O Paseo do Cine de Lugo conta cunha nova placa dedicada ao Festival de Cine de Astorga, con motivo do irmandamento deste certame coa Semana de Cine de Lugo.
O Festival de Cine de Astorga, especializado en curtametraxes, celebrou este setembro a súa 29ª edición. Segundo a organización, o irmandamento concretarase en actividades nas próximas edicións dos dous festivais. Tamén está prevista para o 23 de outubro, en Astorga, a proxección da película gañadora do certame lucense.
O Paseo do Cine, que une a avenida da Coruña co Auditorio Gustavo Freire, incorporará este ano outras dúas placas, dedicadas ás actrices lucenses Benedicta Sánchez e Cristina Castaño. Está previsto que se descubran os días 23 e 26 de setembro, respectivamente. Con estas incorporacións, o paseo sumará 18 placas.






