Novas

Isabel Rodríguez destaca que o novo Centro da Seguridade Social salda unha débeda histórica con Viveiro e cos veciños da Mariña occidental

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez,  efectuou este mediodía unha visita ao novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social que vén de entrar en servizo en Viveiro onde comprobou o funcionamento deste novo equipamento. Na visita estivo acompañada polo director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e pola alcaldesa, María Loureiro.

Rodríguez expresou a súa satisfacción pola entrada en servizo da nova oficina da Seguridade Social, da que sinalou que “Viveiro conta, por fin, coas instalacións que merecen os veciños e veciñas dos concellos desta zona da Mariña que fan uso dos servizos da Seguridade Social e polas que tanto tempo tivemos que agardar”.

“Teño a satisfacción de ver cumprido un compromiso que asumín cando cheguei ao cargo, penso que era unha débeda histórica contraída con Viveiro e a comarca que este Goberno saldou, porque somos un Goberno que cumpre”, destacou a subdelegada.

Para Rodríguez, co novo edificio da Seguridade Social “Viveiro gaña un magnífico equipamento e os cidadáns serán atendidos aquí con máis comodidade”.

Ademais, subdelegada agradeceu “a gran implicación do director provincial da Seguridade Social, que foi quen de desatascar este proxecto igual que está a impulsar, no sur da provincia, o proxecto para rehabilitar o CAISS de Monforte de Lemos”.

Poy pide a comparecencia de Repetto en pleno para explicar os motivos de “mentir nunha comisión oficial”

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, pedirá a comparecencia en pleno de Mauricio Repetto para que explique os motivos de mentir nunha comisión oficial sobre a homologación da pista de baloncesto do Palomar e por negar o acceso a toda a documentación relacionada con esta obra.

Explica Óscar Poy que o pasado 23 de setembro, na comisión de Deportes, Ana Abelleira, concelleira Desenvolvemento Local e Emprego, afirmou, a preguntas do PP, que a pista de baloncesto do Palomar contaba coa homologación por parte da Federación Galega de Baloncesto, resposta dada por orde do responsable de Deportes, Mauricio Repetto. Un día despois desta comisión, o Grupo Municipal do PP solicitou acceso e copia á documentación das obras do Palomar para comprobar se efectivamente a homologación estaba vixente.

A resposta recibida foi que Óscar Poy tiña que estar hoxe, 19 de outubro, ás 08.30 horas para ver a documentación e recoller a copia, pero a realidade foi que só puido comprobar a documentación xa que Mauricio Repetto deu orde de boicotear calquera tipo de acceso a documentación e, por suposto, “negou que puidésemos levar calquera copia”.

Mauricio Repetto usou aos funcionarios municipais, non só aos do servizo de deportes, como escudo “para non debater cara a cara” xa que usou empregados públicos de diferentes servizos para non entregar a copia do expediente, primeiro alegando que ningún concelleiro podía levar copia dos documentos e, logo, tentando cobrarnos por esas copias. “A sorpresa foi maiúscula xa que nunca chegáramos a esta situación e cando nos ofrecemos a pagar as copias tamén se nos negou parte do expediente”, afirmou.

Pese a todo, Óscar Poy puido comprobar como hai un correo electrónico da Delegación lucense da Federación Galega de Baloncesto, do 21 de setembro, no que se informa ao Concello de Lugo que a pista de baloncesto do Palomar “non cumpre coa normativa establecida pola
propia federación polo que non se pode homologar esta instalación para acoller partidos oficiais”, unha realidade denunciada polo propio Óscar Poy o pasado 24 de setembro “e que hoxe puidemos verificar”.

“A realidade é que Mauricio Repetto opta pola táctica da avestruz, agochar a cabeza para non dar conta do seu traballo ou mellor dito a súa total falta de traballo” e, o que é peor, “usar empregados públicos para agocharse”.

Ante esta situación, Óscar Poy reitera que se pedirá a comparecencia de Repetto en pleno para que explique esta e outras situacións que se están a dar na súa área de goberno “xa que non ten nin a mínima valentía de participar na comisión de deportes para tentar defender a súa nefasta xestión”.

A parcela do Impulso Verde urbanizarase con especies vexetais, tapizantes e aromáticas, xardíns de choiva e cultivos enerxéticos

A parcela exterior do Impulso Verde, o primeiro edificio público construído con madeira local e semente do primeiro Barrio Multiecolóxico de España que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático, será acondicionada “como un espazo aberto para a cidadanía e de encontro e divulgación das distintas accións do LIFE Lugo + Biodinámico”, segundo anunciou hoxe a alcaldesa lucense, Lara Méndez.

Por este motivo, a urbanización deste novo espazo público, “destinado para o uso e goce da veciñanza”, desenvolverase con solucións sostibles de deseño urbano tanto nas zonas verdes como nas peonís e de estacionamento, así como na área de carril bici e no concepto de humanización da contorna, coa instalación de mobiliario urbano e a colocación de iluminación e sinalización LED.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou esta mañá que as obras sairán a licitación pública, unha vez que sexan aprobadas mañá en Xunta de Goberno Local, cun investimento de 180.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

 A execución abarcará unha superficie de 2.685 m², dentro da parcela de titularidade municipal, de 8.001 m², situada na Avenida Infanta Elena, á altura da glorieta 25 de Novembro, “mentres que o espazo restante o destinaremos á execución de hortos urbanos moi innovadores, que pronto presentaremos, cos que queremos seguir fomentando a agricultura ecolóxica entre a poboación”.

 “Nas solucións adoptadas buscarase en todo momento a simplicidade e a sinxeleza para a súa integración coa contorna existente”, engadiu Lara Méndez, quen explicou que se levarán a cabo as seguintes áreas diferenciadas:

 –       –  Zonas verdes, que ocuparán a metade da parcela a urbanizar, onde se combinarán especies vexetais tapizantes e aromáticas, xardíns de choiva e cultivos  enerxéticos coa idea de dar continuidade ao novo bosque urbano ubicado nas Gándaras. Tamén se plantarán árbores autóctonas que creen zonas de sombras.

A selección de especies vexetais que integrarán as zonas verdes, realizouse de maneira  conxunta con expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a fin de fomentar a biodiversidade.

–       – Zona peonil, onde se utilizarán pavimentos e superficies drenantes.

–       –  Zona de aparcamento de vehículos, na que se proxectan sete prazas, dúas delas para vehículos eléctricos e outras dúas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

–     – Zona de bicicletas, composta por un carril de pavimento cerámico permeable, que nos ceden doutro Proxecto Life (15 CCA/ES/000091 CERSUDS) como solución de drenaxe urbano sostible, e un aparcamento específico para as bicicletas, para o fomento da mobilidade alternativa e sostible.

A rexedora explicou que “para o trazado do carril bici partiuse do proxecto de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, no tramo comprendido entre a glorieta da Rolda Norte e a glorieta 25 de Novembro, que xa incluía o trazado polo interior da parcela municipal co fin de evitar a confluencia da bicicleta co automóbil nesta saturada rotonda”. Entre o carril bici e a beirarrúa existente proxéctase un dos xardíns de choiva que recolla a auga da propia superficie pavimentada. 

Por outra banda, no deseño tamén se terá en conta a perspectiva de xénero. Deste xeito, aplicaranse, entre outras, as seguintes premisas: darase continuidade á rede peonil pública enlazándoa coas zonas peonís proxectadas; crearanse elementos que faciliten a lexibilidade e a orientación, en lugar de espazos uniformes; asegurarase unha boa visibilidade do espazo público e a visión periférica da contorna inmediata e deseñarase un traxecto seguro, evitando zonas escuras e lugares encubertos.

 “Esta visión contribuirará á calidade de vida dos veciños e veciñas, favorecendo contornas de vida máis humanas e agradables”, concluíu a rexedora. 

A alcaldesa lembrou que “seguimos a potenciar a marca de Lugo vinculada a sostibilidade, coa que xa nos estamos a posicionar como un municipio referente a nivel internacional, acadando diferentes recoñecementos a través dos proxectos impulsados co Life Lugo + Biodinámico”.

De Francia a Rusia nas novas propostas de Codex

Malmkrog de Cristi Puiu e Entre rosas de Pierre Pinaud son dúas propostas diferentes que mostran a riqueza do cinema europeo.

Vladimir Soloviev foi un dos filósofos e teólogos máis importantes do século XIX. As súas obras xiraban arredor da condición humana, do ben e do mal e da natureza da vida. De grande influencia nos anos de decadencia da Rusia zarista, sempre avogou por unha nova relixión unificada que acabase coas circunstancias políticas, xerando grandes polémicas con moitos pensadores do seu tempo, sendo unha das máis coñecidas a que tivo co gran Lev Tolstoi. Os tres diálogos e o relato do Anticristo foi unha das súas últimas obras, unha desas reflexións absolutas sobre o divino e o humano que agora, o cineasta romanés Cristi Puiu adapta libremente 120 anos despois. A partir dos diferentes relatos que conforman esta obra, Puiu constrúe toda unha intriga arredor dun grupo de aristócratas que se reúne nunha mansión na actual Romanía para pasar as festas de fin de ano. Alí, o que comeza sendo unha celebración con xogos e diálogos inocentes, termina por converterse nunha tensa discusión sobre a moral, a política, a vida e a morte.

Cristi Puiu é un dos cineastas máis reputadas da chamada Nova Onda do Cinema romanés. A súa película A morte do señor Lazarescu converteuse nun hit de Festivais coa súa crítica sen concesións ao sistema sanitario do seu país, e que afundía a súa mirada nos problemas estruturais de Romanía e de Europa como civilización. Os seus filmes sempre son longos retratos dunha situación moi concreta, onde o aparente realismo da súa proposta estética remata por converterse nunha especie de delirio buñueliano sobre os desexos e frustracións dos seus protagonistas. Con Malmkrog, Puiu acada a súa mellor película ata o momento, universalizando os seus temas e cunha profundidade dramática e psicolóxica máis ampla. O filme gañou o premio a mellor director no Festival de Berlín do ano pasado, para meses despois estrearse en España no marco do Festival de Sevilla, onde conseguiu o galardón ao mellor filme a concurso. Entre os fitos do filme tamén destaca o ser elixida entre as dez mellores películas do ano pola prestixiosa revista Cahiers du Cinéma, a máis importante no eido da crítica cinematográfica.

Lonxe das pretensións estéticas e filosóficas de Malmkrog, tamén se estrea esta fin de semana Entre rosas, unha comedia moi francesa de Pierre Pinaud. De estética amable e a sempre fiable lista de actores do cinema francés, estamos ante un retrato alegre e disparatado dunha muller, a mellor florista do país que ve como a internacionalización do mercado, o auxe de internet e a aparición das novas tecnoloxías destrúe o seu negocio. A película narra os feitos que a levan a tratar de cambiar esa situación e seguir sendo relevante nun mundo cada vez más esixente.

Desde unha proposta aparentemente inofensiva e sen deixar de lado en ningún momento o seu ton agradable e positivo, Pinaud consigue reflectir os cambios radicais que se están producindo no mundo durante estes últimos anos de crise económica e modificacións do sistema laboral e produtivo. Unha comedia que, ao igual que as mellores representantes do seu xénero, non perde de vista os dramas do mundo no que ten lugar.

Os socialistas culpan á “crise do PP” da dimisión de Serrano

A voceira do PSdeG no Concello de Portomarín, Silvia Rodríguez, considera unha falta de respecto cara os veciños e veciñas que Juan Serrano lles ocultase o abandono da Alcaldía, unha opacidade total “que xerou desconcerto entre a veciñanza, que se tivo que enterar polos medios de comunicación, pero tamén no propio Partido Popular”. “O mínimo que merecen os veciños, aos que todos os representantes políticos nos debemos como servidores públicos, é información e transparencia, que demos a cara sempre, ante calquera decisión que tomemos”, subliñou Silvia Rodríguez.

Para a portavoz socialista, “a marcha do alcalde é a culminación da tónica de caos que se vén dando no Concello nos últimos meses”, como por exemplo ocorreu coa aprobación dos Orzamentos, e pregúntase “que hai detrás”, porque “chama poderosamente a atención que o abandono se produza pola porta de atrás, como ás agochadas, e tan só un mes despois do congreso provincial do Partido Popular que, evidentemente, quedou mal pechado”.

Os socialistas da provincia cren que a situación de Portomarín é unha mostra máis da profunda crise que está a vivir o Partido Popular na provincia de Lugo. O caso de Portomarín súmase ás situacións de división interna en Viveiro ou Vilalba; ás manifestacións do alcalde de Friol contra o Conselleiro de Medio Rural; ou ó recente “portazo” de José Manuel Balseiro, que dixo publicamente que Elena Candia non respectara os termos dos seus acordos políticos no marco do congreso provincial dos populares.

O Partido Popular de Lugo está inmerso nun proceso de división e enfrontamentos internos que o leva a estar máis pendente dos seus problemas orgánicos que das necesidades dos e das lucenses. Despois dun congreso mal pechado, Candia lidera un PP raquítico e sectario, que non aposta polo municipalismo e cuns referentes que non teñen outro horizonte que pelexar polos seus sillóns orgánicos.

O Concello de Lugo #SACAPECHO para conmemorar o Día Internacional contra o Cancro de Mama

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto a outros representantes da Corporación, participou este martes, na Praza Maior, nos actos conmemorativos do Día Internacional contra o Cancro de Mama, organizados na capital lucense pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e o Grupo El Progreso coa colaboración do Concello.

O lema deste ano, #SACAPECHO, pretende facer referencia ao orgullo e afouteza, especialmente das mulleres “pero tamén das súas familias, porque sacar peito é acción, é movemento, é actuar con decisión e defender e apoiar a todas as persoas que se sinten vulnerables fronte a esta enfermidade”, destacou a rexedora.

Lara Méndez agradeceu primeiramente “a implicación e apoio das entidades organizadoras do evento, que configuraron, ao pé da Casa Consistorial, un lazo de grandes dimensións elaborado con flores de cor rosa, símbolo de loita contra esta patoloxía que en 2020 deixou 34.088 casos en España e máis de 500 en Galicia.

A xornada, que tivo como eixo central a lectura dun manifesto no que unha afectada por esta doenza relatou a súa experiencia persoal, foi aproveitado igualmente para reivindicar unha sanidade pública, gratuíta e de calidade, “coa necesidade de reforzar a atención sanitaria, especialmente a Primaria e trala pandemia, cando a incidencia da Covid supeditou a investigación, o investimento e mesmo o número de probas de diagnose efectuadas, tan fundamentais para acadar que a recuperación dos casos poida ser moi pronto do 100%”, concluíu Lara Méndez.

Cinco concellos acollerán esta fin de semana a 43 edición do Rally San Froilán

A Praza de San Marcos acolleu hoxe a presentación da 43 edición do Rally San Froilán, que se disputará a vindeira fin de semana nos concellos de Outeiro de Rei, Friol, O Corgo, Sarria e Lancára e que conta cunha achega de 30.000 euros da área de Deportes.

A proba conta con 105 pilotos inscritos, entre eles, Francisco Dorado, – actual líder do Campionato Galego de Rally-, Jorge Pérez, Alberto Meira, Luis Vilariño, Alberto Nimo ou Adrián Díaz. No acto de presentación, o deputado  Efrén Castro destacou a “popularidade do Rally San Froilán, que é seguido por afeccionados e afeccionadas de toda Galiza, e aglutina grandes nomes do motor pero tamén a moitos de pilotos de todas as comarcas, que pasan boa parte do ano preparando os seus coches, buscando patrocinadores privados, e que chegan con moitísima ilusión ao Rally”.

Neste senso, o deputado nacionalista lembrou que un dos pilotos participantes no Rally é Jairo Fernández Espín, gañador do Volante Deputación, unha proba promovida pola área de Deportes para que pilotos noveis teñan oportunidade de acceder á competición automobilística.

A presidenta da Escudería Miño, organizadora da proba, M ayte Vilanova, remarcou o alto nivel dos participantes na carreira, “coa vitoria máis aberta ca nunca” e con moitas opcións de rematar “con algún piloto lucense no podio”.

No acto, que se celebrou coa presenza en San Marcos dalgúns dos coches que competirán no rally, tamén estiveron presentes representantes de todos os concellos polos que pasa a carreira ademais da subdelegada do  goberno do Estado en Lugo Isabel Rodríguez e o xefe de deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero.

O programa do Rally San Froilán comezará o venres en Lugo, coa presenza dos coches no aparcadoiro do Auditorio Municipal Gustavo Freire durante toda a tarde e unha cerimonia de saída, protocolaria, na Praza Maior, a partir das 19.30 horas.

O sábado disputarase a carreira, con cinco treitos a dobre pasada, nos itinerarios marcados nos concellos de Outeiro de Rei, Friol, O Corgo, Sarria e Láncara.  O Rally San Froilán volverá así nesta edición a percorrer estradas da comarca de Sarria, por onde non pasaba desde 2017.

O acto de entrega de premios será o domingo ás 12.30 horas na Praza Maior de Lugo.

A Comisión de Seguimento dos GES estudará o aumento de persoal no de Quiroga e de Folgoso

A Xunta proporá mañá na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), na que tamén están representadas as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), aumentar o persoal para que tódolos GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para distribuír entre os grupos de toda Galicia que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6, 9 ou 10 membros.

Na provincia de Lugo esta medida aplicaríase no GES de Quiroga e Folgoso do Courel, que na actualidade conta con 6 integrantes en cada unha das subsedes.

Tamén verían incrementadas as súas plantillas outros 5 da provincia de Ourense -Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión-; e en Pontevedra os GES de Lalín e A Estrada e o GES de Mos/Redondela, creado este ano, polo que en total os novos efectivos na comunidade serían 48 equivalentes a 4 GES completos.

Para a provincia de Lugo proporase ademais unha reconfiguración do mapa de emerxencias de varios grupos para optimizar a atención e ofrecer un menor tempo de resposta que o GES da Montaña Oriental con sede en Baleira. Así, considérase que A Fonsagrada como sede deste grupo permitiría atender a máis poboación en menos tempo e abarcaría este grupo tamén aos concellos de Baleira, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín. O concello de Pol incluído nun principio neste GES pasaría a ser atendido polo de Mariña Central e Oriental con base na Pontenova, do mesmo xeito que o de Castroverde integraríase no de Os Ancares-Lugo-Sarria con sede en Becerreá.

Por outra parte, prevese actualizar os custos salariais dos efectivos co obxectivo de adaptalos ao custo real dos GES na actualidade, tendo en conta o aumento desde que asinou o primeiro convenio entre a Xunta, as deputacións e os concellos en 2013.

Deste xeito, tendo en conta que a Xunta financia máis da metade do custo dos GES, estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Goberno galego que podería financiarse a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) aumentando a partida dedicada aos servizos de emerxencia.

Por tanto, o incremento económico total sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5 millóns, mentres que entre as catro deputacións provinciais terían que destinar 1,1 millóns -o 40%- e entre os concellos sede 220.875 euros por ano, o 7,5% restante.

Con esta proposta da Xunta, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais actuais, é dicir, 39 GES en total, aos que se engadiría medio GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos galegos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.

A Xunta reafirma así o seu compromiso para colaborar no mantemento dos GES postos en marcha en 2013 en consenso coas deputacións e concellos. Deste xeito, a Administración autonómica destinou nos últimos anos 7 millóns de euros en material cedido aos concellos sede destes grupos, aos que se suman outros 40 millóns de euros para financiar máis da metade do seu custo de mantemento.

Dimite Juan Serrano, alcalde de Portomarín

O popular Juan Serrano, dende 2011 ata hoxe alcalde de Portomarín, presentou o pasado venres a súa dimisión deixando o seu cargo a disposición do seu tenente de alcalde, Pablo Rivas.

Serrano xa deixara claro últimamente en varias entrevistas que esta sería a súa última lexislatura no Concello de Portomarín, unha lexislatura que non esgotou ata o final ao presentar a súa dimisión.  Polo momento, Serrano non entregará a súa acta de concelleiro, pois conta con seguir formando parte da corporación, ao carón dos seus compañeiros de equipo. Deste modo, malia que deixa o bastón de mando en mans do seu compañeiro, Serrano ocupará un asento como edil do Concello.


Imaxe de arquivo: Juan Serrano (centro) acompañado por membros do partido nunha visita ao seu concello

Lugo aumenta os ingresados en planta cun mantemento do número de casos activos

A remisión da Covid19 continúa na provincia. Así segundo a última actualización de datos facilitada polo SERGAS – recollidos ata as 6 da tarde de onte – son 44 as infeccións activas na provincia, unha menos que na xornada anterior.

Un dato que vén dado polo número de altas -5 nas últimas horas; 19.666 dende o inicio da pandemia-, unido ao escaso número de positivos detectados que malia que sobe en comparación cos do sábado o certo é que se mantén nunha moi boa cifra, con tan só 4 positivos detectados na última xornada.

Unha mellora que, pola contra, non se reflexa na presión asistencial que hoxe ve como crece o número de ingresados, tanto en planta como en coidados intensivos. Así, son un total de 5 os ingresados nos hospitais da provincia, 2 deles en planta (1 no Hula e 1 na Mariña), e tres na UCI do Lucus Augusti.

En total, dende o inicio da pandemia Lugo rexistrou 19.666 altas médicas e 253 persoas perderon a vida loitando contra o virus.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com