A cuarta edición de Ciencia á Feira arrincou cunha proxección realizada en colaboración con Afalu, mentres que a Delegación Territorial tinguirá esta noite de morado a súa fachada
Lugo súmase este luns á conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer con diversas iniciativas destinadas a divulgar o coñecemento sobre a enfermidade e sensibilizar a sociedade acerca da realidade das persoas afectadas e das súas familias.
A fachada da Delegación Territorial da Xunta ilumínase esta noite de cor morada en apoio aos actos promovidos pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Lugo (Afalu).
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, destacou o traballo da entidade para proporcionar unha atención individualizada ás persoas con alzhéimer, así como asesoramento e orientación ás súas familias. Tamén reafirmou o compromiso da Administración autonómica coa atención ás persoas afectadas e lembrou que Galicia conta cunha rede pública de dez centros de día atendidos por profesionais especializados nesta enfermidade.
A xornada serviu tamén para presentar a cuarta edición de Ciencia á Feira, un programa do grupo de innovación docente Xuvenciencia que conta coa colaboración da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O proxecto busca achegar á cidadanía as investigacións desenvolvidas no Campus de Lugo arredor dos principais desafíos do medio rural. Nesta edición incorpora tres liñas de traballo de especial relevancia social: a soberanía alimentaria, os incendios forestais e o alzhéimer.
Precisamente, esta última temática centrou o acto de presentación mediante a proxección do vídeo “Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar”, elaborado en colaboración con Afalu. A peza combina a perspectiva social e dos coidados coa divulgación dos estudos realizados desde diferentes áreas da Universidade de Santiago de Compostela.
Na presentación participaron Mercedes Novo, investigadora principal do proxecto; Iria Franco, vicepresidenta de Afalu; Elvira Fernández, secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo, Roberto Bande, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, e en representación da Deputación, Iria Castro.
As dúas iniciativas poñen o foco na necesidade de avanzar no coñecemento e na prevención da enfermidade, así como de reforzar o acompañamento e o apoio ás persoas diagnosticadas e ás familias que as coidan.






