A Comisión de Seguimento dos GES estudará o aumento de persoal no de Quiroga e de Folgoso

A Xunta proporá mañá na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), na que tamén están representadas as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), aumentar o persoal para que tódolos GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para distribuír entre os grupos de toda Galicia que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6, 9 ou 10 membros.

Na provincia de Lugo esta medida aplicaríase no GES de Quiroga e Folgoso do Courel, que na actualidade conta con 6 integrantes en cada unha das subsedes.

Tamén verían incrementadas as súas plantillas outros 5 da provincia de Ourense -Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión-; e en Pontevedra os GES de Lalín e A Estrada e o GES de Mos/Redondela, creado este ano, polo que en total os novos efectivos na comunidade serían 48 equivalentes a 4 GES completos.

Para a provincia de Lugo proporase ademais unha reconfiguración do mapa de emerxencias de varios grupos para optimizar a atención e ofrecer un menor tempo de resposta que o GES da Montaña Oriental con sede en Baleira. Así, considérase que A Fonsagrada como sede deste grupo permitiría atender a máis poboación en menos tempo e abarcaría este grupo tamén aos concellos de Baleira, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín. O concello de Pol incluído nun principio neste GES pasaría a ser atendido polo de Mariña Central e Oriental con base na Pontenova, do mesmo xeito que o de Castroverde integraríase no de Os Ancares-Lugo-Sarria con sede en Becerreá.

Por outra parte, prevese actualizar os custos salariais dos efectivos co obxectivo de adaptalos ao custo real dos GES na actualidade, tendo en conta o aumento desde que asinou o primeiro convenio entre a Xunta, as deputacións e os concellos en 2013.

Deste xeito, tendo en conta que a Xunta financia máis da metade do custo dos GES, estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Goberno galego que podería financiarse a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) aumentando a partida dedicada aos servizos de emerxencia.

Por tanto, o incremento económico total sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5 millóns, mentres que entre as catro deputacións provinciais terían que destinar 1,1 millóns -o 40%- e entre os concellos sede 220.875 euros por ano, o 7,5% restante.

Con esta proposta da Xunta, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais actuais, é dicir, 39 GES en total, aos que se engadiría medio GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos galegos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.

A Xunta reafirma así o seu compromiso para colaborar no mantemento dos GES postos en marcha en 2013 en consenso coas deputacións e concellos. Deste xeito, a Administración autonómica destinou nos últimos anos 7 millóns de euros en material cedido aos concellos sede destes grupos, aos que se suman outros 40 millóns de euros para financiar máis da metade do seu custo de mantemento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com