante incidencia afecta case na súa totalidade á capital, onde os contaxios non deixan de subir. E é que na cidade de Lugo suma 49 casos detectados tan só na última semana, fronte aos 69 en total nos últimos 14 días. Polo que se sabe de vagas anteriores, o certo é que cando a incidencia a 7 días supón máis da metade dos casos da incidencia a dúas semanas podería prever un novo aumento de positivos.

Novos membros traballarán na reformulación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O grupo de traballo para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial incorporará novos perfís que axuden a buscar outros puntos de vista e argumentos e xustificacións complementarios co fin de conseguir o máximo recoñecemento da Unesco. Así o trasladou a Xunta nunha reunión celebrada no día de hoxe na Cidade da Cultura e que estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.

Os novos membros que traballarán na reformulación da candidatura son Isabel Aguirre, directora da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega; Felipe Criado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC; Lorenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, e Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago de Compostela.

As súas incorporacións, tal e como salientou o responsable de Cultura da Xunta, supón “un paso imprescindible na vía de diálogo con Icomos, órgano asesor da Unesco”. “A creación do novo grupo de traballo permite sumar a algúns dos mellores expertos patrimoniais de Galicia e marca un punto de inflexión na candidatura porque permitirá revisar o expediente e seguir avanzando co máximo rigor e calidade para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial”, declarou.

Ademais de ampliar o equipo técnico, tal e como lembrou o Conselleiro, o Goberno galego tamén vai intensificar o contacto coas administracións implicadas así como cos propios veciños. “Seguimos crendo no gran valor deste territorio e o noso propósito é inaugurar e ampliar un novo proceso de diálogo que permita intensificar a nosa estratexia e dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra”, precisou.

María Xosé Porteiro presenta en Lugo o seu último libro, ‘#taméneu’

#taméneu, o novo libro da xornalista e escritora María Xosé Porteiro, será presentado este mércores, 17 de novembro, no Vello Cárcere de Lugo. O acto, que arrancará ás 20.00 horas, contará coa participación de membros da corporación municipal.

A publicación, editado pola luguesa LAR_libros, é unha escolma de 77 traballos xornalísticos de Porteiro, sobre o que ela mesma denomina “a revolución feminista”. A obra, a primeira dunha colección de opinión que está a  crear a editora, salienta na portada, coas cores identificativas do movemento feminista, unha imaxe en branco e negro do fotógrafo Víctor de las Heras, dunha manifestación nunha famosa praza viguesa no ano 1983.

Na presentación participará Carmen Díaz Simón, do Foro Feminista de Lugo, entidade que colabora na organización do acto, xunto coa prologuista do libro, Llerena Perozo, o representante da editorial, Manuel López, e a propia autora.

A respecto do papel das mulleres como columnistas de opinión afirma que é un dos xéneros xornalísticos que máis lle compracen, malia recoñecerse como “unha toda terreo, mais a opinión é un eido moi masculinizado nos medios impresos. Informes da asociación de Mulleres Xornalistas falan de que as columnas asinadas por mulleres están entre o 10 e o 15% de toda a opinión publicada. Daquela, considero necesario que voces autorizadas de mulleres ocupen estes espazos”.

María Xosé Porteiro lembra que pertence “á xeración que viviu en primeira persoa os finais da segunda onda do feminismo, toda a terceira, e desde 2012, a actual considerada xa a cuarta. Afirma que as viviu intensamente, como feminista e como xornalista.

“Desde aquela participei dun debate que entrou de cheo na axenda global mediante a reflexión e a análise. En #taméneu, versión galega da expresión dixital mundialmente famosa, Me too, abordo aspectos coma os feminicidios, a linguaxe sexista, as multidiscriminacións de colectivos coma as mulleres con síndrome de Asperger, a trata e tráfico de mulleres para a prostitución, ou o aumento da violencia sexual. Estou certa de que estamos a vivir unha revolución feminista -que non unha guerra- que mudará para ben a nosa civilización”, explica a autora.

Na súa longa traxectoria Porteiro recibiu senllos recoñecementos pola súa labor a prol do feminismo, en 2019, co premio 1º de maio de CCOO, e en 2020, co Ernestina Otero, da Comisión das mulleres do concello de Vigo. Desde 2017 dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura (CDIF-CCG) e nesta xeira participou en numerosos estudos e investigacións desde a súa comisión de Igualdade.

#taméneu xa está a venda na web www.libroslar.com.

Borja Álvarez do Judo Club Lugokan bronce no Sector Absoluto

Borja Álvarez, do Judo Club Lugokan e convocado pola Selección Galega, vén de facerse co bronce na categoría de -90 Kg, no Sector do Campionato de España Absoluto que se disputou onte na Coruña e que daba os billetes para o Nacional da categoría raíña do Judo.

Así, o lucense quedou ás portas da clasificación ao Nacional tras disputar o combate que lle outorgaría a clasificación cunha lesión.

Pola súa banda, Sabela Lage, con licenza polo Judo Club de Oleiros pero que adestra diariamente coa formación lucense, acadou un sétimo posto na categoría de -63 Kg.

 

‘Libertad’ de Clara Roquet e ‘A porta do lado’ de Daniel Brühl chegan semana en Codex Cinema

A filme de Roquet foi a única representante española no festival de Cannes e A porta do lado é o debut na dirección do famoso actor alemán.

No último lustro, Clara Roquet converteuse nunha das grandes promesas do cinema español. O éxito das súas dúas curtas El adiós e Les bones nenes, así como a súa labor como escritora en guións de filmes moi recoñecidos como 10000 km e Els díes que vindran (esta última estreada en Codex Cinema) de Carles Marques-Marcet ou Petra de Jaime Rosales fixeron dela unha das profesionais con maior proxección do cinema español, dentro dunha xeración de mulleres cineastas que cambiou o panorama do audiovisual estatal nestes últimos anos.

Os triunfos tanto nacionais e internacionais de Carla Simón (Estiu 1993) ou Pilar Palomero (Las niñas) ofreceron unha nova mirada sobre o cinema español, unha nova xeración con historias diferentes que contar, mirando ao pasado e o futuro. Libertad, o debut na dirección de Clara Roquet, camiña nesa dirección.

Estamos ante un relato moi íntimo da vida dunha familia que se reúne no verán na casa familiar despois de varios anos, para estar coa avoa que sofre Alzheimer. Alí, Nora, unha rapaza que está atravesando a adolescencia crea un forte vínculo con Libertad, a filla da coidadora colombiana que se encarga de atender á avoa. Libertad representa eso mesmo, a liberdade, unha nova forma de ver a vida, pero tamén a descuberta de novas realidades que descoñecía na súa protexida vida privilexiada.

O filme mostra con moito acerto os dramas da España de hoxe: a convivencia coas enfermidades dexenerativas dos seres queridos, as diferencias de privilexios entre sectores da poboación, a necesidade de revalorizar a mirada feminina. Roquet consegue introducir todos eses problemas nun filme que se desfruta como unhas vacacións de verán, como un tempo fugaz que cambia a personalidade da protagonista para sempre.

Malia ser o primeiro filme da directora, conseguiu estrearse na Semana da Crítica do Festival de Cannes, sendo a única película española recoñecida por ese certame, o máis importante do mundo. A súa estrea en España produciuse na Seminci de Valladolid antes do seu desembarco nas salas españolas este próximo venres.

De Catalunya viaxamos a Alemaña para ver outro debut na dirección, neste caso do actor Daniel Brühl, coñecido por éxitos internacionais como Goodbye Lenin, Malditos bastardos ou Salvador. Brühl é un deses rostros recoñecibles que conseguiu atravesar as fronteiras do seu país natal para facer carreira en Europa e en Hollywood. Nado en Barcelona, Brühl mantivo constantes contactos co cinema catalán e español ata acabar incluso no Universo cinematográfico da Marvel.

A súa primeira película como director permítelle facer unha homenaxe aos actores cunha pequena peza de cámara. Unha intriga mínima sobre un home (o propio Brühl) que leva unha vida feliz e tranquila ata que un día un veciño co que nunca estivera en contacto revélalle un secreto que descoñecía. Película de poucos escenarios e actores, estamos cunha película de suspense intelixente, na liña dos grandes clásicos de Alfred Hitchcock, como A soga ou Estraños nun tren. Un filme que convida ao espectador a preguntarse sobre a veracidade do que está a ver e a tratar de desvelar os misterios que esconden as personaxes.

A película consegue poñer en escena os problemas derivados do proceso de unificación alemán a finais do século pasado, así como preguntarse sobre a fraxilidade dunha felicidade superficial que vende a Europa do Estado de benestar e o capitalismo. A película estreouse no pasado Festival de Berlín e acaba de presentarse en España a semana pasada no contexto do Festival de cine europeo de Sevilla.

Activado o Plan de Vialidade Invernal na provincia con 87 profesionais

A Xunta activa o Plan de Vialidade Invernal na provincia de Lugo, cun dispositivo de 87 profesionais, preto de 1.740 toneladas de fundentes e 6 centros operativos que garantirán a seguridade viaria.

O operativo, xa en servizo desde o 1 de novembro, mobiliza un centro operativo na zona norte, en Xermade, que ten subcentros en Mondoñedo e no Cádavo; e outro na zona sur, no Incio, con subcentros en Monforte e en Lugo. O plan tamén inclúe na provincia de Lugo un dispositivo de 58 máquinas, entre elas, camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal ou estendedores de salmoira.

Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos preto de 1.500 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa.

O Goberno galego vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de Vialidade Invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade en máis de 5.500 km de estradas da súa titularidade. No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 387 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas autonómicas. Ademais, mobilízanse preto de 5.300 toneladas de fundentes.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com