As traballadoras de Yaunde levan dous meses sen cobrar os seus salarios

A CIG-Servizos denuncia que a empresa Yaunde S.L. leva dous meses sen abonarlle os salarios ás súas traballadoras, que se encargan de realizar o servizo da  limpeza das dependencias das Agrupacións de Tráfico da  Garda Civil en toda Galicia.

A central nacionalista advirte que os impagamentos das nóminas estanse convertendo nunha práctica habitual neste sector, polo que reclama das administracións públicas vixilancia escrupulosa no cumprimento dos pregos e actuacións contundentes contra as empresas para evitar os abusos laborais a un colectivo altamente feminizado, que se evidenciou esencial durante a pandemia, pero cuxa actividade non está valorizada nin social nin laboralmente.

Yaunde -con sede social no municipio sevillano de Gines- non ten delegación en Galicia e participou no concurso vía telemática “para ao máis puro estilo pirata facerse co botín dos salarios das traballadoras”, denuncia a CIG-Servizos, advertindo que “ningún representante da compañía viaxou aínda ao noso país para tratar cuestións laborais”.

As irregularidades cometidas pola empresa, segundo denuncia o sindicato, chegan ao  punto de que son as propias traballadoras as que teñen que buscar unha persoa que as substitúa para poder coller as vacacións. “Pero resulta obvio que a unha empresa que non paga salarios non quere ir ninguén traballar, motivo polo que as empregadas están condenadas a non poder ir de vacacións até que un xulgado o estableza nunha sentenza”.

En toda Galicia a empresa conta con máis de 20 traballadoras, das que 6 están nos centros de Lugo, Vilalba e Monforte, e que teñen sen cobrar as mensualidades de setembro e outubro. Pero noutras comunidades autónomas o impago chega xa até os cinco meses, polo que o medo entre o persoal é que as débedas salariais continúen medrando. Dáse o paradoxo de que Yaunde ten adxudicada tamén nalgunhas provincias a limpeza da Inspección de Traballo e do FOGASA.

A federación de Servizos da CIG vaise dirixir ao Ministerio de Interior para solicitarlle que inicie o procedemento para a rescisión do contrato por incumprimento do prego de condicións e cláusulas administrativas; e xa se presentou denuncia diante da Inspección  Provincial de Traballo de Lugo por este motivo.

Neste senso, a CIG subliña que as  institucións do Estado son, como mínimo, cómplices destes incumprimentos e irregularidades “por adxudicar concursos públicos a empresas sen ningunha solvencia económica nin escrúpulos cos dereitos das traballadoras”.

Para visibilizar a problemática deste colectivo, a CIG, xunto coas traballadoras, está a valorar a  posibilidade de convocar  folga e actos de protesta diante das administracións ás que a empresa lle presta servizos, neste caso, diante das  Comandancias da Garda Civil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com