Novas

Drons en Rozas

Ifema coñece o polo aeroespacial de Galicia no principal Congreso a nivel mundial sobre xestión de tráfico aéreo

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), estará presente desde mañá, 26 de outubro, ata o xoves 28 na feira Expodrónica, o maior evento de drons do Sur de Europa, que nesta edición se une ao World ATM Congress, a principal conferencia a nivel internacional sobre xestión de tráfico aéreo, ambas celebradas no recinto feiral de Ifema en Madrid.

O salón de conferencias do congreso leva o nome da Civil UAVs Initiative, a iniciativa estratéxica do Goberno galego para desenvolver un polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados en Galicia. Este espazo incluirá unha completa programación sobre o futuro da aviación e a integración da mobilidade aérea avanzada, a xestión do tráfico dos vehículos non tripulados (UAV), os vehículos aéreos autónomos ou remotamente pilotados, os sistemas de xestión novidosa do tráfico e outros servizos relacionados con drons e mobilidade aérea avanzada.

Ademais, a Xunta contará cun stand propio no pavillón de Expodrónica durante os tres días de feira, onde ofrecerá información sobre o Polo Aeroespacial de Galicia e exporá as tecnoloxías e proxectos desenvolvidos no marco da iniciativa –como a aeronave non tripulada Lúa desenvolta por Babcock; unha maqueta do vehículo opcionalmente non tripulado Targus de Indra; unha demo da solución desenvolvida por Boeing; unha maqueta de SRM Consulting; ou o dispositivo creado para a localización de persoas desaparecidas Lifeseeker de Centum–.

Dentro do programa do congreso, mañá martes presentaranse ás 10.00 horas os proxectos tractores executados no marco do Polo Aeroespacial en colaboración con Babcock, Boeing e Indra, así como as solucións tecnolóxicas desenvoltas nos proxectos do programa de Solucións.

Finalmente, a directora de Gain, Patricia Argerey, participará o mércores 27 de outubro ás 12 horas na mesa redonda sobre a Estratexia Aeroespacial Nacional, xunto a Isabel del Pozo, de Airbus; Gonzalo Alonso, de Enaire; Joaquín Rodríguez, de Catec; José Luis García, do Clúster Aeronáutico y Aerospacial de Canarias e Miguel Ladrón de Cegama, de Hera Drone Hub.

O World ATM Congress é o maior evento no mundo de xestión de tráfico aéreo e Expodrónica é a feira máis importante no sur de Europa dedicada aos drons, o tráfico aéreo destes vehículos e a mobilidade aérea avanzada. A presenza da Xunta en ambas citas enmárcase no obxectivo de contribuír á difusión nacional e internacional do Polo Aeroespacial de Galicia, así como apoiar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía dos produtos e resultados tecnolóxicos desenvoltos no seu marco.

A estrada entre Foz e Alfoz, cortada por obras o mércores

A estrada provincial que une Foz e Alfoz por San Acisclo quedará cortada ó tráfico dende este mércores polo inicio das obras de ampliación e acondicionamento financiadas pola Deputación de Lugo cun investimento de 110.500€. A previsión é que o corte se prolongue ata o día 5 de novembro, aínda que se permitirá circular pola vía durante a fin de semana.

Durante este tempo, haberá sinalización informativa e habilitaranse desvíos para ocasionar o mínimo trastorno no tráfico. Os vehículos pesados deberán utilizar as vías autonómicas LU-160 e LU-152, pasando pola rotonda do Valadouro; e os vehículos lixeiros poderán transitar pola estrada provincial LU-P-0202, que atravesa a parroquia alfocense de Bacoi.

Os traballos, que se levarán a cabo entre os puntos quilométricos 5,1 e 5,3, consistirán na ampliación e acondicionamento da vía con aglomerado en quente, así como na dotación de iluminación e beirarrúas.

Estas actuacións resolven un problema de seguridade e beneficiarán a numerosos veciños e veciñas ao tratarse dunha estrada que soporta moito tráfico ao ser unha das principais vías que une Foz con Alfoz, sendo o camiño máis corto para chegar á costa. Ademais, dá servizo aos serradoiros de madeira da zona, que reciben un elevado número de vehículos cada día. Con estas obras, complétase a renovación desta vía na súa totalidade, que xa se atopa ensanchada e adecentada no resto de treitos.

Paco Pestana

Entre dous días grandes do San Froilán, poucas horas despois de falarmos cando saía en bici de percorrer o recinto feiral, fóisenos a viva imaxe dun Quixote intemporal paseando por Lugo exercitando músculos e inxenio,  facendo gala dunha inagotable sabedoría, sempre sorrinte, cunha arte especial para transmitir optimismo e ledicia de vivir.

Un dos meus maiores acertos en Televisión Lugo foi chamar como contertulio a Paco Pestana para falar de calquera tema que suscitase contraste de opinións. E á Tele chegaba Paco coa sorrisa por bandeira, arrasando amistosamente coa palabra. E cando Paco Rivera o entrevistou en “Lucenses” deixou para a historia aquel “iogur de maracuiá” como modesto e grandioso símbolo de ledicia polo triunfo na vida; manifestación palpable da felicidade coas cousas máis pequenas.

Todo terreo das artes, con expresións plásticas inconfundibles, fixo do Mesón do Forno a súa segunda casa, exposición permanente, non só coa súa obra senón mesmo co seu retrato de cardenal do medievo co que o xenial Xurxo Lobato evidenciou que o reino de Paco era deste mundo pero non deste tempo; imaxe dun Renacemento propio, cabalgando un Rocinante metálico, sobrevoando paisaxes e séculos.

O Concello de Castroverde fíxoo Fillo Predilecto, honrando en vida a quen estaba por riba de moitas cousas, facéndoo un chisco máis feliz. Eme difícil explicarlle aos meus netos como é posible que un home así, do que me daban novas (“vimos ao teu amigo, avó!”) cando o atopaban pola rúa, pode ser substituido de repente por unha lembranza. Descansa en paz, Paco da palabra axil, inxenio punzante, sorriso franco, ollar intelixente, artista e amigo.


Autoría imaxe: J.M.Guisasola

Lugo celebrou este sábado o Día do Veciño 2021

Este sábado celebrouse o Día do Veciño 2021, organizado pola Federación de Asociacións de Veciños, unha das entidades máis numerosas de Galicia, que integra a máis de 200 asociacións que simbolizan tanto a realidade do Lugo urbano como do rural.

O evento, que regresou ao Pazo de Feiras e Congresos, logo de que o pasado ano non se puidera celebrar a causa da pandemia, tivo un formato reducido reunindo a máis dun milleiro de persoas, polas máis de 4.000 que participaron na última edición.

O programa deu comezo entorno ás 10.30 h., e incluíu unha exposición das actividades levadas a cabo pola Federación de Veciños durante este ano, a celebración dun partido de fútbol entre veciños no Polvorín e actuacións de música tradicional, como a da ‘Asociación cultural Axóuxere de Roupar’. Ritmo Lugo realizou unha actuación de baile e para finalizar procedeuse á entrega das V do Veciño, premios cos que se homenaxea e se recoñece a labor de personalidades que destacaran pola súa colaboración co movemento veciñal.

Nesta edición, marcada pola pandemia, non puido celebrarse o xantar habitual, mais en substitución do mesmo os convidados recibiron unha cesta con productos con denominación de orixe e a camiseta do Día do Veciño.

Sala Tebras

O TSXG autoriza á Xunta esixir o certificado COVID-19 en todos os locais de lecer nocturno

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta esixir a presentación do certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder a todos os locais de lecer nocturno da comunidade autónoma porque contarán, a partir de hoxe, cun aforo do 100 %. Ata o de agora, só tiñan a obriga de requirir o certificado os locais que abrisen ata as catro da mañá e contasen con capacidade do 75 %, en interior, e do 100 %, en exterior. A ampliación de capacidade, segundo indica o alto tribunal, supón “un maior de risco”.

“A medida que se trae para a súa autorización, non é nova, senón de maior alcance, e tampouco é de aplicación xeral ou indiscriminada, senón que se dirixe a unha soa actividade: o lecer nocturno”, salientan os maxistrados. Para autorizar a medida restritiva de dereitos fundamentais, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo tivo en conta un informe técnico do pasado 19 de outubro, que advirte que a melloría da situación epidemiolóxica na comunidade non evita “a persistencia da circulación do virus e, por conseguinte, o risco da súa transmisión, especialmente nos establecementos de lecer nocturno, que se frecuentan por mozos, colectivo que, ademais, é o que presenta menor cobertura na vacinación”.

Os xuíces tamén destacan que a actividade na que se aplica a medida se desenvolve en espazos “nos que resulta dificultoso renovar o aire de forma natural, coa consecuente facilidade de que se transmita o virus por vía aérea, segundo acredítase nos rigorosos estudos científicos aos que se refire o informe do 19 de outubro”. Por iso, consideran que é “evidente” a utilidade da medida de prevención, “que non ten como finalidade o mero control aos clientes, senón a de impedir que accedan aos establecementos as persoas que non acrediten o cumprimento dos requisitos que perseguen os certificados de vacinación, recuperación e de probas diagnósticas da COVID-19”. Os xuíces, por tanto, conclúen que é unha medida “idónea, necesaria e proporcionada”.

Exposición 50 anos do Belén de Begonte

Presentación da exposición: 50 anos do Belén de Begonte

Na sala de exposicións da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo vén de presentarse a mostra 50 ANOS DO BELÉN DE
BEGONTE (1972-2022), proxectada polo Colectivo Egeria e o Centro Cultural José Domínguez Guizán (impulsor do Belén de Begonte), e que resume a vida e actividade deste Belén electrónico que a Xunta declarou en 2014 “de interese turístico galego”.

A exposición, apoiada pola Xunta de Galicia e o Concello de Begonte, foi presentada polo Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz; a Xefa provincial de Cultura, María José Gómez Rodríguez; o Alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, e o Presidente do Colectivo Egeria e vicepresidente do Centro cultural begontino, Xulio Xiz. Estaban acompañados pola familia de José Rodríguez Varela, creador do Belén: a viúva, Pilar Gómez e os fillos Pilar e José Rodríguez Gómez, e o membro do xurado do Certame de Arte, Gonzalo Sánchez Folgueira, Zalo.

Entre os numerosos asistentes estaban fotógrafos do Grupo Fonmiñá, colaboradores na exposición, directivos de diversas asociacións culturais e sociais, premiados nos certames de arte, poesía e xornalismo, e persoas colaboradoras e amigas do Belén begontino.

A Xunta instala o novo sistema de contención da fauna na vía de altas prestancións CG 2.2 á altura do Corgo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a instalar o novo peche de seguridade na vía de altas prestacións Lugo-Monforte (CG-2.2) ao seu paso polo Corgo, un modelo piloto de contención da fauna que se ensaiará simultaneamente neste tramo e na AG-64, en Narón.
Conta cun orzamento conxunto de preto de 353.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que entran na recta final coa colocación dunha malla de 1,5 metros de altura libre sobre o terreo para evitar a entrada de animais domésticos e fauna salvaxe. Ademais, a actuación recolle a adaptación do chan cunha tensión de valla superior aos 1.000 quilos de arrastre para a contención dos xabarís.

Arias explicou que as obras desenvólvense no tramo que vai do punto quilométrico 9 ao 11 e estarán rematadas no prazo aproximado de dous meses. Nos ramais de enlace -onde se interrompe o valado de malla- colócanse pasos antifauna que disuadan aos animais de acceder á vía, e para facilitar a saída daqueles que consigan entrar habilítanse rampas que permitan saltar ao exterior.

O delegado territorial sinalou que esta iniciativa enmárcase nas medidas específicas que está a poñer en marcha a Consellería de Infraestruturas para evitar os accidentes causados pola irrupción do xabaril nas estradas. Neste sentido, subliñou que a autovía Nadela-Sarria, cuxa primeira fase se executa entre A Pobra de San Xiao e Sarria, tamén contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir estes

A Deputación aproba a convocatoria para adxudicar os hortos urbanos do Rato

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a convocatoria para adxudicar os 41 hortos urbanos da institución provincial que quedan dispoñibles no Río Rato.

Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a sesión semanal no Pazo de San Marcos. Con este novo lote de parcelas quedarán adxudicadas as 150 que están habilitadas no Rato, posto que xa hai adxudicadas outras 109.

“Poderán presentar solicitude todas as asociacións ou persoas maiores de idade, con residencia na provincia, que non convivan con beneficiarios doutros hortos ou que non posúan terreos no concello de Lugo con potencialidade de ser cultivados”, explicou Rivera Capón, que detallou que no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao de hortos dispoñibles, procederase a unha valoración previa.

No caso de persoas físicas, terán prioridade para solicitar calquera destas 41 parcelas, as persoas desempregadas, aquelas cunha renta per cápita menor, familias numerosas ou xubilados. No caso dos colectivos, terán prioridade aqueles sen ánimo de lucro ou representantes de centros educativos.

Os interesados poderán presentar a documentación no Rexistro da Deputación de Lugo ou na Sede Electrónica da institución durante un prazo de 10 días, que se abrirá ao día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As autorizacións de uso outorgaranse con carácter gratuíto e por un prazo de dous anos, con posibilidade de prórroga.

A Xunta de Goberno aprobou tamén diferentes colaboracións cos concellos da provincia por un importe conxunto superior aos 100.000€ para ampliar, mellorar ou manter os servizos públicos que ofrecen á veciñanza. Neste sentido, Pablo Rivera deu conta da aprobación dun convenio de colaboración co Concello de Guitiriz para ampliar o centro de día municipal por un importe total de 71.825€, dos que a Deputación achegará 50.000€, o que supón o 70%. Un investimento que servirá para incrementar as prazas do centro chairego ata chegar, das 12 coas que conta na actualidade, a 20.

Tamén quedou aprobada a colaboración da Deputación co Concello de Viveiro, cunha achega de 35.000€ para a instalación do tradicional Belén Xigante, un nacemento a tamaño natural que se instala no entorno da igrexa de Santa María e fronte ao convento das Dominicas, no centro  histórico da cidade do Cabe, e que este Nadal está previsto ampliar ata a Praza da Fontenova e a rúa Teodoro Quirós.

Cs urxe ao Goberno local a presentar a nova ordenanza de contaminación acústica

A portavoz do grupo municipal de Cs, Olga Louzao, criticou esta mañá a inacción do Goberno local en relación á elaboración da nova ordenanza de contaminación acústica, paralizada desde a chegada de Lara Méndez á alcaldía. “Máis de dúas décadas despois e a pesar do crecemento urbanístico que experimentou a nosa cidade, Lugo segue tendo o mesmo mapa de ruídos urbanos e a mesma normativa que rexe a apertura de establecementos de hostalería ou de industrias que xeran contaminación acústica. É un clamor social que a normativa debe estar actualizada á realidade da nosa urbe e a falta de regulación legal a nivel municipal está a xerar problemas de convivencia. É necesario que a alcaldesa deixe de esconderse e tome cartas neste asunto. Trátase dunha falta de vontade política”, sinalou a concelleira da formación laranxa.

“O 13 de febreiro de 2018 o Goberno local anunciaba aos catro ventos que o mapa de ruído urbano estaba a ser redeseñado. Hoxe, case 4 anos despois nada sabemos do novo texto. Este mes preguntamos na comisión pertinente que avances se produciron neste asunto e a resposta é que todo segue igual. É urxente que Lugo conte cunha ordenanza que se adapte á lexislación estatal e autonómica para poder dotar de seguridade xurídica a apertura de novos establecementos”, sinalou a edila que considera fundamental redeseñar a limitación de apertura de locais en zonas saturadas.

“A actual ordenanza supón ademais un lastre á rehabilitación de edificios en varias zonas da cidade, como o centro histórico ou Recatelo e limita o desenvolvemento urbano pola falta de certeza”, proseguiu.

“É unha auténtica vergoña que a Ordenanza municipal en vigor date do ano 2003. Esta normativa precisa ser adaptada ao Decreto 106/2015 da Xunta de Galicia sobre contaminación acústica e xa deu pé a distintas sentenzas en contra do Concello de Lugo entre outras, pola regulación das consideradas como zonas saturadas. En setembro de 2013 foi aprobada inicialmente a Ordenanza Reguladora de Contaminación Acústica do Concello de Lugo, pero esta quedou bloqueada tras recibir máis de 100 alegacións no prazo de exposición pública. Desde entón non se deu nin un só paso en firme a pesar das numerosas iniciativas presentadas polo noso grupo. Este é o modus oporandi ao que nos ten afeitos Méndez cuxa xestión e as súas desidia polos temas realmente importantes para os veciños ten sumida á cidade nun parálise total”, concluíu.

José Manuel Balseiro, novo coordinador xeral do Partido Popular na provincia

A presidenta provincial dos populares lucenses, Elena Candia, vén de designar a José Manuel Balseiro como novo coordinador xeral do Partido Popular.

Esta nova responsabilidade suma tamén a condición de voceiro da formación popular, así como a súa incorporación con esta función ao Comité Executivo, máximo órgano de dirección do partido na provincia.

A designación do coordinador xeral constitúe unha das novidades sobre as que traballa o PP de Lugo tras o seu congreso do pasado mes de setembro e supón un paso decisivo para afondar na unidade orgánica, conformando un equipo de dirección que une capacidade de traballo, experiencia e renovación.

O deputado autonómico coordinará toda a actividade do partido na provincia a través das vicesecretarías, dos coordinadores territoriais e dos grupos institucionais. Todo o novo equipo de dirección, baixo o liderado de Elena Candia, traballa co obxectivo final para que o Partido Popular siga crecendo e fortalecendo a súa presenza nos municipios da provincia e seguir merecendo a confianza maioritaria das e dos lucenses.

A finalidade da Elena Candia é a de ir incorporando máis xente a este novo e ambicioso proxecto co obxectivo de gobernar o máximo de institucións na provincia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com