Novas

Tractores e vacas cortan Lugo para pedir un prezo xusto para o leite

Centos de gandeiros da provincia de Lugo manifestáronse durante o día de hoxe, marchando polas rúas da capital para reclamar unha suba do prezo que cobran polo leite que producen que compense o encarecemento que están a sufrir nos pensos, o gasóleo e o prezo da luz e que fai “inviables” as súas explotacións.

Acompañados de vacas e ducias de tractores, que quedaron aparcados na Ronda da Muralla igual que o fixeran durante semanas no ano 2015, os produtores de leite evidenciaron a “situación límite” pola que están a atravesar como consecuencia da conxelación do prezo do leite e o incremento dos custos de produción.

A marcha partiu da sede da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla e rematou diante da Sugdelegación do Goberno, posto que a asociación convocante, Agromuralla, reparte culpas entre ámbalas dúas institucións, ás que acusa de non facer nada para evitar “a ruína” dos gandeiros e o peche das súas granxas.

Mínimo, 40 céntimos

Agromuralla denuncia o “incremento de custos de produción sen precedentes na historia máis recente do sector leiteiro” que fai que producir un litro de leite custe 40 céntimos mentras a media á que o venden os gandeiros é de 32 céntimos.

Debido a este desfase, o sector productor de leite está neste momento “nun estado de emerxencia económica” provocado polo incumprimento da Lei da Cadea. “Estamos infrinxindo a lei vendendo a perdas. O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece. A día de hoxe cobrar o litro por baixo dos 40 céntimos aboca ao peche a calquera granxa”, asegurou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

“O ano pasado desde o Ministerio de Agricultura aseguráronnos que conseguiran un gran avance para nós plasmando na Lei da Cadea Alimentaria a obrigatoriedade de que o prezo que cobramos os produtores polo leite cubra os custos de produción, pero os problemas xorden na práctica cando hai que aplicar a letra pequena. As industrias avasallan en nós canto lles dá a gana, tanto é así que nos imponen os termos dos contratos sen darnos opción a negociar nin as cláusulas nin os prezos. Na maior parte dos contratos que nos vemos abocados a asinar para poder vender o noso produto os custos de produción non se cubren”, denunciou o presidente de Agromuralla.

O prezo do leite que cobran os produtores segue estancado desde fai décadas, mentres os custos de produción non deixaron de subir, “algo que está tornando inviables as nosas explotacións”, aseguraron. “Estamos agonizando gracias ás políticas de deixadez que se veñen levando a cabo nos últimos anos”, criticou o presidente de Agromuralla.

“Se nos remontamos ao ano 1998, antes incluso da chegada do euro, cobrabamos o leite a un prezo equivalente a 32 céntimos e resulta que 23 anos máis tarde estamos nun prezo base de 31 céntimos”, exemplificaron. “No 98 pagabamos pola cuota de autónomos 117 euros e hoxe estamos en 285; no 98 con 160 euros pagabas a luz de dous meses e hoxe non nos dá nin para a factura da enerxía dunha semana”, compararon.

Dobre mostra lacada

A marcha partiu ás 12 da mañá diante do Edificio Administrativo de Xunta de Galicia en Lugo, onde os gandeiros se concentraron para denunciar que o conselleiro do Medio Rural, que leva tres anos no cargo, “non coñece o sector gandeiro”, pois, din, “seguimos coas mesmas problemáticas que lle trasladamos na primeira reunión que tivemos con el e non arranxou ningunha delas”, criticou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que deu lectura diante da Xunta a un comunicado coas reclamacións da asociación dirixidas á Administración autonómica que despois presentou por rexistro.

“Desde hai anos vimos solicitando que sexa de obrigado cumprimento sacar dúas mostras dos nosos tanques do leite cando vén o recolledor co camión cisterna, porque se temos calquera problemática coas analíticas sufrimos a maior das indefensións ao non contar cunha proba contrastada oficial. En Castela e León implantaron este sistema da dobre mostra precintada e desde a súa posta en marcha acabáronse o 90% dos problemas que tiñan os produtores coas analíticas do leite”, asegurou.

Control do xabarín

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, reprochou tamén á Xunta que non poña en marcha “medidas efectivas” contra a fauna salvaxe e que “os plans urbanísticos sexan normas que únicamente pensan nas áreas urbanas, esquecendo as necesidades das explotacións agrogandeiras e impedindo a súa ampliación e modernización”. “O feito de querer mellorar as nosas granxas chega a converterse nun auténtico pesadelo”,asegurou.

Agromuralla acusa a José González de ser alleo ao sector ás súas demandas. “Vostede, señor conselleiro, ao mellor entende a perda que supón que che seque unha vide, pero nós sabemos o que nos supón que nos morra un animal atacado polo lobo ou que perdamos parte da colleita polo xabarín, iso tamén nos encarece os custos de produción”, afirmou José Luis Pérez Barreiro, que tamén se referiu á falta de superficie agraria útil das explotacións: “Xa sabemos que sacaron a Lei de Terras de Galicia, pero máis que unha solución semella unha ensoñación”, criticou.

“A lei de benestar animal ridiculiza aos gandeiros”

Os gandeiros denuncian o incremento de requisitos legais que teñen que cumprir a día de hoxe as granxas, que engaden “burocracia e gastos” ao seu traballo diario. “Desde Bruxelas e desde Madrid impóñennos unha PAC que prexudica os intereses de Galicia e normativas de todo tipo que non teñen en conta a nosa realidade”, afirma o presidente de Agromuralla.

“A maioría de nós nacemos entre vacas e sabemos de sobra que é o que necesitan. Agora pretenden vir darnos leccións de como tratar aos nosos animais señoritos que non viron unha vaca na súa vida. Por iso, como expertos en animais que somos, a normativa de benestar animal ridiculízanos. E tampouco podemos admitir que se nos acuse de ser os culpables do cambio climático”, concluíu José Luis Pérez Barreiro.

O Concello de Vilalba convoca unha praza de xardineiro e outra de electricista

O Concello de Vilalba anuncia a convocatoria de dúas prazas, unha de xardineiro/a e outra de electricista, por un periodo de dez meses cunha xornada a tempo completo. A convocatoria destas dúas prazas está vinculada ao Plan Único da Deputación de Lugo, baixo o seu Programa de Fomento do Emprego 2021.

As solicitudes para cubrir estas prazas deberán de presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba. Ditas solicitudes presentaranse nun prazo de 5 días naturais dende hoxe, día seguinte ao da súa publicación no BOP, é dicir,  ata o luns 8 de novembro de 2021.

A praza de electricista está adscrita ao departamento de mantemento eléctrico mentres que a de xardinería está incluída no departamento de parques e xardíns. Ambas prazas adxudicaranse a través do sistema de concurso, valorando a experiencia profesional e a formación complementaria dos diferentes aspirantes.

As bases desta convocatoria están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do día 3 de novembro de 2021.

Suspendida a reunión cos traballadores de Vestas debido á ausencia do Goberno Central

A Consellería de Emprego e Igualdade lamenta a imposibilidade de celebrar a xuntanza prevista para esta tarde en Santiago de Compostela entre a Xunta de Galicia e o Goberno central cos traballadores de Vestas, que tiña por obxecto coordinar as actuacións das administracións públicas e abordar os avances para acadar a continuidade da factoría en Viveiro, debido á ausencia de interlocutores políticos por parte do Ministerio de Industria.

O Goberno central comunicou á Xunta, a menos dunha hora da reunión, que non asisitría á mesma ningún director xeral nin outro alto cargo do Ministerio, e que se conectaría por videoconferencia un funcionario e un traballador eventual do ministerio, evidentemente sen capacidade decisoria de ningunha clase para a adopción de acordos. Á reunión tamén estaba convocado o Ministerio de Transición Ecolóxica, que nin sequera contestou.

A Xunta de Galicia considera esta actitude unha “falta de compromiso inadmisible” coa plantilla de traballadores no “delicado momento” que está a vivir a fábrica, e amosa a súa “decepción” co papel que está xogando o Ministerio de Industria pola súa “pasividade” para localizar compradores e a súa “falta de implicación” na búsqueda dunha solución.

A Consellería de Emprego e Igualdade convocará unha nova reunión da mesa industrial o vindeiro venres , día 5, coa esperanza de que á mesma asistan representantes do mais alto nivel do Goberno do Estado.

Xubilados e pensionistas volven ás rúas en rexeitamente da reforma das pensións

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG volverá a saír mañá ás rúas de cidades e vilas galegas para manifestar o seu rexeitamento á reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados. Denuncia que non garante unhas pensións dignas e que consolida os recortes introducidos coa de 2011.

En Lugo a concentración terá lugar na praza maior ás 11.30 da mañá.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG considera que a non derrogación da reforma das pensións do 2011 implica manter a perda dun 25% nas pensións pola ampliación da idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo aos 25 anos.

Considera simple propaganda a supresión do factor de sustentabilidade porque será substituído polo chamado “factor de equidade interxeneracional” que “suporá novos recortes nas pensións das xeracións do baby boom ao penalizar o aumento da esperanza de vida”.

Denuncia que con esta nova reforma tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións porque as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo a carta social Europea, que sería neste momento de 1.150 € ao mes.

Sinalan que tampouco recupera a xubilación parcial e segue penalizando a anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, dificultando aínda máis o acceso da mocidade ao mundo laboral e abocándoa á a emigración e o paro.

Acusan ademais ao goberno de condenar a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico mentres reducen a cota empresarial á Seguridade Social por continxencias comúns durante as incapacidades temporais das persoas maiores de 62 anos, subvencionando as empresas a cargo da caixa da Seguridade Social.

Xunto a isto, critican a nova medida anunciada polo Ministro Escrivá que supón penalizar aínda máis á clase traballadora durante un período de dez anos para encher a caixa das pensións sen que iso repercuta nunha suba posterior da contía das futuras pensións da clase traballadora.

Denuncian, xunto a isto, que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva que “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”.

Chega a Lugo a XIX Exposición de Cogomelos da Sociedade Micolóxica Lucus

A Sociedade Micolóxica Lucus vén de presentar a XIX Exposición de Cogomelos, que terá lugar o vindeiro domingo, 7 de novembro, no Colexio Rosalía de Castro de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 horas. As entradas serán gratuitas.

Na exposición cada exemplar está acompañado por unha ficha técnica da especie en cuestión onde se indican datos como o seu hábitat, se é comestible ou non, ou a súa toxicidade, ademais dunha pequena exposición fotográfica e un espazo audiovisual.

A titular da área de cultura do Concello de Lugo presentou xunto ao presidente da Sociedade, Julián Alonso esta mostra que amosa o traballo “que están facendo dende a Sociedade Micolóxica non só na labor divulgativa senón tamén con numerosas actividades que organizan para achegarnos  e dar a coñecer a toda a veciñanza o mundo da micoloxía”.

 

Folgoso do Courel aproba o seu plan de ordenación definitivo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o avance de Galicia na aposta polo urbanismo responsable, con 111 municipios cun plan xeral de ordenación municipal actualizado; “ou o que é o mesmo, un millón de galegos viven ao abeiro dun plan que lles garante un urbanismo seguro”, abundou.

Durante a sinatura da aprobación definitiva do PXOM do Concello de Folgoso do Courel, Feijóo resaltou que mentres en 2009 había 77 concellos sen ningún planeamento, hoxe só hai 15, “aos que lles facilitamos se o precisan o 100% do custo do planemento” aseverou.

“Isto quere dicir que nos últimos anos demos pasos moi significativos para acadar un urbanismo cun corpus normativo adaptado aos novos tempos e desafíos “, recordou, salientando que coa aprobación definitiva do seu plan, Folgoso do Courel abre unha nova etapa, cunha ordenación urbanística con capacidade para tutelar o asentamento de ata 1.400 veciños durante, polo menos, as vindeiras dúas/tres décadas.

“Estamos a falar dun plan que será un piar indiscutible ao servizo do concello para: ordenar o territorio de xeito equilibrado, incluídos os núcleos rurais; protexer os lugares de Seceda e Froxán, declarados BIC como Lugares de interese etnográfico; contribuír a fixar poboación no rural; fomentar o uso de vivendas baleiras; potenciar o turismo natural e facelo compatible co resto de actividades económicas”, explicou.

Plan estratéxico dos Ancares-O Courel
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta referiuse a este municipio como exemplo do que significa a aposta pola sustentabilidade e o medio ambiente. Así, Folgoso do Courel é o segundo concello de Galicia con máis superficie incluída en espazos protexidos -18.500 hectáreas-; pertence ao Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, o primeiro e único da Comunidade; e forma parte da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel.

“E, nas vindeiras semanas, activaremos o Plan estratéxico dos Ancares-O Courel para impulsar todo o potencial da natureza, a paisaxe, a etnografía e a economía destas dúas zonas emblemáticas”, anunciou, precisando que esta folla de ruta para os vindeiros cinco anos abrangue a case o 30% da Rede Natura 2000, estará dotada con 3 millóns de euros e incluirá a unha ducia de concellos.

Feijóo concluíu referíndose tamén ao compromiso de licitar entre finais deste ano e principios de 2022 o primeiro tramo da vía LU-651 que une Ferrería Vella con Seoane do Courel, cun investimento de 3 M€, e de levar a cabo a construción da área recreativa de Mogoxe, cun investimento de 300.000 euros, así como a creación dun mercado de produtos agroalimentarios.

Deputación e Xeoparque do Courel, xuntos pola súa promoción turística

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel, Roberto Castro González, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento de actividades do Xeoparque do Courel. A institución provincial achega 25.000 euros para a posta en marcha de iniciativas que dan unha maior visibilidade a este espazo natural que en 2019 acadou o recoñecemento da UNESCO co apoio da organismo provincial.

A través deste convenio levaranse a cabo cinco accións de difusión, entre as que se atopan a caracterización e cartografía dos solos das Montañas do Courel, estudio xeomorfolóxico das covas para establecer a súa orixe, caracterización de lugares de interese xeolóxico e rochas de construción do xeoparque, procura de rexistros fósiles e a actualización cartográfica do mapa xeolóxico.

José Tomé valorou a importancia deste territorio para “achegar á provincia de Lugo turistas que buscan natureza e destinos tranquilos e non masificados, ademais de persoas interesadas nesta ciencia que cada ano atrae a máis visitantes. Con esta colaboración, a Deputación de Lugo mellorará a promoción turística e a visibilidade deste primeiro Xeoparque Mundial do Noroeste de España distinguido pola UNESCO”.

O Xeoparque Montañas do Courel foi recoñecido este ano nos premios Lugo Cambia ao turismo impulsados pola Deputación de Lugo. O Consello Provincial de Turismo distinguiu este proxecto baseado no patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación, e o impulso do desenvolvemento económico e cultural a través do turismo xeolóxico.

A UNESCO declarou en 2019 as Montañas do Courel como o primeiro Xeoparque do noroeste da Península. Conta con 23 miradoiros, cinco museos e centros de interpretación e 189 quilómetros de sendeiros, que permiten descubrir a singular xeoloxía e a biodiversidade, onde convive o ser humano dende a prehistoria.

As obras ferroviarias Monforte – Lugo afectarán ao servizo os días 20 e 21 deste mes

O tráfico ferroviario de viaxeiros entre Monforte de Lemos e Lugo verase interrompido os días 20 e 21 de novembro, debido ás obras de mellora emprendidas por Adif neste corredor. Renfe estableceu plans alternativos de transporte por estrada para os viaxeiros dos servizos afectados.

Adif acometerá durante estes días actuacións en infraestrutura (obras de drenaxe, pasos superiores, noiros de trincheiras e túneles) e vía para permitir a electrificación do tramo entre Monforte de Lemos e Lugo Mercadorías, de 75 km de lonxitude.

O corte comezará ás 22:30 horas do venres 19 de novembro e concluirá na madrugada do luns 22, afectando por tanto aos servizos ferroviarios de viaxeiros do sábado 20 e domingo 21 de novembro.

Melloras

As actuacións de mellora do tramo en servizo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo teñen como obxectivo cumprir os compromisos de Adif coa mellora das condicións de explotación comercial do traxecto, en parámetros tales como a fiabilidade, o confort e os tempos de viaxe.

Entre as principais actuacións previstas, que conlevan diversos cortes ao tráfico puntuais, atópanse a adaptación da infraestrutura ás novas condicións de explotación, o cambio de electrificación de 3 kV a 25 kV no tramo Ourense-Monforte de Lemos e a electrificación a 25 kV do tramo Monforte de Lemos-Lugo.

Ademais, xa se atopa en servizo desde abril de 2018 a variante da Pobra de San Xiao, entre Monforte de Lemos e Lugo. Entre os principais beneficios deste novo trazado, dun 7 km de lonxitude, destaca a supresión dos 14 pasos a nivel do anterior trazado, co consecuente aumento da seguridade ferroviaria, viaria e peonil, así como o incremento da velocidade de paso dos trens ata o 160 km/ h.

Todas estas obras contribúen á consecución do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible ( ODS) número 9, que ten entre as súas metas desenvolver infraestruturas fiables, sostibles e de calidade.

Ofrécese a posibilidade de anular os billetes ou cambialos sen custo adicional (se é para a mesma clase, no caso de modificalos), se as novas condicións de viaxe non se axustan ás necesidades dos clientes.

“É mentira que se nos brindase a oportunidade de participar na confección do carril bici”

O edil de Cs no Concello de Lugo, Juan Vidal- Pardo, acusou esta mañá ao Goberno local de “mentir descaradamente” sobre a posibilidade de achegar modificacións ao carril bici por parte dos grupos da oposición. Segundo explican dende a formación laranxa, “é mentira que se nos brindase a oportunidade de participar na confección do proxecto do carril bici en 2018”.

Vidal-Pardo critica ademáis a actitude que mantivo a rexedora da cidade, Lara Méndez, durante o tempo no que se comezaba a confeccionar esta obra. Segundo o edil, a actitude de Méndez durante o proceso foi “despótica e pouco participativa”, do mesmo xeito que a sostida polo responsable da área naquel momento, o exedil Daniel Piñeiro.

“É inadmisible que agora, cando a cidadanía bótaselles enriba por unha execución deplorable do carril bici que xera máis problemas de mobilidade que solucións, acúsennos de non achegar”, lamentan dende cidadáns que tildan de “reacción infantil” a que mantén o grupo de Goberno a este respecto e que, din, “evidencia que o PSOE se atopa contra as cordas froito da súa nefasta planificación urbana”.

Vidal-Pardo explicou que o seu grupo alertou en varias ocasións de que a planificación do carril bici era errónea. “Non existiu vontade de dialogo. Trasladamos de forma pública e privada ao Goberno local que o proxecto do carril bici estaba mal concibido desde o principio”, explica o edil da formación laranxa que sostén, ademáis, que a aposta por mellorar a mobilidade ten que pasar por “solucións mixtas que integren o tráfico entre vehículos e bicicletas no mesmo carril” un modelo que xa utilizan nalgunhas das máis importantes cidades europeas.

“Expor un carril bici nos actuais termos é remontarse ao pleistoceno. A limitación da velocidade a 30 quilómetros por hora serve para facer unha integración real entre vehículos e solucións de mobilidade alternativas. Os carrís bici deste tipo, como o executado en Coruña no mandato 2015-2019, achegan solucións de mobilidade moi limitadas”, apuntou.

Vidal-Pardo sinalou que o Goberno é incapaz de defender a súa afirmación xa que nas comisións DUSI correspondentes a 2018 queda meridianamente claro que a actitude da alcaldesa era “non contar” coas achegas do resto de grupos.

Un feito que, segundo o edil, queda “evidenciado” nas actas desas comisións. Sinala en concreto a do 16 de febreiro de 2018, no que a alcaldesa “deixa clara” a súa posición ao ser preguntada pola oposición sobre se teñen algunha oportunidade de realizar achegas; “Méndez respondeu de forma nítida sinalando que a estratexia está definida desde 2015 e que se non se atopan conformes o resto de grupos poden utilizar o pleno para facer as proposicións que consideren o presentar un escrito a través do rexistro”.

Na opinión da formación laranxa, a vontade de diálogo e de recoller achegar da que fai alarde Lara Méndez “queda meridianamente clara”. “Todo o demáis son invencións que pretenden maquillar o seu fracaso neste proxecto”.

A produción do capón de Vilalba e os beneficios dun selo de calidade, nun curso de formación

O Concello de Vilalba informa aos seus veciños e veciñas dun curso de formación sobre a produción de capón de Vilalba que se celebrará este venres, día 5 de novembro, na Biblioteca Municipal. Aberto para todo aquel interesado.

Organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), coa colaboración do Concello de Vilalba e financiado polo Goberno central e a Xunta, o curso será de 10:00 a 20:00 horas dividido en distintos bloques e espazos. Os participantes coñecerán polo miúdo os beneficios da existencia dun selo de calidade e da Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

O curso tratará tamén as diferentes técnicas de produción de capón existentes na actualidade, práctica sobre a  castración e inclúe unha visita técnica a unha explotación.

“Trátase dunha iniciativa de formación moi interesante para falar dun sector produtivo fundamental e prioritario na economía local”, asegura a concelleira Antía Rama.

Para inscribirse, todos os interesados poden escribir a formación.agacal@xunta.gal indicando a localidade no asunto e adxuntando un formulario cos seus datos.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com