Tractores e vacas cortan Lugo para pedir un prezo xusto para o leite

Centos de gandeiros da provincia de Lugo manifestáronse durante o día de hoxe, marchando polas rúas da capital para reclamar unha suba do prezo que cobran polo leite que producen que compense o encarecemento que están a sufrir nos pensos, o gasóleo e o prezo da luz e que fai “inviables” as súas explotacións.

Acompañados de vacas e ducias de tractores, que quedaron aparcados na Ronda da Muralla igual que o fixeran durante semanas no ano 2015, os produtores de leite evidenciaron a “situación límite” pola que están a atravesar como consecuencia da conxelación do prezo do leite e o incremento dos custos de produción.

A marcha partiu da sede da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla e rematou diante da Sugdelegación do Goberno, posto que a asociación convocante, Agromuralla, reparte culpas entre ámbalas dúas institucións, ás que acusa de non facer nada para evitar “a ruína” dos gandeiros e o peche das súas granxas.

Mínimo, 40 céntimos

Agromuralla denuncia o “incremento de custos de produción sen precedentes na historia máis recente do sector leiteiro” que fai que producir un litro de leite custe 40 céntimos mentras a media á que o venden os gandeiros é de 32 céntimos.

Debido a este desfase, o sector productor de leite está neste momento “nun estado de emerxencia económica” provocado polo incumprimento da Lei da Cadea. “Estamos infrinxindo a lei vendendo a perdas. O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece. A día de hoxe cobrar o litro por baixo dos 40 céntimos aboca ao peche a calquera granxa”, asegurou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

“O ano pasado desde o Ministerio de Agricultura aseguráronnos que conseguiran un gran avance para nós plasmando na Lei da Cadea Alimentaria a obrigatoriedade de que o prezo que cobramos os produtores polo leite cubra os custos de produción, pero os problemas xorden na práctica cando hai que aplicar a letra pequena. As industrias avasallan en nós canto lles dá a gana, tanto é así que nos imponen os termos dos contratos sen darnos opción a negociar nin as cláusulas nin os prezos. Na maior parte dos contratos que nos vemos abocados a asinar para poder vender o noso produto os custos de produción non se cubren”, denunciou o presidente de Agromuralla.

O prezo do leite que cobran os produtores segue estancado desde fai décadas, mentres os custos de produción non deixaron de subir, “algo que está tornando inviables as nosas explotacións”, aseguraron. “Estamos agonizando gracias ás políticas de deixadez que se veñen levando a cabo nos últimos anos”, criticou o presidente de Agromuralla.

“Se nos remontamos ao ano 1998, antes incluso da chegada do euro, cobrabamos o leite a un prezo equivalente a 32 céntimos e resulta que 23 anos máis tarde estamos nun prezo base de 31 céntimos”, exemplificaron. “No 98 pagabamos pola cuota de autónomos 117 euros e hoxe estamos en 285; no 98 con 160 euros pagabas a luz de dous meses e hoxe non nos dá nin para a factura da enerxía dunha semana”, compararon.

Dobre mostra lacada

A marcha partiu ás 12 da mañá diante do Edificio Administrativo de Xunta de Galicia en Lugo, onde os gandeiros se concentraron para denunciar que o conselleiro do Medio Rural, que leva tres anos no cargo, “non coñece o sector gandeiro”, pois, din, “seguimos coas mesmas problemáticas que lle trasladamos na primeira reunión que tivemos con el e non arranxou ningunha delas”, criticou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que deu lectura diante da Xunta a un comunicado coas reclamacións da asociación dirixidas á Administración autonómica que despois presentou por rexistro.

“Desde hai anos vimos solicitando que sexa de obrigado cumprimento sacar dúas mostras dos nosos tanques do leite cando vén o recolledor co camión cisterna, porque se temos calquera problemática coas analíticas sufrimos a maior das indefensións ao non contar cunha proba contrastada oficial. En Castela e León implantaron este sistema da dobre mostra precintada e desde a súa posta en marcha acabáronse o 90% dos problemas que tiñan os produtores coas analíticas do leite”, asegurou.

Control do xabarín

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, reprochou tamén á Xunta que non poña en marcha “medidas efectivas” contra a fauna salvaxe e que “os plans urbanísticos sexan normas que únicamente pensan nas áreas urbanas, esquecendo as necesidades das explotacións agrogandeiras e impedindo a súa ampliación e modernización”. “O feito de querer mellorar as nosas granxas chega a converterse nun auténtico pesadelo”,asegurou.

Agromuralla acusa a José González de ser alleo ao sector ás súas demandas. “Vostede, señor conselleiro, ao mellor entende a perda que supón que che seque unha vide, pero nós sabemos o que nos supón que nos morra un animal atacado polo lobo ou que perdamos parte da colleita polo xabarín, iso tamén nos encarece os custos de produción”, afirmou José Luis Pérez Barreiro, que tamén se referiu á falta de superficie agraria útil das explotacións: “Xa sabemos que sacaron a Lei de Terras de Galicia, pero máis que unha solución semella unha ensoñación”, criticou.

“A lei de benestar animal ridiculiza aos gandeiros”

Os gandeiros denuncian o incremento de requisitos legais que teñen que cumprir a día de hoxe as granxas, que engaden “burocracia e gastos” ao seu traballo diario. “Desde Bruxelas e desde Madrid impóñennos unha PAC que prexudica os intereses de Galicia e normativas de todo tipo que non teñen en conta a nosa realidade”, afirma o presidente de Agromuralla.

“A maioría de nós nacemos entre vacas e sabemos de sobra que é o que necesitan. Agora pretenden vir darnos leccións de como tratar aos nosos animais señoritos que non viron unha vaca na súa vida. Por iso, como expertos en animais que somos, a normativa de benestar animal ridiculízanos. E tampouco podemos admitir que se nos acuse de ser os culpables do cambio climático”, concluíu José Luis Pérez Barreiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com