A dixitalización do sector agrario centra o novo ciclo de conferencias Luis Asorey

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de inaugurar no día de hoxe un novo ciclo de conferencias Luis Asorey 2021, coa colaboración da Deputación de Lugo. Este ano, as xornadas céntranse na dixitalización do sector agrario e desenvolveranse nun formato mixto: de xeito presencial terá lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e de xeito telemático poderase seguir a través da canle de Youtube da RAGC.

A programación deste ciclo alongarase ata o vindeiro mércores 24 de novembro e contará  con expertos e estudosos que falarán de distintos aspectos do sector agrario. Así, os actos arrancarán mañá, martes, 16 ás 19 horas cunha conferencia a cargo do Doutor Enxeñeiro Agrónomo e profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, Javier Bueno Lema, cunha ponencia sobre a Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario. 

O mércores 17 será o turno do sector leiteiro. E é que o doutor en Veterinaria, Ramiro Antonio Fouz Dopacio presentará unha conferencia baixo o título A dixitalización na produción de leite. Ao día seguinte, o Enxeñeiro de Montes e Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal porá sobre a mesa a Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia.

O Enxeñeiro de Telecomunicacións e responsable de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados, Jorge Seoane Brandariz, falará o luns 22 de novembro, de Drons aplicados á xestión agroforestal. Mentres, o martes 23, terá lugar unha mesa redonda na que se abordarán as Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies.

Por último, a doutora enxeñeira Agrónoma e directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira, impartirá a conferencia final, o mércores 24 de novembro, sobre Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com