Novas

‘One more love’ o novo sinxelo de Dj Frisco & Marcos Peón, xa a venda

Enormous Tunes, o selo discográfico suízo máis importante do momento , saca á venda One more Love, o novo single dos galegos Dj Frisco e Marcos Peón xunto ao colombiano Dvit Bousa.

Baixo o seu sub-selo Non Definition , o selo alpino aposta forte coa nova produción do sadense Frisco Taibo e o vilalbés Marcos Peón, e que a catalogan como: “Quen non ama o piano house? Non podemos pensar en ninguén a quen non lle guste a música de piano de acordes chispeante. Combinado cun house clásico sólido, golpea unha liña de baixo cadrada do Reino Unido e algunhas costeletas vocais burlonas e tes un recheo de piso garantido. DVIT BOUSA, DJ FRISCO & MARCOS PEON son totalmente conscientes diso, polo que crearon unha estimulante marmelada house que contén todos eses elementos, combinados á perfección. Si, este son está listo para a pista de baile. Así que vaiamos á pista e bailemos todas as noites.”

Dentro dos produtores habituais de Enormous Tunes publican artistas internacionais como Croatia Squad, Nora En Pure, Passenger 10, Calippo, Stanley Ross ou Sons of Maria.

One more love é a cuarta colaboración entre Frisco e Marcos con Dvit, co que ademais produciron varios Remixes. Bousa está considerado como un dos produtores máis importantes do momento en Colombia.

Nas súas últimas producións, Taibo e Peón, lograron situarse dentro do “circuíto” House mundial e as súas cancións foron incluídas en Charts e Listas de éxitos de países como Estados Unidos, España, México, Colombia, Reino Unido, Italia, Alemaña, Francia ou Canadá. Ademais recibiron o apoio nas súas producións de artistas internacionais da talla de Joachim Garraud , Djs From Mars, Leandro dá Silva , Nicola Fasano ou Silvio Carrano.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vilalba Aberta urxe ao PSOE a “cumprir co pactado” e pór en marcha as axudas a autónomos

Dous meses e medio despois de que Vilalba Aberta e PSOE asinaran un acordo político para o financiamento dun programa de axudas directas a autónomos e empresas; a formación municipalista viuse na obriga de saír ao paso ao respecto do que cualifican de “inxustificable incumprimento do pactado”.

Así o expuxo o seu voceiro municipal, Modesto Renda, quen definiu de “inaceptable” que o goberno do partido socialista teña as bases reguladoras “aínda sen publicar.” Para Renda, no relativo ás axudas a autónomos “chove sobre mollado”, pois – explicou – “dende Maio de 2020, con Vilalba Aberta aínda dentro do goberno, o PSOE leva perdendo un tempo que para os autónomos e empresas é absolutamente decisivo” no actual contexto de crise económica provocada pola Covid.

“Ao Goberno fixémoslle o traballo e, unha vez consignado o crédito, só tiña que que dar inicio ao expediente” denunciou, ao respecto do ano e medio de iniciativas de VA en relación coas axudas e ao acordo político subscrito o pasado 4 de Agosto. Neste senso, urxiu á Alcaldesa a facer efectiva “con carácter inmediato” a pactada incorporación dun total de 350.000€ procedentes do remanente municipal, toda vez que a liquidación do orzamento correspondente ao ano 2020 “está tamén aprobada.”

“Asinamos un acordo co compromiso de que as axudas chegaran o antes posible á conta corrente dos nosos autónomos e Pemes e nin a ineficacia manifesta do goberno, nin a súa completa desorganización na xestión interna do Concello pode ser escusa para incumprilo”, remarcou.

Carrefour comeza a pagar os atrasos das nóminas non cobrados polos empregados dende xaneiro

Despois das numerosas accións da sección sindical da CIG, a dirección de Carrefour Lugo comezou este venres, 15 de outubro, a abonar as diferenzas salariais deixadas de pagar as traballadoras e traballadores con contrato a tempo parcial. Os erros nos cálculos das nóminas víñanse producindo dende o cambio de sistema aplicado pola dirección en xaneiro deste ano.

A representación da CIG lembra que leva meses loitando para que se deran solucións e para que a empresa, unha multinacional con beneficios millonarios, recoñecera que estaba pagando o seu persoal menos hora das realmente traballadas. Até agora, a dirección do centro de Lugo negábase a recoñecer este roubo sistemático, argumentando que se cobra segundo cómputo.

“Un cómputo difícil de interpretar cando fas 90 horas e che pagan só 75”, denuncia a sección sindical da CIG, que cualifica de “negocio redondo” esta triquiñuela da empresa, pois non só aforraba en salarios, senón tamén nas cotizacións á Seguridade Social. Neste senso, critican a actuación dos mandos que mentres “cobran suculentas primas segundo a conta de resultados” trataron de desacreditar as delegadas e delegados da CIG diante do persoal “dicíndolles que estabamos equivocados. Pero as matemáticas non fallan”.

Así, tras as denuncias da CIG finalmente, na xuntanza extraordinaria do pasado luns, a rexional de Recursos Humanos comprometeuse a revisar as nóminas de todos os traballadores e as traballadora dende xaneiro, tanto das persoas que están en activo como das que xa non teñen contrato en vigor coa empresa.

A sección sindical da CIG advirte que estará vixilante para que lles sexan abonadas ao persoal afectado todas as horas traballadas e que “os directivos deste centro de Lugo con negativas e artimañas trataron de non pagar, co fin de engordar as súas comisións”.

O PP pide que se repare e resitúe a escultura de Paco Pestana situada na Praza Roxa

“Trátase do San Sebastián Alanceado unha peza á que lle falta a cabeza e que está desfeita e pouco ten que ver xa coa peza orixinal”. Segundo  os populares explican, a escultura, que estaba situada nunha peaña nun lateral da praza, trasladouse de forma arbitraria de lugar e agora a súapeaña é un muro que hai neste espazo público”.

O Partido Popular xa advertiu no ano 2018 da situación na que se atopaba esta peza de Pestana e, agora, reclama que “a mellor forma dehomenaxealo é restaurar e poñer en valor a súa obra”. Nese senso propoñen que “unha vez se arranxe esta peza se consensúe con todos osgrupos da corporación unha nova situación para o San Sebastián Alanceado que ben podería ser nun dos novos espazos peonís como, porexemplo Quiroga Ballesteros ou o espazo que se habilite na zona da Mosqueira”.

Para o PP é un deber do goberno local poñer en valor a riqueza artística que hai en Lugo e aproveitan esta petición para reclamar a redacción duninventario dos elementos escultóricos do municipio para evitar que esculturas como esta de Paco Pestana queden esquecidas ou apartadasnun ricón”. Este inventario poderíase utilizar para promocionar a cidade, para recompilar as obras escultóricas de artistas lucenses con traxectorias de recoñecido prestixio na páxina web do Concello e incluílas no rueiro.

Catacumbas

Boa experiencia este San Froilán estraño no que tentamos romper moldes que se nos resisten sabendo que, se somos quen de desfrutar honrando ao patrón, aínda temos esperanza.

Case foi un San Froilán normal. Os bares abarrotados: os valentes, no exterior; os conservadores coma min, no confortable interior. Pero o maior continxente humano, coma nos mellores tempos, estaba nas imprescindibles barracas, agradecendo á alcaldesa Méndez que sobordase  acordos para que as barracas se montasen, evitando o desánimo xeral, porque sen elas non hai festas. O polbo resiste porque abunda en toda a cidade, e senta ben esa liberdade na que cadaquén organiza onde quere un xantar familiar ou de empresa.

E inmersos no clima de resistencia cultural, nas festas ou fora delas, de actividades forzadamente minoritarias, deume por pensar que hai un certo paralelismo entre o movemento cultural resistente destes tempos escuros coas xuntanzas dos primeiros cristiáns nas catacumbas, nas que o exterior se confabulaba contra a nova relixión que abrollaba, pero os proscritos sabían que a razón estaba da súa parte. Algo así pasa agora: Pode non ser bo momento para a cultura, que as festas parezan ocasións de perigo, e que os medos vaian por diante da realidade que parece mellorar a ollos vistas pero hai unha decisión colectiva de camiñar cara á normalidade, loitando nas catacumbas para que o exterior mellore.

Ano e medio de represión exterior e interior ten un gran poder opresivo, pero explosión festeira como a que vimos de vivir proba que as catacumbas nas que nos pechamos teñen os días contados, e a liberdade agarda por nós aí fora.

Xulio Xiz.

Andaina polo Día internacional contra o cancro de mama o vindeiro 19 de outubro en Cervo  

O Concello de Cervo organiza unha andaina en conmemoración do Dia Internacional contra o Cancro de Mama. que comezará ás 17:30 horas do vindeiro martes a supervisora da unidade de cirurxía no Hospital da Costa de Burela, María Eugenia Rodríguez Barreiro, dará unha charla sobre a materia no Auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián. Unha vez rematada esta,  iniciarase unha andaina con saída na propia Casa da Cultura.

Para a concelleira Mali Méndez “é importante que, despois da pausa obrigada do ano anterior debido á pandemia, poidamos seguir levando a cabo esta andaina que xa se ven celebrando dende hai moitos anos”. Méndez engadiu que “desde o Concello de Cervo queremos aportar o noso pequeno grao de area á hora de visibilizar e crear conciencia sobre a importancia desta enfermidade que afecta diariamente a tantas mulleres”.

A Comisión Contra as Minas da Terra Chá denuncia actividade mineira ilegal na parroquia de Goá

Na Comisión Contra as Minas na Terra Chá tiveron noticia de que dende hai uns días se están a realizar labores mineiras sen permiso en terreos da parroquia de Goá, en Cospeito. Ao tempo foron informadas de que Erimsa está a ofrecer contratos de arrendamento a veciñas da zona do Arneiro, na mesma parroquia. Esta empresa tenta dende 2006 conseguir autorización para explotacións mineiras na zona, solicitudes que acumulan xa varias sentenzas desestimatorias dos permisos.

No pleno do pasado 30 de setembro Rosa Morán, concelleira polo PSOE, preguntaba ao alcalde se é que existe algunha novidade a respecto das licencias solicitadas por parte da Erimsa e concedidas ou denegadas, ou algunha sentenza nova, ao que o rexedor municipal respostou non ter coñecemento de ningunha novidade ao respecto.

No mesmo pleno interveu, explicando a situación que se está a dar, Margarida Prieto. A responsábel do Sindicato Labrego Galego indicou que tiña constancia de que se están ofrecendo alugueres por parte da empresa e que, aínda que en principio non ten por que resultar problemático, “non parece que sexan para botar ovellas”. O Sindicato Labrego, ademais, ven de rexistrar a solicitude para que se proporcione por escrito a información exposta no pleno.

A empresa Erimsa, de capital chinés e sede na Noruega, leva dende 2006 a teimar en conseguir autorización para realizar traballos extractivos na zona, leva igualmente dende entón a colleitar respostas negativas nas diversas instancias.

As máis recentes, as emitidas neste mesmo ano polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestimaba dúas apelacións presentadas pola Erimsa contra sendas sentenzas dos Xulgados do Contencioso-Administrativo de Lugo, relativas á Pastoriza e máis a Cospeito.

No caso da Pastoriza, a sentenza emitida en Xullo polo TSXG é relativa á concesión ‘Alicia’. Esta respalda unha sentenza do Xulgado de Lugo que, por súa vez, respaldaba a actuación do Concello desatendendo unha Comunicación previa para o exercicio da actividade que Erimsa presentara en xaneiro de 2019. A empresa pretendía ampararse na vixencia dunha Declaración de Impacto Ambiental que, como concello e tribunais entenderon, xa non pode considerarse axustada.

No relativo a Cospeito as apelacións son dúas, en relación con sentenzas ditadas tamén polo Xulgado de Lugo, referentes ás concesións ‘Alicia’ e ‘Karles’. Tamén se discute sobre a vixencia da Declaración de Impacto Ambiental e, onde a Erimsa pretende que está facer unha modificación e reducción do proxecto inicial de explotación, tanto o Tribunal en Lugo como o Tribunal de apelación conclúen que se está a falar dun novo proxecto que esixe nova tramitación e informes. En definitiva, que non poden conservarse tramitacións vellas que ademais nunca deran lugar a unha autorización ou licenza administrativa.

Dende a Comisión esixiremos, unha vez que ten ficado esclarecido que a Declaración de Impacto Ambiental non está en vigor, que por parte da Consellaría de Industria se declaren caducadas as concesións, e que en consecuencia se poña fin aos labores mineiros por parte da Erimsa na Terra Chá.

A Plataforma Sanitaria da Mariña uniráse á manifestación contra o peche de Vestas

A Plataforma Sanitaria da Mariña apoia e adhírese a manifestación convocada polos tres sindicatos maioritarios baixo o lema “ Futuro para A Mariña”, que o vindeiro domingo 17 de outubro sairá ás 12 horas da Cruz Vermella de Viveiro. O motivo desta mobilización é esixir que as administracións públicas poñan freo á sangría económica e laboral que esta a sufrir a comarca e que conducen indefectiblemente á desertización industrial da Mariña.

Desde a Plataforma animamos a todas as veciñas e veciños da Mariña a que saian de xeito masivo á rúa, para volver a reclamar as demandas non atendidas durante anos e que se materializaron nunha manifestación multitudinaria, que percorreu as rúas de Burela en xuño do ano pasado. Este colectivo acredita en que a loita sen tregua é a única forma de lograr cambios , e por iso “ chamamos a toda a poboación desta comarca a encher as rúas de Viveiro o próximo domingo para, nunha soa voz , reclamar das administración públicas o mantemento dos postos de traballo, da industria e dos servizos públicos, ao tempo que se dota a este territorio dunhas infraestruturas dignas do século no que nos atopamos”- conclúe Montse Porteiro, coordinadora do colectivo sanitario.

Un graffiti xigante de herba seca para visibilizar á muller rural

Un mural de 5 metros pintado en herba seca co obxectivo de visibilizar ás mulleres rurais e pintado por unha artista rural. Esta é a acción da granxa Casa Grande de Xanceda polo Día Internacional da Muller Rural. As protagonistas do retrato en herba seca son Susana e Amparo, encargadas do muxido e os manexos das vacas da granxa. O obxectivo é facer visibles ás mulleres rurais, un dos piares fundamentais deste medio porque arredor da súa figura vertebra, aínda, a casa, a familia e o traballo agrario ou artesán. A graffiteira que elaborou o mural foi a artista ordense Nana.

O rural galego sería impensable sen as mulleres rurais pois foron as que conservaron artes e manexos agrícolas, cultura e tradicións mentres os homes estaban na emigración.

Unha conciliación imposible

Ademais, hoxe en día, as mulleres rurais enfróntanse á falta de servizos públicos como garderías, escolas ou centros de día que repercute en poucas posibilidades de conciliación. Esta falta de servizos adoita ser cuberta por mulleres que ven limitada a súa independencia e o seu desenvolvemento vital e profesional. Isto implica que o rol da muller rural sexa o de super-heroínas, súper-mulleres que poden con todo: traballan fóra da casa e, no tempo libre, coidan a nenos e maiores e organizan a vida familiar. As mulleres rurais están formadas, preparadas e motivadas e realizan un esforzo laboral que ten que repercutir en igual remuneración e expectativas que as dos homes.

Por todo iso, Casa Grande de Xanceda, apoia as demandas de máis servizos públicos no rural porque é o único xeito de que as mulleres rurais teñan acceso a unha vida digna, plena e satisfactoria, pero tamén é o xeito de combater o despoboamento.

Casa Grande de Xanceda emprega, na actualidade, a 50 persoas, das que o 61% son mulleres. Ademais, o 58% dos postos de mandos intermedios e de responsabilidade da empresa ocúpanos mulleres, todas elas do rural.

Pechar o círculo da reciclaxe
A técnica do graffiti en pacas de herba seca é un proceso circular, a herba irá para as vacas da granxa. O film exterior introducirase nunha máquina que elabora un material que remata converténdose en estacas para o peche das fincas. Ademais, os sprays son de base de auga, sostibles e non danan a capa de ozono.

 

Músicas de vangarda, poesía e natureza mistúranse no Courel no ‘Eidos de Outono’

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación en Lugo do festival Eidos de Outono, que se celebrará en Folgoso do Courel e conta cunha achega de 49.500 euros da Xunta de Galicia. Tamén interviñeron a alcaldesa do municipio, Lola Castro; o secretario da Fundación Uxio Novoneyra, Uxío Novo; Xaime Casas, director de Eidon Música -promotora do evento-, así como dúas das artistas confirmadas, Uxía e Wöyza.

Arias explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia colaboran nesta medida extraordinaria de apoio ao sector musical no marco da programación conmemorativa do Ano Santo. A iniciativa pretende reactivar a actividade empresarial e artística neste ámbito, e recuperar a programación cultural en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico, como é o caso de Folgoso do Courel.

O festival desenvolverase entre os días 30 de outubro e 1 de novembro na Praza do Concello de Folgoso e na sede da Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel. Mestura músicas de vangarda, poesía e natureza, e contará coas actuacións citadas de Uxía e Wöyza & The Galician Messengers xunto co grupo Califato 3/4, Rodrigo Cuevas, Babykatze, Sila Lua, Marta Toro e Xabi B.

Igualmente, está prevista unha lectura de Os Eidos. O libro do Courel, de Novoneyra, máis un roteiro de avistamento de aves co biólogo Xabier Vázquez Pumariño.

Este evento, que cumpre a súa segunda edición, é a extensión musical do Festival dos Eidos, que se vén celebrando no verán dende 2015 no Courel; “esperamos que esta nova proposta se consolide tamén como un referente no ámbito cultural da provincia”, afirmou Arias.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com