Novas

O PSdeG defenderá a ubicación na Pastoriza da nova planta de residuos que a Xunta quere instalar en Riotorto

A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica do PSdeG, Patricia Otero avanzou hoxe que defenderá unha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama, ao Goberno de Feijóo, emprazar a nova planta de residuos que dará servizo aos concellos de Riotorto, Meira, Pol, A Pastoriza, A Pontenova e Ribeira de Piquín, no Punto Limpo Serra de
Meira en Xuncás (A Pastoriza), que xa conta con dotacións de auga, luz e accesos.

Neste mesmo emprazamento, no concello da Pastoriza, Patricia Otero presentou esta proposta acompañada polos Alcaldes e concelleiros das vilas afectadas. No acto estiveron o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra; o Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde; o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico e o Alcalde de Pol, Lino Rodriguez Ónega.

A Deputada Socialista lamentou a falta de diálogo da Xunta nun tema tan importante como a xestión dos residuos, “e onde hai 6 concellos afectados, pero lamentablemente dende o sectarismo político habitual do PP só se escoitou ao único onde goberna, é dicir o concello de Riotorto”, dixo.

Así as cousas lembra “que o pasado 27 de setembro a conselleira de Medio Ambiente anunciou que na parroquia de Aldurfe, no concello de Riotorto, ía ubicarse a nova planta de residuos. Pero unha vez anunciado este emprazamento, e trala presión dos veciños e veciñas que viron como este proxecto da planta afectaba ás súas explotacións gandeiras e incluso ás súas vivendas, a Xunta, a Conselleira e o Concello de Riotorto recuaron con esta radicación, e nestes intres están a buscar un novo emprazamento dentro do concello de Riotorto”.

“O emprazamento de Aldurfe foi un completo desatino e tamén unha improvisación por parte da Conselleira, que a día de hoxe aínda non resolveu esta situación. A veciñanza, os gandeiros, os alcaldes, os grupos políticos progresistas, as asociacións veciñais, os sindicatos agrarios foron un clamor social contra este emprazamento”,  replicou a deputada.

Opacidade e falta de transparencia

Advirte que “os alcaldes afectados neste proceso tamén amosaron o seu rexeitamento desta ubicación en Aldurfe. E diante desta situación asi como do ninguneo total por parte da Xunta, enviaron unha carta ao Goberno galego no que se queixaban da falta de transparencia e opacidade coa que Sogama, dependente da Consellería de Medio Ambiente, e o Concello de Riotorto actuaron coa nova da planta de residuos urbanos”, lembrou.

Concellos afectados

Os alcaldes da Pontenova, Meira, Pol, Pastoriza e Ribeira de Piquín explican que esta planta nese emprazamento encarecería considerablemente os custes económicos desta nova dotación, xa que o punto limpo Serra de Meira en Xuncás (A Pastoriza) xa conta con infraestrutura e non se partiría de cero como no caso de Riotorto. Ademais de que a estes concellos implicados lles afectaría negativamente o emprazamento en Riotorto por mor da distancia e dos quilómetros existentes entre os concellos.

Nas iniciativas rexistradas na Cámara Autonómica, dende o PSdeG queren coñecer cal ou cales son os motivos que xustifican que a Xunta de Galicia queira instalar a nova planta de residuos no concello de Riotorto? Se a Xunta pensa que o concello de Riotorto é o mellor emprazamento para esta nova planta de residuos que ademais tamén presta servizo aos concellos da Pastoriza, A Pontenova, Meira, Pol e Ribeira de Piquín? E por último, “porque non valora a Xunta de Galicia emprazar esta nova planta de residuos no punto limpo Serra de Meira en Xuncás (A Pastoriza) que  a conta con dotacións de auga, luz e con accesos?”.

O fundador de Foro Lugo Independente entrega a súa filiación ao PP

Ildefonso Saavedra, que fora cabeza de lista e fundador de Foro Lugo Independente, nas municipais do 2019, entregou esta mañá a súa afiliación á formación do PP na súa sede da capital. En concreto, Saavedra mantivo un encontro coa presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia quen se amosou satisfeita pola nova incorporación que “ensancha o partido”.

E é que como lembra a propia dirixente popular, Candia asumiu o compromiso de ampliar o partido neste novo mandato e “tenderlle a man a toda aquela persoa que está disposta a dar un paso adiante neste proxecto que, como xa dixen en varias ocasións, se basa no traballo en equipo para conquerir os obxectivos de acadar unha maior representación gubernamental nas institucións”.

Pola súa banda, Saavedra afirmou que se integra no PP porque “creo no proxecto e fágoo sen condicións”. Motivos polos que, segundo explica, decidiu formar parte do grupo popular e “traballar xuntos para contribuír ao cambio que demandan os lucenses no Concello e na Deputación”.

Ildefonso Saavedra amosouse “ilusionado, convencido e comprometido” co partido que lidera Elena Candia.

Comezan as demolicións da Croa, trámite previo á regularización definitiva das vivendas da zona

Comezaron hoxe, no concello de Lugo, os labores de derrubamento das edificacións que ocupaban os terreos que farán posible o parcelamento dos predios antes de cederllos aos seus lexítimos adxudicatarios. Así o explicou esta tarde a rexedora, Lara Méndez quen avanzou que este é o paso previo para que o Concello entregue as escrituras das vivendas ás familias da Croa que agora viven nelas.

“Trátase dunha decena de pequenas construcións, a maioría en estado ruinoso e deshabitadas dende hai décadas, que se manteñen no ámbito de actuación do proxecto e que resulta preciso eliminar para proceder á regularización da propiedade. A intervención terá un custo de 36.728 euros e un prazo de execución dun mes”, indicou a alcaldesa.

Méndez explicou que as obras que comezaron hoxe darán como resultado unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais.

“O espazo será inmediatamente acondicionado, creando áreas de esparexemento que darán servizo á contorna e, nomeadamente, aos residentes deste núcleo para o que se terán en conta tamén as súas demandas. E, debido a que o proxecto de parcelamento xa está rematado, o único que resta é aprobalo definitivamente, antes de rexistrar as novas parcelas resultantes e adxudicarllas ás súas e aos seus titulares”, afirmou a rexedora.

A alcaldesa lembrou que, logo da encomenda de xestión que o Consello de Administración de Evislusa aceptou en xuño de 2020 para redactar o proxecto de parcelación desta superficie municipal, se levaron a cabo, entre outras tarefas asociadas necesarias, o estudo topográfico, a validación catastral e a prospección arqueolóxica da extensión afectada, debido á súa proximidade ao xacemento do Castro de A Croa. Traballos que, no seu conxunto, supuxeron un investimento doutros 35.000 euros.

O núcleo residencial de A Croa tivo a súa orixe no ano 1992, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para a erradicación do chabolismo. Nese ano asinouse o acordo de cooperación entre o Concello e o IGVS para sacar adiante a iniciativa e, en 1995, concedeuse a licenza de construción. No 2008, o Concello solicitou a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e tralo pulo dado ao procedemento polo Executivo de Lara Méndez, foi no ano 2016 cando se formalizou a inscrición dos mesmos no Rexistro, que este organismo remitiu á entidade local en xuño de 2017.

Ribadeo recorrerá a decisión do Instituto Xeográfico Nacional sobre o topónimo da ría

O Concello de Ribadeo recorrerá a resolución do Instituto Geográfico Nacional sobre o topónimo da Ría de Ribadeo. Así o anunciou onte, o seu alcalde, Fernando Suárez quen se amosou sorprendido porque na resolución Instituto Geográfico Nacional non se analicen as alegacións do Concello, ou outras varias que se presentaron, como as da Deputación de Lugo). 

Nestas alegacións, segundo explica Suarez Barcia, presentan argumentos irrefutables na defensa do topónimo de Ría de Ribadeo como único oficial posible, mais coa resolución, di o alcalde, dá a sensación de que non foron sequera tidos en conta.

O rexedor municipal ribadense engade que estas alegacións acreditan, entre outros aspectos, o uso histórico do topónimo de Ría de Ribadeo e a realidade de que o topónimo de Ría do Eo é recente e propio de rexistros que non lle poden outorgar oficialidade.

Por outra banda, aseguran, que a nomenclatura das restantes rías galegas e asturianas vai en contra desta resolución, do mesmo xeito que tampouco se respectan as recomendacións da ONU de utilizar un único nome para os accidentes xeográficos e de evitar cambios innecesarios de nomes.

Ademais, nas súas alegacións tamén analizan o informe do Principado de Asturias (que reabriu este debate e deu inicio ao expediente) no que, ao seu xuízo, non queda acreditado un uso histórico do termo de Ría do Eo nin un uso máis recente que poida oficializar o seu uso, atopando ademais serias inconsistencias nos argumentos presentados.

Por todo isto, anunciou o rexedor ribadense que, en canto teñan a comunicación oficial da proposta de resolución, iniciarán os trámites dos recursos que procedan, xa que entenden que dita resolución non está motivada nin se axusta á razón, nin á historia, nin aos criterios de denominación das rías galegas e asturianas en particular, e do Cantábrico en xeral”.

Suarez Barcia agarda que a Deputación e a Xunta vaian da man do Concello de Ribadeo para manter, dixo, o criterio científico, histórico e xurídico, avalado por todas as institucións a nivel galego e estatal “que de xeito contundente e con argumentos absolutamente obxectivos defenderon a oficialidade do nome da Ría de Ribadeo”.

Adega organiza unhas xornadas de aproximación aos valados na Reserva da Biosfera Terras do Miño

Este venres día 5 de novembro, ADEGA presenta as xornadas “Aproximación ao patrimonio cultural e natural dos valados na paisaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño” que se desenvolverán no Concello de Muras na fin de semana do 13 e 14 de novembro.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer o patrimonio cultural e ambiental galego, sendo os valados en pedra seca elementos característicos das paisaxes cercadas ou en bocage, e pezas de gran importancia na conservación da biodiversidade proporcionando acubillo a multitude de especies. As diferentes tipoloxías e materiais, propios de cada zona, conforman a nosa paisaxe e identifica os usos tradicionais do solo, sendo a técnica de construción de pedra seca Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade segundo a UNESCO.

A presentación das xornadas terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño o venres 5 de novembro ás 17h cunha pequena intervención teatral de Downlugo – Asociación Síndrome de Down de Lugo, e a poesía de Adela Figueroa Panisse, presidenta de ADEGA-Lugo.

As xornadas darán comezo o sábado 13 de novembro ás 10.30h cun seminario no que contaremos con Mercedes Máquez do Grupo de investigación da escola galega da paisaxe da Fundación Juana de Vega; Ricardo Polín Doutor e investigador dos camiños, Xoán Ramón Vidal Romaní do Instituto universitario de xeoloxía da UDC, e Ramsés Pérez de ADEGA.

Despois do seminario teórico farán unha ruta interpretativa pola zona, e facer unha caracterización e valoración dos muros que atopen segundo o visto na parte teórica. O domingo 14 de novembro de 10.30 a 15.00 está previsto un obradoiro de reconstrución dun muro coa técnica de xunta seca, para o que contarán co artesán José Luis  Canteiro que ensinará a preparar e colocar a pedra.

Os dous días haberá servizo de autobuses gratuíto dende Lugo, e desfrutaremos dun xantar de convivio ao rematar as actividades. O autobús sairá dende Lugo ás 9h e retornará ás 18h dende Muras.

As persoas que queiran asistir as xornadas teñen que rexistrarse antes do xoves 11 a través do formulario (https://forms.gle/ophSNCR7KcVxEZuA8) aloxado na web de ADEGA (www.adega.gal).

Rodil: “As excavacións arqueolóxicas nos fornos da Tinería paralizáronse coa chegada de Feijóo”

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou o barrio da Tinería, onde anunciou que o BNG presentará emendas para os orzamentos da Xunta de Galiza destinadas a “retomar o proxecto de rehabilitación deste barrio, despois de 12 anos de abandono do Partido Popular”. A deputada comparou os investimentos actuais na Tinería coa época na que o BNG tivo responsabilidades no goberno galego “período no que se investiron máis de 21 millóns de euros neste barrio”

Olalla Rodil lembrou que “as excavacións arqueolóxicas na Unidade de Intervención UI-7, onde se atoparon fornos, paralizouse coa chegada de Feijóo”. A día de hoxe, o espazo dos fornos está valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade. A deputada do BNG destacou que “as propias escavacións poderíanse converter nun centro de investigación e nun polo de atracción de visitantes para a cidade”.

Olalla Rodil lembrou que o proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego que fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

“Precisamos recuperar este espazo, seguir rehabilitando os edificios públicos deste barrio e levar adiante proxectos que poñan a Lugo no mapa e que doten á cidade de máis servizos e vivenda pública”, sentenciou Olalla Rodil

O Concello cortará ao tráfico un carril de San Roque polas obras da Mosqueira

Desde a concellería de Infraestruturas Urbanas veñen de informar de que a partir de mañá se procederá a cortar á circulación tráfico un treito dun carril da rúa San Roque para levar a cabo os traballos de transición entre esta rúa e a Mosqueira.

O treito afectado será o carril esquerdo da rúa San Roque, na zona máis próxima á Mosqueira, e o corte terá unha duración de 3 semanas.

En todo momento garantirase un paso peonil seguro pola zona de obras, ademais de garantirse tamén a entrada a vivendas, locais comerciais e garaxes, tratando de molestar o mínimo posible á veciñanza.

‘Un bote á vida’, a nova campaña do Breo a favor de Afalu

O CB Breogán vén de presentar unha nova acción solidaria que terá lugar no marco da colaboración que mantén activa coa Deputación de Lugo para visibilizar iniciativas e entidades do ámbito social da provincia.

Baixo o lema Un bote á vida, o CB Breogán dedicará o vindeiro encontro no Pazo dos Deportes, o sábado ante o Gran Canaria, a difundir o traballo da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Lugo (Afalu) entre os seareiros que acudan ao encontro e a través das redes sociais. Entre outros aspectos, estas accións de difusión farán fincapé nos servizos que a entidade presta no centro de día en Friol, recentemente inaugurado.

Na presentación da iniciativa participaron o deputado de Deportes, Efrén Castro, o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz, e mais o director da rede de centros de día de Afalu, Valentín Calvín, que coincidiron en sinalar o potencial que o club celeste ten como altofalante para xerar sensibilidades e dinámicas sociais que contribúan á prevención e á mellora da calidade de vidas das persoas enfermas e tamén das persoas coidadoras.

A través do patrocinio da Vicepresidencia, o CB Breogán facilitará a usuarios e usuarias de AFALU entradas para o encontro do vindeiro sábado.

A Xunta responde ao Concello: non precisa autorización para limpar as pintadas de Santa María

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que o Concello de Lugo non precisa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para limpar as pintadas realizadas na madrugada do martes no pavimento da Praza de Santa María.

Arias indicou que a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade recibiu esta mesma mañá a solicitude do concello e no prazo de catro horas remitiu a notificación electrónica coa resposta, logo de que os técnicos do Servizo de Patrimonio constataran in situ que a actuación non afecta directamente á Catedral nin a ningún elemento declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

A praza forma parte do Conxunto Histórico Artístico de Lugo, que conta cun Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI) en vigor. En base a este e a outras normas sobre patrimonio cultural, a Administración local é competente para decidir sobre as intervencións na área delimitada no PEPRI, salvo que se produzan sobre un elemento BIC como ocorreu coas pintadas sobre a propia Catedral hai un ano. De feito, na rúa do Bon Xesús, contigua á praza de Santa María, estanse realizando actualmente obras no pavimento sen que se solicitara autorización da Xunta.

O Supremo ratifica os 12 anos de cárcere para o fraile do Cebreiro por abusos sexuais

A Sala II do Tribunal Supremo vén de confirmar a sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que condenaba a  12 anos de prisión a un fraile franciscano que desenvolvía o seu labor no Cebreiro por abusos sexuais a unha menor e ao seu primo un mozo de 20 anos, ambos con algún nivel de discapacidade intelectual.

O máximo órgano xudicial desestima así íntegramente o recurso do relixioso e ratifica que cometeu “delito continuado de abusos sexuais con prevalimento” á menor de idade, de abuso sexual ao mozo e “utilización da menor de idade” para elaborar material fotográfico, xa que, segundo puido saber xa a Audiencia Provincial de Lugo, o home sacou diversas fotos desnuda á rapaza da que abusaba.

Os feitos remóntanse a finais do ano 2014 e principios de 2015, nunha casa propiedade da familia do acusado e tamén na sancristía do santuario do Cebreiro. A Audiencia Provincial de Lugo ditara sentenza condenatoria o 25 de abril de 2019.

Segundo os feitos probados, o home deulle distintas cantidades de cartos á rapaza e tamén ao seu primo, a quen dixo que llo daba para “calar a boca” e que non contase o ocorrido a ninguén.

O Supremo confirma así o prevalimento nos feitos cometidos por unha persoa como o fraile, 40 anos maior que as vítimas e tendo en conta a discapacidade de ambas, xa que a moza tiña capacidade intelectual límite, segundo especifica a sentenza.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com