Novas

CCOO mobilízase mañá para esixir a mellora dos servizos públicos e a recuperación dos dereitos do persoal do sector

Mañá mércores, 10 de novembro, delegadas e delegados de CCOO, primeiro sindicato das Administracións públicas, mobilizaranse en todo o Estado para esixir a mellora dos servizos públicos e o respecto á negociación colectiva para recuperar dereitos do persoal do sector público. En Galicia haberá concentracións na Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Canto aos servizos públicos, CCOO demanda a recuperación do gasto social anterior á crise económica para achegarse aos países da contorna e, sobre todo, garantir os dereitos da cidadanía. Na mesma medida, o sindicato esixe mellorar as condicións laborais.

As federacións da Área Pública de CCOO (Ensino, FSC, Sanidade) recrimínanlle ao Goberno o incumprimento dos compromisos adquiridos co sindicato respecto da recuperación do poder adquisitivo, creación e estabilización de emprego, negociación colectiva, recuperación e extensión da xornada de 35 horas, desenvolvemento do Estatuto Básico do Empregado Público e medidas de corresponsabilidade, igualdade e conciliación, entre outras cuestións.

En Lugo terá lugar ás 11.00 horas diante da Subdelegación do Goberno.

Os populares piden o cese de Alvarellos como responsable de persoal

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pide a Lara Méndez o cese de Paula Alvarellos como responsable do persoal municipal despois “do papelón” que protagonizou no proceso selectivo de inspectores para a Policía Local.

A Fiscalía rematou as súas investigacións sen atopar nada punible, polo que queda patente que Alvarellos non está cualificada para dirixir o persoal municipal “ao deixarse contaminar nun proceso dirixido por ela mesma” e no que hai sospeitas de que durante o proceso mantivo contactos con aspirantes e membros do tribunal. “Afirmamos con rotundidade que Paula Alvarellos non pode seguir á fronte do persoal municipal xa que demostrou non ter  neutralidade nun proceso selectivo”, apuntan.

A este respecto, Antonio Ameijide pregunta tanto a Lara Méndez como a Paula Alvarellos se terían actuado do mesmo xeito no caso de que as sospeitas non chegasen de afíns ao PSOE.

Agora, coa investigación por parte de Fiscalía finalizada, dende o Grupo Municipal Popular esíxese a Lara Méndez “unha desculpa pública” cos profesionais calumniados e cos membros do tribunal aos que se puxo baixo sospeita.

Tralo arquivo das investigacións por parte da Fiscalía, o vicevoceiro popular reitera a petición de acceso ao expediente do proceso selectivo, que xa se solicitou hai case dous meses, xa que o 16 de setembro pediuse acceso á documentación do proceso e ás actas do tribunal e o 17 de setembro ao informe da presidenta do tribunal. “Se non teñen nada que ocultar deben de darnos acceso de inmediato”, sentencian.

Deputación e Palas de Rei convenian para a mellora no local social de San Vicente de Ulloa

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co Alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, polo cal a institución provincial achega ao Concello 50.000€ para que poida acometer diversas melloras no local social da parroquia de San Vicente de Ulloa.

A colaboración económica da institución provincial permitirá acometer unha actuación que ten como obxectivo acondicionar os accesos ao local social, eliminar un problema de humidade na planta baixa e mellorar a acometida de auga potable. O proxecto tamén inclúe a adquisición da parcela adxacente de 710 metros cadrados, en estado de abandono, para mellorar a contorna deste espazo.

O local social da parroquia de San Vicente de Ulloa é utilizado como lugar de reunión pola veciñanza e tamén para o desenvolvemento de actividades sociais e culturais, polo que as obras de mellora que financia a Deputación teñen unha importante relevancia social e contribúen a facer comunidade.

O Presidente enmarcou esta achega no “firme compromiso que mantemos dende a Deputación de Lugo coa cooperación con todos os concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas aos seus veciños e veciñas, sobre todo do rural”. Esta colaboración súmase á aportación anual que a institución fai ao Concello de Palas a través do Plan Único de Cooperación, que neste 2021 ascendeu a máis de 400.000€.

Deportes recupera a Carreira Popular Lugo Monumental que celebrará a súa XIX edición o vindeiro 19 de decembro

A XIX edición da carreira popular Lugo Monumental xa ten data: o vindeiro domingo, 19 de decembro. Organizada pola concellería de Xuventude e Deportes, o seu responsable Mauricio Repetto deu conta hoxe das novidades que presenta este ano, para a que se tiveron en conta os condicionantes que impón a pandemia e as obras que nestes momentos se atopan en execución na cidade.

“Neste 2021 a Lugo Monumental contará cunha distancia aproximada de 10 km aínda que, e como consecuencia das intervencións que se están realizando na capital e que afectan a partes do percorrido, este sufrirá unhas pequenas modificacións de carácter eventual”, sinalou o edil.

Así, tanto a saída como a meta estarán situadas na Avda. De Ramón Ferreiro, coa Praza da Horta do Seminario como centro de operacións. O traxecto seguirá sendo en parte circular ao redor da Muralla, cunha última volta por riba do adarve, “mantendo o espírito de todas as edicións anteriores pero adaptándoa ás circunstancias”.

“Non podemos esquecer a situación na que nos atopamos actualmente e a organización por precaución, e do mesmo xeito que se están a desenvolver outras grandes carreiras da comunidade autónoma, tomou a decisión, neste caso, de realizar a proba soamente para adultos, deixando para ao 2022 a volta das categorías inferiores a medida que as garantías sanitarias para as crianzas – o colectivo menos inmunizado – se vaian asentando e a seguridade, tanto para participantes como para acompañantes, recupere os valores prepandémicos”, explicou Mauricio Repetto.

A carreira popular Lugo Monumental cumpre este ano a súa 19 edición e, como en anteriores ocasións, contará co patrocinio de Caixabank. A súa recuperación supón a finalización da interrupción que supuxo a chegada do coronavirus ao mundo das carreiras populares.

Neste sentido, Repetto Morban avanzou que a área de Deportes traballa xa na organización doutras probas deste tipo xa consolidadas na cidade como é o Circuíto Corre con Nós de 2022 e a Media Maratón Cidade de Lugo na próxima primavera.

“Polo que a Lugo Monumental é para nós un punto e seguido dentro do labor que desenvolvemos nesta área á hora de conciliar a práctica deportiva coa súa vertente máis social na que destacan valores como o da participación, a superación ou incluso a posta en valor do patrimonio e da contorna urbana como espazo de interacción”, sinalou o concelleiro.

Mauricio Repetto informou tamén de que a proba cumprirá en todo momento coas recomendacións establecidas para eventos e actividades multitudinarias, “para a que se tiveron en conta os protocolos correspondentes no contexto da nova normalidade provocada pola Covid19 e, en función da súa evolución, estará sometida ao cumprimento das normas de prevención que establezan as autoridades sanitarias en cada momento”, referiu.

A medida que se achegue o día da proba a organización irá informando convenientemente dos temas de maior interese público como pode ser o itinerario, a forma de inscrición, o procedemento de recollida de dorsais así como dos protocolos a aplicar, entre outros aspectos.

Do mesmo xeito, proximamente estará dispoñible toda a información na páxina web da carreira hhttps://10klugomonumental.com

 

ADEGA organiza unhas xornadas sobre o legado patrimonial e ambiental dos muros tradicionais

Esta fin de semana ADEGA organiza unhas xornadas no Concello de Muras para dar a coñecer o patrimonio cultural e ambiental galego, sendo os muros en pedra seca elementos característicos das paisaxes cercadas, e pezas de gran importancia na conservación da biodiversidade. As diferentes tipoloxías e materiais, propios de cada zona, conforman a nosa paisaxe e identifica os usos tradicionais do solo, sendo a técnica de construción de pedra seca Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade segundo a UNESCO.

As actividades distribúense en dúas xornadas matinais:

Sábado 13 de novembro (Concello de Muras)
09.00 Saída do autobús dende Maxisterio (Lugo)
10.30 Seminario no Local Social (Rúa Enrique Guzmán, Muras) “Aproximación ao patrimonio cultural e natural dos valados, na paisaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño”. Mercedes Máquez, Grupo de investigación da escola galega da paisaxe Fundación Juana de Vega; Ricardo Polín, Doutor e investigador dos camiños históricos; Xoán Ramón Vidal Romaní, Instituto universitario de xeoloxía da UDC; Ramsés Pérez, ADEGA
12.30 Roteiro interpretativo.
15.00 Xantar de convivio no local Social
17.00 Volta do autobús

Domingo 14 de novembro (Concello de Muras)
9.00h Saída do bus dende Maxisterio (Lugo)
10.30 Obradoiro formativo de reconstrución coa técnica de xunta seca, dun muro situado no Camiño das Ucheiras no Concello de Muras. Contaremos co artesán José Luis Canteiro que nos ensinará a preparar e colocar a pedra. Prazas limitadas a 20 persoas.
15.00 Xantar de convivio no local Social
17.00 Volta do autobús

Haberá servizo de autobuses de balde dende Lugo e petiscos ao rematar as actividades. As persoas que queiran asistir as xornadas teñen que rexistrarse antes do xoves 11 a través do formulario (bit.ly/xornadasvalados) aloxado na web de ADEGA (www.adega.gal).

Estas xornadas están organizadas ao abeiro da Subvención da Reserva da Biosfera Terras do Miño para o desenvolvemento de actuacións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico deste territorio na anualidade 2021.

As rúas río Oribio, río Cabe e San Lourenzo cambiarán de sentido nos vindeiros días

O concelleiro de Infraestruturas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, informou dunha serie de modificacións na circulación no entorno urbano de Lugo que servirán, segundo indicou Penas, “para mellorar a fluidez do tráfico e aumentar a seguridade peonil en distintas zonas da cidade”.

O edil de Infraestruturas explicou que “hoxe iniciamos cambios, aprobados na comisión de tráfico, no entorno da nas rúas río Oribio, río Cabe e San Lourenzo, procedentes de peticións veciñais”.

A área de Mobilidade realizará o cambio de sentido da rúa río Oribio (dende Perpetuo Socorro ata Río Cabe), estendendo o dobre sentido de circulación en Río Cabe no treito que vai de Río Támoga ata rúa San Lourenzo e cambiando de sentido a Rúa San Lourenzo, permitindo a incorporación dende a mesma ata a Avenida da Coruña sen regulación semafórica.

Tamén, realizarase a unidireccionalidade da rúa Ferreiriño, en sentido á Avenida da Coruña, “respondendo tamén a unha solicitude da veciñanza dado que se trata dunha rúa moi estreita”, explicou Alexandre Penas.

As traballadoras de Yaunde levan dous meses sen cobrar os seus salarios

A CIG-Servizos denuncia que a empresa Yaunde S.L. leva dous meses sen abonarlle os salarios ás súas traballadoras, que se encargan de realizar o servizo da  limpeza das dependencias das Agrupacións de Tráfico da  Garda Civil en toda Galicia.

A central nacionalista advirte que os impagamentos das nóminas estanse convertendo nunha práctica habitual neste sector, polo que reclama das administracións públicas vixilancia escrupulosa no cumprimento dos pregos e actuacións contundentes contra as empresas para evitar os abusos laborais a un colectivo altamente feminizado, que se evidenciou esencial durante a pandemia, pero cuxa actividade non está valorizada nin social nin laboralmente.

Yaunde -con sede social no municipio sevillano de Gines- non ten delegación en Galicia e participou no concurso vía telemática “para ao máis puro estilo pirata facerse co botín dos salarios das traballadoras”, denuncia a CIG-Servizos, advertindo que “ningún representante da compañía viaxou aínda ao noso país para tratar cuestións laborais”.

As irregularidades cometidas pola empresa, segundo denuncia o sindicato, chegan ao  punto de que son as propias traballadoras as que teñen que buscar unha persoa que as substitúa para poder coller as vacacións. “Pero resulta obvio que a unha empresa que non paga salarios non quere ir ninguén traballar, motivo polo que as empregadas están condenadas a non poder ir de vacacións até que un xulgado o estableza nunha sentenza”.

En toda Galicia a empresa conta con máis de 20 traballadoras, das que 6 están nos centros de Lugo, Vilalba e Monforte, e que teñen sen cobrar as mensualidades de setembro e outubro. Pero noutras comunidades autónomas o impago chega xa até os cinco meses, polo que o medo entre o persoal é que as débedas salariais continúen medrando. Dáse o paradoxo de que Yaunde ten adxudicada tamén nalgunhas provincias a limpeza da Inspección de Traballo e do FOGASA.

A federación de Servizos da CIG vaise dirixir ao Ministerio de Interior para solicitarlle que inicie o procedemento para a rescisión do contrato por incumprimento do prego de condicións e cláusulas administrativas; e xa se presentou denuncia diante da Inspección  Provincial de Traballo de Lugo por este motivo.

Neste senso, a CIG subliña que as  institucións do Estado son, como mínimo, cómplices destes incumprimentos e irregularidades “por adxudicar concursos públicos a empresas sen ningunha solvencia económica nin escrúpulos cos dereitos das traballadoras”.

Para visibilizar a problemática deste colectivo, a CIG, xunto coas traballadoras, está a valorar a  posibilidade de convocar  folga e actos de protesta diante das administracións ás que a empresa lle presta servizos, neste caso, diante das  Comandancias da Garda Civil.

Avanzan os traballos de mellora da seguridade viaria no polígono das Gándaras

O  Concello de Lugo informou do avance dos traballos que se están a levar na rúa D do polígono das Gándaras, destinados a aumentar a seguridade viaria e a maniobrabilidade na zona. O Tenente de Alcalde anunciou que “hoxe comezou o asfaltado do novo vial e en poucas semanas poderemos desfrutar desta actuación totalmente rematada”.

Os traballos consistiron en reducir o tamaño da mediana desta rúa D, pasando dos 11 metros actuais a 5. Con isto permitiuse habilitar un novo carril de circulación de 3 metros de ancho en cada un dos sentidos. O Goberno Local explicou que “isto permitirá, unha vez o novo carril entre en funcionamento,  mellor a fluidez do tráfico e máis maniobrabilidade dos vehículos industriais, o que en conxunto producirá un aumento da seguridade vial na contorna”.

 “Trátase dunha mellora importante para o polígono das gándaras, que a curto prazo atenderá unha maior demanda das empresas que xa están asentadas e que ata agora tiñan problemas ao acceder ou saír das naves debido á lonxitude dos camións e ao espazo da vía”, afirmaron dende o Goberno Local. Segundo o Tenente Alcalde “a apertura da segunda fase do polígono fará que esta vía pase a acoller unha maior cantidade de tráfico, e desde a área de Mobilidade adiantámonos a esta situación habilitando unha vía de tamaño suficiente que garanta que a circulación sexa fluída”.

Lugo supera os 50 casos de Covid nunha nova xornada de ascenso

A provincia de Lugo continúa a ser a que mellores cifras arroxa con respecto á evolución da covid, con todo, a boa racha das últimas semanas, nas que non se superaban os 45 casos, semella que, polo momento, está pausada.

E é que a provincia vén de superar os 50 casos activos de Covid, en concreto, hai 56 infeccións na provincia, nada que ver cos máis de 2000 que se chegaron a acadar no peor momento da pandemia, pero pódese falar dunha leve suba con respecto a, por exemplo, fai 15 días.

O certo é que, se ben a cifra de infeccións parece repuntar, a de novos positivos detectados non sobe en gran medida. Así, nas últimas 24 horas tan só 4 persoas resultaron positivas nalgunha proba diagnóstica, os mesmos que na xornada anterior, pero dous máis que o sábado.

No tocante á presión asistencial, Lugo rexistra hoxe 3 ingresados por Covid, todos eles no HULa, 1 na UCI e os outros dous en unidades convencionais.

No que vai de pandemia, dos 20.047 infectados por Covid confirmados, 19.731 están curados mentres que 254 faleceron.

O Goberno autoriza actuacións de emerxencia para a recuperación ambiental da zona afectada polo incendio forestal de Ribas de Sil

O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ( MITECO), tomou razón da declaración de emerxencia para a realización de actuacións de recuperación ambiental da área afectada polo incendio forestal de Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón, na provincia de Lugo, por un importe máximo de 499.903 euros.

A execución destas actuacións de emerxencia, encargada pola Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do MITECO ao medio propio TRAGSA, garantirá a pervivencia do bosque e os usos ambientais, paisaxísticos, sociais e de recreo dos terreos forestais, facilitando a restauración integral por parte da Comunidade Autónoma dos espazos danados a máis longo prazo.

Para a restauración ambiental das zonas afectadas por este incendio puxéronse en marcha acciones como a eliminación da vexetación queimada, para facilitar o rebrote e a rexeneración natural; a instalación de barreiras filtrantes para evitar que as cinzas flúan directamente nos ríos; a plantación de coníferas e frondosas autóctonas; a limpeza de cunetas para aumentar a escorrentía e evitar os procesos erosivos e a execución de podas e clareos, nas masas forestais lindeiras, para proporcionar unha maior resistencia a pragas e unha maior diseminación de sementes cara á superficie queimada.

O 5 de setembro iniciouse un incendio no termo municipal de Ribas de Sil que se estendeu rapidamente ao concello próximo de Quiroga e posteriormente ao concello de Pobra do Brollón, na provincia de Lugo, queimando un total de 1.592 hectáreas e afectando a propiedades privadas particulares (66,5% da superficie) e a nove comunidades de montes veciñais xestionadas pola administración autonómica forestal.

Os danos forestais foron importantes por afectar ao Geoparque Montañas do Courel, nunha zona onde a vexetación xoga un importante papel de control da erosión e conservación da biodiversidade, ademais de ter un gran valor paisaxístico. Por iso é polo que este incendio considérese unha catástrofe natural que require unha actuación especial de restauración hidrolóxico-forestal con carácter de emerxencia, porque ademais afectou ao LIC Ancares-Courel e a zonas enmarcadas dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel e dentro do Geoparque Montañas do Courel.

Estas actuacións obxecto da declaración de emerxencia están recollidas no Programa Nacional de Desenvolvemento Rural e son susceptibles de ser cofinanciadas ao 53 polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ( FEADER).


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com