Ribadeo recorrerá a decisión do Instituto Xeográfico Nacional sobre o topónimo da ría

O Concello de Ribadeo recorrerá a resolución do Instituto Geográfico Nacional sobre o topónimo da Ría de Ribadeo. Así o anunciou onte, o seu alcalde, Fernando Suárez quen se amosou sorprendido porque na resolución Instituto Geográfico Nacional non se analicen as alegacións do Concello, ou outras varias que se presentaron, como as da Deputación de Lugo). 

Nestas alegacións, segundo explica Suarez Barcia, presentan argumentos irrefutables na defensa do topónimo de Ría de Ribadeo como único oficial posible, mais coa resolución, di o alcalde, dá a sensación de que non foron sequera tidos en conta.

O rexedor municipal ribadense engade que estas alegacións acreditan, entre outros aspectos, o uso histórico do topónimo de Ría de Ribadeo e a realidade de que o topónimo de Ría do Eo é recente e propio de rexistros que non lle poden outorgar oficialidade.

Por outra banda, aseguran, que a nomenclatura das restantes rías galegas e asturianas vai en contra desta resolución, do mesmo xeito que tampouco se respectan as recomendacións da ONU de utilizar un único nome para os accidentes xeográficos e de evitar cambios innecesarios de nomes.

Ademais, nas súas alegacións tamén analizan o informe do Principado de Asturias (que reabriu este debate e deu inicio ao expediente) no que, ao seu xuízo, non queda acreditado un uso histórico do termo de Ría do Eo nin un uso máis recente que poida oficializar o seu uso, atopando ademais serias inconsistencias nos argumentos presentados.

Por todo isto, anunciou o rexedor ribadense que, en canto teñan a comunicación oficial da proposta de resolución, iniciarán os trámites dos recursos que procedan, xa que entenden que dita resolución non está motivada nin se axusta á razón, nin á historia, nin aos criterios de denominación das rías galegas e asturianas en particular, e do Cantábrico en xeral”.

Suarez Barcia agarda que a Deputación e a Xunta vaian da man do Concello de Ribadeo para manter, dixo, o criterio científico, histórico e xurídico, avalado por todas as institucións a nivel galego e estatal “que de xeito contundente e con argumentos absolutamente obxectivos defenderon a oficialidade do nome da Ría de Ribadeo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com