Novas

A USC acolle o primeiro dos actos do 25N: unhas xornadas contra a violencia sexual entre a mocidade

A Xunta celebrou hoxe na Universidade de Santiago de Compostela a primeira das xornadas de sensibilización contra a violencia sexual na mocidade, que levará aos sete campus universitarios nos próximos días, no marco do amplo programa de actividades que o Goberno está a despregar en con motivo da conmemoración o 25 de novembro, do Día internacional contra a violencia de xénero.

A sesión, na que tomaron parte máis de medio centenar de persoas, celebrouse no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación e contou coa participación de Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; da educadora social e experta en violencia de xénero, Marina Marroquí; e os investigadores Jorge García Marín, Pablo Soto Casás, María Curros Espiño e Naila Neves.

Estas xornadas terán a súa réplica nos próximos días nos campus de Ourense (10 de novembro), Ferrol (11 de novembro), Pontevedra (17 de novembro), A Coruña (18 de novembro), Lugo (23 de novembro) e Vigo (24 de novembro).

As xornadas de sensibilización e prevención da violencia sexual contra a mocidade, que cumpre a súa terceira edición, enmárcanse na campaña autonómica Agresión Off, eu digo non á violencia sexual, e inclúe charlas divulgativas impartidas tanto por persoal experto nesta materia como docentes das unidades de igualdade das tres universidades.

A inscrición para participar nesta iniciativa é gratuíta e se pode realizar 48 horas antes da celebración de cada xornada a través da páxina web www.xornadasagresionoff.gal. Ao remate entregarase un diploma acreditativo de asistencia ás persoas participantes.

Con estas sesións, preténdese sensibilizar á poboación máis nova acerca da violencia sexual, considerada como forma de violencia de xénero na lei galega para a súa prevención e tratamento integral, e que leva a dianteira ao  marco estatal con este recoñecemento.

Ademais destas xornadas, o Goberno galego preparou un amplo programa de actividades co gallo do 25-N, que inclúe, entre outras, actividades de formación nos concellos e nos centros de información á muller (CIM). Un total de 189 concellos participarán en diferentes actividades como exposicións, obradoiros e charlas, entre outros, que se desenvolverá ata finais de ano. En total, ofértanse 12 actividades diferentes baixo un mesmo obxectivo: loitar contra a violencia de xénero.

A formación nos CIM distribuirase, pola súa banda, en catro xornadas formativas sobre atención psicolóxica, servizos xurídicos, novas formas de violencia de xénero e planificación e programación de accións en materia de igualdade para 2022. Solicitaron participar nesta actuación preto de 130 persoas traballadoras dos centros de información á muller.

A Xunta, doutra banda, mantén aberto ata o 15 de novembro o prazo da convocatoria do concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais dirixido aos centros de educación non universitarios. A páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade recolle as bases da convocatoria coa que se pretende enviar unha mensaxe rotunda do non á violencia de xénero e contribuír a que se faga unha reflexión ao respecto.

Outras iniciativas que a Xunta desenvolverá nos próximos días para conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero son o Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público (18 e 19 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago), o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade (26 de novembro en Santiago de Compostela) ou a andaina contra a violencia de xénero que baixo o lema Camiño ao respecto se converterá, un ano máis, nun dos actos centrais de sensibilización e rexeitamento da sociedade a esta lacra.

Gran festa do campo a través galego

Excelente Campionato de Campo a Través o vivido esta fin de semana nas Illas das Esculturas baixo a organización de Concello de Pontevedra, Sociedad Gimnástica e Federación Galega de Atletismo.

Baixo un día primaveral e nun circuito liso pero esixente, preto de 400 atletas xuntaríanse para desenvolver os seus distintos campionatos na modalidade de individuais (categorías Sub16 e Sub18) e de clubs no resto de categorías.

Precisamente na categoría Sub16, unha das atraccións do campionato Xela Martínez sumaba un novo título autonómico logo de impoñerse con superioridade ao resto de atletas confirmando o seu excelente arranque nesta tempada invernal. Por clubs a Atlética Lucense lograba o título sen dar opción ao resto de formacións de Comesaña e Mochila del Deporte, cun triplete no podio formado pola propia Xela e por Amparo Corredoira e Sara Guedes. En homes e na mesma categoría, emocionante chegada entre Ricardo Negrete do RIA Ferrol quen se impuxo tanto a Teo de Frutos do Lucus Caixa Rural como a Sergio Quintas de C.D. La Purísima. Por equipos Cedeira Muebles García facíase ca primeira posición seguidos de Atlética Lucense e de A.D Fogar

Na categoría Sub18 tanto Carolina Santos do Ría Ferrol como Pedro Vázquez do Real Club Celta proclamábanse campións galegos, estando acompañados nas medallas por Marcela Morgado do Ourense At. e por Paula Cabaleiro do C.A.Tui. Na categoría masculina sería a prata e bronce para Antón Martínez da Atlética Lucense e para Mateo Rodríguez do Real Club Celta, cuxo club sería precisamente o vencedor na categoría masculina. Por equipos femeninos Sub18 o título foi para conxunto do Ourense Atletismo

Xa no resto de probas nas que se decidía a clasificación tan só por equipos, importante xornada a que protagonizou o ADAS Proinor na categoría absoluta con triunfos dos seus dous conxuntos liderados tanto por Esther Rodríguez (2ª na xeral) como por Iván Roade (3º). Non menos importante serían as segundas posicións do Ourense Atletismo en ambas categorías quenes compartirían podio co SD Compostela Atletismo na masculina e o Pinarium na femenina.

No resto, dobre triunfo para o C.A. Santiago nas dúas categorías Sub23 con triunfos individuais para os seus atletas Mariam Ferram e Roberto Trigo. Na Sub20 masculina, novo triunfo do Ourense Atletismo seguido polo Real Club Celta e pola S.D Compostela, nunha carreira que era domiñaba polo atleta do Celta Hugo Vázquez.

Para rematar o Relevo mixto daba o triunfo ao Lucus Caixa Rural Galega cuxos integrantes, Lucía Varela, Xabier Rodríguez, Laura Santos e Esteban Iglesias, adicaban o título de maneira moi emotiva ao recentemente desaparecido Mariano Castiñeira. Sen abandoar a provincia lucense o segundo lugar foi parar ao Atletismo Friol, correspondendo a o terceiro posto ao club organizador, Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Aberta, de novo, ao tráfico a Ronda da Muralla á altura da Porta Santiago

O Concello de Lugo vén de reabrir ao tráfico a Ronda da Muralla, no treito que transcorre entre a Porta Santiago e a rúa Vilalba, tralas obras realizadas nas que se suprimiu un carril de circulación a favor da creación dunha beirarrúa pegada ao monumento romano, xa que a zona carecía dela.

O Tenente de Alcalde da localidade, xunto ao edil de Infraestruturas visitaron a zona esta mañá onde todavía seguen realizando obras de mellora.

Coa nova ordenación do tráfico rodado, o tráfico que circule pola Ronda terá prioridade sobre o chegado da rúa Santiago, que pasarán a ter un Ceda o Paso. “Isto xunto coa reordenación das rúas Cidade de Viveiro e Pascual Veiga permite crear itinerarios máis rápidos para chegar desde este cruce ata Ramón Ferreiro en coche”, explicou o tenente de alcalde.

O segundo edil destacou a importancia desta actuación para mellorar a protección da Muralla, reducindo as vibracións producidas polos vehículos a motor “cumprindo coas recomendacións do ICOMOS para garantir o mantemento da Muralla”. Segundo o Tenente Alcalde, “este é un dos piares máis importantes do traballo da área de Mobilidade e Infraestruturas desde a nosa chegada ao goberno”.


Imaxe de arquivo:  Ronda da Muralla á altura da Porta Santiago

O Estado non prevé fondos para a comisaría da Nacional no proxecto de Presupostos para 2022

Anos levan os lucenses oíndo falar a uns e outros grupos sobre unha nova comisaría da Policía Nacional (actualmente, na rúa Chantada). Anos nos que tamén o Sindicato Unificado da Policía (SUP) solicitou das formas previstas legalmente esta nova infraestructura. Malia que a opinión pública e os medios de comunicación barallaron varias ubicacións, a que semellaba soar máis forte era a que a situaba entre unha das novas construccións que se levantarán no que antes era o antigo Xeral.

O certo é que, a día de hoxe, non se volveu falar deste tema. Tanto é así, que o espazo que nun primeiro momento suponse que iría adicado á comisaría na Residencia, hoxe xa se prevé que estea ocupado co novo centro de atención á terceira idade que o Goberno da Xunta está a construir logo de tirar as edificacións do antigo hospital.

Por se esta falta de ubicación fora pouco, o certo é que o Proxecto de Presupostos Xerais do Estado presentado nas últimas semanas, tampouco inclúen ningunha partida para a creación desta nova infraestructura.

Por iso, a voceira de Cs no Concello de Lugo, Olga Louzao, informaba esta mañá que o seu grupo viña de presentar unha emenda ao proxecto dos orzamentos para 2022 co obxectivo de que no documento definitivo se inclúa unha partida coa consignación necesaria para comezar as obras de edificación da nova comisaría da Policía Nacional na cidade das murallas.

Segundo explica Louzao as instalacións da actual Comisaría non reúnen as condicións óptimas para o desempeño completo dos labores que realizan os axentes do Corpo. Do mesmo xeito, di a da formación laranxa, a calidade da atención á cidadanía vese condicionada pola falta de espazo. Unha realidade que tamén foi recoñecida polas asociacións policiais ou mesmo membros da estrutura xerárquica do CNP ou do Ministerio do Interior.

Louzao instou o Goberno local a establecer un dialogo co Ministerio para facilitar e axilizar a consecución dos terreos necesarios co obxectivo de que a nova comisaría teña a mellor situación estratéxica posible dentro do noso centro urbano. “Existía un consenso na cidade para a construción da nova comisaría nos terreos nos que se situaba o antigo hospital da cidade, propiedade do INSS e cedidos á Xunta, onde están previstas ademais distintas dotacións de carácter socio-sanitario a acometer por parte da Administración galega. Con todo dita localización é inviable a día de hoxe debido a que devanditos terreos ocuparanse con outro tipo de servizos, como a cuestionada planta de biogas. Por iso é necesario acordar entre as distintas administracións unha nova localización”, afirmou.

A portavoz de Cs no Concello sinalou que a aceptación de emendas como esta en Lugo condicionará o voto da formación a nivel nacional. “Desde os Orzamentos Xerais do Estado de 2016 ata os de 2021 fóronse incluíndo diferentes partidas para realizar os estudos previos e avanzar na construción da nova comisaría da Policía Nacional na cidade, pero ata a data a intención política foi nula e o Goberno non deu nin un só paso para desenvolver este proxecto. No actual proxecto de PGE 2022 non se fixa consignación económica algunha para esta obra, que é necesario incluír coas partidas suficientes para que a nova comisaría sexa unha realidade nun prazo breve de tempo. Esiximos determinación política neste asunto. Non valen escusas nin a nivel local nin a nivel nacional”, concluíu.

A Biblioteca de Antas convoca o certame de poesía infantil ‘Nadal 2021’

A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de poesía infantil Nadal 2021 cuxas bases vén de facer públicas a través da páxina web do Concello de Antas de Ulla e das redes sociais oficias.

Segundo especifica o Goberno Local poderá participar calquer neno ou nena, con poemas propios de temática natalicia. Para elo, establécense tres categorías de participación: a primeira será para nenos ata os 8 anos (incluídos), a segunda para nenos de 9 a 11 anos e a terceira e última de 12 a 16.

Cada autor poderá presentar tantos poemas como desexe, sempre redactados en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, e poderán presentarse mecanografados, escritos a computadora ou a man; neste último caso, terá que ser a bolígrafo (non vale lápis). Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor/a.

O prazo de presentación dos poemas rematará o 30 de decembro de 2021, debendo ser entregados polos seus autores/as na Biblioteca Pública Municipal.

Os poemas serán valorados por un xurado, formado por entendidos na materia, que seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores/as seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros ou material escolar.

Os traballos premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2022. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.

Senadores por Lugo acusan ao PSOE de “porse de costas aos gandeiros” coa protección do lobo

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano, acusan aos socialistas lucenses e ao seu representante na Cámara Baixa “de dar as costas aos gandeiros da provincia” ao apoiar inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime Especial de Protección (LESREP), “sen consenso entre os sectores implicados nin base científica e técnica na toma de decisións sobre a protección deste animal”.

Para os senadores chama a atención que a comisión de 19 expertos, a quen o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico encargou o ditame sobre a inclusión do lobo na LESREP, non conte con ningún especialista nesta especie e que, “a partir de estudos actualizados e territoriais, argumente e apoie a necesidade de incluír o lobo nesta listaxe”.

A orde ministerial, para os populares, “é unha imposición, unha actuación exclusiva e unilateral, sen diálogo, acordo ou consenso coas comunidades autónomas e que ignora as consecuencias económicas, sociais e ambientais nos territorios onde se vive maioritariamente o gando”. “Vai sufrir máis sobreprotección”, destaca Barreiro, ao tempo que critican que a opinión dos expertos saliente o alto valor ecolóxico, ambiental, patrimonial e cultural do lobo, “ignorando” deste xeito aos gandeiros.

Neste senso, engade que a decisión do ministerio “é política e ideolóxica e non está nin xustificada cientificamente nin esixida socialmente”, reclamando “que se lle permita ao gandeiro traballar para sobrevivir e non alimentar ao lobo”.

O grupo popular no Senado presentou tres emendas nas que pedía anular a orde que inclúe o lobo na LESREP, solicitando que todas as organizacións que aporten criterios técnicos e científicos sobre o tema sexan tidas en conta como parte implicada, como son os profesionais, colexios de veterinarios, enxeñeiros forestais ou agrónomos.

Tamén reclamaron que xunto coa Comisión Estatal de Patrimonio Natural se convoque de xeito inmediato a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e, en terceiro lugar, propuxeron que os territorios implicados, entre eles Galicia, se sumen aos informes científicos achegados, nos que se detalla a análise técnica por cada Administración do impacto económico, social e ambiental derivado da acción do lobo nas súas respectivas zonas.

A Asociación Si, hai saída manifesta a súa postura respecto ao tratamento que se lle está a dar a presunta agresión transfóbica

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, en relación co grave suceso acontecido na madrugada do pasado Domingo, 1 de Novembro, por mor do cal unha muller foi, presuntamente, empurrada desde o adarve da Muralla por un home ao que acababa de coñecer unhas horas antes, para, posteriormente, abandonala gravemente ferida, e que se asociou a unha agresión de carácter transfóbico pola condición sexual desta, así como da concentración celebrada con este motivo o pasado Venres, día 5, desexamos manifestar o seguinte:

En primeiro lugar, e como non podería ser doutro xeito, a nosa rotunda e mais enérxica repulsa ante calquera acto de violencia, máxime cando este estea relacionado coa violencia de xénero, condición sexual ou identidade de xénero, así como, por suposto, o noso apoio a vítima a que trasladamos o noso agarimo e os nosos desexos dunha pronta e total recuperación.

Do mesmo xeito, a nosa condena non é menor nin menos rotunda ante a falta da mais elemental prudencia que leva a determinadas persoas e colectivos a pronunciarse e manifestarse, outorgándose o dereito a xulgar e sentenciar, que, obviamente, non lles corresponde en absoluto, propiciando, ademais, deste xeito, que se produzan xuízos paralelos, co enorme dano que isto implica.

Non esquezamos, algo fundamental, que, no que atinxe a este caso, aínda se descoñece o sucedido realmente, polo que todo prexuízo, ademais de ser totalmente irregular e improcedente, está totalmente fora de lugar. É absurdo, ademais de totalmente contraproducente, manifestarse contra algo que nin sequera se sabe si sucedeu, ou en que circunstancias.

É, por outra banda, ademais dunha ousadía, todo un exercicio de soberbia, obviar e tentar pasar por diante daqueles que están a levar a cabo as labores de investigación e esclarecemento dos feitos, tarefas que competen, única e exclusivamente a Policía e ao Xuíz, e que facelo pode, e, de feito, moitas veces sucede, supoñer un atranco para o desenrolo destas. Dito isto, en relación coa concentración celebrada o pasado Venres, despois de ler nun medio de  comunicación as manifestacións feitas por algúns dos colectivos convocantes, ademais do xa exposto, non podemos pasar por alto algunhas delas, que son abertas e graves acusacións, que lanzan indiscriminadamente, meténdonos a todos no mesmo saco.

Denuncian, entre outras cousas, un aumento na nosa cidade da violencia, da hostilidade contra os colectivos LGTBI+, que se lles nega os dereitos individuais as persoas con outra identidade de xénero, o aumento de violencia contra estos colectivos, responsabilizando en gran parte ao discurso de odio da extrema dereita que está a calar, din, entre os mais novos.

Pois ben, a todo isto, respondemos:
Hai tempo que na nosa cidade aumentou a violencia en xeral, por factores, entendemos, que nada teñen que ver con connotacións de xénero ou identidade sexual, se non con outras cuestións.

Se ben é certo, e o recoñecemos, que, desde certos sectores, poida existir, e, de feito, existe, un certo rexeitamento contra estes colectivos, nin é xusto, nin teñen dereito ningún a xeneralizar, xa que, para a inmensa maioría de nos, esa hostilidade non puido medrar, sinxelamente, porque nunca existiu. Falan de “discurso de odio” cando este tipo de acusacións lanzadas indiscriminadamente non convidan, precisamente, a concordia.

Culpan deste “discurso de odio” que din, repetimos, está calando entre os mais novos, a extrema dereita. Non imos negar que isto está a suceder, pero, ao mellor, sería bo que se pararan a recapacitar, a mirar un pouco mais preto, sobre o discurso que algúns deses colectivos, e, que quede claro, nos non xeneralizamos, entre outras cousas porque non podemos opinar acerca daqueles a quen non coñecemos, nin somos quen para facelo, lanzan habitualmente, por  mor do cal, ademais de, facendo unha vez mais, todo un alarde de soberbia, se autoerixen en adalides dun cremos que mal chamado feminismo, tiránico, radical, que nada ten que ver, obviamente, co auténtico e digno movemento polo que tantas e tantas mulleres loitaron e grazas as cales avanzamos tantos chanzos, malia o moito que aínda queda por facer, decidindo quen é feminista e quen non, en base ao seu particular “baremo”, lapidando sen piedade a quen non lles di si a todo ou opina diferente, algo que recorda sospeitosamente a ese discurso de odio do que tanto falan, mais preocupadas de subirse ao carro de canto caso acada sona mediática, de saír nos medios de comunicación e dos seus golpes de efecto aos que xa nos teñen acostumados, principalmente en datas coma estas do mes de Novembro, sen decatarse de que, malia que inicialmente poidan convencer, o tempo as vai
poñendo no seu sitio, e acaban por provocar o lóxico rexeitamento, entre os mais novos, e entre os que non o somos tanto, desvirtuando, e isto é o peor, a verdadeira loita que moitos e moitas tentamos levar adiante.

Así mesmo, vemos, con tristura e preocupación, que en ocasións coma esta, nas que, reiteramos, toda prudencia é pouca, desde certos eidos políticos, e con todo o respecto o dicimos, se apoie este tipo de actos coa súa presencia, alentando esta falta de rigor, cando, e non nos cansaremos de repetilo, aínda non se coñece o que realmente sucedeu.

Para rematar, non queremos deixar de manifestar o noso absoluto e rotundo apoio ao xuíz encargado deste caso, do cal nos consta, ademais da súa incuestionable profesionalidade, a súa total implicación na loita contra a violencia de xénero e, por suposto, a ausencia de calquera prexuízo homófobo, así como a súa enorme humanidade e sentido da xustiza, pero sempre, como non podería ser doutro xeito, baseándose en feitos probados, non en conxecturas nin en espectáculos mediáticos.


Asociación Si, hai saída

Codex celebra o Día Internacional do Cine Europeo

O próximo domingo día 14 de novembro máis de cincocentas salas de cinema de autor de todo o continente reivindicarán o cine europeo.

O filme elixido para conmemorar esta data é Quién lo impide, a cinta de Jonás Trueba onde o cineasta madrileño propuxo a un grupo de rapaces unha experiencia única: filmar o seu paso da adolescencia á madurez ao longo de varios anos, desde os quince ata que acadan a maioría de idade. Un filme que mestura habilmente documental e ficción, traspasando xéneros e metodoloxías, dunha forma fresca e única, máis unha vivencia que un filme.

A película presentouse no festival de Donostia con grande éxito de crítica e público. O xurado oficial distinguiu ao seu elenco de rapaces co premio á mellor interpretación. Se ben estamos ante unha película inusual, polo seu tratamento e pola súa duración (case catro horas), Codex Cinema non quixo deixar pasar a ocasión de ofrecer a oportunidade única de ver este filme nas salas. Só haberá un pase especial o próximo domingo 14 de novembro.

Xa dentro das estreas regulares de cinema, este venres chega tamén A ruleta da fortuna e da fantasía, de Ryusuke Hamaguchi, un dos grandes narradores do cinema contemporáneo. Despois de ser mundialmente aclamado coa súa maxistral Happy Hour, este cineasta xaponés leva unha das carreiras máis coherentes e xeniais da actualidade, con coidadosos melodramas sobre os grandes problemas das sociedades actuais. A súa habilidade para narrar historias reais e inusuais ao mesmo tempo, así como para escribir longos diálogos que os seus actores expresan con gran naturalidade, fai que o seu cinema consiga a mesma sensación de estar lendo unha gran novela.

A ruleta da fortuna e da fantasía é un filme episódico onde asistimos a tres historias diferentes sobre as relacións humanas e as intimidades. Na primeira, unha conversa entre dous amigas nun taxi, onde unha delas lle fala a outra dun encontro amoroso, esperta nela sentimentos xa esquecidos. Na segunda, un rapaz quere vingarse dun profesor que o humillou obrigando á súa amante a seducilo. E na terceira, unha muller acude a unha reunión de antigas amigas de instituto nun futuro alternativo onde non existe internet nin as redes sociais e alí soña con atopar á rapaza da que estivo namorada.

Historias de desexo e soidade, de personaxes que viven absorbidos polo rápido decorrer do mundo contemporáneo e onde a tecnoloxía parecer ter substituído ás relacións sociais. Pese a todo, o cinema de Hamaguchi, gran humanista, rescata a emoción e a pureza dos sentimentos, cun estilo memorable na que sen dúbida é unha das grandes películas deste ano.

Máis información e entradas na web dos Codex.

Defuntos

Gosto despedir de xeito persoal aos que se van, lembrando virtudes humanas de quen o merece, coidando que á despedida relixiosa pode unirse outra de parente ou amigo, que complete o adeus ao viaxeiro a un futuro mellor. E hai uns días gustoume na guitiricense igrexa do Buriz a despedida de Isolina, da miña familia adquirida, coa que tiña relación desde hai medio século.

O párroco falou familiarmente de Isolina, lembrando súa nai, Josefa, e súa avoa, Carmina. Segundo Pérez sabe moi ben como despedir a unha feligresa, non por ser un intelectual de primeira orde, ter sido Dean da Catedral de Santiago, e seguir sendo un imprescindible da atención aos peregrinos a Compostela, senón porque naceu na mesma parroquia, e cada feligrés que enterra é un dos seus. Escoitar ao crego no funeral de Isolina lembrar a súa avoa, muller relixiosa da que dixo ter aprendido cousas fundamentais que despois nunca veu nos libros, era engaiolante… como o era oílo lembrar que cando ían buscar o gado da parroquia para a casa, tan lonxe que lles daba tempo de rezar un rosario polo camiño, o futuro crego aprendía verdades da vida e da fe que non esquecería nunca.

Nunca soñou Isolina unha despedida así na súa igrexa, nin ser lembrada aquí para avogar porque nas celebracións relixiosas se incorpore o toque de xustiza post mortem que toda persoa merece. Reivindico sempre a cercanía e, de xeito especial, na despedida, polo que se vai e polos que quedan. E que os presentes se poidan unir ao sentir da familia faime lembrar versos de Cabanillas: “A unión de todos os bos / é lei de tan alto alento / que pra estar no Sacramento / ata a ten que cumprir Dios”.

O TSXG decreta que o nacemento dun fillo morto conta á hora de calcular a pensión de xubilación da nai

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decreta que o nacemento dun fillo morto conta como fillo para os efectos de calcular a pensión de xubilación da nai. Os maxistrados destacan nunha sentenza que o complemento por maternidade nas pensións contributivas está concibido como unha medida específica “en favor das mulleres para corrixir situacións patentes de desigualdade de feito respecto dos homes”.

Os xuíces entenden que a “situación de discriminación” sufrida polas mulleres por ser traballadoras e nais “se producía xa desde o momento do embarazo, con independencia de se chegaba a bo termo”. Por tanto, segundo explican na resolución, débese aplicar ese complemento no caso de falecer o fillo antes de nacer, pois trata de compensar “a discriminación laboral que sofren as mulleres traballadoras, en especial as que á vez foron nais, e máis en especial ás que tiveron máis dun fillo, todo iso coa finalidade de reducir unha brecha, que non só é salarial, tamén pensional”.

Desta forma, o alto tribunal galego rexeita no fallo os argumentos do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, quen defende que o nacemento dun fillo morto “non conta como fillo para os efectos do recoñecemento e, no seu caso, da contía do complemento por maternidade nas pensións contributivas”.

Beneficio por coidado de fillos

Ademais, na mesma sentenza, os maxistrados consideran que o artigo 236.1 da Lei Xeral da Seguridade Social debe ser interpretado no sentido de que o beneficio cotizatorio que concede por coidado de fillo ou menor xérase “por todos os fillos nados entre o nacemento do primeiro fillo posterior á interrupción da carreira de seguro e dentro dos seis anos posteriores, sempre que se interrompese a carreira de seguro nos nove meses anteriores ao nacemento dese primeiro fillo”. Por tanto, consideran que, no caso concreto que analizan na resolución, ese beneficio de cotización se debe aplicar á recorrente tanto para o primeiro fillo (como admitiu a Seguridade Social) como para a segunda filla (o que nega a administración) porque esa segunda filla, do mesmo xeito que o primeiro fillo, “naceu entre a interrupción da cotización como consecuencia da extinción da relación laboral e a finalización do sexto ano posterior ao nacemento do fillo”.

A Sala do Social do TSXG lembra que a finalidade do beneficio por coidado de fillos menores é “compensar as interrupcións nas carreiras de seguro daquelas persoas traballadoras (usualmente mulleres) que as interrompen para o coidado de fillos ou menores”, polo que considera que quedaría “cernada, cando menos en parte se, habendo máis dun nacemento no período temporal que vai desde nove meses antes do nacemento do primeiro fillo ata seis anos despois dese nacemento, só se xera o beneficio o nado (ou nados) dese primeiro nacemento, pois sería tanto como soamente compensar á persoa traballadora polo coidado dese fillo (ou fillos), coma se os demais nados dentro do período temporal a que se fixo referencia, que obviamente teñen a mesma necesidade de coidados que a norma contempla como finalidade xustificativa do beneficio concedido, fosen esquecidos por parte da norma”.

O TSXG conclúe que a interpretación do beneficio contemplado no artigo 236.1 da Lei Xeral da Seguridade Social nun sentido restritivo sería “tanto como xustificar un impacto adverso sobre as mulleres, á vez que supoñería unha interpretación contra conciliación que prexudicaría ás persoas traballadoras que concilian, homes ou mulleres”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com